A Coruña
A privatización dos faros galegos: concesións e fondos públicos para empresarios vinculados co PP
Os faros que durante séculos guiaron aos mariñeiros en noites de temporal transfórmanse agora en hoteis boutique onde pasar unha noite pode custar ata 300 euros. O que o Ministerio de Transportes presenta como unha iniciativa para “preservar o patrimonio marítimo” derivou nunha cesión do litoral público a mans privadas.
O proxecto Faros de España, impulsado no 2013 polo Ministerio de Fomento baixo a dirección de Ana Pastor, naceu oficialmente para potenciar o desenvolvemento sostible dos faros mediante servizos de calidade desenvolvidos por iniciativa privada. O programa, co pulo de Portos do Estado e das diferentes Autoridades Portuarias, abriu a porta a que empresas privadas presentasen propostas para converter en hoteis as torres de sinalización marítima e as estruturas anexas de propiedade historicamente pública que xa non teñen uso.
Actualmente Galiza concentra catro faros reconvertidos en aloxamentos turísticos de luxo: o Faro de Cabo Silleiro, o Faro de Illa Pancha, o Semáforo de Fisterra e o Faro de Punta Insua en Lariño. Todos comparten un patrón común: concesións a longo prazo para promotores privados vinculados co Partido Popular e substanciais inxeccións de fondos públicos.
O primeiro faro hoteleiro e as súas irregularidades
O Faro de Illa Pancha, en Ribadeo (Lugo), converteuse no 2015 no primeiro faro español autorizado para uso hoteleiro. O Consello de Ministros, presidido por Mariano Rajoy, aprobou a conversión do antigo faro, construído en 1857, en aloxamento turístico con dúas habitacións a 300 euros a noite. A concesión foi outorgada a Eirobra A Mariña SL, empresa do exdirixente do PP local José Luis López-Braña.
Esta compañía obtivo o dereito de explotación durante vinte anos e, recentemente, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou unha prórroga ata o ano 2030. Desde a plataforma veciñal Polo Noso Faro denuncian que a concesión inicial se tramitou “de xeito directo e sen concurso público”, o que ao seu xuízo vulnera os principios de transparencia e igualdade de acceso aos bens públicos.
Ademais, lembran que Illa Pancha forma parte dunha Zona de Especial Conservación (ZEC) integrada na Rede Natura 2000, polo que calquera actividade debería estar suxeita a unha avaliación de impacto ambiental. Ese informe, con todo, nunca chegou a realizarse. O propio Valedor do Pobo confirmouno tras varias queixas presentadas por veciños e instou á Administración a revisar o procedemento. A Autoridade Portuaria comprometeuse entón a completar a avaliación ambiental pendente, pero, segundo denuncian dende a plataforma veciñal, non o fixo ata o momento.
Agora, Ecoloxistas en Acción deu un paso máis e solicitou formalmente a Portos do Estado e á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que recorran a prórroga da concesión, ao entender que se trata dun acto administrativo irregular que perpetúa unha explotación turística nun espazo protexido sen cumprir coa lexislación ambiental. A organización reclama que se suspenda a actividade mentres non se realicen os estudos e trámites esixidos pola normativa autonómica, estatal e europea.
Negocios privados con cartos públicos
A antiga estación de vixilancia do faro de Fisterra, construída en 1853, foi reconvertida no hotel boutique O Semáforo de Fisterra, un establecemento de cinco habitacións, con prezos por noite que van desde os 180 até os 290 euros. A reforma, realizada en 2016 cun custo total de 605.029,38 euros, contou cunha axuda pública de 200.000 euros procedente dos fondos GALP da Xunta. O proxecto, promovido por NCC Galicia SL, tivo como obxectivo a posta en valor das instalacións prestando servizos de aloxamento, restaurante, taberna mariñeira, espazo de tenda e mini centro de interpretación.
O Faro de Punta Insua recibiu autorización do Consello de Ministros en xuño de 2020 para o seu uso hoteleiro. O actual Hotel Faro de Lariño conta con dez habitacións dobres cun prezo por noite que parte dos 275 euros. O proxecto —promovido por Turismo de Faros SL— tivo un custo total de 501.000 euros, dos cales 200.000 € corresponden a unha axuda pública procedente dos fondos GALP.
Ambas empresas —Turismo de Faros SL e NCC Galicia SL— son propiedade de Jesús Picallo, candidato do PP á alcaldia de Cee nas eleccións municipais de 2023 e actual vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia.
O Hotel de Faro Silleiro, en Baiona (Pontevedra), foi inaugurado oficialmente en abril deste ano tras recibir 578.000 euros por parte da Xunta, procedentes de fondos Next Generation. A Autoridade Portuaria de Vigo adxudicou á firma Lighthouse Baiona a concesión administrativa para a súa explotación hoteleira por 35 anos. O establecemento ten 17 habitacións, con prezos que oscilan entre 200 e 300 euros por noite.
O socio fundador de Lighthouse Baiona, Pati Blanco, ten unha vinculación histórica co PP. Segundo describe na súa web, no 1989 integrouse no equipo de comunicación das eleccións autonómicas da candidatura de Manuel Fraga, e posteriormente foi xefe de gabinete da Secretaría Xeral para o Deporte do goberno galego.
A privatización dos faros galegos evidencia a tensión entre o dereito ao patrimonio público e a aposta institucional por un modelo de turismo de luxo. Mentres o Goberno e as Autoridades Portuarias defenden estas concesións como unha fórmula para “preservar e dinamizar” uns espazos históricos en desuso, cada vez máis voces alertan da elitización do litoral galego; e da súa conversión nun escaparate exclusivo, con acceso restrinxido e xestión opaca.
No fondo latexa unha cuestión esencial: bens públicos construídos e mantidos durante décadas con fondos de toda a cidadanía están a ser cedidos a longo prazo a empresas privadas, que ademais reciben cuantiosas subvencións públicas para acondicionalos como negocios de luxo.
Galicia
El último farero de Bislandia del Norte
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!