We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Energías renovables
‘Planet of the Humans’, un polémico documental sobre os límites das enerxías renovables
Producido por Michael Moore ten levantado críticas e apoios desde diversos ámbitos ecoloxistas.
O documental Planet of the Humans foi presentado na Internet na véspera do 50º Día da Terra polo seu produtor, o afamado Michael Moore, quen o describiu como “un asalto frontal completo ás nosas vacas sagradas”. Así, o filme afirma que os coches eléctricos e a enerxía solar son pouco fiables e que dependen completamente dos combustibles fósiles e do extractivismo ecocida para a súa construción, despregue e funcionamento. A isto suma a posta en evidencia das supostas contradicións do movemento verde tachándoas de “perigosas, enganosas e destrutivas”. O documental foi coproducido por Ozzie Zehner, autor dun libro na mesma liña, Green Illusions: The Dirty Secrets of Clean Energy and the Future of Environmentalism.
Este cuestionamento das enerxías renovables e das solucións industrializadas á mudanza climática está a desatar un enérxico debate. No medio dunha forte polémica, o rexeitamento ás críticas contidas no documental escrito e dirixido polo veterano ecoloxista Jeff Gibbs, levou a algunhas persoas dos campos da ciencia climática e do activismo medioambiental a pedir a súa retirada, baixo a acusación de estar baseado en informacións erróneas.
Activistas e investigadores solicitaron a retirada do documental acusándoo de conter informacións falsas
Un dos principais argumentos da película é que algúns líderes e organizacións ambientalistas que promoven as enerxías verdes nos EUA, en realidade estiveron promovendo a queima de biomasa a grande escala, o cal significa en boa medida cortar e queimar árbores como substitutas dos combustibles fósiles dun xeito que non é nin neutral en carbono nin renovable ou sustentable. O filme tamén afirma que as enerxías eólica e solar non poden producir enerxía abonda para salvar o planeta do caos climático, e que aínda requiren de centrais de respaldo que queiman combustibles fósiles para compensar a intermitencia intrínseca das renovables. Tamén ataca a figuras públicas como Al Gore e, sobre todo, a Bill McKibben, dunha forma que algúns cualificaron de inxusta e pouco xustificada.
Nunha carta asinada por varias persoas científicas e activistas, e impulsada por Josh Fox, autor do documental Gasland, instouse á retirada do documental por “escandalosamente enganoso e absurdo” xa que, na súa opinión, facía afirmacións falsas sobre a enerxía renovable. Outras críticas tamén apuntaron a que o filme disparaba “de forma simplista contra a única alternativa que atopou o ser humano para fuxir dos gases de efecto invernadoiro”.
O sitio web Films for Action retirou durante un tempo a película tras describila como “repleta de informacións erróneas”, aínda que máis tarde rectificaron e puxérona de novo en liña tentando evitar, se cadra, o chamado efecto Streisand. Pero xa era demasiado tarde: o documental acaba de superar os 8 millóns de visualizacións.
Decrecimiento
Pactar co lume: a proposta do ‘Green New Deal’
‘¿Qué hacer en caso de incendio?’ ofrece unha introdución a este programa político para o público español
Cando vemos Planet of the Humans acabamos preguntándonos: e logo todas as historias que nos contamos a nós mesmos sobre o Green New Deal, as transicións enerxéticas e ecolóxicas, o desenvolvemento sostible, a loita contra a mudanza climática e a supervivencia mesma da Humanidade no Antropoceno son soamente mitos? Se cadra son mitos que realimentamos e que se realimentan impulsados pola voráxine da civilización humana, por investimentos billonarios, polo relato do crecemento verde... e mais pola disonancia cognitiva que nos produce ter que pensar e transitar en e cara a outros marcos civilizatorios.
Outras persoas, tamén dos ámbitos da ciencia e do activismo, recomendan ver o filme porque ataca fundamentadamente o perigoso mito de que a enerxía renovable é a solución.
