Memoria histórica
“A presenza da extrema dereita a día de hoxe é, en grande medida, produto de non ter feito ben o traballo da memoria histórica”

Tras varios anos de investigación e de traballo Miguel Paz Cabo (Compostela, 1985) publica en outubro de 2020 ¡Viva la libertad!, un libro no que se recolle a “silenciada historia” do mestre Fernando Barcia Veiras.

Miguel Paz Cabo
Miguel Paz Cabo. Foto: José Antonio Otero
10 dic 2020 10:05

Miguel Paz Cabo, especialista en Historia Contemporánea e licenciado pola Universidade de Santiago, leva anos de activismo e traballo investigador ao redor da memoria democrática. En outubro de 2020 a editorial Alvarellos publícalle o seu primeiro libro: ¡Viva la libertad!, resultado de varios anos de investigación ao redor da represión fascista en Compostela e a súa contorna. Ainda que o obxecto central do libro é contar a “historia silenciada” do mestre rural, sindicalista e dirixente socialista Fernando Barcia Veiras, pódese dicir que foi o resultado “casual” de andar investigando, de seguir outras historias: Paz Cabo buscaba a Constante Liste Forján, sindicalista, tenente de alcalde de Teo en xullo de 1936 e o irmán, ainda desaparecido, de Enrique Líster.

Memoria histórica
El campo de concentración franquista de Albatera muestra sus primeros vestigios del horror de la posguerra
Ubicado en el pequeño municipio de San Isidro, este espacio albergó durante sus siete meses de funcionamiento como campo de concentración a miles de republicanos que llegaron a Alicante huyendo de la represión franquista.

A pandemia da covid-19 atrasou a publicación dun libro que non contou con apoio institucional de ningún tipo e que, segundo comenta Miguel Paz, saiu “exclusivamente pola aposta do editor”. Consciente do papel fundamental da sociedade civil na recuperación da memoria histórica e democrática, lamenta que ainda “sexan as asociacións, as propias familias as que estean desenterrando coas suas propias mans os corpos” das vítimas do fascismo e non o Estado. Por mor da alerta sanitaria esta entrevista ten que realizarse a través dunha vídeo-chamada. Miguel Paz actualmente é profesor de Xeografía e Historia no ensino secundario.

Por que comezas a investigar unha figura como a de Fernando Barcia?
Coñezo a figura de Fernando Barcia nunha das entrevistas que fago con Eduardo —fillo de Constante Liste—. Coméntame que Aurora Líster repartía leite na casa onde Barcia estivera agochado. Ademáis aparece citado nun libro de Luis Lamela e tamén nuns documentos que me facilitan no arquivo de Teo. O primeiro que fago entón é buscar á familia de Fernando para ver se me poden dar algunha información sobre Constante. Non é así, mais si que se abre outra liña de investigación que é a que finalmente chega a publicarse.

Hai algo entón que chama a túa atención para que decidas dirixir a investigación cara a Fernando Barcia?
Nas primeiras entrevistas que teño coa súa filla empézame a falar dunha figura que vexo que ten unha relevancia histórica e humana demasiado grande como para non ter sido contada a súa vida. Cando comezo a buscar sobre Fernando reúnome con distintas persoas que traballan no campo da memoria e coméntolles que me propoño buscar sobre el e todo o mundo me di: “Das en óso”, “non vaias por aí”, “non hai moito que facer…”. Mais ao final si que aparecen moitos datos e moita información. Hai que investigar moito nas hemerotecas, moito nos arquivos militares, nos da administración, e así é como van saíndo as cousas.

Cando se le o libro unha das cousas que máis chama a atención é que Fernando Barcia é unha figura bastante silenciada pese ao seu protagonismo na historia da Compostela e da Galiza republicana. A que pensas que se debe isto?
Unha vez rematada a investigación penso que hai como dous ou tres factores fundamentais para que esta figura non sexa tan coñecida como tería que ter sido. O primeiro e evidente é o propio silenciamento de 40 anos de ditadura e, xunto a este, outro factor que está ligado e que é a non asunción dos valores democráticos por parte dos distintos gobernos, das institucións e das Universidades xa na etapa post-dictadura. Estas institucións eran as que realmente tiñan que ter investigado e sacado á luz historias como a de Fernando Barcia.

