Carme da Silva, candidata do BNG por Pontevedra: “Se en Galiza baixamos o interruptor, Madrid queda ás escuras”

A candidata do BNG por Pontevedra defende que gañar peso político en Madrid é a clave para decidir sobre os recursos de Galiza, critica o gasto militar fronte á vivenda e descarta facilitar un potencial goberno do bloque reaccionario.
Carme da Silva bng 11/2026
A candidata do BNG por Pontevedra ao Congreso dos Deputados, Carme da Silva. Foto: BNG.

Carme da Silva (Pontevedra, 1966), candidata do BNG por Pontevedra ás eleccións xerais, repasa nesta entrevista os obxectivos do Bloque na provincia, o balance da lexislatura que remata e a súa defensa dunha maior capacidade de decisión de Galiza sobre os seus recursos. A conversa percorre tamén as infraestruturas pendentes na provincia —o tren de proximidade, as conexións con Portugal, as peaxes da AP-9 e da AP-53 e o rexeitamento do BNG ao túnel da A-55 en Mos—, os desequilibrios entre a costa e o interior, a crise da vivenda e as medidas que propón o partido, o papel dos medios na campaña e as condicións do BNG ante unha eventual negociación de investidura.

É realista pensar en conseguir un segundo deputado por Pontevedra ou é máis ben un lema de campaña?
Nós non nos poñemos ningún tipo de límite. Vemos un ambiente estupendo na campaña. Hai uns días mesmo estiven no mitin de Moaña. Estaba un día infernal polo tempo e polo vento e había moitísima xente. É o que estamos percibindo, esa ilusión. Cada vez que nos din que tocamos teito, o BNG segue subindo. Non debemos limitarnos nin como sociedade nin como pobo que se quere facer respectar. Sabemos que para iso é imprescindible ter máis peso político.

Dende fóra do partido percíbese certa activación da militancia do BNG que non sei se acontecera en moitas ocasións anteriormente.
A xente está activada. Estou facendo esta entrevista desde unha sala de plenos no local comarcal de Pontevedra, que neste momento é unha sala de reunións de traballo, con material de campaña por todas partes, pola cantidade de xente que vén aquí a traballar para despois facer repartos para os moitos actos que se fan polas distintas localidades, parroquias e barrios. A xente está con moitas ganas, como unha moto.

Que balance fas desta lexislatura que remata como senadora? Estivo o Goberno de coalición á altura das expectativas que xerou entre a esquerda?
Eu creo que neste momento hai moitísima xente decepcionada. A proba foi a folga xeral e as manifestacións que se produciron en Galiza, que foron vangarda no Estado, o 11 de novembro. A xente está cabreada, moi cabreada, porque cada vez lles resulta máis difícil non digo xa chegar a fin de mes, senón non ter que escoller entre pagar a calefacción ou comprar comida ou pagar o aluguer. E iso fai que, por distintas razóns, a xente vexa que o Goberno non estivo á altura para resolver os problemas que ten no seu día a día.

Os decretos de vivenda son unha proba: chegan nos minutos de desconto para intentar calmar o malestar e o cabreo social. Pero a Lei Mordaza segue aí, a reforma laboral do Partido Popular segue sen derrogar e o salario mínimo súbese, pero segue estando por debaixo do 60 % do salario medio. Hai xente que cada día vive peor e tamén hai unha cuestión de prioridades. Mentres pasa iso, mentres non se poñen políticas de vivenda valentes que realmente toquen os alugueres, protexan os inquilinos, impidan a especulación e impidan que as vivendas se transformen en pisos ilegais de uso turístico, hai miles de millóns de euros para gasto militar: 35.000 millóns de euros para gasto militar e 890 millóns para políticas de vivenda no ano. É normal que a xente estea cabreada, moi cabreada, e non é un problema de falta de recursos, é un problema de como se priorizan.

Hai unha idea forte que estades traballando en campaña: a capacidade de decisión para Galiza catalizada nun concerto económico. Como poderías traducir esta idea á xente do común? Que significaría na vida cotiá da cidadanía?
Pois imaxínate que o teu salario, en vez de ingresarcho a ti na túa nómina e decidires ti en que gastas os cartos que tes, danllo a un veciño que nin coñeces, que está en Madrid, e que é el quen decide en que gastas ti os cartos que gañaches por traballar. As súas prioridades non teñen nada que ver coas túas. Pois iso é o que está pasando cos cartos das galegas e dos galegos: en vez de decidir nós en que queremos que se prioricen —nunha rede de coidados que dea cobertura real ás necesidades que temos, nunha financiación da dependencia axeitada, porque non é o mesmo financiar os custos da dependencia en Galiza que en Madrid, xa que temos a poboación moi avellentada e distribuída doutra forma polo territorio; en políticas de vivenda; en máis recursos para a loita contra a violencia machista e contra os asasinatos de mulleres; en máis recursos para a sanidade, para a educación e para as pensións—, deciden por nós.

