Unha vivenda en alugueiro por cada dez pisos turísticos: Galiza asómase ao abismo da xentrificación

No país hai tantas vivendas de uso turístico como persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda: arredor de 33.000. Mentres os alugueiros e o turismo ferven, os sindicatos de inquilinas chaman á mobilización desta fin de semana.
4 jun 2026 13:56 | Actualizado: 4 jun 2026 14:50

Xoves 4 de xuño de 2026. A Consellería de Vivenda da Xunta de Galiza acaba de publicar os datos consolidados sobre aluguer turístico. Hoxe hai 32.359 vivendas catalogadas legalmente para ese uso no territorio. Iso son, segundo o informe do Instituto Galego de Vivenda e Solo, 145.319 habitacións reservadas para visitantes e un total de 312.485 prazas. No mesmo edificio da rúa Berlín de Santiago de Compostela, a Administración galega custodia outra base de datos, a que contén os nomes dos inscritos e inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galiza. Hoxe alí hai apuntadas como solicitantes 33.373 persoas. 

Hai outros datos menos rigorosos, pero si significativos. Os portais en liña de anuncios de alugueiro como Idealista ou Fotocasa apuntan a que hai entre 3.000 e 3.500 vivendas ofertadas no mercado do aluguer. É dicir, hai unha vivenda ofertada en alugueiro por cada dez pisos turísticos dispoñibles en Galiza.

Alimentar e alentar o negocio turístico desde as institucións ten consecuencias graves para as poboacións locais dos lugares obxectivo. Neste caso, as cidades galegas. Non é só unha cuestión que pareza intanxible como a perda de identidade cultural a través do emprego da lingua ou das tradicións propias nos seus centros neurálxicos. Os efectos da xentrificación son cuantificables e expulsan aos veciños e veciñas máis vulnerables dos seus barrios deixándoas sen acceso a servizos básicos para o desenvolvemento da vida e, en última instancia, sen poder acceder, sequera, a pagar un alugueiro dunha vivenda digna preto das súas redes ou do seu traballo.

O problema é multicausal, pero a sinerxía público-privada nos principais concellos de Galiza revélase fundamental. Os últimos datos do Observatorio da Vivenda de Galiza, dependente da Xunta, ofrecen un testemuño dificilmente matizable: a presenza de vivendas turísticas nas sete cidades galegas multiplicouse por 20 só desde 2017. Paralelamente, os alugueres seguen ao alza.

No verán de 2017, sempre segundo o rexistro da Xunta de Galiza, apenas había 256 vivendas de uso turístico nos grandes municipios galegos. O Goberno de Alberto Núñez Feijóo estreou ese ano esa denominación de vivenda de uso turístico e comezou a medir o seu impacto desde entón. Recén subidos os datos de comezos de xuño de 2026, ás portas do verán, a fotografía é reveladora. Entre Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e Ferrol suman hoxe 5.579. Isto significa un aumento de máis dun 2.080% en apenas nove anos. A tendencia, ademais, non parece que vaia cambiar de rumbo e vai liderada, respectivamente, polas cidades máis grandes: Vigo e A Coruña.

Aínda que ambos os Gobernos, dirixidos polos alcaldes do PSOE, Abel Caballero e Inés Rey, levaban anos non só mirando cara a outro lado ante as alertas da sociedade civil e de colectivos como Ergosfera, o Sindicato de Inquilinas, Os Ninguéns ou unha boa ristra de asociacións veciñais de barrios afectados, senón que ambos os consistorios tiñan unha aposta decidida por facer do turismo de masas un gran motor económico do eixo atlántico. Iso cambiou levemente en A Coruña que, pola vontade do Goberno local, foi declarada oficialmente Zona de Mercado Residencial Tensionado ata xullo de 2028.

Compostela, a referencia na limitación das vivendas turísticas

Unha liña recta de norte a sur que só rompeu Santiago de Compostela desde o goberno do Bloque Nacionalista Galego de Goretti Sanmartín. O departamento de Urbanismo de Santiago realizou esta mesma semana 85 inspeccións a pisos turísticos dentro da súa labor de control da legalidade urbanística destes aloxamentos. Segundo explicou o concelleiro Iago Lestegás, en unhas 15 actuacións constatouse que a actividade continuaba malia as ordes de suspensión, o que evidencia que a maioría dos propietarios están cumprindo os requirimentos municipais. Ademais, o consistorio impuxo este ano tres sancións derivadas de expedientes iniciados en 2025: dúas por importe de 30.050 euros e unha terceira de 18.030 euros, reducida un 40 % tras o recoñecemento de responsabilidade por parte do infractor.

Lestegás destacou que estas medidas están a contribuír a reducir o número de vivendas turísticas na cidade. Segundo datos do INE, Santiago pasou de 661 pisos turísticos en agosto de 2024 a 374 en novembro de 2025, un descenso do 43,4 %. Tamén caeu un 25 % o número de aloxamentos inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), ao pasar de 811 en xaneiro de 2024 a 608 en xuño de 2026. O edil, con todo, criticou que o rexistro autonómico siga incluíndo “centos” de aloxamentos que non cumpren os requisitos para operar e reclamou a Turismo de Galiza unha maior verificación previa antes de autorizar novas inscricións.

O Ministerio de Vivenda pide á Xunta que peche 4.450 pisos turísticos ilegais 

Nesta liña, hai apenas unha semana, a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, reclamou á Xunta de Galiza que reforce as labores de inspección sobre as vivendas de uso turístico e que actúe tamén contra aquelas que operan á marxe da normativa, despois de que o rexistro único estatal detectase máis de 4.450 inmobles destinados ao aluguer de curta duración na comunidade.

