Tres décadas do ‘pelotazo’ que encheu Moaña de chalés pantasma e un campo de golf inaugurado por Fraga

Un grupo de veciños afectados, opositores e ecoloxistas celebra os seus 35 anos de loita coa súa maior vitoria: as licenzas irregulares para os 132 chalés adosados que asolaron o monte de Domaio caducan. Esixen a súa demolición inmediata.
Campo Moaña (Pontevedra) - 4
Brais Lorenzo Campo de golf e urbanización pantasma de Moaña (Pontevedra).

A portada de La Voz de Galicia daquel 30 de maio de 1993 celebrouno como un fito nacional aínda que o suxeito era un clásico das informacións en positivo do diario: “O presidente da Xunta, Manuel Fraga, foi o convidado de honra no acto inaugural do campo de Golf Domaio, un dos mellores do territorio nacional”. A cita, enlamada en Moaña (Pontevedra) por unha treboada de aspiracións poéticas, pero sostida por 200 convidados das clases altas galegas, foi un golpe na mesa dos poderes fácticos contra un grupo de veciños afectados e ecoloxistas que se opuñan tanto a ese proxecto como ao da creación dunha urbanización de luxo arredor dos buratos. A eles e elas, por suposto, nunca se lles concedeu unha portada en máis de tres décadas.

Despois de 35 anos de loita, o 2025, o colectivo agora chamado Luita Verde celebra a súa maior vitoria: as licenzas irregulares que se concederon para os 132 chalés adosados que asolaron o monte de Domaio, pendurado entre a ría de Vigo e O Morrazo, comezan o seu expediente de caducidade. Máis de tres décadas de ollada cara a outro lado dos tres grandes partidos de Galiza, que pasaron pola Xunta, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Moaña, en palabras dos veciños, “omitindo as súas responsabilidades”. O pasado abril, o goberno de Moaña (BNG) deu finalmente carpetazo ás licenzas de vivendas coa aprobación dos tres expedientes de caducidade para 132 vivendas e a rexeitamento das tres alegacións presentadas. Luita Verde esixe agora a súa demolición inmediata e que “se restableza a legalidade urbanística”.

A historia comezou moito antes de que os veciños escoitaran falar de búnkeres ou de greens. A principios dos noventa, o Concello de Moaña modificou as súas normas subsidiarias para permitir que uns terreos rústicos na ladeira do monte de Domaio se transformaran nun “complexo residencial e deportivo de interese turístico”. O que se prometía como desenvolvemento sostible e emprego terminou convertido nunha operación inmobiliaria de manual: recualificación masiva, especulación e licenzas a medida.

Campo Moaña (Pontevedra) - 1
Campo de golf e urbanización pantasma de Moaña (Pontevedra). Brais Lorenzo

A burbulla galega antes da burbulla

O plan inicial, aprobado en 1990, prevía 462 vivendas divididas en catro zonas: chalés adosados, unifamiliares, bloques plurifamiliares e un hotel. Daquela, para o Concello —do PSdeG-PSOE— aquilo era o salto ao progreso. Para os promotores, unha mina de ouro. Para os veciños afectados, unha ameaza. “Aos veciños que lles compraron o monte dicíanlles que era para plantar kiwis, pero axiña vimos os planos cun campo de golf e centos de casas”, recordan hoxe membros do colectivo Luita Verde, o grupo que desde entón lidera a resistencia veciñal e ecoloxista, especialmente, Ricardo Sánchez e Cándido Martínez.

En 2001 e 2003 o Concello concedeu dúas licenzas para construír un total de 102 vivendas na chamada Zona B. Era o comezo dunha década de licenzas irregulares, modificacións urbanísticas e recursos administrativos. As obras nunca se executaron como esixía a lei: non se urbanizou simultaneamente, non se avalou o custo das infraestruturas e moitas construcións quedaron abandonadas. “Era un proxecto de luxo sen urbanización, sen rúas, sen auga nin luz, pero con permiso político. Houbo unha connivencia total entre os promotores e todas as administracións con capacidade de decisión”, recorda Ricardo Sánchez.

