Xunta de Galicia
A Xunta e a Deputación de Pontevedra pagaron 140.000 euros a dedo á regata Juan Carlos I de Sanxenxo

O podio da décima edición da Regata Internacional Rei Juan Carlos I non o alcanzou ningún velerista. O trío no centro do palco conformárono o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o rei emérito, Juan Carlos de Borbón, e o presidente da Deputación de Pontevedra —tamén do Partido Popular—, Luís López Diéguez. A posición no pedestal é inversamente proporcional ao diñeiro público achegado por cada unha das institucións que representan. A Xunta de Rueda pagou 60.000 euros a través da Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación, controlada tamén polo PP, pagou outros 81.818,18 euros desde Presidencia.
Ámbolos dous contratos, como ocorre sempre nestes casos, execútanse a través da modalidade de negociados sen publicidade. En esencia, a dedo, sen concurso público. Os dous coa mesma fin, pero cun pretexto lixeiramente distinto. O Goberno galego fáino como forma de “patrocinar o turismo de Galicia” e a Deputación como “patrocinio deportivo”. O resultado é a foto que ilustra este texto.
A capacidade de fiscalización de ambas as adxudicacións é case nula. Ningunha plataforma de transparencia permite o acceso aos pormenores dos acordos. Nin a da Xunta nin a do Estado español que canaliza as contratacións das 38 deputacións. Só se pode coñecer o concepto —escaso, dunha liña—, o organismo contratante e o adxudicatario: o Real Club Náutico de Sanxenxo, cidade de vacacións predilecta do monarca.
De feito, o director do club náutico é Pedro Campos Calvo-Sotelo —sobriño do expresidente co que comparte apelido—, un dos amigos máis fieis de Juan Carlos I e que ademais foi, durante os anos do exilio do monarca, o seu máis recorrente anfitrión. A prensa do corazón e as páxinas amarelas da xeneralista sempre destacan a súa hospedaxe nalgunha das propiedades de Campos na contorna de Sanxenxo.
O resto de patrocinadores privados ocultan o diñeiro achegado, pero son habituais das altas esferas galegas e españolas: Abanca, Quirón Prevención, Mahou, a revista ¡Hola!, a Fundación Talgo, El Corte Inglés ou Volvo son algúns dos máis importantes.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!