Análisis
‘Altri non’, pero a que dicimos si?

O anuncio da instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (Lugo) abriu un dos maiores debates políticos dos últimos anos en Galiza. Defendida polo Partido Popular de Galiza como motor de modernidade, xeradora de “emprego verde” e oportunidade para un territorio en declive demográfico, foi rexeitada por unha vaga de mobilizacións cidadás que fixeron do Altri Non un clamor popular. Na retina queda a imaxe das máis de 100.000 persoas que desbordaron a praza do Obradoiro, os milleiros que percorreron Palas de Rei e os máis de 600 barcos que inundaron a ría de Arousa.
Desde o Nunca Máis non se vía un conflito en chave ecolóxica tan sostido no tempo nin cunha capacidade de interpelación tan ampla, capaz de traspasar as fronteiras galegas e activar solidariedades estatais e internacionais. O ciclo de protestas xa está a dar froitos: as posibilidades inmediatas de que o proxecto saia adiante nos próximos anos son mínimas.
Agora ben, a dimensión acadada polo conflito revela que o debate sobre Altri vai moito máis alá dunha planta de celulosa. Apunta, en realidade, a unha discusión de fondo sobre que modelo produtivo queremos, como imaxinamos a modernidade e que lugar debe ocupar Galiza na transición ecolóxica global.
Os do ‘non’
Marzo de 2025. En pleno apoxeo do Altri Non, o PPdeG muda á desesperada a súa estratexia. As narrativas greenspeak compartidas con Altri, as explicacións técnicas sobre o lyocellou a apelación a unha Declaración de Impacto Ambiental favorable xa non dan máis de si. Había que ensaiar outra vía: presentarse como un goberno que promove a modernización de Galiza e converter o Altri Non en sinónimo de atraso. Ao mesmo tempo, optouse por narrar o movemento como unha táctica política do BNG e non como o que era na práctica: unha mobilización cidadá ampla e diversa.
Nese novo guión, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acusaba ao BNG de “liderar e animar” as protestas, advertindo: “É a mesma historia, pero con outro nome. Cando pase Altri, será outra cuestión. Se non o paramos, Galicia será unha Galicia peor, unha Galicia do século XIX”. Tamén Paula Prado atacaba a figuras públicas que se sumaran á campaña contra a macrocelulosa, como o actor Luis Zahera, e concentraba o seu discurso nun lema: “O Bloque Negacionista Galego seguirá sendo o partido do ‘non’ ao futuro de Galicia”.
Nas súas redes sociais o PPdeG lanzaba a campaña audiovisual Non a todo e axitar a rúa. No vídeo, identificaban ao BNG como “o partido do non”, non só por Altri, senón tamén por unha serie de “nons históricos”: á OTAN, aos eólicos, ás minas ou ao bilingüismo. A estratexia era clara: reducir a diversidade da mobilización social a unha única etiqueta partidaria e opoñer, de forma simplificada, modernidade e atraso.
Hai que conceder ao discurso dos populares que captou un elemento real. Efectivamente, a oposición ao Goberno da Xunta mantén unha postura fundamentalmente defensiva, e o Altri Non inscríbese nunha tradición de rexeitamentos históricos. É máis doado poñerse dacordo no ‘non’ que no ‘si’, e o goberno de Alfonso Rueda sabe que a proposta de futuro dese amplo movemento que ten enfronte non é tan evidente.
Activar o modo construtivo
Altri Non atopou na súa negativa a súa forza: foi quen de marcar o debate público e facer avanzar a súa posición. Mais esa mesma negativa, se non forxa un horizonte, pode rematar sumida nun círculo de impotencia. Trátase dunha posición defensiva e resistencialista, necesaria para deter proxectos lesivos, pero insuficiente para presentar a folla de ruta transformadora que require a crise climática.
Xan López —membro do Instituto Meridiano de Políticas Climáticas e Sociais— sinala que nas últimas décadas as forzas progresistas perderon os seus horizontes de progreso tradicionais, adoptando con frecuencia posicións defensivas para protexer conquistas previas fronte ás embestidas neoliberais ou neorreaccionarias. O problema, advirte, é que se este camiño de oposición non incorpora propostas alternativas desexábeis e viábeis, corre o risco de estancarse nun “sentir esencialmente conservador ou inmobilista”, que leva en ocasións a igualar sistematicamente “todo cambio cunha ofensiva antisocial”.
