Morre Xosé Manuel Beiras, o home que transformou Galiza para sempre

O histórico líder nacionalista falece aos 90 anos, pero deixa tras de si un legado intelectual e político inabarcable, ademais da maior influencia no galeguismo contemporáneo.
ENTREVISTA BEIRAS - 6
Xosé Manuel Beiras co retrato da súa muller, Aurichu Pereira, ao fondo, na súa casa de Brión. Bea Saiáns

O histórico líder do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago de Compostela, 1936), faleceu este 8 de outubro aos 90 anos na súa casa familiar de Brión (A Coruña). Político precursor, intelectual ávido, economista transgresor, orador desbordante e gran humanista, transformou Galiza e o galeguismo para sempre desde antes mesmo de poder participar activamente nas institucións. 

Aínda que se retirou da primeira liña política en agosto de 2016 e da portavocía nacional de Anova en 2017, Beiras, xunto co seu amigo e exalcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, tivo un último e pouco habitual xesto de enorme xenerosidade política chamando á unificación do voto de esquerdas na candidatura do BNG de Ana Pontón nas eleccións galegas do 18 de febreiro de 2024. Foi a súa derradeira leición.

Apenas uns meses despois dun resultado histórico para o BNG que, porén, non foi suficiente para arrebatarlle a Xunta ao PP, Beiras recibiu O Salto na súa casa de Brión (A Coruña). Miraba daquela con desesperación e rabia a acumulación de erros da esquerda confederal que el conseguira empastar co nacionalismo galego: “Andan a hostias. Que se son galgos ou podencos. Son cans e van morderte, sexan uns ou outros. É horrible. Como van construír desde abaixo se eles abaixo non teñen nada?”. Falou con dureza sobre a xogada arribista de Yolanda Díaz tras a experiencia de Alternativa Galega de Esquerdas —que anticipou as coalicións da esquerda— e En Marea e asumía con firmeza que o futuro da transformación social estaría lonxe das institucións: “Estamos padecendo a traizón do PSOE en setembro de 2016 combinada con que todas as enerxías das prazas —o 15M— se vertesen na política institucional. Iso deu lugar a que esa cidadanía se convertese nunha esquerda social orfa. Pero o polvorín está aí. O tema é quen prende a mecha e que ese lume non se desmande. Precisamos lucidez e coraxe (...) O cambio vai vir por unha rebelión cívica”. Unha vez máis, Beiras víao vir.

Tamén analizou con lucidez aqueles pasos insólitos no nacionalismo galego para tender pontes coa esquerda confederal e que o BNG se negou a aceptar: “Nunha nación sen estado, un movemento emancipador de esquerda como é o nacionalismo galego, ten que xogar nun sistema de dúas coordenadas de esquerda a dereita. Tes que ter, por unha banda, a contradición de clase e, pola outra, a contradición nacional. Se as sobrepós como transparencias, as posicións non coinciden”, reflexionaba.

Beiras e os seus compañeiros e compañeiras de Anova trataron de diagnosticar a situación en base a esa conxugación: “No ano 2012, en plena recesión, nós considerabamos que a contradición dominante era a de clase. O que preocupaba máis á xente, tamén ao electorado nacionalista, eran os problemas propios da hexemonía dunha dereita cafre. Por iso, lanzamos a idea de que había que facer unha fronte ampla. Entón pasamos esa fronteira entre o nacionalismo e o españolismo. Se hai forzas de ámbito estatal non nacionalistas, pero que asumen os dereitos do pobo galego como nación a exercer a súa soberanía, tentemos establecer pontes con elas”. Nas eleccións de 2015, esa fronte ampla conseguiu 408.370 votos e cinco deputados no Congreso, varrendo o máximo histórico de tres escanos do BNG na Cámara Baixa.

“Se o BNG chega a entender que aquilo non era derivar cara ao españolismo, senón romper a fronteira con xente que non era nacionalista, pero que si entendía o proceso de emancipación e non era antinacionalista, a historia de AGE sería distinta. Feijóo tería perdido as eleccións de 2012 e, ademais, o nacionalismo hoxe sería hexemónico”, teorizaba o intelectual nado en Santiago de Compostela. Pero aquilo non ocorreu.

