Unha muller cunha discapacidade gaña un xuízo histórico en Galiza contra unha empresa de ‘desokupación’

A Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia de Vigo condena a un traballador de DIO Express como autor dos delitos de coacción e danos tras forzala de forma intimidatoria a abandonar a vivenda fóra das canles legais.
Diana Pereira
Diana Pereira, a galega que lle gañou o xuízo por coaccións e danos á empresa de desokupación DIO Express.

Chámase Diana Pereira e acaba de sentar un precedente significativo na loita polo dereito á vivenda en Galiza: acaba de gañar o segundo xuízo do que hai rexistro contra unha empresa de desalojos extraxudiciais. A Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia de Vigo condenou a un traballador de DIO Express —unha empresa de ‘desokupación’— como autor dos delitos de coacción e danos tras “forzala de forma intimidatoria a abandonar a vivenda fóra das canles legais ordinarias” e causar danos no seu inmoble, como acreditou o xuíz nunha sentenza sen precedentes en territorio galego.

No texto, o maxistrado do antigo Xulgado de Instrución número 8 dá por probado que desde polo menos abril de 2024, Diana viña mantendo serias desavinzas cos propietarios da casa que habita como inquilina. En conversa con O Salto, ás portas do xulgado, a denunciante explica que a filla do propietario “negouse” a repoñer algúns dos electrodomésticos básicos para o sostemento da súa propia vida e a da súa filla menor, que agora ten seis anos, como o frigorífico ou reparar elementos estruturais do piso como as persianas ou algúns cristais das ventás.

A raíz destes conflitos, segundo a sentenza, a propia filla do propietario procedeu a contratar os servizos da mercantil de ‘desokupación’ Servicios de Mediación Inmobiliaria DIO Express S.L. A partir de entón, o día 18 de febreiro de 2025, dous dos seus traballadores, actuando en nome da empresa, acudiron ao fogar de Diana, di o xuíz, “co propósito manifesto de perturbar a paz residencial da denunciante e forzala de forma intimidatoria a abandonar a vivenda fóra das canles legais ordinarias”.

“O que buscan é facerche dano psicolóxico e meterche tanto medo que acabes escapando da túa casa”, explica a denunciante

Un deles, o condenado, procedeu a pintar con aerosol de cor verde a palabra “okupa” ao longo da porta de madeira do domicilio, tapando deliberadamente a mirilla óptica coa pintura e inutilizando por completo o bombín da fechadura de acceso mediante a aplicación de cola rápida.

“O que buscan é facerche dano psicolóxico e meterche tanto medo que acabes escapando da túa casa”, explica Diana Pereira, traballadora do sector sociosanitario e que, ademais, conta cunha leve diversidade funcional. “Esta persoa foi intimidada e coaccionada no seu fogar mesmo estando embarazada de seis meses, algo totalmente intolerable desde calquera punto de vista”, denuncian desde o Sindicato de Inquilinas de Vigo.  

Explica a denunciante que o pretexto que os seus arrendadores sostiveron para contratar a empresa de desalojos extraxudiciais era que ela comezara a deixar de pagar o aluguer, algo que desmente por completo.

“Hai que confrontar este tipo de empresas porque, para comezar, operan á marxe da lei, pero tamén intimidan, coaccionan e violentan as inquilinas. Por iso animamos a que as persoas que estean en situacións similares denuncien. Non podemos permitir que os rendistas ou as empresas inmobiliarias utilicen estes métodos para expulsar a xente das súas casas e seguir especulando”, rematan desde o Sindicato de Inquilinas.

Unha fonte de información habitual na prensa de dereitas

Unha das maneiras máis rendibles que ten a marca comercial desta sociedade para darse a coñecer é a rede de colaboracións que teceu cos medios conservadores en Galiza e no resto do Estado español. O seu dono, Francisco Javier Fernandez Ulfe, é unha fonte de información regular para decenas de noticias e reportaxes onde se criminaliza habitualmente a situación precaria de centos de persoas sen alternativa habitacional; se alardea da capacidade de intimidación dun grupo de homes; se pon en dúbida a capacidade do sistema xudicial español; se enumeran os seus supostos éxitos; se promoven os seguros “antiokupación”; se confunden deliberadamente os tipos penais de usurpación e allanamento dunha vivenda; e ata se alaba o físicodo seu propietario: “Ten as costas coma un armario aberto”. O resultado: decenas de páxinas de publicidade gratuíta que, ademais, alimentan o bulo da ocupación como un problema estrutural en detrimento de análises do mesmo calado sobre o mercado inmobiliario e a limitación do acceso á vivenda.

Desde 2020, as cifras de xuízos verbais de ocupacións ilegais non deixaron de descender. En 2018, o número de xuízos sobre ocupacións ilegais de vivenda chegou ao seu máximo: 4.017 anuais. En 2022, reduciránse a 2.785, un 20% menos que o ano anterior. No Estado español o parque inmobiliario supera os 25 millóns de vivendas e os pisos con problemas de okupacións apenas representan o 0,01%, ademais de que a inmensa maioría se levan a cabo en vivendas non habitadas. En cambio, en 2022, ese mesmo ano, produciron 38.269 desafiuzamentos, sete de cada dez por non poder pagar o aluguer. O último informe ao respecto, dos Mossos d'Esquadra, relataba como no caso de Cataluña, o territorio con máis ocupacións, o 97,7% dos pisos ocupados en 2022 estaban deshabitados.

Galicia
La Xunta autoriza al dueño de la principal empresa gallega de desocupación la gestión de residuos industriales
La sociedad Residuos y Reciclajes de Santiago realizó sin autorización actividades de almacenamiento y tratamiento de residuos y la instalación de un vertedero incontrolado de residuos hasta que fue precintada por la inspección urbanística.
Galicia
El ‘teléfono antiokupas’ de la Xunta recibió solo tres llamadas por ocupaciones en 2024
El servicio ha sido renovado este año con un presupuesto de 61.000 euros, con la colaboración del Consello da Avogacía Galega y 135 abogados para atender las consultas. El pasado año atendieron 109 consultas, la mayoría sobre desahucios.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...