Esa non asunción dos valores democráticos por parte das institucións reflíctese, por exemplo, nas respostas que tiven cando solicitaba información nos arquivos penitenciarios sobre Constante Liste ou sobre Fernando Barcia e que me responden que, casualmente, os arquivos dos anos 36, 40, do inicio da ditadura, desapareceran nun incendio ou nunha inundación. Entón claro, atópaste con que o papel que tiveron as distintas institucións —o Estado— é, canto menos, neglixente. Penso que todo isto ven do feito de que sacar á luz figuras como a de Barcia, era sacar á luz os valores máis esenciais da Segunda República e, posibelmente, era algo que non estaba na axenda dos que elaboraron a Constitución.

Hai outro segundo factor que favoreceu o seu esquecemento que para min ten que ver coa adscripción de Fernando Barcia ao largocaballerismo: unha memoria que resultaba incómoda para moita xente incluso dentro das propias filas do Partido Socialista. Posibelmente porque esa tendencia era a que menos se adaptaba á posición do PSOE na transición, unha vez morto Franco. Isto é asi porque esta corrente apostaba pola creación de tecido popular. Hai un exemplo, do que se fala no libro, que penso que o deixa bastante claro, como é o antecedente da Plataforma de Afectados pola Hipoteca —a comisión para parar os desafiuzamentos obreiros vencellada á Asemblea Obreira—. Paréceme ademais que ese xeito de ocultar personaxes como Fernando Barcia tenta agochar que moitas das loitas a favor dos dereitos sociais teñen unha fonda raiz republicana.

Sacar á luz figuras como a de Barcia, era sacar á luz os valores máis esenciais da Segunda República e, posibelmente, isto era algo que non estaba na axenda dos que elaboraron a Constitución.

E hai un terceiro elemento que para min é fundamental que é o de que as que foron as portadoras —unha vez asasinado Fernando Barcia—, da súa memoria son todo mulleres: Ramona, a súa muller, e as súas fillas, Genita e Fernanda. Isto acontece nunha sociedade patriarcal que relega, e sigue relegando as mulleres a un segundo plano na actividade pública, política e social. As investigacións que se fan tamén están influenciadas por esa sociedade patriarcal e, polo tanto, non van ter en conta ás mulleres como suxeito político —como protagonistas— mais tampouco como fonte de información.

Todos estes factores levan ao que a neta de Fernando Barcia nos comentou durante a presentación do libro en Compostela, que unha vez asasinado o seu avó —e cito textualmente—, “el oneroso manto de silencio sobre la figura de mi abuelo” provocara un grande dano na familia. Está a represión do asasinato e a represión do esquecemento. Para min estes son os principais factores.

As investigacións que se fan tamén están influenciadas pola sociedade patriarcal e, polo tanto, non van ter en conta ás mulleres como suxeito político —como protagonistas— mais tampouco como fonte de información.

Curiosamente unha figura como a de Fernando Barcia Veiras, un dirixente importante do Partido Socialista en Compostela, segue sen ter unha rúa adicada na cidade pese a ser esta unha cidade gobernada polo PSOE durante moitos anos.
Si, non é unha figura que teña rúas en Compostela, nin en ningún outro lugar. El tivo traballo político non só en Compostela senón noutros lugares como Vigo ou Ferrol. Non ten unha rúa cando outros personaxes como Victor Muñoz —o que era o xefe da Falange— segue a manter as placas da rúa que até hai escasos anos levaba o seu nome. Penso, e é algo que din as vítimas, por exemplo Eduardo Líste respecto do seu pai, que a mellor homenaxe sería xa non só unha placa ou unha rúa, senón un libro de texto: que as súas vidas, que a súa memoria democrática, aparezan nun libro que se ensine nas escolas.

