Beiras otero
Xosé Manuel Beiras nun xantar con Ramón Otero Pedrayo. Fotografía cedida.

Nin capitalismo nin socialismo: o cooperativismo esquecido do Beiras mozo

Antes de ser un dos creadores do pensamento económico galego contemporáneo, o histórico intelectual e político nacionalista Xosé Manuel Beiras, explorou a tradición dunha terceira vía no galeguismo.

Se o lector abre Un socialismo propio, o cooperativismo no Beiras mozo (Companha Editora, 2025) atoparase cunha solapa do máis singular. Nela aparecen as imaxes de Carlos Calvo Varela, autor do estudo introdutorio, e dun Xosé Manuel Beiras moi novo, autor dos dous ensaios recollidos no volume, mais cunha diferenza reveladora: a fotografía de Calvo vai acompañada dun breve esbozo biográfico, mentres que a de Beiras aparece soa. Estamos en 1959, perante un Beiras en cernes, aínda descoñecido, afastado da traxectoria pola que hoxe o coñecemos e recoñecemos. Non é un simple esquecemento editorial, senón un xesto elocuente que nos convida a mirar un Beiras previo á súa cristalización pública.

Anos despois da publicación destes ensaios sobre cooperativismo, Beiras converterase nun axente fundacional do pensamento económico galego contemporáneo. O recoñecemento chegará tras publicar O atraso económico de Galicia (1972), obra coa que se instalará, durante décadas, unha hexemonía teórica de carácter anticolonial que deixará unha fonda pegada en milleiros de militantes nacionalistas. Será pensando “con Beiras” e “contra Beiras” como se constitúa ese campo, fortemente marcado polo seu labor como director de tese de figuras destacadas da política galega, como Fernando González Laxe, Emilio Pérez Touriño, Ramón López-Suevos, Xavier Vence ou Xoaquín Fernández Leiceaga.

Aos seus comezos como profesor da Facultade de Economía da USC engadirase, pouco tempo despois, a súa experiencia como dirixente político, o que o levará a se converter, con toda probabilidade, na figura máis influínte do nacionalismo galego desde Castelao: primeiro no Partido Socialista Galego e despois no Bloque Nacionalista Galego, até as súas últimas aparicións na primeira liña institucional en Anova-Irmandade Nacionalista, onde defenderá distintas vías de alianzas, primeiro con Alternativa Galega de Esquerda, logo coas Mareas e, nas últimas eleccións, co apoio ofrecido ao BNG.

Ese Beiras consagrado —economista, teórico anticolonial e dirixente político— acabou por fixar unha imaxe pública e unha lectura dominante da súa obra. Precisamente por iso cómpre volver atrás. Deteñámonos no 1959, no Beiras en cernes, e preguntemos: hai algún fío do que tirar que quedase na sombra? Que elementos foron eclipsados pola súa traxectoria posterior? Que posibilidades —que futuribles— se abrían para o Beiras mozo antes de que o xiro anticolonial reorganizase, case por completo, o conxunto do seu pensamento?

Beiras en París (1957–1959)

Os dous ensaios sobre cooperativismo publícanse en 1959, mais o seu xermolo intelectual remóntase ás dúas viaxes a París realizadas entre 1957 e 1959. Non son simples estadías formativas, senón o escenario dunha tripla mutación decisiva: disciplinar, política e histórica. É nese cruzamento onde se formula a hipótese cooperativista e, ao tempo, onde se xestan as condicións do seu posterior eclipse.

O encontro co pensamento anticolonial prodúcese aínda no interior dun clima existencialista, mais xa anuncia unha preocupación polo problema da dependencia que irá gañando centralidade.

Na primeira viaxe, en 1957, Beiras entra en contacto directo co campo intelectual francés nun momento de plena efervescencia. Frecuenta a rive gauche, percorre o Café de Flore e Les Deux Magots, visita a Jean Anouilh, convértese en seareiro de María Casares e entra en relación co pintor Virxilio. A través dunha reseña de Jean-Paul Sartre chega ao Retrato do colonizado, de Albert Memmi, lectura que lle deixará unha pegada duradeira. Ese encontro co pensamento anticolonial prodúcese aínda no interior dun clima existencialista, mais xa anuncia unha preocupación polo problema da dependencia que irá gañando centralidade.

Con todo, o decisivo prodúcese no ámbito académico. Na Facultade de Dereito e Ciencias Económicas coñece de primeira man o campo dos economistas franceses e adhírese a unha concepción realista e sociolóxica da economía, marcada pola influencia de François Perroux e André Marchal. Beiras asiste así á mutación do campo intelectual francés: á autonomización da economía como disciplina científica e á pasaxe da hexemonía existencialista-fenomenolóxica cara a enfoques de carácter estrutural.

