Medios de comunicación
Vox paga 121.000 euros a ‘La Voz de Galicia’ en publicidade electoral: “Es sentido común”
Vox pagou 121.000 euros a La Voz de Galicia para a súa campaña de publicidade política vinculada ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro, segundo consta na declaración inicial do patrocinador asinada polo seu responsable nacional de prensa, Juan Ernesto Pflüger Samper, o pasado 6 de novembro. A inversión publicitaria da extrema dereita destinada ao xornal máis lido da Galiza, segundo a documentación publicada pola propia redacción, ascende a esa cantidade.
O documento, elaborado conforme ao Regulamento (UE) 2024/900 sobre transparencia e segmentación da publicidade política, identifica Vox como patrocinador dos anuncios, declara que a campaña busca solicitar o voto para o partido e fixa o seu período de difusión entre o 13 e o 27 de novembro. O lema é coñecido: “É sentido común”. Tamén reemigración, prioridade nacional e desregulación.
A declaración cifra o orzamento en 121.000 euros, IVE incluído, e sinala como fontes de financiamento os fondos propios, as doazóns privadas e as subvencións públicas. Tamén declara que non se utilizarán técnicas de segmentación publicitaria e vincula expresamente os anuncios á candidatura de Vox á Presidencia do Goberno.
O PP non concreta canto destina a publicidade
O Partido Popular tamén presentou unha declaración responsable do anunciante para a campaña das eleccións xerais do 29 de novembro. O documento, asinado polo seu xerente, Ferran Figuerola Siscart, o 12 de novembro, recolle a identidade do patrocinador e afirma que a información facilitada inclúe o importe orzamentado e a procedencia do financiamento destinado á campaña.
Con todo, no documento achegado non aparece unha cifra concreta que permita coñecer canto diñeiro destina o PP a publicidade electoral nin canto corresponde a cada medio de comunicación.
A declaración do PP afirma que a información facilitada é veraz, completa, exacta e actualizada, e inclúe entre os extremos declarados o importe orzamentado e a procedencia do financiamento, o período de difusión e as técnicas de segmentación ou entrega utilizadas, se as houbese.
O Regulamento europeo esixe transparencia económica
O Regulamento (UE) 2024/900 establece obrigas de transparencia para os patrocinadores e os prestadores de servizos de publicidade política. Entre elas figura a información económica que debe acompañar os anuncios políticos a través dos avisos de transparencia.
O artigo 12 contempla expresamente a información sobre os importes totais recibidos polos prestadores de servizos de publicidade política e polos editores, tanto polos servizos publicitarios como, cando corresponda, pola campaña no seu conxunto.
A falta dunha cifra concreta na declaración achegada polo PP impide coñecer, a partir dese documento, o volume do seu investimento publicitario e a súa distribución entre os medios.
Política
O PP propón para o Constitucional a Blanco Valdés, catedrático e columnista escudeiro de Feijóo
Investigación
Dez millóns a dedo en cinco anos: así pagaron Feijóo e Rueda a lealdade da prensa afín con diñeiro público
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!