Para resolvermos estas dúbidas podemos ter en conta algunhas das recensións sobre o documental, realizadas por persoas que levan anos traballando, investigando e facendo divulgación sobre transicións civilizatorias, enerxéticas e ecolóxicas, que nos axudarán a ter unha visión máis ampla.
Así, Jorge Riechman recoméndanos: “Non deixedes de ver este documental de Gibbs e Moore. Non está cheo de erros, malia conter máis de un: carga as tintas nos problemas das renovables (un pouco de retórica da esaxeración, marca da casa en Moore), é inxusto cun activista como Bill McKibben e é extremadamente incómodo no seu espir as connivencias de grandes organizacións ambientalistas estadounidenses co poder financeiro; pero mostra e visibiliza, para o gran público, unha parte da solvente análise sobre a cuestión enerxética que (Pedro) Prieto, (Antonio) Turiel, (Marga) Mediavilla, (Richard) Heinberg e outra xente veñen desenvolvendo nos últimos lustros. O problema son as ilusións renovables”.
Precisamente Richard Heinberg, quen aparece entrevistado no filme, escribe ao respecto: “Descubrimos que a transición ás enerxías renovables está a ser demasiado lenta como para marcar unha gran diferenza durante as dúas seguintes décadas cruciais, e sería incriblemente custosa se intentásemos substituír todo o uso de combustibles fósiles por solar e eólica. Tamén atopamos, como a película salienta unha e outra vez, que a intermitencia do sol e do vento é un problema real”.
Na recensión de Alice Friedman cítase a William Rees, profesor da Universidade da Columbia Británica, quen lle escribiu a esta autora “para sinalar que mesmo se as enerxías renovables fosen a resposta, mesmo se puidésemos inventar un substituto barato e abondoso para os combustibles fósiles, sería unha catástrofe. Simplemente usariamos esa enerxía para desmembrar completamente a Terra”.
O coñecido científico e divulgador Antonio Turiel, na súa crítica, escribe: “Por resumir, Planet of the Humans é un documental irregular pero interesante, que trae a colación unha cuestión fundamental: non todo vale na loita contra a degradación ambiental en xeral e contra a mudanza climática en particular. Malia as súas deficiencias, demostra que o que se está a vender como transición ecolóxica está moi lonxe de ser tal cousa e, en realidade, está dirixido por inconfesables intereses económicos e corporativos que nos van precipitar no abismo do noso colapso ecolóxico, é dicir, todo o contrario do que deberiamos facer. Aqueles que agora rachan as vestiduras con esta película, farían mellor en promover un debate no que todos estes temas se discutan seriamente e no que se propoñan alternativas reais diante dos graves e urxentes problemas que temos”.
Pola súa banda o xeólogo e tamén divulgador Antonio Aretxabala escribe en ¿Energías limpias? ¿Crecimiento en V? Nuestras trampas al solitario descubiertas o seguinte comentario sobre o documental: “As enerxías renovables, de momento, non están a substituír as plantas de gas natural, ciclo combinado, nucleares ou carbón, simplemente porque estas son necesarias como respaldo para o noso modo de vida e para a construción, o funcionamento, a instalación e o mantemento dos captadores das enerxías chamadas renovables, e esa trampa ao solitario quedou ao descuberto coa crueza e rudeza á que Michael Moore nos ten afeitos. Non existe suficiente almacenaxe de enerxía, especialmente as baterías; de momento nin son unha alternativa nin teñen substituto á vista”.
E para rematar, ofrecemos como contrapunto dúas recensións finais, comezando pola visión moderadamente optimista de Ugo Bardi: “Estou seguro de que cun pouco de traballo sería posible «demostrar» sobre a base de principios físicos que os guepardos non poden atrapar gacelas. Pero os guepardos non precisan probas teóricas para demostrar que se poden alimentar de gacelas. Corren e atrapan as súas presas. Daquela, podemos demostrar que as enerxías renovables funcionan instalando plantas de enerxía renovable, tantas como for posible. E demostrar que funcionan: producen enerxía. E cantas máis plantas instalemos, mellor vai ser o mundo para nós e para aqueles que van vir despois de nós. E tamén van axudar a estabilizar o clima”.
