Galiza reármase co ‘non á guerra’ para facer fronte ao desfile militar das Forzas Armadas

Decenas de colectivos da sociedade civil e o BNG rexeitan con contundencia o que consideran unha “exaltación obscena da barbarie” e “un intento de xustificación” do gasto militar. Chaman a unha mobilización o sábado 30 ás 12h en Vigo.
Caballero militar
(MAM) do Exército de Terra, Marcial González Prada; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e o delegado do Goberno, Antón Losada, nunha das exhibicións militares desta semana en Vigo.

A celebración do Día das Forzas Armadas este sábado 30 de maio en Vigo desatou, desde hai semanas, unha crecente contestación política e social que cuestiona tanto o sentido do desfile militar como o modelo de cidade e de sociedade que representa. Colectivos antimilitaristas, organizacións xuvenís, plataformas pacifistas e o propio BNG converteron a oposición ao evento nun eixo de mobilización pública baixo unha idea compartida: rexeitar a normalización da guerra e denunciar o aumento do gasto militar en plena crise social.

As protestas chegan ademais nun contexto internacional marcado pola escalada bélica global, o rearme europeo e o aumento sostido dos orzamentos militares. Para os colectivos convocantes, o desfile non é un acto illado nin meramente protocolario, senón unha “operación política e simbólica destinada a lexitimar o militarismo nun momento de crecente tensión xeopolítica”.

A campaña máis ampla foi articulada polo colectivo Espazo Aberto Antimilitar que, baixo o lema 'Desarma Vigo', leva meses facendo pedagoxía e intervindo en espazos públicos co ánimo de dotar a veciños e veciñas de ferramentas e recursos cos que facer fronte a este tipo de exhibicións.

No manifesto, difundido durante as últimas semanas, a plataforma define o acto como “un desfile militar que toma ao asalto a cidade precisamente no momento oportuno”, coincidindo —sosteñen— co regreso dos “tambores de guerra” e cun clima internacional que busca “excitar os ánimos cunha banda sonora xa coñecida por vella”.

Galiza Nova desfile
Acción de Galiza Nova en la fachada de la vieja estación de tren.

O texto formula unha crítica de fondo ao actual escenario político internacional e vincula directamente o auxe da militarización co crecemento da extrema dereita, o control social e o deterioro democrático. “A crecente militarización do mundo, nun contexto de auxe da dereita máis extrema en todas as súas formas, serve como ferramenta de control e sometemento”, sostén o manifesto.

A plataforma considera, ademais, que o discurso da seguridade e da ameaza permanente funciona como mecanismo para xustificar tanto o rearme como o debilitamento de dereitos sociais e democráticos. Nesa liña, denuncia que “o predominio da razón xeopolítica está detrás tanto do estado de guerra permanente como do declive medioambiental”, relacionando directamente a industria militar co colapso ecolóxico e o deterioro das condicións de vida.

Pero a crítica non se queda unicamente no plano internacional. Espazo Aberto Antimilitar sitúa tamén o foco sobre a transformación económica e industrial de Vigo, alertando do que considera “unha reconversión en toda regra cara á industria da guerra”. O colectivo sinala tanto a tradicional actividade militar vinculada aos estaleiros como a implantación de novos proxectos tecnolóxicos relacionados coa defensa.

Entre eles, citan a chegada de Indra cunha planta de fabricación de chips en Valladares, unha parroquia da cidade, e un “centro de excelencia aeroespacial e de defensa” impulsado en colaboración con Zona Franca. Tamén denuncian a creación dunha aceleradora empresarial especializada en seguridade e defensa promovida xunto a Asime, o empresariado do metal. Para a plataforma, esta deriva militarista implica igualmente á Universidade de Vigo, á que reprochan actuar como subministradora de persoal e desenvolvemento tecnolóxico para a industria armamentística: “Esquecendo, parece ser, que un dos fins da Universidade de Vigo é o fomento da paz”, lamenta o texto.

A campaña recibiu o apoio dunha ampla rede de colectivos sociais e políticos, entre eles Ceivar, Verdegaia, o Sindicato de Inquilinas, a Coordinadora Antimilitarista Galega, o CS Fuscalho ou o CS A Revolta.

A oposición ao desfile tamén chegou ao ámbito institucional. O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no pleno do Concello de Vigo unha moción de rexeitamento á celebración do acto militar e reclamou transparencia sobre o impacto económico e urbano do operativo. No documento, asinado polo portavoz municipal Xabier P. Igrexas, o BNG define o desfile como un acto “de marcado carácter militarista e de exaltación españolista” que resulta “alleo ás prioridades e necesidades reais de viguesas e vigueses”.

A formación nacionalista considera especialmente grave que o evento se celebre nun contexto internacional “atravesado pola escalada bélica, o aumento do gasto militar e do crecente uso da guerra como instrumento político ao servizo do imperialismo”. Segundo o texto, Vigo é “unha cidade obreira, aberta e solidaria” que “non necesita converter o seu espazo público nun escaparate de exhibición militar nin nun escenario de propaganda españolista”.