No libro recolles a actividade do Comité Executivo de Defensa da República de Compostela, cal foi o papel de Fernando Barcia nel?
Fernando Barcia penso que era unha persoa cun carácter peculiar. Coido que era unha persoa moi querida en Compostela polo que recollín da xente coa que puiden falar. Ese carácter peculiar e ese posicionamento co largocaballerismo, fan que, despois da revolución de Asturias, cando veñen a Santiago distintos deputados a dar un mitin que é boicoteado por militantes comunistas e da CNT, só deixan falar a unha persoa: a Fernando Barcia Veiras. Entón esa boa forma de organizar, esa capacidade de pór puntos en común entre distintas organizacións, sindicatos, partidos e demáis, lévano á presidencia do Comité Executivo de Defensa da República. Isto é, a ocupar xunto co que é nese momento alcalde de Santiago, José Germán Fernández, o despacho da alcaldía durante os días do golpe de Estado. Tamén organizan a resistencia,ou sexa, a requisa de armas, a toma de explosivos: todos os elementos que nalgún momento dado poderían ter sido utilizados para defender a legalidade republicana.

Detrás da túa investigación está tamén esa vontade de homenaxear e de facer posíbel que non se perda a memoria destas persoas?
Si, algo que penso que é importante, e que seguramente haxa que incidir sobre iso, é que a historia precisa de referentes. Moitas veces, se non exemplificamos en persoas a historia resulta valeira ou orfa. Refírome a que moitas destas persoas son referentes, indícannos camiños, valores e formas de actuar correctamente como sociedade. Entón si que penso que un dos obxectivos era non só recuperar unha figura políticamente importante, senón que, desde o plano puramente humano, era unha persoa da que debe coñecerse a súa forma de actuar, mesmo nos días do propio golpe de Estado.

Fernando Barcia (Alfonso Martínez
Fernando Barcia. Obra do pintor Alfonso Martínez, ilustrador do libro ‘¡Viva la libertad!’.

No libro tamén é importante a relación que estableces con movementos políticos ou sociais da época actual —antes mencionabas o exemplo da PAH—. Deste xeito conectas as dúas épocas e sitúas ás figuras nun contexto que, visto xa desde agora, os humaniza e os situa intervindo nunha realidade con problemáticas non tan distintas das actuais. Que intención tes con isto?
Eu penso que é fundamental. Unha das vitorias da ditadura, e da forma de facer a transición, foi relegar ao branco e negro o que acontecía nos anos 30. Cando vemos imaxes nos documentais —na escola e nos institutos— da segunda guerra mundial, xeralmente temos acceso a fotos e imaxes en cor. Imaxes que nos fan sentirnos reflexados na realidade e nas persoas que vemos. Sen embargo, cando vemos imaxes das vítimas do franquismo, da guerra civil, do golpe de Estado e da Segunda República, sempre son imaxes en branco e negro, de moi mala calidade. Isto fainos observar esa periódico histórico con demasiada lonxanía, como se esa distancia temporal non fose quen de modificar o noso presente. Porén, aquela sociedade era moi parecida á sociedade actual e a presenza da extrema dereita a día de hoxe, é en grande medida produto de non ter feito ben o traballo da memoria histórica.

Penso que a mellor homenaxe sería xa non só unha placa ou unha rúa, senón un libro de texto: que as súas vidas, que a súa memoria democrática, aparezan nun libro que se ensine nas escolas.

Se imos a outros países onde o nazifascismo si que foi derrotado pola vía militar, non como en España —onde non foi derrotado nin militar, nin política, nin cultural, nin económicamente—, si veremos que a actitude da xente, a actitude dos dirixentes políticos —incluso da dereita—, é moi diferente da que existe en España.