Que cres que mudaría á hora de condicionar as políticas dun potencial Goberno se o Bloque, en vez de ter un deputado, puidese ter cinco ou seis?
No Estado español, canto tes, canto vales: os fondos e os recursos non se distribúen en función das necesidades. Non é que o Consello de Ministros decida: “Como Galiza está discriminada en materia de financiamento e hai miles de millóns de débeda histórica coa financiación da dependencia, imos meter máis recursos para Galiza”. Non se decide así. Decídese por criterios centralistas, por criterios demográficos e por peso político. Evidentemente, se conseguimos un grupo importante de deputados e deputadas do BNG, teremos moito máis peso político e ese peso político imos poñelo ao servizo dos intereses dos galegos e das galegas, para que se resolvan os seus problemas reais. Esa é a diferenza.

carme da silva 2
Carme da Silva foi senadora polo BNG durante a anterior lexislatura.

Pode servir tamén esa presenza no Congreso e nos focos madrileños para romper o bloqueo mediático? Penso nas vindeiras eleccións galegas.
No BNG estamos moi afeitas a traballar no ecosistema mediático que hai tanto a nivel estatal como galego. É certo que o Estado é enormemente centralista: só pasan as cousas que pasan en Madrid. Póñoche un exemplo. O do ático de Ayuso é un escándalo, pero que o conselleiro de Emprego galego tivese empresas vinculadas a el que contrataban persoas inmigrantes con contratos irregulares, e que por riba o xustificase botándolles a culpa a esas persoas, é absolutamente escandaloso. E iso non abre portadas en Madrid. É ese centralismo que afecta a todo, absolutamente a todo.

No caso galego, o sistema mediático, sacando honrosas excepcións, como as de quen intentades facer outra cousa, respectar a pluralidade e darlle voz a toda a sociedade galega, é xa un escándalo. Non hai máis que ver a televisión pública galega. 

Falabas dun dos temas que denunciades reiteradamente: as discriminacións para Galiza, sobre todo en materia de infraestruturas, concretamente en Pontevedra. Cales son as tarefas pendentes? 
En materia de infraestruturas, son fundamentais as conexións ferroviarias. Estou falando tanto do tren de proximidade, nunha área urbana como a de Pontevedra–Vigo, como das conexións ferroviarias, tanto para transporte de viaxeiros como de mercadorías con Portugal, que para nós é unha área económica, social e cultural fundamental. Están as autoestradas de peaxe, que temos das máis caras do Estado: tanto na AP-9 como na AP-53 conseguíronse dúas rebaixas importantes, polo acordo de investidura e pola presión política que fixemos, de ata o 75 %. Pero aspiramos a que o PP deixe de boicotear a transferencia, de balde, da autoestrada, que xa pagamos un montón de veces.

Sobre a A-55 estades do lado das veciñas e veciños afectados, pero tendes algunha alternativa para afrontar as famosas curvas sinuosas de Puxeiros?
A A-55, no seu paso polo concello de Mos, ten un trazado que non se corresponde para nada co dunha vía de alta capacidade. De feito, está sinalizada a 60 km/h. E a proba evidente é que é un dos tramos de autovía do Estado con máis accidentes e dos máis perigosos. Ten que pasar a ser o que de feito é, unha vía urbana: cambiar a conceptualización da vía, non o trazado, para que sexa unha vía urbana. E claro que hai unha alternativa: a AP-9, liberada de peaxe e con boas conexións coa A-52, para que sirva como alternativa a esa A-55. O que non ten sentido é o destrozo ambiental e social que supón facer un túnel que non vai resolver o problema do tráfico da A-55 porque se vai seguir utilizando, que non vai mellorar para nada as conexións e que implica un montón de recursos económicos, nunha zona na que con liberar a AP-9 e mellorar os enlaces coa A-52 abonda.

O territorio é finito e non se pode tratar así. Eu non entendo que o PSOE de Vigo impulse iso. Despois véñennos dicir que temos unha orografía complicada, pero é que xa existe unha vía que, conectada mellor, dá ese servizo totalmente.

Aprovincia de Pontevedra, como creo que todas as de Galiza, ten importantes desequilibrios territoriais entre a costa e o interior. Que medidas plantexariades para evitar que comarcas como Deza, Tabeirós ou o interior do Condado sigan, digamos, indo un pouco a menos en poboación e mesmo en actividade económica?
Unha das que xa impulsamos, por exemplo, foi a rebaixa da peaxe. Por primeira vez na historia, desde que se fixo a AP-53, que creo que debía ser a única infraestrutura destas características que non tiña ningún tipo de bonificación e que ademais era carísima. Iso permite que melloren as comunicacións de toda esa zona, tanto para ir traballar e para vivir como para o transporte. O sector gandeiro, por exemplo, ten moitísimos desprazamentos desde esa zona.

Ademais de mellorar as conexións, hai unha cuestión moi importante, que son as comunicacións doutro tipo, como as conexións a internet: que non haxa problemas de cobertura, que se estenda a fibra realmente a todas as zonas do Condado, por exemplo, onde a fibra lles pasa por diante e as casas non están conectadas e teñen graves problemas de comunicación.

