Nicaragua
Magaly Quintana: "Para nós é moi dolorosa a forma de represión que o orteguismo está a pór en práctica"

Quintana é unha das voces de Católicas polo dereito a decidir e de Voces contra a violencia, dúas plataformas próximas as correntes da teoría da liberación.

Disturbios en Nicaragua 1.
Disturbios en Nicaragua. Óscar Navarrete

publicado
2018-12-05 19:00

Cargando os seus 66 anos, o seu paquete de cigarros e o seu celular, Magaly Quintana pasou a vida enteira subvertendo a “orde”. A súa rebeldía naceu desde que a sentaron en primaria no mellor colexio privado de señoritas de Managua, e pasou pola loita estudantil no 1978 e logo á insurrección nas montañas e á cadea. Dende que deixou o FSLN, hai tempo que é unha das voces de Católicas polo dereito a decidir e de Voces contra a violencia, dúas plataformas de base cidadá próximas as correntes da teoría da liberación.

Que está a pasar en Nicaragua dende o 18 de abril?
Creo que non podemos pensar "que está a pasar en Nicaragua" ahorita pensando no 19 de abril. O 19 de abril é a resposta dun gran acumulado de tantos anos de violentar os dereitos humanos dos nicaraguanos neste país. Xa este pobo dera resposta a situacións nas que moitas non tiñamos reparado. Por exemplo no campo existía moito antes unha gran represión, as grandes cooperativas que se construíron na revolución foron forzadas, porque o campesiñado sempre rexeitou ese modelo de organización. E ademais moitas desas terras fóronlles mercadas ás cooperativas a prezos miserables porque aos campesiños nunca se lles deu a tenza legal da propiedade e polo tanto non podían ter acceso aos bancos. O campesiñado estaba nunha gran pobreza e abandono.

Nicaragua
Nicaragua: la erupción inesperada

El 19 de abril fueron asesinados los primeros estudiantes en Nicaragua y un policía, por eso el Movimiento asumió la fecha como emblema de la lucha. Hoy hay 39 muertos. Pero la lucha continúa.

Xa se falaba de movementos armados, o que xerou unha gran represión. Na última mataron dúas mulleres, un neno e dous adultos. O orteguismo e o exército nunca quixeron entregarlles os cadáveres dos cativos ás nais, pois evidenciaba o grao de agresividade e criminalidade.

Outro exemplo: non se lle deu lectura ao gran movemento campesiño xurdido na defensa da terra cando se inventaron a construción do canal, que non era máis que despoxar o campesiñado das súas terras para construír emporios turísticos. Isto fai que xurda un movemento campesiño que nin antes da revolución existía. As que estivemos na revolución, vimos un campesiñado apoiando os revolucionarios na montaña, pero non un movemento campesiño.

Magaly Quintana
Magaly Quintana. Foto: Nadine Lacayo Renner
Dende hai anos fálase de altos graos de corrupción no goberno sandinista financiada polos fondos venezolanos, que hai de certo?
Daniel, cando Venezuela estaba en auxe, coa corrupción da "axuda venezolana", o que fixo para neutralizar esa situación de descontento en moitos sectores populares, que dicía antes, foi dar prebendas aos seus achegados. Era unha política paternalista que xeraba unha gran diferenza e resentimento nos sectores que non eran orteguistas, a gran maioría pobres e moitas veces desprazados, nos que emerxían moitos descontentos. Os beneficiarios sentíanse alagados, sen chegar a comprender que o que recibían era un dereito de cidadáns. E por outro lado, os cambios manipulados nas leis electorais permitíalle ao orteguismo perpetuarse no poder. Pero non escoitamos, nin a sociedade civil nin o orteguismo, a resposta que o pobo ía dando a todo isto, de maneira que cando chegaban os procesos electorais a abstención aumentaba. Nin a súa propia xente votaba, pois a abstención era masiva. Do último proceso nin tan sequera deron datos. O pobo nicaraguano amosaba deste xeito o rexeitamento que sentía ante esta situación.