Por que ese interese en “reconstruír” a Compostela do anos 30?
Penso que é bastante diferente da imaxe que poderíamos ter: esa Compostela que podemos imaxinar no gris e negro das sotanas, no verde de militares… Coido que volve ser unha victoria do franquismo imaxinarnos esa época nesas cores. A min para esta investigación pareceume interesante coñecer distintas cotidiandades que me servisen para reconstruir un pouco o ambiente da cidade: que películas se vían, que novos sabores de xelados estaban a chegar á cidade, que bares estaban de moda… Pode parecer unha tontería, mais a min valeume para reconstruír como era a cidade. Por exemplo, no libro falo dun bar novo que se abre que se chama La República, moi perto da praza do Toural, e iso da mostra do proceso de republicanización da sociedade da época.

En definitiva, interesoume coñecer un pouco a que ulía Compostela na Segunda República. A partir de descobrir todos eses bares, todos eses locais, dame a sensación de que era unha cidade alegre. Claro, cando comezas a ver todo iso, que non era unha cidade de conflito contínuo, que non era unha cidade gris, daste conta de todo o que nos roubaron. Xa non só é que nos roubasen os principios republicanos, senón que tamén a aposta pola ciencia, pola ilustración, polo laicismo, pola igualdade entre homes e mulleres… Todo o que se reflicte en todo ese movemento asociativo que en grande medida se reunía nos bares, nos locais sociais e en distintos espazos. Iso é así porque a nosa historia non é moi diferente da do resto de Europa neses anos.

No teu libro recuperas tamén os nomes dos fascistas e dos responsábeis das execucións e dos asasinatos, os “paseos”. Que importancia lle dás a recuperación destes nomes para que exista xustiza e a reparación?
É algo que falando hai pouco con persoas da ARMH (Asociación Pola Recuperación da Memoria Histórica) comentaban, unha vez publicado o libro, que era moi necesario. Eu penso que é un tema moi importante pero que desde o punto de vista histórico, da ciencia, é bastante sinxelo de solucionar. Se ti colles un libro de Sergei Kovaliov vas achar que aparece o nome de quen lle deu a puñada mortal a Xulio César e tamén o dos que son os autores intelectuais dese asasinato. Por que se se pode facer nunha etapa da historia, noutro momento eu non vou poder dicir quen dirixía o piquete de execución de Fernando Barcia? Non tería moito sentido.

O problema é semellante ao que expuxen antes. A transición fundamentouse sobre o esquecemento: Juan Gelman dicía que tras as dictaduras comeza o tempo dos organizadores do esquecemento.

Como chegas a eses nomes e con que dificultades te enfrentache por querer recuperalos?
Pois grande parte dos nomes que van aparecendo son produto da propia documentación franquista. Quero dicir, eles entenden as execucións como algo normal e xeralmente vai ser un médico forense o que certifique as mortes e diso queda constancia, igual que queda constancia de quen dirixe o piquete. Mais eles cometen, ás veces, o erro de deixar tamén constancia para o futuro das persoas que eran as responsábeis de “paseos”, e deste erro puiden sacar algunha información. Penso que este é un problema complexo —o dos vitimarios— por un motivo: cantos libros deixaron de recibir subvención ou axudas, cantos libros que nun principio parecían que ían ser subvencionados e finalmente non o son, por recoller precisamente os nomes dos responsábeis da represión? E pode que este libro sexa un caso deses.

Cantos libros ou ou cantos documentais tiñan que ter sido publicados e ao final, polo número de nomes que aparecían no mesmo, fican no olvido? Eu penso que para os vitimarios hai só unha saída digna —digamos para os herdeiros—, que é que se digan os nomes dos que foron: como se está a facer na Arxentina, ou como se pode ver nun documental que se realizou nas Illes Balears, Nosaltres, els vencedors, no que saen descendentes de victimarios recoñecendo o que fixera o seu parente e pedindo perdón. Mais publicar os nomes dos victimarios segue sen ser doado.

Cantos libros deixaron de recibir subvención ou axudas, cantos libros que nun principio parecían que ían ser subvencionados e finalmente non o son, por recoller precisamente os nomes dos responsábeis da represión?

Pode entón influir á hora de recibir ou non subvencións?
Eu mais ou menos teño constancia de casos así. No meu caso era probábel que o libro recibise unha subvención que finalmente non recibiu. Son cousas que non podes confirmar sempre, porque ninguén vai decir o motivo da non subvención, simplemente, esta non chega.

