Política
A ‘década prodixiosa’ de Ana Pontón
O pasado 28 de febreiro cumpriuse unha década dende que Ana Pontón asumiu a portavocía nacional do BNG. O seu liderado marca un punto de inflexión: en apenas dez anos, a formación pasou dunha crise existencial a disputarlle a hexemonía ao PPdeG, acadando de maneira consecutiva os mellores resultados autonómicos da súa historia.
Mais reducir esta etapa a unha simple mellora electoral sería insuficiente. O que está en xogo é algo máis fondo: unha renovación do propio nacionalismo galego, da súa imaxe pública, do seu discurso e da súa relación coa posibilidade real de gobernar. O escritor Suso de Toro, a escritora María Reimóndez e o politólogo Roi Pérez analizan as luces, sombras e perspectivas de futuro de Ana Pontón, unha auténtica zoon politikon. Que significa o seu liderado? Estamos perante a dirixente política máis importante da historia do nacionalismo galego? Será a primeira muller en presidir a Xunta?
Da crise á recomposición: o “efecto Pontón”
A “década prodixiosa”, tal e como a definiu a propia Pontón nun vídeo conmemorativo, estivo precedida por unha crise severa. A recesión económica mundial e a crise de representación aberta no Estado afectaban tamén ao BNG. Primeiro chegou a experiencia frustrada do bipartito en 2009; despois, a perda do grupo parlamentario propio no Congreso tras as xerais de 2011; máis tarde, a escisión de Amio; e, finalmente, a caída de cinco escanos nas autonómicas de 2012.
Fóra, abríase un ciclo destituínte ao que o Bloque chegaba sen códigos claros para interpretalo. Dentro, a forza da organización permitía resistir, mais xa non abondaba. Á limitada proxección pública dos liderados de Guillerme Vázquez e Xavier Vence sumábanse as tensións internas e os efectos da disgregación. En 2015, certificábase a crise: o BNG quedábase fóra do Congreso dos Deputados por primeira vez en vinte anos. A súa posición no taboleiro desprazárase cara ás marxes. Albiscábase o colapso.
Ano 2016. Estamos en pleno ciclo político post-15M. O 28 de febreiro dese ano, na XV Asemblea Nacional celebrada na Coruña, Ana Pontón asume a portavocía nacional do BNG. Coa chegada da sarriá á primeira liña política alterábase unha norma non escrita sobre o reparto de papeis da formación: historicamente tratábase de manter un equilibrio, un binomio, outorgando a portavocía a alguén que pertencía á UPG e poñendo como candidato a alguén independente. Era o caso de Xosé Manuel Beiras ou Anxo Quintana. Pontón acumulaba, así, unha “posición de base especialmente sólida” para o seu liderado, subliña Roi Pérez, doutor en Ciencia Política pola USC e autor da tese Mobilización nacionalista, marcos interpretativos e estilo político: unha análise do Bloque Nacionalista Galego (2020-2024).
Comezaba así a etapa de recomposición da formación. Politóloga de formación, a súa traxectoria viña marcada pola secretaría xeral de Galiza Nova, pola súa vinculación á UPG e por máis dunha década como deputada no Parlamento galego. Era o traxecto agardado para alguén que tiña interiorizado tanto unha cultura militante como un sentido de misión histórica. Pontón pecharía filas cos seus durante as escisións, igual que cando expresou a súa negativa a se aliar coa esquerda confederal. A súa chegada á fronte do Bloque tiña, nese sentido, algo de continuidade natural: era a irrupción no primeiro plano dunha auténtica “filla da organización”, resume o escritor e analista Suso de Toro.
Só alguén tan vencellada á organización podía modernizar o partido sen provocar unha fractura maior. Cando o espazo do cambio comezaba a esmorecer, esa lexitimidade converteuse en forza de transformación
Esta rixidez podía semellar unha limitación nun tempo de crise. O que se dicía naquel momento, nomeadamente no espazo do cambio, era que os partidos eran medios, non fins. Como unha rémora en tempos novos, semellaba que o BNG apenas se adaptaría. Era un espellismo: só unha filla da organización estaba habilitada para operar os cambios precisos. Como sinala Roi Pérez, hai aquí un paradoxo decisivo: “A capacidade de cambio de Pontón depende, en boa medida, da súa condición de continuidade”. Boa parte das reformulacións impulsadas no novo ciclo (na estética, no ton e na estratexia electoral) serían moito máis difíciles de asumir dende un perfil alleo á interna. Só alguén tan vencellada á organización podía modernizar o partido sen provocar unha fractura maior. Cando o espazo do cambio comezaba a esmorecer, esa lexitimidade converteuse en forza de transformación.
