Opinión
A catástrofe é o capital

As múltiples crises ecolóxicas que vivimos non son accidentais. Máis ala dos actores concretos, sexan empresas ou políticos, é o poder impersoal quen as provoca, e soamente a súa abolición lles poderá poñer fin.
Incendio Cima de Vila, Concello de Pantón, Lugo - 6
Felipe Carnotto Incendio en Cima de Vila, en Pantón (Lugo) durante o verán.

O de 2025 foi, segundo Meteogalicia, o verán máis quente na historia do noso país dende que dispomos de datos. O ano pasado, tamén, arderon en Galicia 119.000 hectáreas segundo os datos da Consellería de Medio Rural, facendo especial dano na provincia de Ourense: alí, as lapas arrasaron con case unha sexta parte do seu territorio. En paralelo, a Xunta de Galicia concedeu axudas públicas a numerosos proxectos mineiros, e seguiu a mobilizar o seu arsenal mediático e administrativo co obxectivo de instalar unha enorme planta de fabricación de fibra téxtil a base de celulosa no corazón da comarca da Ulloa. A pesar do seu enorme impacto ambiental, as multitudinarias manifestacións en contra do proxecto ao longo de todo o ano pasado amosáronse, até o de agora, infrutuosas. Galicia arde, e os seus máximos responsábeis políticos teiman en botarlle aínda máis madeira ao lume.

Cada un de nós seguramente é quen de poñerlle caras e nomes concretos a algúns dos responsables destes feitos, comezando por quen leva gobernando o país de forma practicamente ininterrompida dende hai case medio século. Porén, por moito que resulte clarificador poñerlle nomes e apelidos, e mesmo resulte útil politicamente cando se trata de concitar multitudes nas prazas de vilas e cidades do país, hai algo máis.

Non todo se explica pola cobiza, ignorancia ou maldade de actores concretos. De ser así, asistiriamos ante un desafortunado cúmulo de casos concretos e, en última instancia, illados. Porén, a súa persistencia no tempo, así como a ampla variedade de casos concretos, atopan a súa explicación última non nunha proverbial maldade das nosas elites e gobernantes (sen negar que diso algo hai), mais na forma concreta na cal reproducimos as nosas sociedades no día a día. Nas sociedades capitalistas, o colapso ambiental é o seu necesario corolario.

O metabolismo capitalista

Toda sociedade humana ten que establecer unha relación colectiva coa natureza que lle permita obter aquilo que necesita para se reproducir, un metabolismo social entre nós, os humanos, e o mundo natural que nos arrodea. O singular das sociedades capitalistas é que esta organización colectiva do traballo social non é establecida pola sociedade de forma consciente. Ben ao contrario, cada quen, illadamente, ten que decidir que producir e como facelo, na expectativa de lograren vender os seus produtos no mercado para así poder adquirir todo aquilo que precisen para vivir.

A través dos prezos e os seus incesantes movementos, emerxe de forma inconsciente unha división do traballo e unha distribución dos seus produtos. Nisto están de acordo os economistas convencionais. Porén, non emerxe soamente iso. Hai algo máis. Resultado das nosas accións individuais e sen coordinación consciente emerxe tamén, de forma inevitable, un poder estraño, alleo ás nosas decisións individuais e non suxeito a ningunha autoridade colectiva, un poder impersoal, inmaterial e espectral, aínda que decididamente obxectivo: o capital. Se ben emana da nosa propia vida social, ao mesmo tempo subordínaa e fórzaa a cumprir coa súa irredenta vontade de expansión.

A vida, nas sociedades capitalistas, adquire irremediablemente este cariz tráxico: ao reproducirmos a nosa vida, reproducimos tamén aquilo que a nega

Os actos produtivos non teñen soamente que producir cousas útiles para alguén (como ocorre en calquera sociedade), senón que teñen que producir tamén valor, isto é, teñen que poder transformarse en diñeiro mediante o intercambio. E non soamente valor, senón tamén máis-valía, isto é, de todo o proceso teñen que resultar máis cartos dos que se necesitaron para darlle comezo. O capital soamente entende de números, e sempre quere máis.

