We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Decrecimiento
Sistema sanitario, emerxencias médicas, complexidade e enerxía
Un hospital utiliza máis enerxía por metro cadrado que calquera outro edificio. Pero este fluxo de enerxía fósil e recursos ten os días contados.
Nacín en 1969. Daquela había na Terra 3.610 millóns de humanos; en España eramos 33,4 millóns consumindo unha media de enerxía equivalente a 1.050 Kg de petróleo. A esperanza de vida ao nacer era de 71 anos.
1974
Aquel ano perdinme no medio dunha multitude e a miña reacción foi saír dela cruzando unha rúa sen mirar. Non esperaba que un SEAT 1430 dunha tonelada de peso se cruzase no meu camiño.
Lembro os camareiros que saíron no meu auxilio, colocáronme arriba dunha mesa da terraza e despois pasáronme para o restaurante. Os tres rapaces que ocupaban o vehículo metéronme nel e, xunto coa miña nai, trasladáronme ao centro sanitario local daquel municipio costeiro de once mil habitantes.
Lembro estar na cama do consultorio de urxencias, unha sala austera, con grandes xanelas polas que entraba moita luz. Lembro os andeis metálicos acristalados e pintados de branco, co instrumental de aceiro inoxidable. Lembro o médico e as dúas monxas que exercían de enfermeiras; lémbroos traballando en silencio, tranquilos.
Fixéronme unha radiografía: fractura de tibia e peroné, diagnosticou o médico. Enxesáronme a perna dereita desde a punta das dedas até a virilla. Limpáronme o sangue da cara, que me saía pola boca e polo nariz, o cal obxectivaron que proviña das erosións producidas pola fociñada que dera contra o chan. O médico debeu apalpar e explorar a miña pelve, o tórax, a cabeza, o abdome, o resto de extremidades. E, unha hora despois, alí estaba, ben perfundido, respirando con normalidade, atento ao que sucedía ao meu redor, sen signos de shock, co abdome mol e depresible sen dor ao apalpamento.
O médico debeu obxectivar: "Este rapaz non vai morrer hoxe...", realizou un informe escrito a man ou mecanografado, que ficaría arquivado e que se cadra non se conservou, meteu a radiografía nun sobre marrón e deulla a miña nai, que a gardou na casa durante anos.
Era verán, e lembro saír a pasear embutido nun carriño de bebé, coa perna tesa saíndo por fóra do carriño, o cal debía resultar ben cómico. Unhas semanas despois conducíronme ao mesmo centro sanitario, no que as mesmas monxas asistían a un médico máis novo, que pegou nunha cisalla de aceiro inoxidable que me aterrorizou polo seu tamaño, e cortou o xeso da perna. Para a casa e a correr.
Corenta e cinco anos despois, o atropelo dun neno de tan curta idade despregaría unha inxente cantidade de medios, recursos, persoal, enerxía e complexidade.
E desta maneira sinxela se resolveu aquel incidente. Malia haber un acuartelamento da Garda Civil, non apareceu ningún número; malia haber un posto de estrada da Cruz Vermella ás aforas da vila, non houbo ambulancias, nin chamadas a un centro de control de emerxencias, nin parte do seguro de accidentes. Os hospitais con capacidade cirúrxica e pediátricos atopábanse a máis de 40 Km por estradas locais, así que, en caso de que rompera o bazo ou o fígado, ou que sufrira un neumotórax a tensión ou un traumatismo cranioencefálico grave, teríao cru. O meu caso resolveuse usando moi poucos recursos, con moi poucos actores, xerando moi poucos residuos, utilizando unha tecnoloxía —os raios X— que data de finais do século XIX e que, basicamente, sería a mesma atención que recibiría —poñamos por caso— en 1940.
Hoxe, 45 anos despois, hai na Terra máis de 7.500 millóns de habitantes. En España vivimos uns 47 millóns consumindo unha enerxía total equivalente a 2.500 Kg de petróleo per cápita. A esperanza de vida ao nacer é de 83 anos. Évos un salto importante en poboación, uso de enerxía e complexidade...
2019: Complexidade
Na actualidade traballo como Técnico en Emerxencias Sanitarias asistindo accidentes similares a aquel, nunha ambulancia do Sistema de Emerxencias Médicas. Corenta e cinco anos despois, o atropelo dun neno de tan curta idade despregaría unha inxente cantidade de medios, recursos, persoal, enerxía e complexidade.
Xeraría, para comezar, unha enxurrada de chamadas de telefonía móbil a través do sistema 4G á central de emerxencias do 112, que serían codificadas polos xestores de demanda nunha aplicación informática, para que despois os xestores de recursos dos diferentes corpos de seguridade e emerxencias enviasen os recursos correspondentes a ese código de alerta.