O mandato político era claro: estabilizar unha organización desgastada, pechar feridas e devolverlle credibilidade. Apenas medio ano despois, en setembro, había eleccións autonómicas. As enquisas debuxaban un escenario inquietante: o BNG podía quedar fóra do Parlamento galego. Obtivo finalmente algo máis de 119.000 votos e 6 escanos. O resultado estaba lonxe dos mellores rexistros históricos, mais cumpría unha función decisiva: frear a caída e demostrar que o Bloque seguía vivo. O “efecto Pontón” salvaba os mobles.
Pontonismo: 2020-2024
Nas autonómicas de 2020 o BNG bate o seu récord histórico en escanos e convértese na principal forza da oposición. O éxito electoral abría as posibilidades de Pontón para establecer novos centros de gravidade. Un ano despois, produciríase un episodio moi revelador: perante algunhas resistencias internas, a líder nacionalista deixa entrever a posibilidade de non repetir candidatura. Máis alá do xesto concreto, o movemento desvelaba unha realidade: a dirección do BNG xa non podía pensarse sen ela.
“Se a primeira fase foi de supervivencia e reorganización, a segunda expresa xa un BNG crecente que se parece moito máis ao que quere Pontón: unha forza máis amable, inclusiva e con perfil presidencial”, explica o politólogo Roi Pérez.
A líder amosa a súa auctoritas e certifica a súa autonomía para definir a orientación da formación. Perante a dúbida, os destinos do liderado e da organización púñanse no mesmo rego. É o verdadeiro punto de arranque do pontonismo: “Se a primeira fase foi de supervivencia e reorganización, a segunda expresa xa un BNG crecente que se parece moito máis ao que quere Pontón: unha forza máis amable, moderna, inclusiva e con perfil presidencial”, observa Pérez.
Estamos en 2023 e o nacionalismo amplía a súa presenza municipal até as 36 alcaldías, reforzando unha implantación territorial que nunca desaparecera de todo, pero que agora recupera centralidade. Era un avance, pero quedaba moi lonxe do éxito autonómico. Nin que dicir dos resultados nas Xerais ou as europeas.
O gran salto chegaría en 2024, cando se rompe, de novo, o teito do Bloque: 25 escanos, 467.074 votos e case un terzo dos sufraxios. “É o gran fito de Pontón”, resume Roi Pérez, “acadar de forma consecutiva os mellores resultados da historia da formación”. O BNG deixa de ser percibido como unha forza identitaria e pasa a aparecer, ante amplos sectores, como unha alternativa á hexemonía do PPdeG. Nun contexto de orfandade política, o seu liderado mobiliza a persoas que non votarían ao Bloque nin nas Xerais nin nas municipais.
En tan só oito anos, Pontón consolídase como un dos referentes progresistas máis sólidos do conxunto do Estado. É a resposta sui generis do nacionalismo galego ao ciclo político post-15M: a formación dun liderado que, a diferenza dos xurdidos no espazo de cambio, non emerxe de forma abrupta ou improvisada. Mais en que consistía esta renovación endóxena? Cal era, en último termo, a súa singularidade?
O estilo Pontón: unha renovación endóxena
A renovación pontonista pode interpretarse dende tres planos: o xeracional-persoal, discursivo-simbólico e ideolóxico.
Con respecto ao primeiro, cabe dicir que Pontón, debido á súa extracción xeracional, está en condicións de confiar na posibilidade de gobernar. Suso de Toro, autor de Descubrindo Ana Pontón (Xerais, 2023), sinala que Ana pertence a unha xeración que non está marcada directamente pola experiencia da ditadura: “Ela non é pesimista, carece da carga de desesperación que marcou á esquerda verdadeira e ao nacionalismo galego nacido baixo o franquismo”. Iso tradúcese nunha maior autoconfianza, nunha relación menos defensiva co poder institucional e nun estilo máis aberto, plural e atento ás mudanzas sociais do país.
