A TVG aumenta a 2,1 millóns o orzamento do programa que coroou mediaticamente a Feijóo

O contrato asinado pola TVG garántelle á produtora do ‘Land Rober’, o programa polo que se pasean os presidentes da Xunta de Galiza en ‘prime time’, 50 episodios por 2.150.023,5 euros de diñeiro público.
juego de tronos feijoo
O entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, simulando ser un personaxe de Xogo de Tronos. | Foto: CRTVG

A Televisión de Galicia multiplicou o orzamento público que destina ao programa polo que a Xunta pasea aos seus altos cargos ata os 2.150.023,5 euros sen contabilizar o IVE. Fixoo na primeira gran xogada estratéxica da súa nova directora, Concepción Pombo, que decidiu premiar ao programa que coroou no máis alto asento de Xogo de Tronos ao entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e puxo a bailar “o meneíto” ao actual, Alfonso Rueda.

Esta redacción tivo acceso en exclusiva ao contrato asinado pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), a produtora CTV e Tunai Produccións, a empresa do presentador do mencionado programa, Land Rober-Tunai Show, Roberto Vilar. Co paso do programa de semanal a diario —durante a semana—, estas empresas producirán 50 programas de 60 minutos cada un a razón de 43.000,47 euros máis IVE, chegando ao total mencionado ao comezo deste texto.

Aínda que o orzamento público dedicado a este programa se multiplicou agora, o negocio de Vilar, CTV e o ente público vén de lonxe. Entre os anos 2021 e 2022, a Xunta de Galiza, gobernada nesa época por Alberto Núñez Feijóo, gastou sete millóns de euros en subcontratar a produción do coñecido programa nocturno. Este late é un dos programas líderes de audiencia en Galiza e polo que se paseou en varias ocasións o líder do Partido Popular durante os seus 13 anos como presidente e no que, a modo de precampaña nas semanas previas ás eleccións galegas, o seu sucesor Alfonso Rueda se pasou a bailar sobre o escenario coa orquestra Combo Dominicano. Non así os seus adversarios e adversarias políticas no Parlamento de Galiza. Sen contar os acordos de 2023, entre 2021 e 2022 subscribiron un total de cinco contratos que, xuntos, suman 6.973.971 euros de diñeiro público.

Aínda que a información é pública, tamén é escueta. Trátase de cinco licitacións pechadas nas que a dirección da CRTVG solicita os servizos da mesma produtora: CTV. Cada unha das licitacións compóñena 15 programas por un total de 1.394.794,28 euros. E o contrato repítese exactamente igual outras catro veces, aínda que a plataforma de transparencia da televisión pública galega non permite acceder ao contido pormenorizado dos servizos solicitados. Só a cantidade de capítulos e o montante final a pesar de ser unha utilización millonaria de recursos públicos.

Un programa de humor cómodo para o entrevistado

As aparicións de figuras políticas en Land Rober son infrecuentes e, salvo unha excepción, sempre foron vinculadas ao Partido Popular de Galiza. De feito, o director xeral da corporación pública e responsable último dos contidos que se emitían entón, Alfonso Sánchez Izquierdo, foi nomeado por Feijóo ás poucas semanas de converterse en presidente da Xunta en 2009. O mesmo fixo Alfonso Rueda coa súa sucesora cos únicos votos do PP no Parlamento de Galiza.

As aparicións do líder do PP e candidato frustrado da investidura á presidencia do Goberno español sempre foron afables e en clave humorística. Como na imaxe que ilustra esta información, onde o galego bromea con ser un monarca da popular serie Xogo de Tronos. A aparición do herdeiro de Feijóo no cargo, Alfonso Rueda, parece seguir o mesmo camiño.

Un programa que arrinconou a unha nova coa súa exparella

Xusto no período temporal ao que estes contratos se refiren, a mediados de 2021, á dirección de Land Rober pareceulle boa idea tentar arrinconar a unha muller nova que non sabía que nada daquilo ía pasar para que escoitase e perdoase á súa exparella, coa que rompera por vixiar o seu teléfono móbil, entre outras condutas controladoras. No propio capítulo, que non foi emitido en directo, senón que foi unha decisión premeditada da produtora a de emitilo en diferido, a vítima explicou como aquel home a distanciara do seu contorno e ata lle fixera perder un traballo. De feito, a CRTVG non o subiu á súa plataforma de streaming.

Os acontecementos suscitados entón xeraron unha serie de queixas. Desde a asociación Xornalistas Galegas, que expresou a súa firme condena catalogando o sucedido como un “atropelo” e unha “clara violación da intimidade dunha muller, así como unha banalización de comportamentos machistas”. Ata o Comité de Empresa Intercentros da CRTVG, que solicitou a eliminación do programa en cuestión, sinalando que non era en absoluto a primeira vez que presentaba “contidos machistas”.

Tras a presión social unánime, a entón Corporación Radio e Televisión de Galiza (CRTVG) emitiu un comunicado no que argumentou que non tiña coñecemento dos acontecementos que ían ter lugar no programa ata que se transmitiu, e expresa o seu “pesar” cara á nova afectada. Pola súa parte, a produtora CTV, que delegaba entón a dirección do show á empresa do propio Vilar, Destino Bergen, defendeuse dicindo que non tiña coñecemento do contido do programa ata que se emitiu. Máis de catro anos despois daquel acontecemento, non se depurou ningunha responsabilidade pública. Nin na CRTVG nin en ningunha das dúas produtoras.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...