AGANTRO
As “outras” culturas invisibles

Sobre a diversidade cultural e os casos das Tanxugueiras e as Tarambainas.
baile tradicional galego
Os seráns ou foliadas de baile espontáneo son unha característica do novo movemento de bailadoras. Elena Martín

Agantro

10 jun 2022 05:00

O ocorrido co grupo Tanxugueiras no Benidorm Fest 2022 puxo de novo no candeeiro a cuestión das fronteiras, neste caso musicais e culturais, reflectidas na diferente valoración do xurado fronte á do público. Pódese dar unha interpretación antropolóxica recorrendo á percepcións da música como fenómeno cultural, independentemente da consideración da idoneidade das propostas presentadas e das acusacións de montaxe.

A música é música na cultura, de acordo con Alan Merrian. Se algo lle debemos á etnomusicoloxía é salientar o valor de estudar e entender a música no contexto cultural das prácticas humanas, como algo real, vivo e cambiante que interpela as vivencias, crenzas e sentimentos do ser humano. Músicas hai moitas, dependen da etnia, contexto socio-económico, formación cultural, experiencias vitais, etc. 

Para a etnomusicoloxía todas as músicas son especiais e únicas, e ningunha ten intrinsecamente máis valor ca outra. A música e o baile son un fenómeno universal presente en todas as culturas, pero isto non quere dicir que sexan sentidos e pensados da mesma maneira. 

No proceso humano de clasificar en categorías é no que funcionan os prexuízos e os estereotipos.

As súas características musicais varían notablemente (timbres, afinacións, ritmos, instrumentos, repertorios, etc.). O concepto eurocéntrico de música occidental «cultivada» procedente da música clásica (en canto a afinacións, escalas, ritmos, instrumentos) limitou a escoita e forma de percibir dos demais tipos de músicas existentes no mundo, e tamén influíu no desenvolvemento das mesmas ao incorporarlles conceptos da música culta occidental. Este fenómeno non é alleo á música tradicional europea que, en ocasións, valórase dende o punto de vista do canon da música culta e da música popular urbana dos medios de comunicación de masas, pretendendo axustala a un traxe que non lle acae. 

Os humanos estamos permanentemente avaliando e clasificando en categorías todo o que percibimos ao noso arredor. Neste proceso é no que funcionan os prexuízos e os estereotipos como recursos de economía cognitiva. Este proceso está temporalmente situado e mediado por multitude de circunstancias que nos inflúen: época histórica, grupo social, lugar, historia familiar e persoal, xénero, clase, educación, etc. Por esta razón a obxectividade absoluta non existe. Todos valoramos en base á nosa experiencia, que inclúe tanto o noso coñecemento como a nosa ignorancia, e os nosos gustos e preferencias.

Participar nun concurso supón someterse a unha valoración na que tamén cabe que non se entenda a proposta. En todo «hai opiniois», como afirmaba aquel gaiteiro da Fonsagrada ao preguntárselle sobre a súa reputación musical, porque uns dicíanlle que tocaba peor ca o seu irmao (que tamén era gaiteiro) e outros que o seu irmao tocaba mellor. 

A elección dun determinado xurado non é neutra, senón que determina o resultado final. O perfil dos membros do xurado elixido do Benidorm Fest 2022 corresponde principalmente ao canto coral, jazz, pop-rock e á coreografía. Non reflicte a diversidade de xéneros musicais e dá un excesivo peso á interpretación ou posta en escena fronte a aspectos como a creatividade, orixinalidade e composición.

Na primeira semifinal as votacións do xurado amosaron grandes diferenzas de puntuación no caso das Tanxugueiras, que se clasificou grazas ao voto demoscópico e do público. Na final o resultado foi semellante, novamente un apoio maioritario do público e un xurado claramente polarizado, con dous deles que deron a mínima nota. 

O perfil dos membros do xurado elixido do Benidorm Fest 2022 corresponde principalmente ao canto coral, jazz, pop-rock é á coreografía.

Non obstante, conseguiu a máxima puntuación tanto na mostra estatística como no televoto, con máis dun 70% dos votos emitidos, case un 80% se sumamos os de Rigoberta Bandini. Eses resultados non se explican soamente polo apoio de público galego, senón polos sentimentos de simpatía e identificación de moitas persoas coas propostas levadas por Tanxugueiras e Rigoberta Bandini, con discursos reivindicando temas como o feminismo, os coidados e os lazos familiares, as linguas cooficiais e a diversidade cultural.