Este factor xeracional está, a súa vez, relacionado cunha dimensión biográfica fundamental: “Ana nace, vive e convive en Sarria”, comenta María Reimóndez. Segundo a escritora, autora do libro de conversas con PontónA semente, a árbore, a froita (2020, Xerais), “a súa vida no interior do país permítelle conectar con preocupacións que adoitan quedar fóra dos centros mediáticos e administrativos”. A isto engádelle unha serie de trazos persoais como a súa “proximidade, disposición para escoitar e seriedade”. A este ethos pontonista cabría engadir a estabilidade dos seus posicionamentos, un valor engadido en tempos de desmesura e vaivéns mediáticos.
O perfil presidencial artéllase, a súa vez, cun intento de renovación simbólica. O pontonismo tenta reverter a identificación do BNG coa pureza identitaria
O segundo plano da renovación é de índole discursiva-simbólica. Son dúas as grandes achegas discursivas do pontonismo. A primeira é a proxección do BNG como unha forza de goberno útil, en positivo. “Dáse unha curiosa coincidencia”, sinala Pérez, “tanto PPdeG como BNG se acusan mutuamente de representar o partido do non, mentres ambos procuran presentarse como actores afirmativos”. O cruce de acusacións revela que o Bloque xa non é tratado polo PPdeG como unha forza testemuñal, senón como o seu competidor real. A loita electoral, neste senso, tradúcese nunha disputa entre dous perfís presidenciais (Rueda vs Pontón).
O perfil presidencial artéllase, a súa vez, cun intento de renovación simbólica. O pontonismo tenta reverter a identificación do BNG coa pureza identitaria. Iso exprésase nunha reordenación das prioridades que ten como propósito vincular ao Bloque con emocións positivas como a ilusión ou a esperanza. Pódese observar nos lemas de campaña, máis tamén en elementos estéticos: “Houbo un tránsito dende as cores fortes e chamativas da simbólica nacionalista cara a gamas máis suaves e afectivas; dende os pousados con iconografía clásica cara a novas performatividades, como o coñecido xesto do corazón coas dúas mans”.
O liderado de Pontón lidia coa tensión entre un estilo renovador cara ao exterior e un esencialismo interno
Neste reordenamento perden presenza elementos esenciais do nacionalismo, tales como a defensa da lingua galega, a proclama de autodeterminación ou o uso público da bandeira da patria. Sinala Pérez que “agás nos actos de consumo interno, resulta complicado atopar imaxes recentes de Pontón coa tradicional bandeira da patria; habería que remontarse até o 2018, á cadea pola autodeterminación realizada no Obradoiro, para ver unha aparición pública de Pontón nesas claves”. O mesmo acontece coa idea de autodeterminación nacional, á que Pontón leva sen referirse nas súas redes dende hai anos.
Esta serie de elementos atanguen á identidade nacional, agora formulada dunha forma aberta, plural e inclusiva. No “hai moitas formas de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para abrir un tempo novo” aténdese ás formas de identificación maioritarias do país. Por exemplo, a dunha moza castelanfalante que se considera máis galega que española. O liderado de Pontón, neste sentido, lidia coa tensión entre un estilo renovador cara ao exterior e un esencialismo interno. Lembra Roi Pérez que “mentres se flexibilizan códigos e linguaxes, continúan vixentes as nítidas formulacións consolidadas tras 2012, entre elas a referencia explícita á consecución dunha República Galega”.
Chegamos, en último lugar, ao plano da renovación ideolóxica. A nivel práctico, Reimóndez sinala que o liderado de Pontón non se correspondeu coa simple instrumentalización dunha figura feminina, senón que viu acompañado polo traballo doutras parlamentarias e alcaldesas. Ademais, engade que o liderado feminista de Pontón entronca cun esquecido legado histórico, “o da participación activa das mulleres no galeguismo político de preguerra”. O BNG de Pontón recolle o compromiso histórico coa igualdade de xénero e actualízao cunha linguaxe máis atenta aos coidados, á conciliación ou á violencia machista.
