Opinión
A teoría queer: home de palla do feminismo excluínte

O argumentario interno do PSOE filtrado o 9 de xuño que nega a realidade das mulleres trans fixo saltar de novo todas as alarmas. Reactivouse a roda do debate, da acusación, e do conflicto, situando no centro “o queer” como un ente abstracto. Un home de palla construído por ríos de tinta que agocha a única realidade que hai tralas leis trans: os dereitos humanos. 

Orgullo Pancarta Todes Tenemos Derechos
Álvaro Minguito Manifestación do Orgullo Crítico en 2018.
11 jun 2020 16:25

A filtración o pasado 9 de xuño dun argumentario interno do PSOE contra a teoría queer volveu activar a roda de conflictos no feminismo que se freara coa pandemia. As acusacións encadéanse unhas tras outras, revestíndose de auténtica violencia nalgúns casos, e producíndose un choque de discursos que semella non poder ser resolto por ningún lado. Os fundamentos están claros: mentres que dende o colectivo trans non cesamos na loita pola despatoloxización, estase a producir unha revolta no seo do feminismo mainstream contra as leis que a regulan, argumentando que son un perigo por supoñer a materialización institucional das teorías queer, “que pretenden eliminar ás mulleres”.

Pola nosa banda, as persoas trans asistimos atónitas ante un debate que nos pon no centro e sobre o que non temos voz. Quizais, se a tiveramos, quedaría claro que está a ser ese mesmo debate quen coloca na nosa axenda este compendio teórico que a inmensa maioría de nós non leu. E é que a conexión que temos co queer non é algo que saia das academias, senón do feito de compartir rúa e loita con tantas persoas, cis ou trans, que asumen dita etiqueta para si.

Deste xeito, as persoas que se definen como queer tampouco basean as súas vivencias en teorizacións complexas, senón que o que fan, do mesmo modo que nós, é tensar a corda do sistema sexo-xénero poñendo os seus corpos e vivencias diante, cuestionando os roles e estereotipos patriarcais e xogando con eles, e a fin de contas, construíndo un futuro onde ás persoas non lles sexan asignados ditos roles, estereotipos e opresións en base aos xenitais cos que naza. Eu pregúntome se non é iso a abolición do xénero, á que se refiren para escusar que nós non caibamos no seu futuro utópico.

Englobalo todo nunha teoría non ten outra intención que a de deshumanizar ao colectivo (...), converténdoo nunha maraña de conceptos que impida ver a realidade: a necesidade desas leis na loita polos dereitos humanos historicamente negados.

Con todo, englobalo todo nunha teoría non ten outra intención que a de deshumanizar ao colectivo que está tras as leis trans, converténdoo nunha maraña de conceptos e palabras que impida ver a realidade, que non é outra que a necesidade desas reformas na loita polos dereitos humanos que historicamente nos foron negados.

Pero entón, de onde sae esta insistencia nas teorías queer? A resposta a esta pregunta reside na principal diferencia entre o que propón o activismo trans e o que propoñen as teorías queer, que non é outra que o suxeito ao que está destinado. Mentres as nosas reivindicacións falan das necesidades que ten un colectivo concreto que non supera o 0,2% da poboación, as teorías de filósofas como Judith Butler reflexionan sobre modelos alternativos de sociedade pensados para derrubar os piares do patriarcado. Mesturalo todo sen ningún rigor non ten outra fin que a de artellar a mensaxe de que nós falamos para toda a sociedade, de que queremos borrar a tódalas mulleres e enmascarar as súas opresións.

Evidentemente isto non é certo, xa que é imposible negar que nacer con vaxina, sexas un home trans, unha muller cis, ou unha persoa non binaria, equivale a unha carga de opresións patriarcais difícil de esquivar, e que, como tódalas opresións, intersecciona con outras como raza ou clase. Por isto, tampouco se pode negar que a vaxina sexa un suxeito de vindicación feminista ou que tras séculos de invisibilidade estea presente no discurso, mentres haxa sometemento patriarcal sobre os corpos haberá conas insubmisas (entre elas, as de moitas mulleres trans).

Mentres as nosas reivindicacións falan das necesidades do 0,2% da poboación, as teorías queer reflexionan sobre modelos alternativos de sociedade pensados para derrubar o patriarcado.

Admitir isto, por un lado, non elimina que as mulleres trans suframos violencia machista polo simple feito de existir e independentemente do que teñamos entre as pernas, nin moito menos se pode traducir na negación do trans, como está acontecer co discurso do feminismo trans excluínte. Principalmente porque a carga que o patriarcado lle atribúe aos corpos non define a identidade de tódalas persoas nin o xeito no que nos situamos dentro da vida en sociedade. 