Campo Moaña (Pontevedra) - 2
Campo de golf e urbanización pantasma de Moaña (Pontevedra). Brais Lorenzo

A resistencia veciñal e o silencio institucional

Desde 2001, Luita Verde e veciños afectados comezaron unha batalla administrativa que se prolongou durante máis de tres décadas. Presentaron recursos, solicitudes de caducidade, denuncias ante a Valedora do Pobo e ata peticións á Fiscalía de Medio Ambiente. En cada resposta oficial, o mesmo silencio burocrático.

En 2008, cando a crise inmobiliaria xa se levara por diante decenas de promotoras, a urbanización de Domaio seguía igual: esqueletos de formigón, casas sen rematar, unha avenida principal convertida en pista de terra. Das 462 vivendas previstas, apenas unha vintena estaban habitadas. As demais, ruínas modernas.

O campo de golf, con todo, seguiu funcionando. Durante anos foi xestionado por distintas empresas, mesmo unha panameña que adquirira os terreos en poxa xudicial. En 2021, a Axencia Tributaria interveu parte do complexo por impagos e débedas millonarias. O contraste entre o céspede coidado e as urbanizacións abandonadas volveuse o símbolo perfecto do 'pelotazo': beneficios privados, custos públicos e unha paisaxe destrozada.

Campo Moaña (Pontevedra) - 3
Campo de golf e urbanización pantasma de Moaña (Pontevedra). Brais Lorenzo

O xiro de 2024: unha vitoria con sabor a xustiza

A historia deu unha volta en xullo de 2024. Tras anos de presión social, o Concello de Moaña notificou por fin o inicio dos expedientes de caducidade das licenzas de 2001 e 2003. Luita Verde presentou alegacións e en abril de 2025 chegou a resolución definitiva: as licenzas caducaban oficialmente. O concello recoñecía que nunca se cumprira a obriga de urbanizar simultaneamente nin de manter as condicións orixinais de concesión.

A decisión supón un triunfo histórico para os colectivos cidadáns que levaban anos denunciando o que chamaban “a estafa de Domaio”. É, tamén, unha derrota simbólica para quen se beneficiou da recalificación. “Non é unha vitoria total, pero polo menos recoñeceuse o que levamos denunciando trinta anos: que aquilo foi unha barbaridade urbanística e ambiental”, celebran desde Luita Verde.

Pouco despois, a empresa promotora —agora, Cervecería Joaquín S.L.— presentou un recurso contencioso-administrativo contra a resolución municipal, buscando frear o efecto dominó: a posible demolición das estruturas ilegais e a restitución do terreo ao seu estado orixinal.

Un caso que retrata a toda unha época

O 'pelotazo' de Domaio non foi unha excepción. Foi un síntoma. Galiza enteira viviu durante os noventa e os 2000 un proceso de urbanismo salvaxe, alimentado por unha lexislación ambigua e unha cultura política baseada no cemento. As montañas enchéronse de urbanizacións, os concellos de licenzas e as costas de muros. A diferenza é que en Domaio a resistencia veciñal non se rendeu.

“Levamos trinta e cinco anos pedindo algo tan simple como que se cumpra a lei”, di Ricardo en nome de Luita Verde e engade: “Aquí houbo intereses políticos e económicos que se protexeron durante décadas. Agora, o mínimo é que se restaure a legalidade”

O caso puxo sobre a mesa unha cuestión: quen paga polo dano causado? Hai propietarios que compraron casas sobre plano e hoxe teñen ruínas imposibles de vender. Outros, que habitan chalés rematados pero sen licenza de primeira ocupación. E está o propio Concello, que durante anos ollou cara a outro lado. Desde Luita Verde abogan porque Moaña se faga cargo das demolicións como responsable civil subsidiario, pero o horizonte a ese respecto é difuso.

A resolución de caducidade abre a porta á demolición das estruturas ilegais, pero tamén a reclamacións patrimoniais e novos litixios. A xustiza administrativa tarda, pero parece que acabará chegando. Aínda que en Moaña o formigón chegou antes que os expedientes.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...