A maiores disto, que outras dificuldades atopache á hora de levar a cabo a investigación para este libro?
Pois atopar a documentación é algo moi complexo, ten unha parte de búsqueda moi profunda en toda a hemeroteca: buscar e buscar até que apareza o nome do que andas detrás. Mais despois existen outros problemas que teñen que ver con esa neglixencia do Estado para gardar os documentos xerados na época, o que se traduce en que a maioría dos arquivos penitenciarios ou se desfixeron ou a súa documentación foi eliminada. Despois atopámonos con outro problema que é o de que as fontes orais, por lei de vida, están a morrer e estamos a facer unha carreira contrarreloxo para recuperar esas fontes orais que o Estado tería que ter recuperado.

Por outra banda moitas outras fontes desapareceron, como por exemplo o periódico que sae recollido no libro, o periódico Trabajo da Agrupación Socialista de Santiago, do que non se dá achado ningún exemplar, non hai constancia de ningún. Buscar nos arquivos é complexo porque son moitas horas e por exemplo os arquivos —cando eu comecei a investigación eu estaba desempregado— como o de Compostela e outros cobran —e cobran ben— por cada fotocopia que fas. Entón ao final investigar tampouco é doado económicamente.

É importante sinalar que ti esta investigación a levas un poco á marxe das institucións —tamén das académicas—.
Si, é unha investigación na que a Universidade non se implicou, na que o Concello de Santiago —que si sabía que esa investigación existía— tampouco ofreceu axuda nin nada, e que se publica exclusivamente pola aposta do editor. Unha vez desaparecida a editorial Edicións do Castro, de Isaac Díaz Pardo, son necesarios editores que aposten pola recuperación da memoria.

Nun dos capítulos fas unha pequena crítica da historiografía do nacionalismo galego. En que elementos baseas esta crítica?
Penso que hai que partir dun feito que é irrefutábel, que é o de que a historiografía nacionalista foi hexemónica en Galicia nos discursos alternativos ao oficialismo da transición nos últimos 40 anos, e isto hai que recoñecelo. Do que falo é de cando os usos políticos da memoria se impoñen sobre as investigacións históricas. Con isto non digo, ollo, que non existan investigacións do campo ou da historiografía nacionalista moi serias e rigurosas, que as hai e moi boas. Sen embargo, si que creo que a construción do seu relato durante estes 40 anos dos que falaba, deixou moi profundos ocos e, moitas veces, acotou relatos a momentos vitais puntuáis dunha persoa e os seleccionou en exclusiva para acomodalos ou facelos funcionais a un discurso, a un relato político. Ao mesmo tempo penso que non houbo interese en sacar á luz a tantas e tantas persoas do mundo dos comunistas, dos socialistas, dos anarquistas ou dos republicanos, porque non eran cómodos a certo relato, e que si que tiñan xogado un papel clave nos anos 30.

O golpe de Estado e a guerra civil que se desencadea penso que teñen múltiples aristas, múltiples enfoques que hai que analizar. A guerra civil é un conflito sobre que papel tiña que ter a muller na sociedade, é un conflicto sobre as distintas visións do que é a nación e cal é a nación, é un conflicto intelectual, é un conflicto cultural, mais ten un eixo fundamental que é a loita de clases. Principalmente porque a idea de loita de clases nos anos 30 vertebra a sociedade. Como di Julián Casanova, a loita de clases naquel momento é fundamental creamos ou non nesa idea, porque aquela sociedade si que cria niso e tíñaa como un eixo vertebrador. Coller só unha daquelas aristas ou primar unha delas para min é un dos erros fundamentais que se cometen a veces.

A guerra civil é un conflito sobre que papel tiña que ter a muller na sociedade, é un conflicto sobre as distintas visións do que é a nación e cal é a nación, é un conflicto intelectual, é un conflicto cultural, mais ten un eixo fundamental que é a loita de clases.