A moción tamén carga contra a presenza da monarquía nos actos, cualificando a institución de “arcaica e anacrónica” e cuestionando a súa lexitimidade democrática.

Un dos aspectos máis criticados polo BNG é o enorme despregamento militar previsto para o desfile. Segundo detalla o documento, participarán máis de 3.200 efectivos do Exército de Terra, Aire e Armada, ademais de Garda Civil e UME. O operativo incluirá máis dun cento de vehículos militares, carros de combate Leopard e Pizarro, cazas Eurofighter e F-18, helicópteros e exhibicións navais e aéreas sobre a ría de Vigo.

O Bloque denuncia o “evidente e innecesario impacto ambiental” do operativo, así como as consecuencias prácticas que xa está tendo sobre a vida cotiá da cidade. O texto critica a ocupación de instalacións deportivas municipais para usos loxísticos militares e as restricións de mobilidade derivadas da organización do evento.

En particular, o grupo municipal reclama compensacións para usuarios e clubs afectados por peches temporais de pavillóns, ximnasios e pistas deportivas, denunciando que moitas persoas continúan pagando cotas malia non poder utilizar as instalacións con normalidade.

A formación tamén esixe ao goberno municipal que faga públicos todos os custos directos e indirectos do desfile: dispositivos de seguridade, limpeza, horas extraordinarias, cesión de espazos ou afectacións á mobilidade. Para o BNG, destinar recursos públicos a este tipo de actos resulta “socialmente inxusto” nun momento marcado por problemas como o acceso á vivenda, o deterioro de servizos públicos ou as crecentes desigualdades sociais.

A contestación social terá este sábado a súa principal expresión nunha manifestación convocada pola plataforma Galiza pola Paz baixo o lema 'Paz e soberanía. Nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares". A marcha partirá ás 12h desde Vía Norte ata Porta do Sol e busca converter o rexeitamento ao desfile nunha mobilización masiva.

Durante a presentación da convocatoria, a portavoz Marta Romero asegurou que o desfile supón “un intento de xustificación” do aumento do gasto militar “en detrimento” da calidade de vida da cidadanía. En termos similares expresouse o portavoz Rafa Vilar, que denunciou a “maquinaria de guerra” impulsada tanto por Estados Unidos como pola Unión Europea e acusou ás institucións de priorizar o rearme fronte ao Estado do benestar.

“A maquinaria militar está destruíndo países e dinamitando o dereito internacional”, afirmou Vilar, que citou expresamente conflitos como as masacres do Estado de Israel en Palestina ou Líbano para contextualizar a protesta.

Nos días previos á manifestación, as accións simbólicas tamén se multiplicaron. A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, despregou unha gran pancarta xunto á estación de tren de Urzaiz co mensaxe “Non á guerra imperialista. A mocidade galega pola paz e a soberanía!”, acompañada dunha imaxe invertida de Filipe VI.

Segundo explicou o colectivo, a fotografía do rei boca abaixo simboliza “o rexeitamento total da mocidade galega á monarquía española como máxima autoridade duns exércitos sumisos á OTAN e ao imperialismo”.

A organización xuvenil denuncia ademais o “gasto millonario” asociado ao despregamento militar “nun contexto de profunda precariedade para as clases populares e a xente nova”, e chamou a participar masivamente na mobilización do sábado para expresar o rexeitamento á militarización da sociedade galega.

A poucos días do desfile, Vigo converteuse así en escenario dun debate moito máis amplo que a propia celebración militar: o choque entre quen reivindica a cultura de paz e quen denuncia a crecente normalización do rearme, a industria militar e o gasto en defensa nun momento marcado pola incerteza social e económica.

Educación
Familias y profesorado se organizan para expulsar a policías y militares de las aulas
Con el pretexto de una narrativa bélica cada vez más presente por la guerra en Oriente Medio, colectivos de docentes por todo el Estado se oponen a que uniformados introduzcan y normalicen armas y material militar en los centros educativos.
Análisis
ReArm Europe, el triunfo del capitalismo verde militar
El plan que acaba de presentar la presidenta de la Comisión Europea vuelve a utilizar la mágica cifra de los 800.000 millones, ahora con el objetivo declarado de transformar el modelo de defensa europeo.
Represión
Casi nueve mil euros por protestar contra la industria militar
La Delegación de Gobierno de Madrid aplica la ley ‘mordaza’ contra doce personas que protagonizaron una perfomance a las puertas de la Feria de Armas.
Materias primas
Tierras raras, el nuevo petróleo en la carrera por la hegemonía mundial
Unos elementos necesarios para avanzar en la competición tecnológica, energética y armamentística se han convertido en la principal arma y amenaza para los países que rivalizan por no quedarse atrás.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...