Medio rural
Unha defensa dos camiños rurais
Os nosos sendeiros son o rastro dun acordo colectivo que nos axuda a organizar a forma en que atravesamos o mundo.

Para coñecer os nosos espazos, hai que andalos. A experiencia das camiñadas suxire as primeiras formas de achegamento a un mundo descoñecido. Foi a través dun paseo, no que rematamos perdidos no monte, cando a miña parella e máis eu coñecemos con máis profundidade a nosa aldea. Certamente, o sentido de desorientación nas persoas que vivimos en cidades é case inexistente. As rúas cuadriculadas, as sinalizacións e o transporte público anulan esa outra experiencia na que o espazo perde o seu carácter unívoco.
Aínda que o noso rural podería ser a mostra dun espazo desorganizado e cheo de posibilidades no seu tránsito, non necesariamente é así. Basta atender cunha mirada máis atenta o xeito no que a herba diminúe o seu tamaño nun carreiro perfectamente trazado ou a forma en que a terra impide o crecemento da maleza. Estes son signos dunha planificación urbana secreta e sutil que se orixinou do tránsito colectivo.
Os nosos camiños, hoxe case desprazados polas estradas pavimentadas e o uso xeneralizado do automóbil nos contextos rurais, son vestixios dun acordo silencioso no que o andar colectivo marcou os límites entre o crecemento da natureza e o desprazamento das persoas. Os camiños rurais son mostras apenas visibles do transito común de moitas persoas. Cada sendeiro fundamentouse nun saber compartido que non era dito pero que respondía a una rede de necesidades e coñecementos colectivos. Dalgunha forma, este rastro común era a suma dun conxunto de experiencias que se colectivizaban no xesto mesmo de andar: sabíase cal era o percorrido máis curto, o máis seguro ou o que permitía cruzar a través de máis casas e eidos.
Se ben a planificación urbana tivo un lugar privilexiado nas formas en que a modernidade imaxinaba as súas cidades, aquí o deseño espacial xurde no marco doutras ordes. Para empezar, a planificación da cidades organizase desde formas de distribución premeditadas para instar e modelar unha certa forma de vida social. As súas formas máis ruíns procuran o desprazamento en automóbil, desatenden os espazos públicos e mercantilizan os puntos de encontro. Con todo, tamén existen á marxe procesos de planificación que procuran o espazo como axente doutras formas de xustiza social. O caso dos noso camiños, ao igual que centos de prácticas espaciais populares, representan un proceso inverso. Nel o percorrido constrúe o plano. O contacto directo co mundo suxire as formas en que este debe ser explorado e delimitado. A diferenza da organización urbana das cidades na que o paso das cousas está marcado por muros, pistas ou sinalizacións, neste caso as marcas xorden apenas no uso do espazo, no paso das persoas pola natureza. Só basta a aparición dos camiñantes para que rede de posibilidades espaciais comece a ser tecida.
Con todo, o colectivo atende e revisa as formas xa debuxadas. Esta planificación popular non presenta traxectorias tan estables como as das cidades. Sendo que se constrúe co saberes previos ou exploratorios, é habitual encontrar camiños paralelos onde un foi o perfeccionamento doutro ou sendeiros que rematan á metade do percorrido porque o outro extremo deixo de ser útil. Os camiños do noso rural non se presentan como monolitos nin son a única resposta a todas as posibilidades de atravesar o espazo. Todo o contrario, como son un exercicio colectivo, están á espera doutros pés que se atrevan encontrar variacións. Pero non hai que temer, os camiños, aínda que son inestables, sempre procuran o seu propio sentido.
É evidente que tras a chegada das estradas pavimentadas, os camiños perderon relevancia. A aparición das maquinas construtoras supuxo a unificación dunha forma de atravesar o espazo. Ao mesmo tempo, foi a resposta ao tránsito en automóbil, que ofrecía unha solución ao problema de desconexión que sufre toda a zona rural da Galiza. Con todo, é innegable que as estradas non se presentan como a mellor opción para desprazarse andando. Estas foron feitas baixo principios distintos dos que fundamentaban os camiños: tiñan orzamentos limitados polo que o seu deseño procurou evitar aqueles tramos que exixían operacións custosas. Para un camiñante isto se presenta como un problema porque supón, por exemplo, dar unha chea de voltas para chegar a un punto achegado a súa localización.
Aínda que as estradas pavimentadas son apenas un ínfimo achegamento ao dereito de desprazamento que reclamamos desde o rural, non resolven os problemas de tránsito interno no noso territorio e é por iso que moitos camiños seguen en uso. Están aí porque aínda compren a súa función inicial e son a resposta das necesidades concretas do colectivo.
Cada sendeiro fundamentouse nun saber compartido que non era dito pero que respondía a una rede de necesidades e coñecementos colectivos.
Claramente, o interese institucional está depositado nos sendeiros de carácter turístico. Os concellos levan a cabo procedementos de limpeza e sinalización para estas rutas. Tamén son importantes, pero son diferentes aos outros camiños de uso colectivo. Os sendeiros turísticos non se fixeron desde o andar que servía para resolver tarefas da vida en comunidade: levar o gando ou chegar á vila máis preta. Estes atenden o gusto pola dimensión apreciativa da paisaxe ou o exercicio do corpo. Outras formas de comprender o uso do espazo.
Os nosos camiños eran obras da memoria andante que se reanimaban con cada paso. A súa perda progresiva é un feito. Pouco a pouco a maleza volve a ocupar o seu lugar. Os pasos das persoas deixaron de trazar o carreiro que durante moito tempo orientou o sentido do tránsito compartido. É que a súa existencia é así. A diferenza das grandes rúas que seguirán aí cando o noso andar remate, os nosos camiños pérdense no silencio. Só están aí durante o tempo en que o colectivo é capaz de ordenalo. Son rastros dunha historia compartida que nos axuda a describir e aprender o espazo en nós mesmos. Trátase desa dimensión afectiva e histórica que garda o mundo espacial.
Aínda hoxe, a nosa tía só e capaz de explicarnos como chegar ao río a través deses camiños xa case inexistentes. Na súa memoria, o espazo está organizado a través deses sendeiros. A ela os camiños axudáronlle a andar por fóra, na herba e entre as árbores, e agora axúdanlle a andar por dentro, na lembranza.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!