No teu libro é a primeira vez que se recolle unha ruta pola Compostela republicana dos anos 30, na que se recollen distintos lugares que visitar. Supoño que tamén che produciu un traballo intenso.
Cando eu comezo a investigar sobre Fernando e antes sobre Constante e a investigar un pouco sobre o que pasaba en Compostela naqueles anos, do que me decato é de que eu non sabía como se chamaban as rúas de Compostela na época, que locais sociais existían ou que bares había, e parecíame intereresante coñecer iso. Eu tiña nunha cortiza un mapa de Santiago e, para facerme unha idea, ía marcando con bandeiriñas os locais e os cambios de nomes de rúas e demáis. E cando foi collendo forma pareceume interesante que a xente que quixese ler o libro poidera, ao mesmo tempo, ir e buscar no plano —un plano que é da época e que reconstruin cos nomes das rúas no que non aparecían porque é moi de comezos da Segunda República—.

O traballo consistiu en ir buscando en xornais a publicidade de distintos locais, mais non só, porque, como pasa a día de hoxe tamén, os locais máis populares, máis frecuentados pola clase traballadora, moitas veces non se anuncian nos xornais de masas. Unha parte dos locais que aí aparecen atopeinos nos arquivos militares: por exemplo nunha denuncia onde se advirte da participación de Fernando Barcia nunha reunión na taberna do Padre Benito, na que se lle vencella cos sucesos da Revolución de Outubro do 34. Entón digamos que usei distintas fontes, prensa da época, arquivos militares e fontes orais.

Ruta Santiago Republicano
Mapa coa ruta polo Santiago republicano elaborada por Miguel Paz Cabo.

Por outra banda tamén considerei importante incluir o plano no libro e propor un roteiro, para que nunha cidade como Santiago exista unha alternativa a ese turismo conservador baseado na relixión. Iso tamén me parecía interesante. Cando ti visitas por exemplo Alemaña, tes múltiples informacións sobre o que foron os anos 30, sobre a represión, porén en España, en ningún sitio tes algo así. Por iso tamén me parecía interesante. Se alguén ven de visita a Santiago e quere coñecer un pouco como era a cidade na Segunda República e como foi a represión, pois que poida facelo tamén a través dunha ruta turística.

Que pensas que teñen que facer as institucións ainda? Que fica pendente, para recuperar a memoria, a xustiza e a reparación?
Comentabamos antes que moitas desas homenaxes que se fan moitas veces, unha estatua, unha placa, un monolito… As asociacións de vítimas do que máis falan é dos libros de texto. Isto é, precisamos que as xeracións mais novas, as xeracións seguintes, coñezan o que pasou. Iso por un lado. Pero polo outro, está a morrer moita xente que sigue a buscar os seus pais… E non pode ser que sexan as asociacións, as propias familias as que estean desenterrando coas suas propias mans eses corpos.

Esa é unha labor que lle corresponde ao Estado. Ten que ser o encargado, seguindo métodos científicos, de levantar os corpos, de facer as mostras de ADN necesarias —cousas que até o de agora están a facer as Asociacións mais que non pode seguir sendo así—. Ten que ser o Estado o garante de que as familias podan enterrar os seus mortos con dignidade.

A día de hoxe como sociedade ainda quedan moitas tarefas pendentes para superar e fechar as feridas e o trauma colectivo que supuxo a represión e a ditadura. Que importancia ten a memoria para a saúde democrática?
Hai unha especialista Ana Miñarro, que afirma que o trauma colectivo, o trauma provocado a través dos procesos represivos, sistemáticos e de exterminio —como é o caso español— chegan incluso até a tercera ou cuarta xeración. O número de xente que segue a buscar aos seus familiares, bisavós ou avós, segue a ser moi grande. Penso que isto afecta claramente á calidade democrática da nosa sociedade e tamén da nosa cidade.

Seguimos a escoitar o ruído de sables, comunicados de militares louvando a dictadura, cousas que nos siguen lembrando que a garantía de non repetición segue a ser demasiado feble.