Pola outra banda, o orteguismo íase consolidando como unha ditadura. Fomos as organizacións de mulleres as que primeiro denunciamos constantemente esa situación: “estáse a consolidar unha ditadura”, que como todas as ditaduras traspasaba a esfera económica. O orteguismo mediante a súa familia e achegados controlaba absolutamente todos os aparatos do estado; os tres poderes, máis o do tribunal electoral. Había tamén unha relación moi forte entre o capital dos Estados Unidos e Daniel Ortega, expresado sobre todo nas industrias da maquila, carentes de dereitos laborais e con condicións de escravitude para as traballadoras, onde calquera intento de reclamación aparellaba o despido de quen reclamaba.

O orteguismo cometeu o mesmo erro que o somocismo: favorecer exclusivamente a súa familia e círculo, de maneira que tamén a empresa privada se vía excluída. É dicir, os que non estaban no seu círculo non tiñan nada que facer, por exemplo, na concesión de obra pública. Soamente a súa base social, ao redor do 30 % da poboación, tiña unha aparencia de cidadanía, que non era máis que os beneficios que o orteguismo lles proporcionaba. Isto xerou unha gran contradición. Pois o orteguismo ía creando as condicións para favorecer o descontento cidadán que eclosiona o 19 de abril.

Que acontece nos primeiros días de protestas?
Nunca pensaron que a cousa non se detivese e fora en aumento. Tiñan un desprezo total pola xuventude, que liderou a insurrección cidadá, pensando que os chamados milennials só pensaban en divertirse. Foi moi interesante ver como eses milennials tomaron consciencia do que estaba a pasar en Nicaragua. Aquí xogaron un papel moi importante os grupos ambientalistas. Xeraron unha conciencia fonda no sector xuvenil, non na nosa xeración. Convén recordar que pouco antes tivera lugar o incendio da gran reserva natural do Indio Maíz. Foi unha crenza xeralizada que o lume o provocaron grupos madeireiros ligados ao orteguismo, que apadriñaba todo avance no mundo dos bosques para a construción de enclaves turísticos. Moitos líderes indíxenas da zona que protestaran pola deforestación e apropiación dos bosques foron asasinados.

Foi moi interesante ver como os milennials tomaron consciencia do que estaba a pasar en Nicaragua.

Deste xeito a loita ambientalistas impregnou ao sector xuvenil. Como dicía esta loita viña de atrás e foi moi mal xestionada polo orteguismo, acostumado a acabar con calquera mobilización que non fose liderada por eles, mediante a represión pura e dura, pensado que así acabaría con ela. E así fixeron coa UCA neste caso. Represión que xa era a segunda en pouco tempo, pois na protesta a propósito do INSS queimáranlle vehículos á xuventude e botáronlles enriba as turbas. Como digo, a rebelión estoupou, pero non comezou o 18 de abril. Temos en Nicaragua moitas organizacións da sociedade civil e de mulleres, que vimos traballando conxuntamente na defensa dos dereitos da cidadanía. O 18 de abril, repito, non foi máis que a eclosión do que se levaba cociñando durante anos de traballo.

Hai compañeiras que falan de ditadura, como cualificarías o goberno de Daniel Ortega e Rosario Murillo? Que respostas estades artellando?
Para nós é moi dolorosa a forma de represión, de asasinatos, secuestros, tortura, desaparicións, etc; que o orteguismo está poñendo en práctica. Fun dirixente estudantil no 78, tiven a presidencia en distintas asociacións. A partir do 79 o movemento estudantil apoia o Frente Sandinista na insurrección; eran armas contra armas. Pero antes, podo dicir que, nunca, nunca a garda somocista desatou unha cacería como a que ten desatado Daniel Ortega; nunca. Nunca entrou na universidade, nin disparou contra a xente desarmada.