Para este tipo de código desprégase unha impresionante cantidade de recursos nun prazo moi breve. Nunha localidade achegada a calquera zona metropolitana aparecerían en poucos minutos (entre 10 e 15) un ou dous vehículos da Policía Local, un ou dous da Garda Civil, unha ambulancia de Soporte Vital Básico, outra de Soporte Vital Avanzado (SVA), e o despegue dun helicóptero medicalizado se estiver dispoñible. E, se entre as chamadas recibidas houber algún indicio de que o neno estivese atrapado debaixo do coche, tamén acudiría unha unidade de bombeiros.
Valoraríase, inmobilizaríase e aplicaríanselle técnicas de SVA in situ en caso necesario. Activaríase un protocolo de paciente politraumático pediátrico, que poría a andar un sistema de trauma e prealertaría ao hospital de destino. Sería trasladado a un hospital pediátrico de alta complexidade nunha unidade de SVA ou en helicóptero (unidades que teñen como dotación un médico/a, enfermeiro/a e técnico/a ou piloto/a e copiloto/a facendo tamén as funcións de técnico).
No hospital de destino esperaríano dispostos: persoal de enfermaría e medicina, especialistas en trauma, medicina intensiva, cirurxía, anestesia, auxiliares de enfermaría, celadores... nun box de emerxencias con todos os medios dispoñibles. Quizais quedaría hospitalizado en observación.
Todas as comunicacións telefónicas referentes ao centro de control e todas as de radio selectiva dixital das unidades de resposta ficarían rexistradas no sistema informático. Todos os informes médicos e de enfermaría, así como todas as radiografías e analíticas ficarían rexistradas informaticamente no historial médico. A Policía había realizar un atestado, recompilando os datos da vítima e do vehículo: seguro, persoa que conducía, etc.
Participarían, directa ou indirectamente, ducias de profesionais: desde as persoas operadoras de demanda, xestoras de recursos, médicas, enfermeiras, policías, bombeiras, técnicas en emerxencias...; até un total de 8 vehículos terrestres e un helicóptero poden acudir a unha chamada de auxilio semellante. Unha vez no hospital, persoal administrativo e de limpeza, celadores, auxiliares de enfermaría, enfermeiras/os, médicas/os, técnicas/os de diagnóstico por imaxe, persoal de seguridade privada, enxeñeiros/as e administradores/as de sistemas informáticos e de comunicacións, persoal de mantemento, cociña, lavandaría... Todos estes recursos dispoñibles 24x7x365. Xeraríanse algúns quilos de residuos dificilmente reciclables e queimaríase combustible fósil, especialmente durante o traxecto en helicóptero. A factura do incidente sería enorme e cargaríase sobre a compañía aseguradora do vehículo.
Entre ambos os dous episodios media unha enerxía equivalente a 1.500 Kg de petróleo per cápita: esta gran complexidade emerxeu do descomunal uso de enerxía e recursos que devoramos actualmente.
Un hospital utiliza máis enerxía por metro cadrado ca calquera outro edificio (Heinberg, 2006). Mais este fluxo de enerxía fósil e de recursos ten os días contados: vai decrecer por imposición xeolóxica e por colisión cos límites biosféricos. E é simplista pensar que, a medida que se reduza a nosa dispoñibilidade enerxética e de recursos, unha vez cheguemos aos niveis per cápita que había en 1974, habemos ter un sistema sanitario coma o de 1974. Con todo, o que é seguro é que este terá que reconfigurarse e adaptarse ao que for material e enerxeticamente factible.
Porén, a saúde e a seguridade das persoas non dependen só do Ministerio de Sanidade e dos seus recursos: dependen mormente das políticas de vivenda, de traballo, medio ambiente, educación, industria, enerxía... e todo isto será de vital importancia durante o longo declive (ou, se cadra, curto, abrupto e profundo). Por este motivo, a adaptación xusta ao declive enerxético pasa, se cadra, por un colapso catabólico e por políticas fortemente redistribuitivas e emancipadoras das clases populares, como anticipa esta reflexión contido no libro En la espiral de la energía: "En paralelo á degradación das condicións básicas de vida, irán xordindo alternativas. No plano sanitario, apostarase por unha atención conorientación comunitaria e desde un enfoque de salutoxénese. Nela, a atención primaria e a saúde pública serán os eixes fundamentais, e a hospitalaria un recurso tan só de apoio para certas situacións. Asemade, irase artellando outro sistema médico, probablemente baseado nas menciñas tradicional e oriental. Todo isto require moitos menos recursos enerxéticos, materiais e económicos. En todo caso, o que máis influirá sobre a saúde das poboacións serán as súas condicións de vida, tendo a organización do sistema sanitario un papel secundario".