Unha ex alto cargo de Feijóo na Xunta e exvicepresidenta da Deputación de Pontevedra controla o pelotazo do Barrio do Cura

A exvicepresidenta da Deputación de Pontevedra e man dereita de Feijóo en Vigo como delegada territorial do seu goberno, Marta Fernández-Tapias, ascende a conselleira e presidenta de varias sociedades de Gestilar, promotora da urbanización de luxo.
feijoo tapias rueda
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, canda a agora empresaria Marta Fernández-Tapias e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O seu paso pola política institucional foi efémero e a misión que lle encomendou o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quizais unha cábala. Marta Fernández-Tapias foi colocada polo agora presidente do PP español como delegada territorial do seu goberno na cidade de Vigo no primeiro verán da pandemia, unha posición mediaticamente favorable coa que pretendían construír unha candidata que conseguise a capacidade de disputarlle o voto conservador a Abel Caballero, que o acapara desde 2015. A operación, orquestrada entre Santiago e Madrid, foi un desastre e apenas conseguiu cinco dos 27 asentos no Concello. Con todo, a maniobra, pouco menos que 'suicida', foi recompensada polo partido, que lle outorgou a Vicepresidencia da Deputación de Pontevedra.

En paralelo a aqueles anos, no casco vello da cidade que aspiraba sen acerto a gobernar, estábase acabando de xestar algo moito maior da man da Xunta do PP e o Concello do PSOE: unha macrourbanización con centos de pisos de luxo construída sobre un antigo convento e varios miles de metros de campo, bosque e hortas sobre os que a historiografía non ten rexistro de que houbera nunca nada edificado. O nome comercial que adquiriu tamén llo roubou ao lugar onde se está instalando: Barrio do Cura.

Agora, a que foi man dereita de Feijóo na maior cidade de Galiza cruzou a porta para presidir e formar parte do consello de administración de varias das sociedades do Grupo Gestilar, a promotora que, xunto con o fondo voitre Autonomy Real Estate, están xa en plena construción dos tres edificios que venden pisos que poden chegar a valer máis dun millón de euros.

Sobriña do que fora un dos grandes empresarios galegos da órbita de Florentino Pérez e co que comparte apelido, na actualidade Fernández-Tapias ostenta polo menos 15 cargos en 13 sociedades diferentes, case todas elas vinculadas dun modo ou outro ás promocións de luxo de Gestilar en todo o Estado español, de Marbella ás Rías Baixas.

A versión longa dun gran negocio especulativo

Era 2004 cando o exfutbolista do Celta de Vigo, Valery Karpin; o tamén futbolista Míchel Salgado; e o expresidente do Real Madrid, Lorenzo Sanz —a través da súa sociedade SanSanz—, co respaldo do político José Crespo, adquiriron a maior parte das parcelas do Barrio do Cura, xunto ao Casco Vello de Vigo.

O grupo presentou un ambicioso proxecto, orzamentado en 130 millóns de euros e deseñado en colaboración co arquitecto Alfonso Penela. A proposta contemplaba unha transformación integral do barrio: substituír as súas 350 vivendas por apartamentos de alto nivel, crear zonas peonís, unha praza pública, espazos verdes e unha área comercial de 12.000 metros cadrados.

Con todo, as discrepancias co Concello de Vigo arredor da porcentaxe destinada a vivenda protexida paralizaron a iniciativa. En 2007 estourou a burbulla inmobiliaria e, un ano despois, a crise financeira internacional sacudiu o sistema económico. A sociedade Valery Karpin S.L. & Asociados sufriu con dureza as consecuencias. Tiña solicitado un préstamo de 15 millóns de euros para afrontar a hipoteca do ámbito ao Banco Santander e BBVA, pero os intereses elevaron a débeda ata os 35 millóns.

Tras varios intentos fallidos de poxa xudicial por impagos, en 2018 o fondo estadounidense Autonomy Capital Spain S.L. —propiedade de Autonomy Global Opportunities, con sede en Luxemburgo— adquiriu a débeda do proxecto e pasou a controlar o 80 % do ámbito. A xestión quedou en mans do Barrio do Cura Desarrollo S.L., con Robert Gibbins, fundador en 2003 de Autonomy Capital e exdirectivo de Lehman Brothers Holdings, como administrador. Tamén figuraba entón como administrador o directivo vigués David Ventoso Rañón.

A través de operacións de carácter especulativo e en alianza coa promotora madrileña Gestilar —fundada en 2009 por Javier García Valcárcel e vinculada a Morgan Stanley— intentouse reactivar a actuación sobre os 23.564 m² do barrio, cunha edificabilidade de 55.780 m² para erguer arredor de 405 vivendas. Hoxe, tras a emisión de varios informes favorables da Xunta e o Concello de Vigo e un apoio político incesante do PSOE e o PP, o comezo da obra é xa unha realidade e sobre todo un untuoso negocio.

Especulación urbanística
Un fondo voitre contra unha nonaxenaria: cando unha urbanización de luxo quere botarte da casa
Nove familias enfróntanse ás administracións galegas e a un fondo de investimento para salvarse dunha expropiación forzosa. A “razón de utilidade pública e interese social” que as despraza é a construción de pisos de ata 800.000 euros.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...