Opinión similar comparte Emilio Santiago, doutor en Antropoloxía e científico titular do CSIC. O autor de Vida de ricos (Lengua de Trapo, 2025) e Contra el mito del colapso ecológico (Arpa, 2024) defende que “ese tipo de conservadorismo é lexítimo —defender o que existe se paga a pena—, mais no ámbito do ecoloxismo, pode dificultar o desenvolvemento dunha liña política propositiva en relación coas transformacións rápidas e radicais que precisamos”. Unha “posición excesivamente conservadora e romántica da natureza” pode dificultar a construción dunha axenda desenvolvementista verde que é necesaria mesmo para decrecer, “salvo que se manexen horizontes de re-ruralización e retroceso tecnolóxico, ao meu xuízo imposíbeis e indesexabeis”.
Para Santiago cómpre activar o modo construtivo, isto é, “pasar da cultura do rexeitamento a unha política produtivista selectiva” que saiba distinguir que industrias poden ser aliadas dunha transición xusta e cales non. Non chega con deter un proxecto megacontaminante: é necesario poñer en marcha un Green New Deal galego que converta a transición ecolóxica nunha palanca de modernidade inclusiva, democrática e xusta.
Non temos tempo para instaurar o socialismo en quince anos
Ambos entrevistados coinciden en que é necesario un rápido despregue de políticas industriais. Xan López, autor de El Fin de la Paciencia (Anagrama, 2025), sinala que o obxectivo é abandonar a dependencia dos combustibles fósiles, unirse á revolución industrial do século XXI e apostar pola electrificación, as renovábeis e a rexeneración dos ecosistemas.Esto requirirá grandes investimentos, infraestruturas e alianzas que “non sempre poderán ser 100 % públicas porque non hai capacidade para iso, nin temos tempo para instaurar o socialismo en quince anos”, advirte Emilio Santiago. Para o investigador, cómpre aceptar unha idea incómoda pero crucial: o impacto cero non existe. A transición ecolóxica implica contradicións, tensións e renuncias a intereses de parte.
É necesario facer triaxe, ordenar prioridades e escoller que impactos asumimos. Iso non significa dar un cheque en branco a calquera proxecto: como sintetiza López, “non se trata de apoiar ou rexeitar calquera proxecto industrial en abstracto, senón de analizar que busca, que beneficios achega fronte aos seus impactos, como se financia, como se integra no territorio e cara a que tipo de sociedade conduce”. Neste contexto, ambos realizan unha defensa clara do desenvolvemento das renovábeis (eólica e fotovoltaica), que consideran unha peza fundamental da transición.
Sen embargo, en moitos territorios, o “renovables si, pero non así” derivou nun “non aquí” e, pouco despois, nun “non en ningures”: un escenario perfecto para o retardismo fósil e para as novas dereitas, que, exaltando unha suposta natureza “pura” e esencial da nación, acaban por opoñer paisaxe e transición ecolóxica como se fosen dous inimigos naturais. Nada máis lonxe da realidade, advirte Santiago, que insiste en que só un desenvolvemento acelerado das renovábeis pode garantir que no futuro non perdamos esas paisaxes baixo secas, desertificación e lumes. Por outra banda, lembra que a paisaxe é unha construción social moldeábel, o que explica que hoxe se consideren patrimonio ruínas industriais que no seu momento eran vistas como aberracións. Tamén cita o exemplo das baterías: “as instalacións nin sequera teñen impacto paisaxístico; o único impacto podería ser unha perda de valor dalgunhas vivendas por bulos sobre saúde”. Pola contra, poderían converterse nunha oportunidade se se acompañan de reformas lexislativas que abaraten a electricidade para procesos industriais próximos ás fontes de xeración ou creen fondos soberanos que reinvistan os beneficios no territorio. “Igual un Green New Deal galego pode ir por aí”, conclúe.
