We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Decrecimiento
Industrias electrointensivas: as preguntas que ninguén fai
O consenso político a prol do mantemento destas industrias agacha un debate fundamental acerca da súa sostibilidade.
O debate que se abriu hai uns meses acerca do futuro de empresas que precisan un consumo intensivo ou hiperintensivo de electricidade no noso país, como Alcoa (40% dos seus custos totais), Ferroatlántica ou Megasa, demostra ser un debate carente dun enfoque integral desde o punto de vista da sustentabilidade en sentido forte. Apenas si se fala da viabilidade económica (mudanza de propietarios, redución de custos, se cadra algún sindicato se arrisca a falar de nacionalización a través da SEPI...) e do aspecto social-laboral (preservación dos postos de traballo: preto de 5.000 só en Galiza no conxunto do sector). Mais o que son os factores primeiros que fan posible este tipo de industrias —isto é, os materiais e a enerxía— fican totalmente fóra do debate e, polo tanto, non se integran nos cálculos e plans para a sustentabilidade deste tipo de empresas.
Os factores materiais que fan posibles este tipo de industrias fican totalmente fóra do debate público.
Porén, nós si que queremos espreitar nesa dirección e facer algunhas preguntas que ninguén está a facer. A primeira de todas é até que punto son viables, son "empresas de futuro" en "sectores estratéxicos", aquelas que dependen da extracción de minerais finitos. Se nos fixamos en Alcoa, malia ser a bauxita —o mineral do que se extrae o aluminio— relativamente abundante na codia terrestre, non podemos esquecer que hai que extraelo e transportalo a milleiros de quilómetros utilizando maquinaria movida por uns combustibles fósiles que están comezando o seu devalar. Á parte desta primeira limitación, a cantidade de enerxía en forma eléctrica que precisa a conversión deste mineral no aluminio, fai que sexa un dos materiais modernos con maior mochila enerxética ou enerxía embebida (emerxía) por quilogramo: 215 MJ (4 veces a do aceiro inoxidable). Se precisamos decrecer en consumo de enerxía e de materiais para nos adaptarmos aos límites biofísicos do planeta, semella claro que este tipo de materiais son os que máis cumpriría reducir (ao contrario do que está a suceder, cunha demanda mundial de aluminio que non para de medrar), minimizando así os seus notables impactos sociais e medioambientais a nivel mundial. E a reciclaxe do aluminio, malia ser importante e necesaria, nunca poderá ser do 100% por límites termodinámicos, á parte de requirir tamén unha cantidade non desprezable de enerxía (comezando pola recollida a cargo de camións movidos, aquí tamén, por combustibles fósiles).
Precisamos realmente ter unha industria do aluminio? Canto aluminio precisamos como país? Canto pode compensar producirmos para a exportación sen aumentar a nosa pegada ecolóxica e de carbono? Porque se agacha tamén no debate que a electricidade que consomen industrias como Alcoa procede en boa medida da queima de combustibles fósiles ou das centrais nucleares, agravando así a mudanza climática e a xeración de residuos radioactivos.
A electricidade que consomen industrias como Alcoa procede en boa medida dos combustibles fósiles e nucleares.
Sorprende, ademais, a defensa acérrima que fan todos os partidos galegos, e mais os sindicatos, da conservación destes postos de traballo, coma se o importante non fose defender que a xente teña un medio de vida (traballe ou non), e en caso de ser este un traballo, non fose aceptable tanto un tipo coma outro, mentres fosen traballos en condicións dignas tanto de salario como noutras condicións laborais. Polo tanto, a posibilidade (ou mesmo conveniencia social e ambiental) da recolocación ou da reconversión de industrias de dubidoso futuro (non só polo factor enerxético, senón económico: ou seica pensamos que un novo propietario capitalista vai ter criterios de mantemento das fábricas moi diferentes dos da actual empresa?), debería estar enriba da mesa. E se realmente as nosas forzas políticas asumiran a sustentabilidade nun sentido forte, estarían a defender a reconversión deses postos de traballo noutros que realmente contribuísen á defensa da vida e das necesidades reais básicas da poboación galega, e non á elaboración de produtos convenientes pero de dubidoso futuro e de inasumible carga para o futuro do planeta e das nosas fillas e netos.