Na miña experiencia podo resumila nun suceso, cando eu falo por primeira vez coa Filla de Fernando Barcia só me atende a través da porta, non me abre, e estamos así como algo máis de dúas horas. Unha vez que comezo máis adiante coas entrevistas, ela mesma me di que cando chaman á porta ten medo. Cóntame, literalmente, que cando chamaban á porta era para facer rexistros, para os insultos, as palizas, as desaparicións… Isto penso que evidencia o feito de que o trauma sigue presente e existindo. Isto ademáis sucede nun país que non viviu un proceso de verdade, de xustiza nin de reparación. E vencellado a todo isto, un país no que a garantía de non repetición segue a ser moi feble. Seguimos a escoitar o ruído de sables, comunicados de militares louvando a dictadura, cousas que nos siguen lembrando que a garantía de non repetición segue a ser demasiado débil.

Penso que unha sociedade que segue a buscar a García Lorca, a Constante Liste e a tantos outros, ten unha saúde democrática bastante fráxil.

De todos xeitos non consideras que houbo algún avance últimamente?
Si, penso que si que se están a facer cousas, que cada vez existen máis investigacións. O que pasa é que o Estado ten que ser o garante de que todas esas investigacións chequen ás bibliotecas e ao ensino. Esa é a parte débil. Mais si que creo que é un dato positivo o de todas esas novas investigacións que se están a facer. É unha magoa que moitas delas comezasen tan tarde e que a Universidade non fose pioneira niso… A busqueda en moitos casos comezou por xente de fóra da institución Universitaria, por xente do ensino secundario nagún deles —profesores e demáis— e así chegamos até o día de hoxe. Penso que é moi importante que medre o número de investigacións porque sigue a haber moita xente, moitos referentes históricos, que seguen socialmente desaparecidos.

O papel protagonista da recuperación da memoria histórica tivérono máis a sociedade civil e os movementos sociais que as propias institucións?
Por suposto, quen levou a voz cantante na recuperación foi a sociedade a través das distintas asociacións que se crearon, a través das propias familias que se xuntaron para buscar e apenas existen referentes de exhumacións feitas directamente polo Estado. Por poñer un exemplo, nunha exhumación na que estabamos escavando e apareceu un resto mortal dunha persoa. Neses casos o procedimento é chamar á Guardia Civil. Fixémolo e non apareceu ningún axente de ningún corpo de seguridade a dar constancia… Nese exemplo vese a inacción do Estado. A sociedade é a que está a ser protagonista nesa recuperación da verdade.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Memoria histórica
Memoria histórica Primera entrega de restos mortales de fusilados por el franquismo en la Comunidad de Madrid
Se han entregado a sus familias los restos exhumados de dos de las 108 víctimas de la represión que fueron enterradas en el cementerio parroquial del municipio madrileño. Otras 14 muestras esperan el cotejo de ADN con sus allegados.
Memoria histórica
Memoria histórica Recuperados os corpos de dous guerrilleiros antifranquistas asasinados pola Garda Civil en Mesía
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica atopa os restos mortais de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto no cemiterio de Visantoña neste municipio coruñés.
Memoria histórica
Memoria histórica Recuperados los cuerpos de dos guerrilleros antifranquistas gallegos asesinados por la Guardia Civil
La Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica encuentra los restos mortales de José Galán Núñez y Manuel Ramiro Souto en el cementerio de Visantoña en el municipio coruñés de Mesía.
Oriente Próximo
Oriente próximo La diáspora kurda ante la caída de Bashar al-Assad
Siria enfrenta el fin de un régimen que durante décadas pareció inquebrantable. Desde la diáspora, la esperanza contenida de quien ha vivido demasiadas traiciones y promesas incumplidas.
Amazonía
Caso Chevron Pablo Fajardo: “Sacrificaron la Amazonía y la vida de la gente por racismo y por la ganancia económica”
El activista y abogado Pablo Fajardo fue elegido hace casi 20 años por la Unión de Afectados por Texaco para el juicio más importante contra la petrolera Chevron. Dos décadas después sigue luchando por la justicia ambiental y social en Ecuador.
Ley de Seguridad Ciudadana
Congreso de los diputados Reforma de la Ley Mordaza: ¿esta vez sí se puede?
Una de las mayores deudas de toda la izquierda del Estado español parece que está a punto de saldarse.
La vida y ya
La vida y ya Ya no sé quién vive en el primero
El barrio se ha transformado tanto que pueden pasar semanas sin ver por la calle una sola cara conocida porque los vecinos han sido sustituidos por turistas.
Análisis
Análisis El independentismo se reorganiza, pero ¿sigue siendo independentista?
Los partidos independentistas han sufrido la crisis del procés y el posprocés, y todavía no la han resuelto, sino, a lo sumo, la han aplazado. El PSC aparece como el ganador de una carrera con corredores agotados.
Que no te cuenten películas
Comunidad El Salto Suscríbete a El Salto y llévate seis meses de regalo a Filmin
Estas navidades, haz posible que El Salto llegue más lejos con sus contenidos críticos y llévate de regalo medio año de Filmin. Y si ya tienes Filmin, suscríbete a El Salto y regala el acceso a esta plataforma a quien quieras.
Análisis
Análisis Rojava en peligro
Las intenciones de Turquía en Siria ponen en peligro no solo la Administración Democrática Autónoma del Norte y Este de Siria (AADNES) sino también la convivencia del resto de minorías presentes en el país.
Literatura
Gustavo Faverón Patriau “Quizá la novela sea ahora mismo más relevante que nunca”
El escritor peruano Gustavo Faverón Patriau quería narrar en su nueva novela la historia de un boxeador que no sabía boxear pero tumbaba a sus rivales recitándoles al oído versos de César Vallejo. ‘Minimosca’ acabó siendo un cuentacuentos inagotable.
Galicia
Memoria histórica Así fue como el Patronato de Protección a la Mujer transformó Galicia en un convento de clausura
Las mujeres que cayeron en las redes del Patronato iniciaron un periplo de encierro, humillaciones, abusos y explotación que es desconocido para la mayor parte de la población. Queda hoy en la impunidad de un silencio que tenemos el deber de romper.