Nunha carta remitida á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, a ministra sostén que resulta “incoherente” defender a necesidade de aumentar a oferta residencial para conter os prezos mentres miles de vivendas permanecen destinadas a usos turísticos ou temporais nunha situación que considera irregular.

A misiva chega despois de que o Tribunal Supremo anulase en maio o rexistro estatal de aloxamentos turísticos e de tempada. Rodríguez asegura que acata a resolución xudicial, que atribúe ás comunidades autónomas a competencia exclusiva nesta materia, e por iso insta á Administración galega a exercer as funcións de control e supervisión que lle corresponden.

Segundo a ministra, os datos recompilados polo rexistro desde a súa posta en marcha, en xullo de 2025, evidencian que a actuación da Xunta neste ámbito foi “insuficiente”. Como exemplo, cita o caso de Santiago de Compostela, onde afirma que o número de solicitudes rexistradas superaba amplamente o de licenzas municipais concedidas, unha circunstancia que, ao seu xuízo, demostra que a declaración responsable resulta un mecanismo de control insuficiente se non vai acompañada de labores efectivas de comprobación.

A Xunta rexeitou estas acusacións e asegurou que é “falso” que existan máis de 4.400 vivendas turísticas ilegais en Galiza. Nunha resposta conxunta das consellerías de Vivenda e Turismo, o Goberno galego sostén que eses inmobles carecían unicamente do número de rexistro estatal implantado polo Executivo central, unha obriga que, lembra, acaba de ser anulada polo Tribunal Supremo.

O Executivo autonómico defende que mantén unha actividade inspectora continuada para detectar incumprimentos reais no sector turístico e asegura que realiza arredor de 4.000 actuacións de control ao ano, incluídas as relacionadas coas vivendas de uso turístico.

Así mesmo, a Xunta reivindica que Galiza leva preto dunha década regulando este tipo de aloxamentos e reprocha ao Goberno central unha actuación “moi pobre ou directamente inexistente” fronte ao problema do acceso á vivenda. Neste sentido, considera erróneo vincular de forma directa a crise residencial coa actividade turística e defende que a solución pasa por incrementar a oferta de vivenda e reforzar a colaboración institucional entre administracións.

As plataformas polo dereito á vivenda convócan mobilizacións 

Ante esta situación, e no marco das protestas por todo o Estado español, colectivos e plataformas en defensa do dereito á vivenda convocaron mobilizacións este fin de semana nas principais cidades galegas para denunciar o encarecemento dos alugueres, a especulación inmobiliaria e as dificultades de acceso a unha vivenda digna. As protestas enmárcanse nunhas xornadas de mobilización que reclaman medidas urxentes para frear a crise habitacional.

A primeira das convocatorias terá lugar este venres, 5 de xuño, en Vigo. A manifestación arrancará ás 20h desde a Praza dos Cabalos, convocada pola Alianza pola Vivenda. A organización denuncia que Vigo se converteu na cidade máis cara de Galiza para vivir e considera insuficientes as medidas adoptadas ata agora polas distintas administracións.

O portavoz do colectivo, Juan Medela, defendeu a necesidade de aplicar “medidas valentes e contundentes” que ataquen a raíz do problema, que sitúa na especulación inmobiliaria. Entre as propostas formuladas figuran a recuperación das prórroas obrigatorias nos contratos de aluguer, unha maior regulación dos alugueres de tempada, a declaración de Vigo como zona de mercado tensionado e a ampliación urxente do parque público de vivenda mediante a incorporación de inmobles xa construídos.

Ademais, a plataforma reclama unha maior atención ás persoas sen fogar e a eliminación dos límites temporais de estancia nos albergues municipais. “A vivenda estanos a custar a vida. Fai falta actuar de forma contundente e urxente. Se queremos ser a mellor cidade para vivir, temos que ter onde vivir”, sinalou Medela durante a presentación da convocatoria.

As protestas continuarán o sábado, 6 de xuño, en tres cidades galegas. En Santiago de Compostela, a mobilización partirá ás 12h desde a Alameda. Á mesma hora celebrarase unha manifestación en A Coruña, convocada pola Plataforma polo Dereito á Vivenda, que arrancará na praza de Ourense, fronte á Delegación do Goberno.

Durante a presentación desta convocatoria, o portavoz da plataforma coruñesa, Santiago Lamelo, alertou do forte incremento dos prezos da vivenda na cidade. Segundo indicou, o custo de acceso á vivenda incrementouse un 80 % na última década, mentres que as vivendas de uso turístico experimentaron un importante crecemento. Baixo o lema 'Nin alugueres polas nubes nin salarios polo chan', o colectivo denuncia a expansión dos alugueres turísticos e temporais, a escaseza de vivenda pública e as crecentes dificultades da maioría social para acceder a unha vivenda digna.

“A vivenda é un ben básico, non un activo financeiro”, defendeu Lamelo, quen asegurou que moitas persoas se ven obrigadas a compartir piso, asumir alugueres desproporcionados ou retrasar a súa emancipación. A plataforma avanzou ademais que manterá unha campaña de mobilización e presión social mediante actividades informativas, asesoramento a persoas afectadas, denuncias de posibles irregularidades e apoio fronte a desafiuzamentos.

A xornada de loita concluirá en Ourense, onde está prevista unha concentración ás 20h na Rúa Sáenz Díez, número un. Con estas convocatorias, as organizacións participantes buscan trasladar ás administracións a necesidade de adoptar medidas estruturais que garantan o acceso á vivenda e freen o impacto da especulación sobre o mercado residencial galego.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...