En suma, no propio proceso de nos reproducir como sociedade no día a día, reproducimos tamén un poder alleo que, malia emanar das nosas propias accións, semella adquirir vida propia, e que acaba por subordinar os nosos desexos á súa cega vontade de auto-expansión. A vida, nas sociedades capitalistas, adquire irremediablemente este cariz tráxico: ao reproducirmos a nosa vida, reproducimos tamén aquilo que a nega.

A natureza capitalista

A produción de todo aquilo que nos é útil e necesario para reproducir a nosa vida require dunha interacción continua co noso entorno natural. Porén, este último ten os seus propios ritmos que teñen que ser respectados para se reproducir axeitadamente, ritmos que entran en crecente conflito cos requirimentos cada vez máis esixentes que lles impón o capital.

O capital, potencia cega, non soamente ignora estes límites, senón que intenta transcendelos como sexa. Como ben indica a politóloga norteamericana Alyssa Battistoni no seu recente libro Free gifts. Capitalism and the politics of nature, todo aquilo do cal a natureza lle fornece, e sen o cal non podería sequera existir, o capital enténdeo como un regalo. O caso da potencial planta de celulosa de Altri en Palas de Rei exemplifica a amplitude e ubicuidade dos seus efectos.

Por unha banda, o capital modula aqueles elementos que entran directamente no proceso de produción para que mellor lle sirvan na súa auto-valorización. No noso país, de forma paradigmática, as esixencias de rendibilidade da industria madeireira impoñen presións, ineludibles por moi abstractas que sexan, para substituír variedades autóctonas de máis lento crecemento por un monocultivo do eucalipto que xa asolaga o país. Ou, de forma análoga, as explotacións gandeiras tradicionais esmorecen gradualmente fronte á acción das macro-granxas nas cales a alteración xenética dos animais, xunto co seu maltrato consciente, son elementos constitutivos da súa rendibilidade. O capital produce unha natureza propia conforme ao que precisa dela.

Por outra banda, porén, os seus nocivos efectos non se limitan a aqueles procesos e elementos que entran directamente nos procesos de produción encamiñados cara o mercado. Baixo a linguaxe técnica das mal chamadas “externalidades” agóchanse múltiples efectos, dende o desleixamento do mundo rural ante a cancelación doutros usos alternativos, facendo así do país un territorio aínda máis inflamable; até a alteración dos ciclos hidrolóxicos a causa das súas inxentes demandas de auga e das verteduras contaminantes nos mesmos.

Alén do capital

Nas sociedades capitalistas, a única posibilidade de termos acceso ás condicións que nos permiten reproducir a vida propia é comulgar coas demandas que o capital nos impón. No proceso de reproducírmonos como sociedade, seguimos á alimentar a besta. O capital é tanto condición de vida como promesa de morte. Os nosos corpos, os nosos bosques, os nosos mares, todos teñen condicións propias de rexeneración que o capital non pode máis que ignorar. A catástrofe ecolóxica é o seu necesario corolario.

Porén, o colapso non é o único futuro posible, aínda que ás veces así o podo parecer. Fronte á anarquía que o capital promove, é preciso traballar por acadar unha regulación consciente da nosa relación metabólica co noso entorno natural que respecte os seus límites e os seus requirimentos, que non subordine a totalidade do planeta a obscenas ambicións de lucro, que recoñeza que nós mesmos somos natureza. Soamente así teremos un futuro que legar a quen veña despois de nós, e un presente que verdadeiramente pague a pena vivir.

Opinión
Do lume ao futuro, repetir ou cambiar
Por que arde o monte? Quen o queima? Por que o queiman? Pódense evitar os incendios ou son un mal endémico? Ningún problema complexo ten solucións simples, pero todas estas grandes preguntas teñen resposta desde hai tempo.

Los artículos de opinión no reflejan necesariamente la visión del medio.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...