CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A TVG toca fondo en audiencia na súa etapa de maior control político pola Xunta do PP
Cambiaron bastantes cousas na Televisión de Galicia desde 2023. Aquel ano, cun presidente da Xunta colocado a dedo polo saínte Feijóo, o ente público colleita o seu mellor dato de audiencia media anual da última década: un 11% de cota de pantalla, segundo Kantar Media. Porén, entre finais dese mesmo ano e xaneiro deste, ocorreron varios feitos noticiosos cubertas mediáticas foron postas en tea de xuízo por boa parte da sociedade civil galega: o proxecto de macrocelulosa que Altri e o accionista maioritario de Greenalia pretenderon instalar en Palas de Rei; a contestación social que ese plan industrial produciu; a crise polo vertido de pellets na costa atlántica; ou as propias eleccións galegas.
A crítica, achegada con dureza desde o principal partido da oposición, o BNG, o comité intercentros da agora chamada Corporación de Servizos Audiovisuais de Galiza (CSAG) e os sindicatos que o conforman; ou decenas de miles de usuarios da TVG nas súas propias redes, viuse agravada por unha programación de dubidosa repercusión.
O humorista estrela do PP, Miguel Lago, facendo bromas sobre “chochetes” para amortiguar as críticas polo seu escaso dominio da lingua propia de Galiza; Bertín Osborne presumindo da súa capacidade para embarazar a mulleres ou admitindo estar pendente do cu dunha presentadora; e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, bailando “o meneíto” no millonario programa de Roberto Vilar, Land Rober, non axudaron a levantar cabeza aos directivos que se sentan nos despachos mais altos de San Marcos.
De feito, alí mesmo, os datos finais de audiencia media anual de 2025 sentaron como un xerro de auga fría: un 8,4% de cota de pantalla, os peores da súa historia. Ademais, este ano tamén pasará á historia de Galiza por ser aquel no que o Partido Popular executou a súa maior manobra para facerse co control total da TVG e da Radio Galega. Os de Alfonso Rueda aprobaron en solitario no Parlamento a nova lei de medios que outorga ao Goberno galego a capacidade de elixir á directora da canle sen maioría cualificada, elimina a fiscalización de contidos por profesionais e abre a porta ao castelán.
De feito, no verán, deuse a coñecer que a xornalista Concepción Pombo, coñecida entre os seus traballadores por ter fiscalizado “con man militar” os informativos substituiría, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo, o anterior director.
Quizais pola constatación desa tendencia decrecente, a TVG decidise multiplicar exponencialmente a produción dun dos poucos programas que lle seguen funcionando en audiencia, o Land Rober. Para a empresa de Roberto Vilar e o xigante CTV, a Xunta autorizou ata 2,1 millóns de euros para transformar o programa semanal en diario e producir cincuenta episodios para o seu prime time.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta de Feijóo pagou sete millóns en dous anos polo Land Rober, que hoxe entrevista a Alfonso Rueda
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!