Foi claramente a gañadora no Benidorm Fest, coa máxima puntuación en voto estatístico e popular, só que o sistema de votos artellado limitou decisivamente a influencia de ambos no resultado final, que quedaba así a discreción do xurado. Porén, a que se debeu a puntuación tan baixa no xurado?

O caso das Tanxugueiras lembrounos a participación das pandeireteiras Tarambainas no programa de talentos «Tú sí que vales» de Telecinco no ano 2009. No mesmo concurso presentouse un grupo de sevillanas que pasou de rolda sen problema. Sen embargo, o  grupo de pandeireteiras non pasou por dous votos en contra. O máis destacable foi que a actriz Loles León xulgou que a súa música valía para unha festa, non para unha final dun concurso televisivo. Fixo explícito o prexuízo de parte do xurado que consideraba  que determinada música tradicional non era mostra de arte e talento. 

As redes sociais acendéronse con polémicas sobre a calidade musical das Tarambainas, da música tradicional, da súa idoneidade para ser levada a ese tipo de escenarios. En definitiva sobre que música é de prestixio e por tanto digna para saír do contexto acoutado no que se considera pertinente.

A consideración da música e o baile tradicional como sinxelos e doados é un prexuízo que convén desbotar.
No caso das Tanxugueiras, a puntuación tan baixa por dous membros do xurado parece indicar que ao seu xuízo a proposta (composta dunha canción e un baile de forte inspiración tradicional) non tiña unha calidade artística suficiente, atractivo, dificultade ou complexidade para ser seleccionada como representante española para Eurovisión. A consideración da música e o baile tradicional como sinxelos e doados é un prexuízo que convén desbotar. A complexidade agóchase en moitos detalles sutís que un profano pasa por alto porque non os considera importantes. Ademais unha maior dificultade técnica non implica necesariamente maior calidade artística, como se a arte fose só cuestión de virtuosismo e exercicios ximnásticos.  

Foi a favorita e atractiva para o público pola súa orixinalidade, forza, frescura, e pola súa reivindicación en clave feminista de todas as persoas que están aí, queren romper fronteiras, ser visibles e que se tes teñan en conta na sociedade actual. Representa a unha inmensa minoría, parafraseando o anuncio da segunda canle da TVE, xentes que non se senten reflectidas musicalmente na realidade que ven imposta a diario nos medios de comunicación, que falan outras linguas, de condicións vitais e orixes diversas. 

As Tanxugueiras son fillas da irrupción nos anos 90 no folk galego de cantantes que reivindicaban e aprenderan dos grupos de pandeireteiras tradicionais, xente como Mercedes Peón e o grupo Leilía abriron camiño. A finais dos anos 90, grupos de pandeireteiras, como as de Xiradela e de Cantigas e Agarimos, comezaron tamén a colaborar con formacións instrumentais como Berrogüetto ou Carlos Núñez, acadando maior notoriedade e difusión. A parte delas tamén había outras voces propias no folk galego que bebían doutras fontes musicais como Uxía Senlle, Uxía Pedreira e Rosa Cedrón, por citar algunhas. A partir do 2000 a música vocal foi gañando importancia no folk galego, afondando nos camiños de mestura con outras músicas, como as electrónicas, no que foi precursora Mercedes Peón.

Hai un patrón de cultura hexemónica maiormente representada na televisión de difusión estatal, e logo están as «outras» culturas, relegadas a espazos de limitada repercusión e difusión.

Na actualidade a música tradicional e folk é invisible na cultura de masas dos medios de comunicación estatais. Salvo en programas radiofónicos, nas canles públicas e privadas estatais de televisión non existe. Atrás quedaron as épocas dos programas musicais en directo na RTVE, onde en ocasións aparecía algún grupo folk, hoxe reinan os «reality shows», concursos, programas de ficción, etc. Aparece música en magazines e programas de viaxes que percorren a xeografía ibérica. Tamén en concursos de talento nos que se fai un cribado das músicas e espectáculos dignos de concursar. No programa de música en directo «Noches del Monumental» non ten presenza, e apareceu levemente representada en «Un país para escucharlo» de Juan José Ponce. 