A esta crítica desde a esperanza podemos sumar a recensión publicada por Gert Van Hecken e Vijay Kolinjivadi, desde unha visión máis sociooptimista que tecnooptimista: “Unha comprensión interseccional das crises ecolóxicas, a medida que se entrelazan a través da raza, do xénero e da clase, ofrecería un retrato máis poderoso do estado da situación ecolóxica do planeta. Os movementos sociais mundiais como a Vía Campesiña, así como o movemento polo Decrecemento nos países industrializados occidentais conectan explicitamente as loitas sociais e ecolóxicas coma unha soa e mesma loita, e ofrecen esperanza e inspiración nas florecentes alternativas que xa existen á hora de reimaxinar o mundo. Planet of the Humans non reflicte as concepcións non-occidentais de xustiza nin as comprensións non mecánicas das relacións home-natureza. Polo tanto, os intentos de confundir a mensaxe da película co Decrecemento son inexactos. Os impactos da película non puideron chegar en peor momento, cando a xente está a procurar alternativas á crise capitalista no medio dunha pandemia”.
A película continúa un longo debate que principiou xa no nacemento do propio movemento ecoloxista.
Se tomamos como referencia a Rachel Carson e a súa publicación en 1962 de A primavera silenciosa como precursora do movemento ecoloxista, poderemos ver nunha traxectoria de case sesenta anos, que estas discusións sobre límites, enerxía e recursos veñen de lonxe. Xa se escribiu, modelou, criticou e discutiu moito, tan cedo como en 1972 cos Límites ao crecemento de Donella Meadows et al., ou máis recentemente por parte de Pedro Prieto e Charles Hall en Spain’s Photovoltaic Revolution: The Energy Return on Investment (2013) ou no modelo Medeas-World (2017) nos seus diversos escenarios dun planeta chan, con límites climáticos e con límites enerxéticos e materiais. E son tan só uns exemplos.
Só faltaban Michael Moore e compaña para que este debate transcendese ao gran público, aínda que se cadra o balbordo vai ser fugaz e imos seguir ao noso sen prestar maior atención a estes detalles. Porque non queremos ver, non queremos saber, porque nos produce unha forte disonancia cognitiva a mensaxe de que esta civilización (e poida que mesmo a propia existencia da vida humana) está comprometida, se continuamos o curso ecocida e xenocida da civilización industrial, e que aí as renovables, a unha determinada escala, poden ser parte do problema e non da solución.
Xa que logo, malia todas as súas carencias, inexactitudes e outros aspectos criticables de Planet of the Humans, paga a pena velo porque, no fondo, o que nos presenta pon en evidencia os mitos que nos contamos colectivamente sobre as transicións enerxética e ecolóxica, e pode ser o punto de partida para un debate colectivo máis amplo e profundo ou para encetar un proceso persoal de busca e reflexión sobre estas cuestións.
Decrecimiento
El planeta de los humanos y los cuentos de hadas del crecimiento
Los documentales Planet of the Humans, de Jeff Gibbs y producido por Michael Moore, y Cuentos de hadas del crecimiento, de Pierre Smith Khanna, se han lanzado gratuitamente a la red con una temática similar: el decrecimiento inevitable en un mundo finito.
Relacionadas
Crisis energética
Análisis Los aerogeneradores no son molinos, son gigantes
Energía nuclear
Análisis ¿Qué hay detrás de las presiones para evitar el cierre de Almaraz?
Opinión
Medio ambiente No solo de renovables va la transición ecosocial
Creo que esta lectura relacionada é de interese:
«Standard, Point of Use, and Extended Energy Return on Energy Invested (EROI) from Comprehensive Material Requirements of Present Global Wind, Solar, and Hydro Power Technologies»
https://www.mdpi.com/1996-1073/13/12/3036