Os enredos da Fronte Ampla e de Podemos achegan o BNG ao seu mellor resultado en tres décadas

O debate da esquerda confederal centrado no eixe Madrid-Barcelona e unha implantación territorial inexistente fan soñar as voces máis optimistas da Executiva Nacional do Bloque con ata catro escanos no Congreso.
Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego
Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego, senadora, portavoz nacional e deputado do BNG, respectivamente. Foto: BNG.

Galiza non está nin na poxa de postos nin na pelexa de siglas entre o que acabou por chamarse Fronte Ampla e Podemos. O eixe do debate vai de Madrid a Barcelona e de Barcelona a Madrid sen parada en ningún territorio. Todas as persoas que conforman a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) saben isto e, contra reloxo, rematan estes días de perfilar unha campaña electoral que as colleu a contrapé. “Os esforzos estaban enfocados nas municipais, pero sabemos que unha boa campaña agora é decisiva para chegar mesmo a catro escanos”, explica unha desas persoas que sentou este martes na última reunión do máximo órgano de dirección do partido.

En Santiago son sempre cautos con enquisas, sondaxes e outros cantos de serea que poidan chegar a dicirlles o que queren escoitar. Aínda que iso case nunca ocorra. Teñen motivos: a única empresa demoscópica galega de grandes dimensións é Sondaxe e está controlada por La Voz de Galicia, o xornal hexemónico en Galiza que sempre foi hostil co Bloque e compracente co Partido Popular de Fraga, Feijóo e Rueda. Tampouco se fixeron ilusións co 1,4 % de intención de voto que lles deu o barómetro do CIS en xaneiro de 2025 e que se traduciría en tres escanos no Congreso —desde 2019 é Néstor Rego o único deputado do Bloque na Cámara baixa. Con todo, o escenario para as eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro é radicalmente diferente ao de 2023. 

Yolanda Díaz xa non mobiliza

Primeiro, o máis evidente: acabou o efecto Yolanda. A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo decidiu hai máis de dous anos dimitir do seu posto na dirección de Sumar deixando a formación descabezada ata hoxe. Os seus avances en materia laboral, cualificados de “insuficientes” desde o primeiro momento pola CIG, sindicato nacionalista estreitamente vinculado ao BNG e maioritario en Galiza, convertéronse nun patrimonio difícil de reivindicar se a figura galega de referencia decidiu apartarse da campaña e centrarse na súa carreira cara á presidencia da Organización Internacional do Traballo (OIT). 

Substituíuna outra galega de adopción, si, a deputada Verónica Martínez, como candidata de Sumar dentro da Fronte Ampla, pero se hoxe se volvesen repetir as eleccións, o seu escano por Pontevedra sería, no escenario máis optimista, case imposible de alcanzar.

Cero concelleiros, cero deputados autonómicos

Segundo, o máis relevante: nin Sumar nin Podemos teñen despregada unha estrutura sólida en Galiza. Nunca a tiveron e ese foi o seu erro estratéxico máis grave desde a implosión das mareas. “Nas eleccións galegas custábanos atopar mesmo un recinto no que celebrar os mitins”, explica unha das persoas que foi nas listas de Sumar pola Coruña en 2023. Hai unha excepción nese espazo: os once concelleiros que Esquerda Unida alcanzou nas municipais de 2023, pero que todo apunta a que non remarán na dirección do eixe Madrid-Barcelona e se centrarán nas eleccións locais de maio. Teñen moito que perder morrendo nese outeiro. 

Con todo, o BNG conta con 590 concelleiros e concelleiras, 25 deputados e deputadas autonómicas e 35 alcaldes e alcaldesas; goberna en coalición as deputacións da Coruña e Lugo, a capital e Pontevedra; e é condición de goberno en moitos máis concellos. Ademais, a CIG conta con arredor de 86.000 afiliados e o nacionalismo está presente, con diferentes colectivos e nomes, en case todas as loitas sociais do país.

O trauma das eleccións galegas e outras pantasmas

Terceiro, a experiencia do votado: a guerra Madrid based de Podemos e Sumar levou a ambas as dúas formacións a presentarse por separado ás eleccións galegas do 18 de febreiro de 2023. Naquel momento, o peche de filas da Anova de Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega —antigos socios dese espazo— co BNG de Ana Pontón deixou ambas as dúas organizacións contra as cordas. A pesar de que Yolanda Díaz fixo campaña por Sumar e de que, tras ter pedido o voto para o BNG, Pablo Iglesias retractouse e tamén fixo o seu con Podemos, o resultado foi un bochorno: 28.171 votos para o Sumar de Marta Lois, 3.854 votos para o Podemos de Isabel Faraldo e, por suposto, ningún escano —como as enquisas advertiran.

Quedan moi lonxe xa aquelas alianzas que levaron Beiras e Díaz a converter a extinta AGE na principal alternativa de esquerdas no Parlamento galego en 2016 e igual de lonxe as eleccións xerais de 2015 e 2016 nas que ese espazo logrou seis e cinco deputados respectivamente, superando, con creces, o máximo de tres que o Bloque logrou no ano 2000.

Iso que chaman voto útil 

Cuarto, a superación do voto dual: o liderado de Ana Pontón na oposición do Parlamento de Galiza, din fontes do Bloque, “está axudando a que os galegos e as galegas vexan o BNG como a alternativa de esquerdas que demostrou ser para a Xunta tamén no Congreso”. Tócalles traballar o imaxinario e buscar comparacións no traballo de Esquerra ou EH Bildu. Desde aí, empezan as cábalas e as hipóteses matemáticas, pero esas prefiren reservalas para os comentarios en privado. Se a alianza Podemos-En Marea-Anova-EU obtivo 408.370 votos nas xerais de 2015 e obtivo seis escanos —habilitados para ter un grupo propio—, que conseguiría o BNG se logra trasladar as 470.692 papeletas que foron para Ana Pontón nas eleccións galegas de febreiro de 2024?

Polo de agora, o CIS deste mércores díxolles que están lonxe: proxéctalles un 0,9 en intención de voto. Previsiblemente, dous escanos, un pola Coruña e outro por Pontevedra. De aquí ao 29 de novembro, intentarán pelexar, polo menos, polo segundo na Coruña e por un menos probable cuarto escano por Lugo.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...