We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Culturas
Máis de 30 artistas esixen aos catro festivais galegos de KKR que cumpran coas demandas do pobo palestino

A poucos días de que dea comezo o Son do Camiño, máis de trinta artistas e bandas galegas alzan a voz contra o silencio dos grandes festivais de música do país fronte á situación en Palestina. A través dunha carta aberta, reclaman que os festivais propiedade do fondo de investimento KKR —O Son do Camiño, Caudal Fest, Resurrection Fest e Morriña Fest— asuman un compromiso ético coas demandas da campaña internacional BDS (Boicot, Desinvestimento e Sancións), impulsada pola maior coalición da sociedade civil palestina.
Culturas
Cultura El fondo proisraelí KKR acusa el impacto económico del boicot organizado contra sus festivales de música
Entre os nomes asinantes destacan artistas como Bala, Dakidarria, Zénit, Highpaw, Hugo Guezeta ou Teresa Ferreiro, programada precisamente no Son do Camiño, que denuncian a implicación do fondo estadounidense en empresas que operan en asentamentos ilegais.
A campaña chega no contexto dun crecemento internacional do apoio á loita palestina dentro do sector cultural. Festivais como o Mighty Hoopla en Londres —o maior evento LGBTQ+ de Europa— ou a plataforma Boiler Room xa fixeron públicas as súas adhesións aos catro mínimos éticos propostos polo BDS. En contraste, os festivais galegos permanecen en silencio.
Unha carta que apela á responsabilidade institucional
A carta aberta foi remitida tamén ás deputacións e concellos que colaboran economicamente con estes eventos, así como a partidos políticos galegos, convidándoos a evitar a complicidade institucional coas estruturas empresariais implicadas nas operacións do Estado sionista en Palestina. Lembran que fondos como KKR manteñen participación en empresas ligadas ao apartheid israelí e á ocupación de territorios.
A presión xa provocou reaccións noutros eventos do Estado. O festival Sónar de Barcelona anunciou a devolución de entradas a quen non desexe asistir por motivos de conciencia, e o festival Monegros comezou a aceptar reembolsos a asistentes que solicitaron o dereito á obxección ética ante o vínculo con KKR, aínda que sen facer pública esta posibilidade.
Os mínimos éticos do movemento BDS
As esixencias da campaña inclúen unha declaración pública que deixe claro que os valores dos festivais non se aliñan cos de KKR e que condene os seus investimentos en empresas cómplices coa ocupación e o apartheid israelís, ao tempo que se lle esixe á empresa matriz Superstruct que actúe do mesmo xeito. Tamén se reclama unha política ética de programación e alianzas, que exclúa patrocinios e colaboracións con empresas implicadas en violacións de dereitos humanos, como as da industria armamentística ou as que desenvolven tecnoloxías de vixilancia.
Así mesmo, pídese un compromiso explícito coas directrices do BDS e da PACBI, incluíndo o boicot cultural a Israel, o rexeitamento da normalización e a aplicación das ordes do Tribunal Penal Internacional contra os responsables de crimes de guerra. Finalmente, a campaña reclama a colaboración activa con organizacións solidarias co pobo palestino, promovendo o diálogo con BDS Galiza e colectivos locais, e dando espazo a artistas palestinos ou comprometidos coa súa loita.
Desde BDS Galiza anuncian que a campaña proseguirá ao longo de toda a tempada de festivais, e advirten que xa se preparan accións públicas se os festivais galegos continúan ignorando as demandas. “Non pode haber normalidade festivaleira mentres se perpetra un xenocidio diante das nosas olladas”, sinalan nas súas redes.
Entre as máis de trinta sinaturas que respaldan esta iniciativa atópanse nomes recoñecidos e diversos da escena musical e cultural galega, que van desde bandas consolidadas ata proxectos emerxentes. Participan artistas como Malkeda, Zénit (Juan González Moreno MC), Petrowski Beats, Dakidarría, HighPaw, Hugo Guezeta, Cé Orquestra Pantasma, Seitura, Satenta, xEARANx, Gael de Papel, Isabel Sobrino Romón, Carlos Gende Prego, Antón Ke, Toño López, Tangomango, Broa, Esmorgadas, Oscar Quant, Cuarta Xusta, a Asociación de Percusionistas e Tamborileir@s (APERTA), Zënzar, Lina e Lola, Bala, Rock contra el fascismo, Barahúnda, Teresa Ferreiro, O Rabelo, Bárbara Avelino, Loita Amada e O Leo de Matamá. Con este apoio colectivo, reivindican o dereito á cultura como espazo de conciencia e responsabilidade ética, e rexeitan calquera complicidade coa represión e o xenocidio do pobo palestino.