Nese sentido, debería lembrar a nosa clase política e sindical as perspectivas que achegan persoas como o profesor Xoán Doldán ou o Post-Carbon Institute no sentido de que o futuro non é industrial senón rural, e máis tarde ou máis cedo deberemos facilitar o retorno de boa parte da forza laboral industrial ao sector primario. O cal non debe ser ningunha traxedia, e mesmo tería aspectos sumamente positivos a nivel ecolóxico, territorial, cultural e social. Mais, por desgraza, aínda están lonxe de integrar esa perspectiva. E así, os grupos parlamentares da oposición galega son capaces na mesma sesión parlamentar de defender que se manteña Alcoa ao custo (ecolóxico) que for, ao tempo que se ataca ENCE en defensa da "ecoloxía".
Outra pregunta que, nomeadamente as formacións de esquerda, deberían estar pondo enriba da mesa é por que unha empresa como Alcoa debería recibir apoios públicos en forma de axudas, rebaixas fiscais, prezos da electricidade con desconto... outorgando así privilexios públicos a unha entidade privada con ánimo de lucro, mentres milleiros de persoas no país están a sufrir as consecuencias enerxéticas da pobreza. Vai contra os criterios a prol dunha Transición Enerxética e Ecolóxica rebaixar o prezo da luz a quen máis a consome, e está nas antípodas dunha suposta Transición Xusta. As rebaixas dos custos enerxéticos non priorizan o aforro nin a eficiencia, senón todo o contrario. Aquí debería formularse ou ben a nacionalización da industria, se se considera que produce bens de primeira necesidade, para despois redimensionala de maneira que se vaia reducindo progresivamente a súa produción até acadar niveis sustentables, ou obrigar a que sexa a propia empresa a que se dote de sistemas de xeración eléctrica a partir de fontes renovables se quere manter ou aumentar a produción de aluminio. E que o faga sen atentar contra un medio que é de todas nós, como xa sucedeu cos encoros propiedade de Ferroatlántica.
O futuro non é das industrias electrointensivas, senón do noso sector primario. Cómpre asumir a necesidade de decrecer.
Decrecimiento
A xanela de Overton
A nosa supervivencia como especie require ampliar o rango do aceptable politicamente.
Mentres non se abra a nosa xanela de Overton, en canto non se asuma a necesidade de decrecer (en produción e consumo material e enerxético) e de reconverter industrias retirándoas do control privado, e que a nosa perspectiva de futuro como país volverá ser (como foi no 99% da nosa historia) o sector primario, coas melloras que fosen precisas, este tipo de debates sobre o futuro de tal ou cal industria ou sector (lembremos o da automoción) estará condenado a ser un debate ilusorio, carente das premisas científicas básicas acerca do que é sustentable e do que non, neste contexto da grande emerxencia climática e enerxética. Resulta moi rechamante que a palabra que máis repitan políticos e sindicatos cando reclaman "garantías de futuro" para empresas como Alcoa sexa a demanda de "estabilidade" (nos prezos da electricidade, no subministro, etc.): revela que non comprenderon aínda que nos internamos nun período histórico no que xa nada será estable, e menos aínda aqueles aspectos do noso metabolismo social que máis se extralimitaron, como é o consumo de enerxía.
Industria
Alcoa: daquelas privatizacións, estes ERE
A empresa pretende deixar na rúa a case 700 traballadores da Coruña e Avilés, despois de pasar perto de dúas décadas obtendo beneficios millonarios incentivados polas subvencións estatais enmascaradas.
Relacionadas
Crisis climática
Clima Adaptación al nuevo clima
Decrecimiento
Saber Sustentar 'A Substancia': unha lectura decrecentista
Valente e consciente. Obrigada. Somos muita gente que pensamos assim, hai que dar a conhecer todo isto... É que fazemos coas balsas de lodos tóxicos de Alcoa em Sam Cibram?
Cuestiono se CASAL LODEIRO diría o mesmo ós chineses... porque semella que se limita a negativizar a existencia mesma das empresas. CUESTIONA: "Precisamos realmente ter unha industria do aluminio? Canto aluminio precisamos como país?" NON AS RESPOSTA, E POR RIBA SENTENZA "o futuro non é industrial senón rural" ... e repito: dillo ti ós chineses ! que eles si saben xogar estratéxicamente !!!!!!!!!!!!!!! https://www.facebook.com/rebelinaluminio/videos/417544008790381/