Dende a miña propia experiencia podo afirmar que cando iniciei o proceso de transición comecei a experimentar unha vixilancia social sobre o meu corpo que antes non sentira. O espazo público polo que transitaba encargábase de transmitirmo perante olladas e expresións nas faces da xente sobre as que eu tiña certo control dependendo da miña adaptabilidade á norma. Tratábase de entender o novo enfoque ao que eu era sometida, e de deixar de exercer privilexios como o de non preocuparme pola miña aparencia, ou mesmo de abandonar costumes tan banais como quitarme a camisola na praia.

Se era quen de someterme e adaptarme ao que se agardaba de min, de non facerme notar, de non alzar moito a voz ou non sorprender coa miña vestimenta, a vixilancia tornábase condescendencia e os rostros mudaban cara a amabilidade. Non atraer olladas que alertaran dunha transgresión do que se espera dunha muller era unha peza clave para pasar desapercibida e non sufrir agresións.

Nese momento puiden comprender que a tónica diferenciadora dentro da miña experiencia vital, foi a perda do privilexio que un día tiven, someterme aos novos moldes e aceptalos sen protestar para non ser cuestionada. Aceptar que a miña opinión ía ser considerada de segunda en case todos os espazos mixtos que ocupara, que non podía apoderarme pensando en seguir o camiño dos meus referentes porque xa non había referentes, que é normal escoitar comentarios que te menosprezan como persoa e te sitúan no marco da minoría de idade, e o peor de todo, que hai que aprender a vivir co medo. A vixilancia non mudou coa miña transición, senón que o que o fixo foi a miña resposta con respecto a dita vixilancia, e iso acontece porque en todo momento, dende que deixei de ser considerada un home e de ter ese privilexio, actuou sobre min o mesmo esquema de violencia machista.

A expansión virulenta destes discursos non é máis que unha reacción a asimilar o trans como parte da nosa realidade, como algo que veu para quedarse tras décadas silenciado polo patriarcado.

Todas temos moito camiñado como para non asimilar aquela máxima de que os dereitos humanos nunca restan, e que, polo tanto, aceptar que as mulleres trans somos mulleres non borra as opresións de ninguén. A explicación é tan sinxela como entender que non ter vivido certas opresións patriarcais non é algo incompatible con ser suxeito de outras que tamén o son. Asumir isto implica asumir que non hai ningunha incompatibilidade entre as reivindicacións que poidamos ter as mulleres trans e as que poidan ter outras mulleres cis, e isto, téñeno amosado as manifestacións feministas da Galiza do último 8M, onde se berrou polo dereito a parir con dignidade en Verín, polo dereito ao aborto ou contra a violencia obstétrica á vez que se rexeitaba a patoloxización e exclusión das mulleres trans.

A expansión virulenta destes discursos non é máis que unha reacción a asimilar o trans como parte da nosa realidade, como algo que veu para quedarse tras décadas silenciado polo patriarcado. Un exercicio que implicaría cuestionar todo o aprendido, e, con iso, sufrir a incomodidade que provoca toda deconstrución. O camiño doado, o que estaba a seguir a maioría da sociedade ata fai ben pouco, é negarnos e silenciarnos, malia que faga falta un totum revolutum carente de rigor ou introducir na axenda unha teoría para disfrazar ás persoas de conceptos, ocultando unha resposta directa contra a nosa reivindicación de deixar de seren consideradas enfermas mentais. Pese a isto, non debe esquecerse que nós temos moita experiencia en sobrevivir a situacións de urxencia e violencia, polo que todas aquelas que decidan sumarse ao discurso contra as leis trans deberían ter en conta non se está a posicionar contra unha corrente de opinión sen máis nin contra unha teoría dos 90, senón contra os anhelos históricos dun colectivo.

Corpos Incómodos
De excursión ao armario
“A cisapariencia non é máis que un parche mal posto polo que se segue a escapar a violencia, xa que só é posible arranxar este burato no sistema situando o feito trans como unha condición de igualdade.”
Transexualidad
“Os grupos antidereitos practican unha ideoloxía de odio”
Bianka Rodríguez traballa polo recoñecemento dos dereitos humanos das persoas LGTBI en El Salvador, onde as mulleres trans teñen unha expectativa de vida de 33 anos.
Cargando valoraciones...
Ver comentarios 2
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios 2

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...