We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Medio rural
Quen mantén o rural? Unha perspectiva satelital da realidade social do traballo no campo
Que hai detrás dunha veiga limpa e desbrozada? E detrás dun terreo cheo de viñas perfectamente atadas e podadas? Se escarvamos un pouco, unha leira pode ser o reflexo da precariedade e da coerción. Mais tamén pode ser produto do afecto, da xenerosidade ou dunha loita xigantesca por procurar a propia dignidade.
Que significan as decenas de leiras labradas e limpas nunha aldea habitada maioritariamente por xente maior?
O traballo cooperativo que permitiu sobrevivir a comunidades enteiras no ano da fame e noutras épocas de suma precariedade é o que permite a perpetuación do rural mesmo. Son as relacions sociais as que sustentan ese traballo.
Daquela, quizás, os vencellos entre persoas no campo sexan particulares. As relacións son máis complexas e requiren de sumo coidado. Non porque sexan fráxiles, senón porque están construídas a través de pequenas normativas que, para unha foránea, poden resultar invisibeis, confusas ou até contraditorias.
En calquera caso, cada veiga produtiva é o emblema dun tipo de relación e é o conxunto de fincas o que pode revelar o mosaico de realidades materiais e emocionais que se chegan a vivir no rural. Unha cavada pode reflexar precariedade e coerción, pero tamén afecto, xenerosidade e unha loita xigantesca por procurar a propia dignidade.
as comarcas de verzas
Mirta precisa unha operación de xeonllo. Leva medio ano esperando a que a chamen do hospital para concertar a data da cirurxía. Mentres tanto, aguanta a dor e toma pastillas contra a inflamación. A pesar diso, non fica quieta. Carga co peso da responsabilidade de procurar todos seus animais, facer a comida, coidar o seu pai, encargarse da horta e darlle mantemento ás fincas... Pódeselle ver coxeando dun lado a outro levando cubetas cheas de lavadura e cereais para os seus porcos. Aperta os dentes e soporta a dor con tal de non parar.
A manutención do rural día a día é levada, en gran parte, polas persoas maiores
A manutención do rural día a día é levada, en gran parte, polas persoas maiores. Son elas as que, coas súas mans trémulas, podan, lavan, sementan e cultivan. Porén, é común que unha gran parte delas o fagan a pesar da dor e de problemas de saúde.
O traballo está valorado sobre calquera outra actividade. “Hai que traballar” coméntan a diario uns veciños a outros a xeito de saúdo. É común escoitar conversas nas que saian a relucir malestares físicos e tamén se fale sobre como non hai máis “opción" que seguir cos labores labregos. Para moitas persoas, admitir que están cansadas e que as condicións corporais empezan a imposibilitar completar as tarefas sería admitir unha derrota que vai en contra da imaxe pública máis respectada.
Polo tanto, como deslindarse do traballo se é este o que actúa como medio para socializar e cohesionar a comunidade?
Con todo, non hai que perder de vista que o acto de traballar e o sentimento de utilidade que atinxe é indispensable para calquera persoa. Completar unha tarefa, facela do xeito correcto, arranxar obxectos e limpar, todas son actividades que nos axudan a dar sentido á nosa existencia. En condicións particulares, brindan pracer e ademais son unha forma de desfrutar das nosas capacidades e da nosa autonomía.
Por iso, o traballo pode ser tamén un refuxio. Un refuxio no que se loita contra o tempo. Ou un refuxio no que a cabeza atopa paz.
A finca das patacas
As historias do éxodo rural adoitan ser breves. “Marchou porque na aldea non había traballo”, “foise para procurar unha vida mellor”. Pouco máis se conta, como se ao marchar, a persoa sofrese unha escisión do monte, e o monte, dela. Pero hai vínculos que non se poden romper tan sinxelamente e son esas mans que volven á aldea os días de descanso as que axudan a soster a vida no rural.
Así, as fins de semana e durante as vacacións, as aldeas reviven. Pasan coches de arriba a abaixo a todas horas. Escóitanse máis motores de tractores e chimpíns. Incluso nalgunhas casas arránxanse tellados, bardas e tubeiras. As familias reúnense ao redor da mesa e tamén dentro das fincas. Os reforzos de corpos máis novos axudan a completar tarefas que as persoas maiores xa non son capaces de facer en soidade.