Últimas

Opinión
Tribuna Todas las razones para decir ‘Altri non’
Aquí van unos cuantos motivos para juntarnos este domingo en Compostela y dejar clara nuestra postura frente a un expolio que nos están tratando de imponer disfrazado de progreso, pero que sólo trae beneficio económico a unos cuantos indeseables.
Relato
Relato Descubrirse las manos
Descubres tus manos: el palmar y el dorso, la posibilidad futura de la pinza atrapacosas, dos miembros que te vinculan al chimpancé y al lémur. Aprendes su mecanismo.
Música
Música Un coro para homenajear las luchas obreras: “La canción protesta del pasado es historia viva”
El coro de canción protesta de Madrid nació para rescatar del pasado las tonadas de la lucha obrera y ponerlas al servicio de distintos activismos en el presente.

Recomendadas

Palestina
Eyad Yousef “No cuentes lo que queremos ser, cuenta lo que nunca hemos dejado de ser: un pueblo que quiere la paz"
Eyad Yousef es profesor en la Universidad de Birzeit, Cisjordania, y comparte su experiencia en una universidad que “representa el pluralismo y la libertad que tanto anhela la sociedad palestina”
Pensamiento
Sarah Jaffe “En realidad tenemos que hacer menos. E impedir que algunas cosas sucedan”
La escritora y periodista Sarah Jaffe aborda el desengaño cotidiano al que nos aboca el mundo laboral e investiga cómo, a pesar de todo, las personas se organizan colectivamente en sus empleos para que “trabajar apeste menos”.
Ocupación israelí
Palestina Vivir en alerta: la resistencia palestina frente la ocupación israelí
La cruda realidad de las feministas palestinas que, ante la represión y las detenciones arbitrarias, continúan su lucha por la libertad, la justicia y los derechos humanos.
Madrid
Ciudades Fake Madrid, un paseo por los hitos del simulacro
Un recorrido por los grandes éxitos de la conversión de Madrid en una ciudad irreal.