A Coruña
A Coruña organízase para frear o desafiuzamento dunha nai con catro fillos no barrio de Monelos
A Plataforma Polo Dereito á Vivenda da Coruña e o Sindicato de Inquilinos da Coruña convocan unha concentración para o este xoves 9 de xullo, ás 9.30h, no número 4 da rúa Vicente Aleixandre, coa intención de paralizar o desafiuzamento dunha nai refuxiada ucraína que podería rematar coa separación dos seus catro fillos menores. O lanzamento está previsto para as 10h, mais ámbolos dous colectivos fan un chamamento a adiantar a presenza dunha multitude que impida o paso de calquera funcionario que intente expulsar a Marta Zurahieva do seu fogar.
As dúas organizacións fan un chamamento á cidadanía, aos colectivos sociais e aos medios de comunicación para acudir ao lugar e “impedir” a execución do desaloxo, que afecta a Marta, quen chegou a Galiza fuxindo da guerra en Ucraína e, segundo relata, tamén dunha situación de violencia exercida polo pai dos seus fillos.
A Xunta ameaza con retirar a custodia
Segundo trasladou a propia Marta á Plataforma, a Xunta de Galicia comunicoulle que, de levarse a cabo o desafiuzamento sen que medie unha alternativa habitacional, procederá a retirarlle a custodia dos catro menores, que serían ademais separados entre si e derivados a distintos recursos de protección.
A muller leva meses sen conseguir alugar unha vivenda pese a contar con ingresos mensuais duns 800 euros, unha contía coa que, asegura, podería facer fronte a un aluguer “razoable”. Segundo denuncia, ningún propietario accedeu a alugarlle un piso, o que a mantén nunha situación de vulnerabilidade a pesar de dispoñer dos recursos económicos necesarios.
Un caso que evidencia un fracaso institucional
Para a Plataforma Polo Dereito á Vivenda da Coruña e o Sindicato de Inquilinos da Coruña, a posible separación dos catro irmáns resulta especialmente grave, xa que a única causa de desamparo sería a imposibilidade da nai de acceder a unha vivenda, e non unha situación de desprotección atribuíble a ela. As entidades lembran que a normativa de protección da infancia establece como principio xeral manter unida a unidade fraternal sempre que sexa posible, ao entender que a separación pode agravar o impacto emocional dunha situación xa traumática.
Ambas organizacións cualifican de inaceptable que unha familia poida romperse non por unha situación de desprotección causada pola nai, senón pola incapacidade das administracións para garantir o dereito a unha vivenda digna e polo peche do mercado do aluguer ás familias en situación de vulnerabilidade.
Silencio do Concello despois dun compromiso público
Marta fixo pública a súa situación o pasado 9 de abril, durante un acto organizado polo PSOE da Coruña sobre o problema da vivenda. Segundo o seu relato, ao rematar a súa intervención a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, pediu que se recollesen os seus datos de contacto para interesarse polo caso. Non obstante, a muller asegura que desde entón non recibiu ningunha chamada nin proposta de solución por parte do Concello.
Para as organizacións convocantes, o caso reflicte o fracaso das administracións públicas: unha muller que fuxiu dunha guerra e da violencia machista, e que conta con ingresos suficientes para asumir un aluguer, podería perder o seu fogar e ver como os seus catro fillos son separados debido a que ningún propietario lle alugou unha vivenda.
Por iso, a Plataforma Polo Dereito á Vivenda da Coruña e o Sindicato de Inquilinos da Coruña insisten no seu chamamento á veciñanza para acudir o mércores 9 de xullo, ás 9.30h, á rúa Vicente Aleixandre, 4, co obxectivo de impedir o desafiuzamento e esixir unha solución habitacional inmediata que permita que Marta e os seus catro fillos sigan vivindo xuntos.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!