O panorama actual incumpre a propia Lei nº. 17/2006 de RTVE española que establece no artigo 3º., parágrafo 2º. e) que como servizo público debe promover a cohesión territorial, pluralidade e diversidade lingüística e cultural de España. Esta pluralidade ten quedado atrancada nas canles autonómicas de radio e televisión, cada cultura reducida exclusivamente ao seu ámbito territorial. Pero isto non promove a diversidade lingüística e cultural de España, senón que xera un claro descoñecemento sobre as culturas do Estado que non teñan como lingua vehicular o castelán. 

Hai un patrón de cultura hexemónica maiormente representada na televisión de difusión estatal, e logo están as «outras» culturas, relegadas a espazos de limitada repercusión e difusión, que son invisibles no resto do Estado. Haberá que preguntarse se existe un teito de cristal na cultura, nos xéneros musicais, e no caso que estamos a falar na música tradicional e folk. E se este está determinado pola súa procedencia xeográfica e a lingua na que se produce.

A maior representatividade dunha determinada cultura máis achegada aos centros económicos e de poder ven da mao das relacións económicas e de poder establecidas entre a administración central e a autonómica.

Estas dinámicas nos medios de comunicación inflúen na forma en que a sociedade vese representada, do que se supón que é normal, importante, digno de seguir e imitar. Así viuse como o paso das Tanxugueiras polo Benidorm Fest xerou toda sorte de reaccións: incremento de venda de pandeiretas, imitacións por grandes e pequenos, aumento de actuacións e de asistencia de público. Un fenómeno así pode facer máis pola cultura galega que moitas campañas da Xunta. Esperamos que iso non quede como unha moda pasaxeira e leve a unha maior visibilidade e posta en valor da cultura galega e resto de culturas peninsulares en toda a xeografía e medios de comunicación.

A maior representatividade dunha determinada cultura máis achegada aos centros económicos e de poder ven da mao das relacións económicas e de poder establecidas entre a administración central e a autonómica, que seguen tendo un forte compoñente de asimetría e de subordinación, e non son transversais nin igualitarias. Un determinado discurso xustifica o acaparamento de recursos económicos e políticos, de servizos, de poder, decisión, nun círculo vicioso en que a maior poboación xustifica maior concentración dos recursos. 

Contra todo isto a reivindicación do dereito á visibilidade, a ocupar o propio espazo nunha cultura pública plural e diversa, é outra das tantas barreiras a superar xunto coas do androcentrismo, urbanocentrismo, adultocentrismo, heteronormatividade, por citar algunhas. Por experiencia ninguén vai conceder nada, todo hai que demandalo e loitalo para conseguilo, como proba as reivindicacións de movementos feministas, LGTBI e outros máis recentes como o da España baleirada, do mundo rural, contra  a exclusión dos maiores dos servizos bancarios, etc. 

Como dicía Vicente Risco, ser diferente é ser existente, e hai que reivindicar o dereito á diferenza e á existencia. Pero esta reivindicación da diferenza non implica levantar fronteiras, que son sempre artificiais. Antes ao contrario, recoñecer esa diferenza tamén permite recoñecer e valorar a diferenza dos outros, que nos fai a todos iguais e respectarnos na diversidade. 

Son axeitadas para finalizar as palabras que cantou Faustino Santalices en Ourense nas Xornadas Médicas galego-portuguesas do 27 de setembro de 1935.

Miño, Limia, Douro e Taxo,
van correndo cara ao mar
e non saben onde é España 
nin onde é Portugal.

Os ríos non ten fronteiras
nin distinguen de nacións,
xa que na terra as puxemos
non as pór nos corazóns.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