A pesar dos seis deputados e os dous senadores, o golpe foi doloroso: “Retorcendo o regulamento da Cámara, negáronnos o grupo propio. Entón, o sector nacionalista de En Marea quería ir ao grupo mixto, como fixo Compromís. Ao final, nós, por lealdade e porque considerabamos que era un acordo estratéxico importante, aceptamos a proposta de elaborar un documento que marcase as pautas de funcionamento do grupo confederal”. En teoría, os deputados e deputadas de En Marea funcionarían como grupo parlamentario dentro e incluso terían liberdade de voto para discrepar de Podemos: “Con esas condicións, aceptamos, pero sabotárono desde o primeiro día. Tristemente, tamén desde o propio grupo. Concretamente, Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino”. Beiras resumía aqueles baixos fondos da política española cunha frase de Castelao: “O máis parecido a un chauvinista español de dereitas é un chauvinista español de esquerdas”.

A tese do atraso económico e a dependencia

En 1972, a editorial Galaxia publicou a que é probablemente a súa obra máis citada, O atraso económico da Galiza. Naquel momento, apenas tres anos antes da morte do ditador, a súa saída supuxo unha ruptura cos discursos dominantes sobre o atraso de Galiza. Ata entón, a pobreza galega adoitaba explicarse por factores supostamente naturais: unha orografía difícil, o minifundio, a dispersión poboacional ou unha presunta resignación do carácter galego. Beiras, desde a súa cátedra de Estrutura Económica, sostivo que esas explicacións tomaban os síntomas polas causas. O problema non estaba no que Galiza era, senón no lugar que se lle asignara dentro dun sistema económico máis amplo.

O seu argumento central é que Galiza se integrou no mercado español nunha posición subordinada, como unha especie de colonia interior. Dela saían enerxía eléctrica, materias primas baratas e, sobre todo, man de obra a través da emigración, mentres que os beneficios da transformación e da acumulación de capital quedaban fóra. Este enfoque, próximo ás teorías da dependencia que se debatían daquela no pensamento económico crítico, daba ao subdesenvolvemento un carácter estrutural e histórico. Con isto cambiou o debate: a pregunta xa non era como arranxar os galegos, senón quen se beneficiaba da situación de Galiza e que instrumentos políticos facían falta para revertela. Nesa construción intelectual, el mesmo o recoñeceu en numerosas ocasións, a lectura do Retrato do colonizado do intelectual tunisiano Albert Memmi foi fundamental.

Modernización e institucionalización do nacionalismo

Beiras actuou como ponte entre dúas épocas do nacionalismo galego. Por unha banda, recolleu a herdanza do galeguismo histórico, o de Castelao, Bóveda e o Partido Galeguista, coa súa dimensión cultural, democrática e autonomista, truncada pola Guerra Civil e a ditadura. Por outra, actualizouna cunha linguaxe política e económica propia dos anos sesenta e setenta que comezara a absorber na súa estadía en París e na Sorbona. Aí, a cuestión nacional analizábase xunto coas relacións de clase e a estrutura produtiva. A súa participación na fundación do Partido Socialista Galego en 1963 foi un primeiro paso nesa dirección: un socialismo que se pensaba desde Galiza e non como unha mera sucursal de proxectos estatais.

O segundo paso decisivo foi o Bloque Nacionalista Galego, creado en 1982 como espazo de converxencia de distintas sensibilidades nacionalistas e de esquerda. Co tempo e baixo a influencia intelectual e pública de Beiras, o BNG pasou de ser unha forza testemuñal a converterse na principal alternativa dentro do Parlamento galego, cunha implantación municipal e social considerable. Máis alá dos resultados electorais, a súa achega foi demostrar que o nacionalismo podía ser unha opción política institucional, con programa de goberno, capacidade de pacto e presenza na vida cotiá das comunidades, sen renunciar á súa carga crítica.

