O prelo
Faino ti mesmx: guía práctica para mudar o sistema
Podemos supoñer que os exercicios de desobediencia civil xurdiron en tódalas xeografías cando houbo algunha estrutura sociopolítica xa constituída. A máis antiga da que se ten rexistros no continente europeo remóntase ao 494 a.n.e., na República romana. A manifestación organizada polo extracto plebeo é considerada unha forma temperá da folga xeral e tivo como finalidade mudar as leis que os mantiñan á marxe da participación cidadá e ao borde da condición de escravitude.
Porén, até principios do século XX, os colonizadores ingleses, fronte ás prácticas de resistencia guiadas por Mahatma Gandhi tanto na India, como en Sudáfrica, propoñen o termo ‘non-violencia’ para diferencialas das prácticas de resistencia armada.
***
A Internacional de Resistentes á Guerra (IRG) é unha organización internacional integrada por unha rede de colectivos antimilitaristas e pacifistas. Desde o seu establecemento en 1921, tras a devastacións da Primeira Guerra Mundial, a IRG dedícase a axudar no proceso de rescate e acollida de persoas perseguidas por gobernos totalitarios. Asemade, esta rede desenvolve procesos colaboración internacional e iniciativas de acción non-violentas para protexer os dereitos humanos en diferentes latitudes.
Como parte destas iniciativas, en 2009 a IRG edita o Manual para campañas non-violentas, un texto didáctico que ofrece estratexias, referentes e exercicios de desobediencia civil ás persoas e colectivos comprometidos coa transformación social. O manual foi traducido ao galego por 13 editora, un proxecto de formación política, cultural, económica e social dedicado a promover o pensamento crítico a través de libros que poidan servir como ferramenta de acción social.
Sen dúbida, un dos valores máis importantes do manual é a súa confección colaborativa. O texto responde á herdanza do pensamento sobre a desobediencia civil e continúa a labor de difundir saberes e experiencias cultivadas dun xeito común. Esta tradución a lingua galega, nese sentido, contribúe a manter viva esa tradición de construción comunitaria do coñecemento.
O Manual para campañas non-violentas, propón tanto unha historiografía das principais expoñentes e campañas de desobediencia civil pacífica, como unha contextualización teórica da causalidade das prácticas non-violentas. É dicir, a que responden, como responden e como poden afectar o funcionamento do sistema?
É importante salientar o capítulo dedicado á relación de non-violencia coa perspectiva de xénero. O manual non só deixa clara a relación que existe entre a guerra e o sistema patriarcal, senón que tamén sinala a necesidade ineludible de que as persoas e colectivos non asuman de antemán que están libres de prexuízos. Xa que logo, os colectivos deben levar a cabo dinámicas internas nas que se traballe e priorice a desmantelación das violencias dentro do equipo.
“(...) non é suficiente só a oposición a un/ha adversarix, senón que a xente debe asumir as súas responsabilidades e examinar o seu comportamento. A liberdade e a xustiza non poden só esixirse, senón que tamén teñen que practicarse e ser a base sobre a que se constrúe o movemento”.
O Manual, nas diferentes dinámicas que se propoñen para traballar e acordar as distintas directrices e cuestións éticas que atravesan cada plan de acción, propón a idea de que a organización deste tipo de grupos require que se asuman as respectivas responsabilidades. No activismo que se propón, non son suficientes –porque nunca o son- as boas intencións. Pola contra, a IRG avoga por colectivos comprometidos con facilitar condicións de solidariedade e xustiza social.
As mobilizacións non-violentas non só teñen a opción de traballar en accións confrontativas como folgas, boicots, bloqueos, manifestos e peticións. O libro dá conta dunha longa listaxe de accións construtivas nun plano cotiá que axudan a promover o cambio a través da intervención, o diálogo e de proxectos formativos e accesibles para a sociedade.
O Manual para campañas non-violentas pode ser unha ferramenta de gran utilidade para a planeación de accións de resistencia civil pacífica. Mais tamén é un material útil para calquera organización colectiva ou iniciativa individual que procure construír desde o coidado e o respecto, procesos de transformación.
A toma de consciencia social ven dá man da accesibilidade á información e ao coñecemento. O pensamento crítico, nese sentido, é imprescindible. Identificar as bases que sustentan as estruturas do poder e comprender de que xeito nos afectan, delimitan ou constrinxen os nosos dereitos é o primeiro paso para comprender que as estruturas non son estables e que, polo tanto, existe a posibilidade de mudar as nosas propias condicións.
“Sacar a xente da resignación sobre o que pasa (ou puidese pasar), atraer aliadxs, ou tomar a palabra en decisións que afectan ás súas/nosas vidas... Unha das nocións centrais nas campañas non-violentas é a distribución do poder: como podemos facer que ‘sucedan cousas’, sobre todo, se nos unimos a outras persoas”.
A publicación deste Manual nunha editora sen fins de lucro é un xeito de resistencia, de acción non-violenta, que promove espazos formativos e participativos a través da edición e da lectura. Ter nas mans o produto do esforzo de xeracións e xeracións de persoas que pensaron e elaboraron estratexias para defender a vida é, sen dúbida, a mellor maneira de loitar contra a resignación, contra o individualismo e contra a idea de que as cousas non poden mudar. Porque, ler sobre como a Comunidade de Paz de San José de Apartadó desenvolveu un proxecto de abastecemento sustentable en terreos comunitario nunha zona de guerra en Colombia ou sobre a campaña que logrou derrotar un plebiscito designado para ratificar o goberno de Pinochet, entre outros varios exemplos documentados no Manual, dá conta de que as cousas si poden mudar, se nos xuntamos para mudalas.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!