Nese mesmo contexto recibe tamén a influencia de Charles Gide, da escola liberal de Charles Rist e da Escola de Nîmes, así como de Georges Lasserre, que anos máis tarde se converterá nun firme defensor do modelo cooperativo iugoslavo. É aquí onde se configura a matriz teórica desde a que poderá pensar o cooperativismo non como técnica auxiliar, senón como un auténtico sistema económico alternativo.

A hipótese cooperativista nace, pois, no interior dun horizonte rexional-europeo, no que o problema central é como modernizar unha nación periférica

Ao tempo, Beiras chega a París nun momento de novo aliñamento estratéxico do galeguismo. A condición coa que Galaxia lle concede a bolsa que lle permite estudar en París é a de enviar un ensaio para un libro colectivo da colección Illa Nova, concibido como unha posta en escena da nova xeración, na que se vencellaba explicitamente a sorte do galeguismo ao europeísmo incipiente. Para ese proxecto, un “ensaio perdido” que debía reunir textos de López Nogueira, Manuel Vidán, Ramón Lugrís e Franco Grande, Beiras redacta Individualismo e cooperación da economía, o seu primeiro traballo teórico de entidade, no que formula explicitamente a procura dunha alternativa entre o capitalismo descarnado e o socialismo estatalista.

O cooperativismo aparece así como resposta económica coherente a un proxecto político europeísta, descentralizador e antidirixista. A hipótese cooperativista nace, pois, no interior dun horizonte rexional-europeo, no que o problema central é como modernizar unha nación periférica sen destruír a súa estrutura social nin sometela ao Estado central.

Ao rematar a primeira estadía, en 1958, Beiras regresa camiñando por Bretaña; mais, como sinala Carlos Calvo Varela, “o que procuraba xa non eran cruces de pedra nin íntimas afinidades célticas, senón ideas do lobby bretón de desenvolvemento económico de posguerra, que vía no incipiente europeísmo unha oportunidade para o seu rexurdimento nacional e cultural”.

ENTREVISTA BEIRAS - 4
Xosé Manuel Beiras, na súa casa a pasada primavera atendendo a O Salto. Bea Saiáns

Este desprazamento é sintomático: o interese pasa da identidade cultural á economía política, da afinidade simbólica á estrutura produtiva. Na súa figura condénsase a mutación do tipo de intelectual nacionalista que estaban a construír Domingo García-Sabell e Ramón Piñeiro: un dirixente demócrata, galeguista, “moderno”, para quen a economía se converte no terreo decisivo da emancipación.

A segunda viaxe a París, en 1959, consolida esta orientación. Beiras inhibe definitivamente a súa carreira literaria para se entregar por completo á investigación científico-social, asumindo a “laboura lenta e cobizosa dos estudos e investigacións”. A libido sciendi imponse á literatura. Mais, ao mesmo tempo, intensifícase a súa sensibilidade respecto da problemática colonial, nun contexto marcado pola crise da IV República, o nacemento da V e o estoupido social na France d’outre-mer. O contacto co mundo africano e cos procesos de descolonización amplía radicalmente a escala do seu marco interpretativo.

É aquí onde se produce a tensión decisiva: o cooperativismo fora formulado como resposta ao problema do desenvolvemento rexional nunha Europa federal; a hipótese colonial emerxe como resposta ao problema estrutural da dependencia e da dominación a escala histórica e mundial. Como resume Carlos Calvo Varela, “iniciábase unha viaxe, de dirixente novo europeísta a teórico anticolonial”. Non se trata dunha ruptura abrupta, senón dun desprazamento de foco: o que antes se pensaba en termos de atraso rexional comeza a ser pensado en termos de subordinación colonial.

Deste xeito, París é ao mesmo tempo o lugar onde madura a hipótese cooperativista e onde se xestan as condicións do seu eclipse. Non por erro nin por debilidade interna, senón porque o problema ao que pretendía responder —a modernización económica dunha nación periférica no marco europeo— queda subsumido por outro de maior escala: a inserción dependente de Galiza nun sistema histórico de dominación, que Beiras acabará conceptualizando como colonia interior.