Traballan rápido, con enerxía e cariño. Un terreo repleto de patacas pode ser cultivado nunha ou dúas horas. Con cada tarefa expresan o seu amor pola familia, pero tamén por ese estilo de vida no que medraron e logo tiveron que deixar atrás. Como recompensa, cando volven a casa, levan os coches cargados con ducias de ovos, pementos, chourizos e un par de quilos de patacas. Quen fica, coa colleita xa gardada nas bodegas, olla o calendario e agarda a seguinte data na que se lle prometeu voltar velos.
As viñas vendimadas
Detrás das imaxes que retratan terreos de videiras aliñadas, perfectamente ben atadas e podadas é común que se agoche a precariedade.
Ás veces, nestas ocasións, as relacións entre as xornaleiras e a demais xente da aldea pódese volver delicada: se non hai boa relación veciñal, como poderían chamarte a traballar? Se te enganas, se cadra non te chaman máis. Vivir e medrar na mesma comunidade xera certo tipo de familiaridade e afectividade, polo que as relacións nunca son tan simples e frías como pode ser entre patrón e persoa empregada. Aínda así, tampouco son como as que puidesen establecer outras veciñas que se atopan nas mesmas condicións materiais.
Entre encomendas e xornais, tamén se vai sorteando a precariedade do cotiá
Porque tamén é común que quen vive nas cidades más próximas á aldea pense na súa casa no rural como unha de fin de semana e pida a algunha veciña que a “axude” a manter as súas veigas durante a semana. Ás veces non hai máis que intercambio de favores de por medio, pero, noutras ocasións, hai remuneración económica. Máis que nada, esa prima é dada como un xeito de axudar a aquela persoa que vive na aldea e que non ten as mesmas oportunidades de acceder a certo tipo de traballos. Así, entre encomendas e xornais, tamén se vai sorteando a precariedade que abate o cotiá.
O eido debrozado
Faustino é un home de case corenta anos. Viviu e sufriu a crise do 2008. Perdeu o seu emprego, a súa autonomía económica e buscou consolo nos fondos das garrafas. Nun entorno urbano, sería segregado e sinalado por non traballar, ser adicto e vivir co seu pai e nai. Na aldea, sen embargo, pode traballar no campo. Cando é capaz de camiñar en liña recta, emprega os seus días en axudar desinteresadamente a calquera persoa veciña que llo pida. O monte manteno a flote. Cando vai a debrozar un monte para o seu veciño, séntese útil e necesitado pola súa comunidade.
É como se traballando nas leiras establecesen unha fervente loita contra o destino que lles foi imposto
A pesar dos intentos, non todas as persoas, que queren saír a buscar traballo ás vilas e cidades máis próximas, logran facelo. As veces é culpa de problemas físicos, de saúde mental ou que tan só non tiveron as mesmas oportunidades que outras persoas.
Así que, para esa xente que tivo que ficar na aldea traballa no campo diariamente aínda cando non lles sexa remunerado, é como se traballando nas leiras establecesen unha fervente loita contra o destino que lles foi imposto. Co paso do tempo, moitas desas persoas vólvense expertas en técnica e mecánica: aprenden a conducir chimpíns, a sementar pementos, a coidar o gando e até a empaquetar herba.
Excluídos do sistema de produción capitalista que rexe Europa occidental, atopan no rural un espazo no que a comunidade os apoia con diferentes graos de afecto e no que poden recuperar a súa dignidade a través do traballo.
Relacionadas
Galicia
Economía ¿Quién lidera el negocio del eucalipto en Galicia al que Altri quiere sumarse?
Galicia
Galicia La TVG adjudica un plan de publicidad de 620.000 euros en medio de la mayor crisis reputacional de su historia
Galicia
Medio ambiente Un pueblo gallego se rebela contra la construcción de una presa en un glaciar rocoso de 100.000 años
Grazas, Sara. Emocioneime lendo o teu artigo. Hai outras realidades paralelas que non se ven por mor do pensamento urbán que o domina todo.