A teoría do nacionalismo emancipador

Beiras desenvolveu unha reflexión teórica para responder a unha obxección habitual: que todo nacionalismo é, por definición, excluínte ou perigoso. A súa resposta foi distinguir entre nacionalismos segundo a súa posición no sistema de poder. Os nacionalismos de Estado, que dispoñen de aparello político, económico e cultural, tenden a presentarse como naturais ou neutros, e a impoñer unha uniformidade lingüística e cultural. Os nacionalismos das nacións sen Estado, en cambio, xorden como resposta a unha subordinación e reclaman o dereito a existir e a decidir. Desde esta perspectiva, o nacionalismo galego é defensivo e emancipador, non agresivo.

Esa distinción complétase cunha dimensión social. Para Beiras, a defensa da identidade galega non se esgota na lingua ou na cultura, aínda que ambas sexan fundamentais, senón que está ligada á capacidade do pobo para decidir sobre os seus recursos e o seu futuro. De aí a súa insistencia en que a liberación nacional e a liberación das clases traballadoras forman parte do mesmo proceso e en que a soberanía dos pobos é un contrapeso fronte á homoxeneización que impón o capitalismo globalizado. Con esta construción teórica, o nacionalismo galego puido dialogar con outras tradicións da esquerda e con movementos de liberación doutras latitudes.

O cooperativismo e a alternativa socioeconómica

Unha dimensión menos coñecida de Beiras, pero moi reveladora, é o seu interese temperán polo cooperativismo. Desde os seus escritos de xuventude, na etapa parisiense de finais dos anos cincuenta, expuxo o cooperativismo agrario e mariñeiro como unha vía democrática para organizar a economía rural e costeira de Galiza. A súa idea era que as comunidades labregas e mariñeiras podían superar a debilidade do minifundio e a dependencia de intermediarios agrupándose en estruturas propias, controladas por quen traballa, sen agardar a que o cambio viñese desde arriba.

Esta intuición enlaza co seu diagnóstico posterior sobre a dependencia: se o problema era que Galiza exportaba recursos e recibía pouco a cambio, a solución debía pasar por reforzar o tecido produtivo local e diversificar unha economía demasiado orientada a poucos sectores. A súa proposta apuntaba a unha economía máis autoorganizada e sustentable, que aproveitase os recursos do país en beneficio de quen vive nel. Vista hoxe, esa orientación dialoga con debates moi actuais sobre soberanía alimentaria, economía social, desenvolvemento rural e ecoloxía política, o que mostra ata que punto o seu pensamento anticipou cuestións que entón apenas estaban na axenda.

Dinamización cultural e apertura internacional

A labor de Beiras non se limitou á economía nin á política de partido. Foi tamén un axitador cultural que entendeu a edición e o debate de ideas como parte da construción dun país. Dentro de Editorial Galaxia, unha das institucións centrais da cultura galega de posguerra, impulsou coleccións como Agra Aberta e Alén-Nós, pensadas para introducir en galego o pensamento social e crítico contemporáneo. Con isto contribuíu a demostrar que a lingua propia podía ser vehículo de ciencias sociais, ensaio e reflexión política, e non só de literatura e cultura popular. Máis tarde, esa tarefa desenvolvería no Consello de Dirección de Edicións Laiovento, ademais de publicar numerosos ensaios de pensamento económico e político.

Esa tarefa complétase coa súa apertura internacional. A súa tradución de autores como Albert Camus levou ao galego referentes do pensamento existencialista europeo e a súa traxectoria estivo marcada por un constante diálogo coa Europa progresista e cos movementos de liberación do Sur global. Beiras tendeu así pontes que sacaron a reflexión galega dun horizonte estritamente local: situou a experiencia de Galiza nun marco comparado, onde os seus problemas podían entenderse xunto cos doutros pobos e onde a súa cultura podía aspirar á plena normalidade intelectual.

Política
“A esquerda estatal á esquerda do PSOE leva ano e medio dando un recital de apoio ao PP”
O histórico líder nacionalista analiza devagar os erros das coalicións coa esquerda federal e acredita en que o futuro da transformación social está fóra das institucións.
Política
Nin capitalismo nin socialismo: o cooperativismo esquecido do Beiras mozo
Antes de ser un dos creadores do pensamento económico galego contemporáneo, o histórico intelectual e político nacionalista Xosé Manuel Beiras, explorou a tradición dunha terceira vía no galeguismo.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...