Opinión
‘Nem tudo é arte’: outros modos de ollar, novas oportunidades para mudar
A mesma arquitectura dos museos é impoñente; parecera que o mesmo espazo obríganos a “comportarnos”, quere dicir: a calar e ollar. Atesouramos as obras mestras nos marcos sen conseguir “comprendelas”. Despois de considerar que foi tempo suficiente, seguimos camiñando e pasamos á seguinte, e así consecutivamente até que chegamos á tenda, o que indica a saída. Ao final, con sorte, algunha pintura conmoveunos. Mais, son esas todas as posibilidades que a arte ten? Ou, mellor dito: son esas todas as posibilidades que temos nós para relacionármonos con ela?
“Escreve este breve ensaio uma historiadora da arte descrida da história desta disciplina, convencional e restringida, monolítica e patriarcal, que obstaculiza investigações radicais do facto artístico”.
Con estas contundentes palabras, comeza o seu libro Nem tudo é arte? Natalia Poncela, historiadora e crítica de arte, sumándose así ao debate acerca de que fai que a arte sexa considerada Arte.
A partir desta pregunta e a través da serie dos breves ensaios que compoñen o libro, Poncela fai unha revisión crítica da historia da arte, permitíndonos viaxar a través dos séculos para comprender como a Arte foi mudando de temáticas e técnicas, até o punto de cuestionar o seu mesmo conceito.
O texto de Natalia explícanos de que ou de quen dependen os procesos de lexitimación das obras artísticas, cuestionando a súa vez a institucionalización da arte a través de academias, galerías ou museos, que remataron por separar a arte da vida e das persoas, converténdoa nun produto reservado para certas elites.
“O olhar ñao só é fisiológico, señao que é cultural”
Que imaxinas cando pensas nunha árbore? Quizais nun carballo, tal vez nun eucalipto ou unha maceira. Calquera que sexa a imaxe é totalmente distinta á que podería pensar eu. Aínda se dúas persoas ollan xuntas un tomate, o máis probábel é que non perciban o vermello da mesma cor. E que dicir das diferencias que habería se os que están a mirar o tomate son de países diferentes? Non pasa o mesmo coas obras de arte? Por que entón persoas de todo o mundo viaxan para mirar O nacemento de Venus? É a arte universal? Natalia Ponceda opina que non.Para exemplificar a subxectividade dos obxectos que foron denominados obras mestras, podemos ler no libro o caso da Gioconda de Leonardo Da Vinci, a obra de arte máis representativa e reproducida de toda a historia a nivel global. Porén, a sala na que está exposta non foi concurrida por un mar de visitantes até o seu roubo en 1913. Foi nese momento cando a xente comezou a entrar no Louvre coa única finalidade de contemplar o baleiro.
Entendemos neste consumo de imagens, o reflexo duma sociedade saturada de imagens estetizadas
A ausencia complexizou e sumou valor á aura arredor da obra de arte até tal grao que, cando se recuperou, se converteu no símbolo que agora é. Agora A Gioconda é claro exemplo de como o capitalismo infiltrouse e permeou os circuítos de lexitimación artística: pode considerarse Arte a aquelas pezas que son subastadas aos prezos máis altos ou son convertidas en obxectos de consumo masivo a través da súa reproducción técnica.
Ao respeito, Ponceda reflexiona sobre este proceso no momento histórico actual e agrega que: “Entendemos neste consumo de imagens, o reflexo duma sociedade saturada de imagens estetizadas”, cuestión que remata por dificultar ainda máis a delimitación do que é Arte e o que non o é.
Mais este debate non é nada novo. As discusións sobre esta cuestión comezan desde a aparición das vangardas. Xa desde entón escribiuse sen tregua ao respecto. Natalia Poncela, pola súa parte, de xeito claro e conciso, cóntanos unha historia na que a arte contemporánea, de xeito natural, nace, desenvólvese e deconstrúese.
Unha lectura política sobre a historia da arte
Non foi até finais do século XX que os artistas, esas figuras mitificadas a través dos séculos como seres dotados de excepcionalidade, levaron o debate até rematar por cuestionaren o seu mesmo papel. A través da estética relacional, a arte paticipativa e a performance, renunciaron á súa posición de poder para reformular a relación da obra co público e recoñecer o poder de co-creación da audiencia.“Por outro lado, a negação das fronteiras entre arte e vida e a recusa da diferença entre o espectador e o acontecimiento, colocam o público na postura de coprodutor. As obras ativam-se com a ação da receção. (…) Estas experiências estéticas se instalam numa estética de participação. Estaríamos a falar da socialização da criação”. Quen remata de crear as obras somos nós, as espectadoras que percibimos e damos significado ao que ollamos.
Comprender e facer arte desde esta perspectiva conleva discursos do común e a cooperación. Mesmo abre a oportunidade de escoitar outras voces, de utilizar as plataformas artísticas como medio para visibilizar modos de resistencia social.
Por outro lado, a negação das fronteiras entre arte e vida e a recusa da diferença entre o espectador e o acontecimiento, colocam o público na postura de coprodutor
Ao final, o que Ponceda consigue é despexar o camiño para que a analoxía da arte e a vida mesma a través da historia sexa posíbel; descubrimos que, así como sucede coa arte, vivimos baixo normativas que son parte de procesos históricos e construcións sociais. O que queda disto é a comprensión de que todas as estruturas pódense mover e que necesitan ser cuestionadas e postas en crise para mudar.
Cando Natalia Ponceda culmina o seu libro dicindo que poñamos “em diálogo a nossa experiencia com os possíveis significados dá obra de arte”, convídanos a recoñecer o noso papel fundamental no proceso artístico; a deixar de limitarnos a calar e mirar, a tomar parte.
A editorial A través, con libros como Nem tudo é arte?, contribúe a enriquecer o catálogo en lingua galega de textos especializados. Con todo, aínda cando o libro trata dunha materia tan específica, grazas á claridade das ideas, o número de exemplos e o uso dunha linguaxe cotiá, é unha lectura accesíbel para quen chegue a el por simple interese, xa que pode considerarse como unha introdución a —unha— historia da arte.
A pesar de que no libro haxa unha carencia de referencias das achegas das mulleres na historia da arte contemporánea, Nem tudo é arte? cuestiona as narrativas patriarcais coas que se creou a Historia até agora e axúdanos a lembrar que a arte non é algo incuestionábel nin exclusivo de certas elites e que, ao final de todo, somos nós quen rematamos a obra coa nosa mirada.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!