O ecoloxismo mantén unha importancia semellante, tal e como o reflicte a integración organizativa de Alicerce ou a loita contra Altri. Segundo Reimóndez, non se pode entender a consagración política de Pontón sen atender a este último conflito: “Fronte á ambivalencia amosada por outras forzas, nomeadamente o PSdeG, o BNG soubo adiantar unha idea de país alternativa, crítica co extractivismo e centrada na defensa do territorio”. A nivel formal, os documentos resultantes das últimas Asembleas Nacionais reflicten a importancia destes dous vectores, que se presentan como fundamentais á hora de presentar ao Bloque como unha forza contemporánea, capaz de abordar os desafíos do presente.
Despois do ascenso: manexar as contradicións
Tras unha década de liderado, o reto de Pontón é converter ao BNG nunha forza de goberno. A operación non está exenta de tensións e contradicións.
A primeira ten que ver coa natureza mesma do éxito acadado. O BNG medrou cando conseguiu presentarse menos como forza identitaria clásica e máis como partido útil. Mais, até que punto é compatible esa apertura co maximalismo ideolóxico ou coa rixidez da cultura política militante? O anuncio da candidatura de Noa Presas á portavocía nacional e determinadas advertencias formuladas pola Unión do Povo Galego contra os excesos de marketing político lembran que a renovación está lonxe de ser harmónica.
Tamén cabe reabrir a pregunta pola relación entre transversalidade e transformación. O marco interclasista dos “intereses galegos” resulta especialmente eficaz. Desborda o eixo esquerda-dereita e permite artellar, baixo unha mesma apelación nacional, múltiples demandas: dende reivindicacións do mundo do traballo até intereses de grandes grupos empresariais, pasando polas peticións da pequena e mediana empresa.
Nesa clave poden lerse as visitas a Inditex ou a recente reunión con directivos de Denodo, empresa presentada como exemplo de innovación estratéxica para Galiza. O movemento é comprensible, sinala Roi Pérez, mais activa contradicións evidentes: “A proximidade con Inditex pode ser cuestionada dende a crítica ás cadeas globais de subcontratación e ao impacto ambiental da industria téxtil”. O risco non é unha simple dereitización, senón que a procura de solvencia institucional dilúa parcialmente a vocación de cambio.
A segunda contradición é máis persoal e simbólica. Pontón preséntase como unha figura renovadora, mais leva máis de dúas décadas como deputada no Parlamento galego. É unha política profesional, e iso, nun tempo de descrédito da representación, podería desgastala. Á anterior crítica podemos engadir a referida ao seu hiperliderado: a día de hoxe resulta complicado imaxinar a un BNG exitoso sen Pontón. Estase a producir unha forte dependencia entre o BNG e a súa líder, o que impón non só a necesidade de construír outros liderados, senón a de acadar uns resultados mellores noutros comicios. Un partido con vocación de goberno debe, neste sentido, apuntar alto.
O seguinte chanzo presenta, ademais, límites estruturais. Nun sistema como o galego, unha maioría absoluta nacionalista semella improbable. A vía máis verosímil ao goberno pasa por unha maioría alternativa na que o PSdeG siga sendo peza necesaria. O paradoxo é claro: o BNG precisa medrar, pero tamén precisa un socialismo galego que sume. Como artellará este principio de realidade o discurso presidencialista de Pontón?
O tempo dirá se a promesa latente de Ana Pontón se consuma. Se a “feliz realización dunha política creada dende o nacionalismo galego para este país”, en palabras de Suso de Toro, consegue ir máis lonxe ca quen a precedeu. A diferenza de Pontón, as grandes figuras do nacionalismo (Castelao, Beiras) combinaban a súa faceta dirixente coa produción dun respectado corpus teórico. Segundo Roi Pérez, iso non debería impedirnos recoñecer a enorme relevancia histórica do seu liderado. Se Pontón acada o goberno da Xunta, alguén poderá negar que estamos perante a dirixente nacionalista máis importante da historia de Galiza?
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!