Para López, o Green New Deal non pode existir só nas nosas cabezas: debe concretarse “aquí e agora, no mundo tal e como é, co peso da historia, as contradicións locais e nacionais e as relacións con outros países cos seus propios intereses”. É necesario aunar “toda a ambición que sexa posible co pragmatismo necesario para que ese horizonte sexa viábel”. Isto implica artellar maiorías sociais plausíbeis, asumir negociacións con actores cos que non se coincide en todo e avanzar, malia a complexidade, cara a un marco común de xustiza climática.
As nosas sociedades están despedindo o neoliberalismo e transitando cara “outro mundo que pode ser mellor ou moito peor”. Neste momento de interregno, conclúe, é decisivo dar unha resposta convincente; do contrario, “condenarémonos a décadas de subalternidade e resistencia mentres o mundo arde”.
A que lle dicimos ‘si’?
No conflito en torno a Altri coláronse diversas representacións. O PPdeG tratou de vincular o proxecto coa modernidade e o progreso, ao tempo que tildaba a toda a oposición de defensores do atraso, vinculándoos ao BNG. Enfronte, dentro da esquerda política, social e sindical, tamén apareceron discursos que interpretaron o conflito como unha loita entre un suposto “realismo produtivista”, centrado nas “cousas de comer”, e un “ecoloxismo romántico”, defensor dunha natureza idealizada e despreocupado pola loita de clases.
Ambas representacións, con parte de verdade, comparten un mesmo orzamento: a imposibilidade dunha modernidade desexábel para todos e respectuosa cos límites planetarios. Mais, é realmente imposible? Só nos queda dicir que non?
Para Xan López, estas oposicións expresan tensións reais, “en certa forma insuperábeis”, que cómpre abordar con lucidez. Trátase, di, dun “conflito de sensibilidades e intereses que sempre vai aparecer en calquera proposta industrial a gran escala”. A modernidade industrial ten impactos ambientais e sociais profundos, “e isto é tan certo agora como o era nos tempos de Marx”. A cuestión non é decidir quen ten razón, senón “avaliar cada proposta no seu conxunto: se resolve un problema grave, se os beneficios superan os impactos e se non existe unha forma social e politicamente mellor de lograr o mesmo obxectivo”.
A advertencia é clara: sen superar esa tensión entre conservación e desenvolvemento, o risco é que o ecoloxismo quede atrapado entre un romanticismo inmobilista e un produtivismo sen límites. O reto é outro: reinventar a modernidade en clave de seguridade climática, enerxética e vital. O que está en xogo non é só o destino dunha comarca ou dunha ría, senón a capacidade de garantir veráns habitábeis, aire respirábel e emprego seguro nun mundo inestábel.
En lugar dun inventario abstracto, é posible imaxinar camiños moi concretos que fan tanxíbel esa alternativa. Aldeas e vilas que producen a súa propia enerxía grazas a cooperativas eólicas e solares nas que a veciñanza participa, cando menos, nun 30 %, beneficiándose dunha tarifa local máis xusta. Barrios que cada ano se transforman coa rehabilitación profunda das vivendas, comezando polos fogares máis fráxiles e pola loita contra a pobreza enerxética. Comarcas unidas por unha rede de transporte cadenciado, con billete único e conexións frecuentes nas cabeceiras, devolvéndolle centralidade ao bus público. Montes que deixan de ser territorio abandonado para converterse en espazo de contrato colectivo: silvicultura sostíbel, pagamentos por servizos ecosistémicos, prevención activa de incendios. Mocidade que atopa traballo seguro nunha formación reindustrial verde, cunha FP ligada ás empresas e cláusulas xustas en toda compra pública.
O que está en xogo é a capacidade de pasar do estado suspicaz ao modo construtivo. Xa non chega con imaxinar: cómpre construír. Isto implica erguer un programa ambicioso de descarbonización —vivenda, enerxía, emprego, mobilidade, comunidades enerxéticas, dereitos sociais—, un Green New Deal galego que non tema o futuro porque está deseñado para facelo posible.
Nesa tarefa, a loita contra Altri pode ser lembrada como o momento en que Galiza transformou a resistencia en proxecto e a defensa do territorio en horizonte de país. Boa parte do país puxo freo á lóxica extractivista. A que lle dicimos “si”, aquí e agora, para que ese freo se converta en rumbo?
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!