Beiras poderá formular a súa procura dunha alternativa ao capitalismo oligárquico e ao socialismo estatalista, dotándoa por vez primeira dunha articulación económica rigorosa

O ilusión cooperativista no galeguismo

Cando o Beiras mozo recolle o fío do cooperativismo inscríbese nunha visión política máis ampla, propia do galeguismo histórico. Non se trata dunha excentricidade persoal nin dunha moda intelectual importada, senón dun horizonte compartido e transversal a correntes moi distintas, no que o cooperativismo —e, en particular, o modelo danés— aparecía como unha terceira vía entre os dous grandes sistemas en disputa. É neste imaxinario xa sedimentado onde Beiras poderá formular a súa procura dunha alternativa ao capitalismo oligárquico e ao socialismo estatalista, dotándoa por vez primeira dunha articulación económica rigorosa.

Xa na preguerra, o cooperativismo danés fora investido dun forte valor simbólico. Nun artigo publicado o 14 de abril de 1936, o xornalista Gil de Monforte describía Dinamarca como un pequeno paraíso pequeno-burgués que prometía “paz e estabilidade social, traballo na cooperativa agropecuaria con todas as modernidades, casiña no campo, biblioteca, radio e automóbil”.

Outros propagandistas, como Bartolomé Calderón, Rof Codina ou Cruz Gallastegui, contribuíron decisivamente a consolidar esa imaxe, convertendo o cooperativismo danés nun auténtico “significante mudo”: unha fórmula aberta, capaz de condensar soños de modernización, xustiza social, orde comunitaria e progreso técnico. O propio Castelao chegará a escribir: “Vexo pazos para albergar as Cooperativas, mellores que en Dinamarca”.

O cooperativismo funcionaba así como resposta imaxinaria a unha tensión central do galeguismo: como modernizar a economía sen destruír o tecido social

A comparación, lonxe de ser retórica, condensaba a convicción de que a modernidade cooperativa podía ser non só importada, senón superada sobre a base das propias estruturas sociais do país. Esa mesma ambigüidade —entre reforma social e harmonía orgánica, entre democratización económica e estabilización pequeno-propietaria— explicará tanto a forza de atracción deste soño como os seus límites.

A transversalidade da idea foi tal que, cando a Dereita Galeguista se escindiu, fíxoo baixo un lema elocuente: “nin socialismo nin capitalismo: cooperativismo”. O cooperativismo funcionaba así como resposta imaxinaria a unha tensión central do galeguismo: como modernizar a economía sen destruír o tecido social, como integrarse nos circuítos de mercado sen caer na concentración oligárquica, como promover o desenvolvemento sen entregar o país nin ao capital monopolista nin ao Estado centralizador. Era, ao tempo, promesa de xustiza e promesa de orde.

Esa mesma matriz reaparece, xa nos anos sesenta, en figuras centrais da recomposición do galeguismo. Ramón Piñeiro escribirá en 1963 a Ramón Lugrís que “Galicia ten que ter un socialismo propio —esencialmente cooperativista— e ten que ter unha democracia cristiá propia”, un socialismo “máis ben nórdico que mediterráneo”, afastado tanto do liberalismo disolvente como do socialismo estatalista e uniformizador.

Do outro lado, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego, desde o suplemento de La Noche, proxectarán un imaxinario de modernidade no que o cooperativismo aparecía asociado á electrificación, á planificación rexional e á organización racional da produción: “ferrocarriles electrificados, cruzando en todas direcciones nuestro país”, sostidos por unha “cooperación idoneamente organizada”. Entre cultura e economía, entre ética nacional e técnica produtiva, debuxábanse xa dous terreos de xogo que acabarían por marcar culturas políticas diferenciadas.

ENTREVISTA BEIRAS - 5

Neste contexto, a publicación de Galicia como tarea, de Valentín Paz Andrade —que Méndez Ferrín cualificou como o grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista— e a aparición da Revista de Economía de Galicia (REG) marcarán un punto de inflexión. A economía deixa de ser un apéndice técnico da cultura para se constituír en campo autónomo de intervención política.

REG, que Beiras dirixirá entre 1963 e 1968, converterase progresivamente nun laboratorio intelectual do Partido Socialista Galego, ata o seu peche forzado polas multas impostas polo ministro Manuel Fraga. O cooperativismo era unha das vías a través das cales esa nova centralidade da economía podía traducirse nun proxecto concreto de transformación: unha tentativa de pasar da ensoñación nacional á construción dunha orde económica propia.