E logo, nós, galegos e galegas, ocupamos o territorio dunha determinada maneira; sempre se di o mesmo: a metade dos núcleos de poboación do Estado están en Galiza. Esa é a nosa forma de ocupar o territorio, e iso significa que hai que estender os recursos públicos e dedicalos a que os equipamentos e os servizos estean en todas esas partes do territorio: equipamentos sanitarios, educativos, sociais, de coidados.

Hai que facer unha rede de coidados que chegue, porque o problema é que, se non tes escola para o teu fillo ou filla, non te quedas a vivir; se non tes a seguridade de que vas ter prestación sanitaria, non te quedas a vivir. Ao final, iso é un bucle que hai que romper dotando de servizos adecuados.

A vivenda converteuse, como falabamos ao principio, nun dos principais problemas para a xente nova e para toda a clase traballadora. Como se debera intervir realmente no mercado da vivenda?
A vivenda converteuse nun problema porque levamos décadas nas que deixou de cumprir unha función social para ser un ben de mercado, un produto que se utiliza para a acumulación de capital e patrimonio. Así é imposible que cumpra a súa función social. Hai que tomar medidas que supoñan un punto de inflexión e un cambio total no que ten que ser o acceso á vivenda. Como ti dicías, non é só un problema da xente nova, que evidentemente é un problema moi grave, porque unha vivenda é onde se constrúe o teu proxecto de vida: unha vivenda, un fogar. Son medidas que teñen que romper co que está facendo o mercado, medidas contrasistémicas, como topar os prezos dos alugueres. Hai que mobilizar a vivenda baleira: hai miles de vivendas baleiras e pódense buscar mecanismos, desde a compra, porque esa xa está construída. Igual que o territorio é finito para as infraestruturas, tamén é finito para seguir sendo urbanizado. Hai que comprar esas vivendas baleiras desde a administración autonómica para poñelas en aluguer social e protexer os inquilinos e as inquilinas, dando estabilidade nos contratos de aluguer.

Hai que romper co paso fraudulento e ilegal de vivendas residenciais a pisos de uso turístico. Non son vivendas, son pisos turísticos: o que se fai é unha actividade hoteleira, non unha actividade residencial. Iso está a permitilo e a promovelo a Xunta de Galiza. E, finalmente, hai que construír vivenda pública que manteña o seu carácter público e protexido de forma permanente e que sexa para aluguer social, e romper co mantra do 30 %, que é algo que a min me ten bastante cabreada. Instalouse porque nun informe internacional sae que o 30 % é o máximo que se pode adicar dos recursos. Pero a min que me digan: mira, no Morrazo, por poñer un exemplo, 5.000 mulleres cobran unha pensión por debaixo dos 930 euros. O 30 % de 930 euros é un prezo inasumible para unha vivenda, absolutamente inasumible. 

Hai unha proposta imbatible, a de Feijóo, de facer un millón de vivendas.

Iso é moi habitual en Feixóo, aquí coñecémolo ben: mentir sen ruborizarse.

Desde a esquerda reivindícanse subas salariais, pensións dignas, mellores condicións laborais, pero como se pode mellorar ese poder adquisitivo da xente da clase traballadora sen que esas melloras acaben absorbidas pola suba dos prezos?

O que está pasando coa suba dos prezos ten relación directa coas decisións que se están tomando a nivel internacional. Non suben os prezos porque si: suben porque hai guerras imperialistas que están arrasando os pobos e que despois pagan as clases populares, neste caso de Galiza, do seu peto, coa suba da calefacción, da enerxía, da luz, do gasoil. Pero aí hai quen se está forrando. É un problema de cada vez máis riqueza concentrada en poucas mans, as de megamillonarios, e cada vez as clases populares máis pobres, porque, mentres a xente non ten cartos, ten que elixir entre acender a calefacción ou comer. Repsol subiu un 325 % os seus beneficios no que vai de ano. Haberá que poñerlles un imposto ás enerxéticas. Haberá que tocar o prezo da electricidade. Teremos que ter unha tarifa eléctrica galega, porque hai outra cousa: mentres aquí espolian os nosos recursos enerxéticos, que van para fóra para que Madrid se faga máis rica, tamén hai unha concentración centralista dos investimentos e dos recursos. Eu sempre digo: se en Galiza baixamos o interruptor, Madrid queda ás escuras.

Hai unha cousa que dicides moito, que se é polo BNG, o bloque reaccionario non gobernará. Hai algunha condición que sería irrenunciable para o Bloque na negociación dunha investidura?

É a práctica política que levamos tendo anos e anos, toda a nosa existencia. Nunca, absolutamente nunca, nin por activa nin por pasiva, promovemos ou facilitamos gobernos do Partido Popular. Non o facemos en Galiza e non o imos facer no Estado: coñecemos moi ben a ruína que para Galiza é o goberno do Partido Popular. Polo tanto, desde logo, se depende de nós, o Partido Popular non vai gobernar nunca en ningún sitio. 

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...