Bota a andar a primeira cooperativa de vivenda en cesión de uso de Galiza

O proxecto residencial, que marca un fito histórico na xestión colectiva, busca garantir o acceso digno á vivenda e reivindica o dereito a vivir en comunidade fóra da lóxica especulativa.
lavandeiras1
Vista do edificio As Lavandeiras

Segundo os datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, o prezo medio do alugueiro na Coruña pasou de 529,5 euros en 2020 a 733,1 euros en 2025. Un incremento do 38,5% en só cinco anos. No conxunto da Galiza, o alugueiro medrou de 438,6 euros a 594,6 euros no mesmo período, cun aumento do 35,6%.

É neste escenario de emerxencia habitacional onde está a tomar forma As Lavandeiras, un proxecto cooperativo de vivenda en réxime de cesión de uso promovido pola cooperativa cidadá Outra Forma de Vivenda (OFV). En xullo de 2025, tras gañar o concurso dunha parcela municipal en Xuxán, o proxecto deu un salto decisivo cara á súa materialización.

O edificio, deseñado pola cooperativa Hábitat Social, erguirase en sete plantas e albergará arredor de trinta e cinco vivendas de diferentes tipoloxías, desde estudos de 40-50 metros cadrados ata pisos de tres dormitorios de 97 metros. O elemento central será un gran patio interior que funcionará como pulmón verde e espazo de convivencia, complementado con áreas comúns: salas polivalentes, lavandaría, horta urbana e espazos de traballo compartido.

Nin alugueiro nin compra: dereito de uso

O modelo funciona cunha lóxica distinta ao mercado convencional. As persoas socias realizan unha achega inicial de entre 15.000 e 20.000 euros e aboan despois unha cota mensual de entre 500 e 750 euros, segundo a tipoloxía. Esta cota, fixada a prezo de custo, mantense estable durante toda a concesión do dereito de superficie, que neste caso é de 50 anos.

A cooperativa é a propietaria do edificio. As vivendas non se poden vender nin converter en patrimonio individual. Este sistema garante a permanencia do modelo e impide a súa transformación en vivenda privada.

Segundo explica Margarida Vázquez, portavoz da cooperativa Outra Forma de Vivenda, unha vez se esgota o dereito de superficie de 50 anos, o edificio e a parcela pasan a titularidade municipal de novo. Pero isto non significa o final do proxecto: “Normalmente o que se fai é crear unha especie de fondo dentro da comunidade para volver presentarse á licitación se hai; ou negociar co concello para ver de seguir co proxecto”.

Sobre o prazo de concesión, Vázquez recoñece que é mellorable: “En Cataluña, os períodos adoitan ser de 75 a 99 anos”. Con todo, valora positivamente que o Concello adaptase o prego nalgúns conceptos para que as cooperativas se puideran presentar.

Esta mesma semana a cooperativa deu un paso decisivo: vén de asinar a escritura para recibir o solar e ter a adxudicación plena. A partir de agora, dispoñen de catro meses para presentar a solicitude de licenza municipal, e dous anos para a construción do edificio. “Calculamos que podemos entrar a vivir no edificio a finais do 2028 ou comezos do 2029”, afirma Vázquez.

O proceso de selección das persoas socias busca sobre todo a implicación no proxecto e a disposición a “tecer comunidade e ter unha veciñanza de confianza e amable entre todas”. Un dos elementos que distinguen este tipo de proxectos é a aposta pola vida comunitaria. A través dun deseño consensuado, o grupo decide que actividades e áreas comúns quere impulsar, desde bibliotecas ata lavanderías ou espazos de ximnasio.

Novas fórmulas fronte ao modelo especulativo

Os solos que o Concello cedeu o ano pasado para vivenda pública, incluído o das Lavandeiras, “xa levaban aí moitos anos antes”, explica Iago Carro, arquitecto e membro de Ergosfera, quen sinala a necesidade de experimentar con outros modelos e lóxicas de vivenda en “solos completamente vacantes, que non teñen usos formais”.

Para Carro, a posta en marcha deste primeiro proxecto é fundamental. Considera que, cando exista un caso real que funcione e a cidadanía poida velo de primeira man, moitos dos prexuízos arredor dos modelos cooperativos “comezarán a desaparecer”. Noutras cidades do Estado xa se levan moitos anos experimentando con estas fórmulas. “Aquí, como sempre, este tipo de cousas máis experimentais chegamos unhas décadas de tarde”, constata.

O arquitecto sitúa o proxecto nun contexto máis amplo de reflexión sobre o que denomina “rendismo popular”. Durante moito tempo, explica, só se identificaban actores de gran escala ou problemas sistémicos moi abstractos. Pero nos últimos anos saíu ao debate público unha cuestión central: a vivenda converteuse nun refuxio de seguridade para calquera persoa que teña posibilidades económicas, xerando unha situación na que a cidadanía logra seguridade individual á costa da inseguridade colectiva.

Segundo explica Carro, esta identificación do problema tamén está a modificar a maneira de pensar as normativas. A apertura do debate permite revisar conceptos clave como o de grande tenedor e valorar criterios máis axustados á realidade actual, entre eles a posibilidade de considerar que “quen posúe máis dunha vivenda por unidade residencial xa debería ser cualificado como tal”.

Especulación urbanística
Por que non nos atrevemos a falar de rendismo popular? Cando o teu caseiro non é un fondo voitre
Activistas e especialistas abordan a incidencia e a responsabilidade dos pequenos propietarios no problema da vivenda en Galiza e no resto do Estado.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...