AGANTRO
Agantro Tatuaxe: terapia e tendencia
Da marxinación á moda, o carácter simbólico e ritual da tatuaxe atópase actualmente erosionado polas dinámicas capitalistas.
AGANTRO
Agantro O número 262 dunha rúa no Porto
Nunha casa do Porto estudantes de todo o mundo entrelazan culturas e lembranzas, deixando nas súas paredes un rastro de convivencia e cambio continuo.
AGANTRO
México O mundo en chamas
Escribo dende México sobre a violencia no país e no mundo, pois alén da invención da «narcocultura», compre reflexionarmos sobre o violentamento global do imaxinario, a sociedade e a política.
Pensamiento
Pensamiento Michael Hardt: “La respuesta a Trump no debe ser volver a la normalidad”
Pensador estadounidense y colaborador de Antonio Negri en algunas de sus mejores páginas, el filósofo Michael Hardt ha seguido dedicando su trabajo a la idea y a las prácticas del común.
Energía
Límites planetarios Reducir el consumo energético, el debate olvidado (e incómodo) del gran apagón
España proyecta un 43% de aumento de consumo eléctrico en los próximos cinco años. Especialistas opinan que la electrificación de la demanda, clave para abandonar los combustibles fósiles, tiene que ir acompañada de la suficiencia energética.
Palestina
Palestina Imputan a dos capitanes de buque implicados en el comercio de armas con Israel
El Juzgado de Instrucción nº 6 de Barcelona investiga la implicación de la naviera Maersk en el suministro de armas al ejército israelí y le requiere que identifique a dos capitanes.
València
Lawfare La Audiencia de València dicta que la causa contra Mónica Oltra llegue a juicio
Aunque la Fiscalía y el juez instructor descartaron que existiera indicios de delito contra la ex consellera y el resto de acusados, la Audiencia ratifica la celebración del juicio.
Justicia
Justicia Cómo retorcer el derecho antidiscriminatorio: apuntes del juicio por delito de odio a una activista trans
La presidenta del Partido Feminista pide cinco años de prisión y 50.000 euros en daños a una mujer trans por considerar que un tuit que no la mencionaba constituye una amenaza y una incitación al odio. Pero, ¿qué son los delitos de odio?
Sanidad pública
Sanidad Pública España necesita 100.000 enfermeras para alcanzar la media europea
Casi un 40% de enfermeras manifiesta que dejará la profesión en los próximos 10 años. Son datos del Ministerio de Sanidad y las profesionales exponen las razones: falta de conciliación y contratos precarios.

Últimas

Eventos
Evento Un Salto al periodismo desde el barrio: acompáñanos en un directo sobre periodismo situado
El Salto organiza un evento centrado en el potencial de los formatos sonoros para transmitir información veraz y fiable de forma cercana. Para hacer periodismo desde el barrio y barrio desde el periodismo.
Educación
Eduación La educación vasca no irá a la huelga tras llegar a un acuerdo tildado de “histórico”
Los sindicatos desconvocan los paros para esta semana al haber alcanzado mejoras en las condiciones laborales del profesorado y una mejor financiación para los centros públicos.
Más noticias
Opinión
Alimentación El lobby cárnico quiere decidir lo que comen nuestros hijos en la escuela
No se trata de proteger al mundo rural, sino de blindar un modelo productivo intensivo, concentrado en manos de unas pocas empresas.
Reducción de jornada
Laboral El ‘obstáculo’ catalán a la jornada de 37,5 horas semanales
Frente al ‘no’ de Junts, los sindicatos desmontan los argumentos de la oposición y la patronal a lo que consideran “un avance” en los derechos de los y las trabajadoras.
Industria armamentística
Armamento Feindef, una feria manchada de sangre
Una vez más, los grandes fabricantes de armas y contratistas de todo el mundo se dan cita en Madrid durante tres días.

Recomendadas

Estados Unidos
Roberto Montoya “Nos dicen que hay que armarse contra Putin cuando el mayor peligro para el mundo es Trump”
Más Donald Trump que nunca, el multimillonario ha regresado para terminar lo que no pudo hacer en su primer mandato. El periodista Roberto Montoya bucea en el personaje y su contexto en el libro ‘Trump 2.0’ (Akal, 2025).
Cine
Cine Colectivo y sin autor: breve historia de otro cine
La película ‘Una isla y una noche’, autoproducida y autodistribuida por el colectivo francés Piratas de Lentillères, es la puerta de entrada para recordar otros modos de hacer cine, alejados de la firma de autor y los grandes estrenos.
Historia
Historia El largo viaje de Pepe Díaz
Se cumplen 130 años del nacimiento en Sevilla de una figura carismática y trágica del movimiento obrero español.
México
Recursos naturales Los “millonarios del agua” aumentan el estrés hídrico de México
Bancos españoles y grandes corporaciones obtienen beneficios del agua ante un Estado que incumple su obligación de garantizarla. Más de un millón de viviendas en México se abastecen de forma recurrente por servicios de entrega privada de agua.