O cooperativismo: un fío do que tirar

É nese horizonte onde se inscriben os dous ensaios do Beiras mozo. No primeiro deles, Cooperativismo agropecuario: algunhas consideracións arredor da experiencia danesa, Beiras parte dunha constatación crítica: o cooperativismo fora considerado tradicionalmente como un “pan de pobres”, un remedio subsidiario para situacións de miseria, “un irmán pequeno e pouco brillante dos grandes sistemas económico-sociais”, valorado polos seus “grandes valores humanos, dunha xustiza in articulo mortis”. Fronte a esta lectura asistencial, formúlao como unha orde económica global e integral, especialmente acaída para a agricultura.

A referencia danesa permítelle pensar un desenvolvemento sen “espasmos violentos”, sen proletarización masiva e sen planificación dirixista, baseado nun incremento sostido da produtividade “sen a renuncia á pequena propiedade”. A cooperativa aparece como mecanismo capaz de evitar a concentración do capital, fixar poboación no medio rural, organizar a transformación dos produtos e xerar valor engadido en orixe. “O cooperativismo danés foi acción económica pura —escribe—, realizada de maneira moi intelixente e razoábel, e que resolveu o problema da xustiza social polo método máis sinxelo: retribuír a cada un conforme o seu esforzo”.

Estamos, pois, ante unha hipótese forte: unha terceira vía que non renuncia ao mercado, pero tampouco o absolutiza; que non suprime a propiedade, senón que a democratiza; que non centraliza no Estado, senón que aposta por unha organización federal da economía.

No segundo ensaio, Beiras ampliará esta perspectiva ao inscribir o cooperativismo nunha tradición internacional que vai desde os pioneiros de Rochdale e os proxectos de Owen e Fourier até o cooperativismo integral da Escola de Nîmes e as experiencias escandinavas, concibíndoo como unha “ideoloxía revolucionaria de carácter redentorista”, orientada ao anovamento profundo da mentalidade económica.

Carlos Calvo lembra un dato elocuente: Galiza produce arredor do 40% do leite do Estado, mais apenas transforma o 10%; a maior parte da industria está en mans de multinacionais ou de grandes grupos de capital foráneo

Fronte á “natureza disolvente do liberalismo” e á “tendencia uniformista e multitudinaria do socialismo”, o cooperativismo propón unha síntese: federalismo, defensa do consumidor, democratización da propiedade e unha figura central, a do cooperador, ao tempo capitalista, empresario e obreiro.

Porén, como o propio Beiras recoñece, esta hipótese non chegou a callar en Galiza. Nin entón nin despois. Carlos Calvo lembra un dato elocuente: Galiza produce arredor do 40% do leite do Estado español, mais apenas transforma o 10%; a maior parte da industria está en mans de multinacionais ou de grandes grupos de capital foráneo, e unha parte substancial da produción expórtase en bruto, sen xerar valor engadido no país. A estrutura cooperativa que permitiría reter, transformar e redistribuír esa riqueza nunca chegou a consolidarse. O problema non foi, pois, de deseño técnico, senón de dependencia estrutural.

É neste punto onde se produce o desprazamento teórico decisivo. O propio Beiras cualificará retrospectivamente o cooperativismo como un “castelo no aire”: non por utópico, senón por insuficiente para explicar e afrontar unha realidade marcada por relacións de dominación e dependencia.

A hipótese colonial —Galiza como colonia interior sometida a forzas exóxenas— ofreceralle un marco explicativo de maior escala, no que a cuestión xa non é só a organización da produción, senón a estrutura mesma do poder económico e político. Así se instala, durante décadas, a hexemonía anticolonial que eclipsa a vía cooperativista sen necesidade de refutala teoricamente.

E, con todo, o cooperativismo non desaparece sen deixar rastro. Permanece como posibilidade truncada, como pregunta aberta. Aquela “ideoloxía revolucionaria redentorista”, aquela proposta de reorganización federal da economía desde abaixo, baseada na democratización da propiedade e na soberanía do consumidor, segue a interpelar: é posíbel transformar sen estatizar? Democratizar sen oligopolizar? Integrar mercado e xustiza sen caer nin no laissez-faire nin no dirixismo?

Nesa tensión entre a ilusión histórica, o eclipse intelectual e a derrota práctica, o cooperativismo no Beiras mozo segue ofrecendo, hoxe, un fío do que tirar. Non como programa pechado, senón como interrogación persistente sobre formas non estatais, non oligárquicas e fondamente democráticas de organizar a vida económica.

Política
“A esquerda estatal á esquerda do PSOE leva ano e medio dando un recital de apoio ao PP”
O histórico líder nacionalista analiza devagar os erros das coalicións coa esquerda federal e acredita en que o futuro da transformación social está fóra das institucións.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...