Ninguén neste pais se imaxinaba unha masacre como a que estamos a vivir. Asasinar a xuventude desarmada. O orteguismo apostou a que asasinando un puñado remataría a protesta. Coñecendo a perversidade do orteguismo apostou a xerar situacións armadas, para que se enfrontaran aos paramilitares, exército e policía. Pero unha característica interesante do que estamos a vivir é que se trata dunha rebelión cidadá, unha protesta pacífica, algo moi novo en América Latina e algo inusual en Nicaragua onde non faltan as armas.

Imos gañando? O que penso é que o orteguismo xa perdeu. O país ahorita só se pode manter a base de terrorismo de estado

Ao mesmo tempo, hai outra novidade, trátase dunha protesta azul e branca, feita en nome da cidadanía, dos dereitos de cada quen e non en nome de bandeiras partidarias. Cando me preguntan: imos gañando? O que penso é que o orteguismo xa perdeu. O país ahorita só se pode manter a base de terrorismo de estado, así o ten demostrado a xente, así o ten demostrado a xuventude. Que economía se pode desenvolver? Vostedes saben, somos un país secuestrado, vivindo nun estado de excepción non declarado, recluídas nas casitas a partir das cinco da tarde. Aquí non hai quiñentos mortos, catrocentos presos políticos e torturados, miles de desaparecidos e miles de emigrados, aquí o que hai é un pobo preso, preso a través do terror e das armas. Nese sentido, poderá sosterse o orteguismo? Non son tan optimista de dicir “imos gañando”, o que si podo dicir: Daniel perdeu. Poderá sosterse o orteguismo ata o 20, 21 a través do terror? Quen sabe.

Outra cousa impresionante é que Nicaragua, despois de estar totalmente abandonada a nivel internacional, hoxe está, en pouco tempo (Venezuela ten como 10 anos de estar na loita internacional) no primeiro chanzo a nivel internacional. E o orteguismo ahorita ten un cerco internacional profundo. Iso axuda tamén a darnos a posibilidade de abrir as portas da democracia por primeira vez. Porque en Nicaragua houbo democracia cando houbo unha revolución. Iso crémolo nós ou inventámolo, e na medida en que avanzamos decatámonos que aquí o que se estaba a establecer era unha ditadura de esquerdas. Isto tamén é un descubrimento que debería facer reflexionar á esquerda: xa non se pode vivir cos mesmos esquemas do pasado, cos clixés do pasado. Debemos ser consecuentes coa realidade do noso pobo. Xa non podemos falar de que os dereitos sociais son máis importantes que os dereitos e as liberdades individuais.

As esquerdas moitas veces non utilizamos a dialéctica e quedámonos encaixonados nun discurso marxista sen sentido, que na práctica estaba dicindo que ía ao pique.

Como facer que tantas experiencias que foron tan desastrosas podelas converter; reformar dialecticamente o pensamento de esquerda. As esquerdas moitas veces non utilizamos a dialéctica e quedámonos encaixonados nun discurso marxista sen sentido, que na práctica estaba dicindo que ía ao pique. E tamén polos dirixentes que viviron do esquerdismo, que se enriqueceron a costa do esquerdismo, que se empoderaron eles e abandonaron ao seu pobo. Creo que todas estas reflexións debémolas facer todas as persoas que cremos que podemos aínda construír un mundo distinto. Non teño medo nin calo. Espero que en calquera intre poidan vir a por min chamando ou botando a porta abaixo. Teño poucas cousas na casa pois adoitan saquear e desbaratar.

Ser feminista en Nicaragua

Fálanos dos movementos de mulleres. Como se configuran e cal é a súa relación con FSLN e co tandem Ortega-Murillo?
Os movementos de mulleres, particularmente os feministas, dende o seu inicio foron perseguidos. Aparecen no 74 cando comezan a chegar as ideas feministas de América Latina. En Nicaragua, algunhas mulleres pensabamos que o noso papel non era o que nos asignaba a revolución: recoller botellas, ou andar tras das nais para que seus fillos fosen ao servizo militar, ou anunciarlles a morte dalgún fillo na montaña. Comezamos pois a reflexionar. Déronse dous focos principais: un en Matagalpa onde tiñamos á Mariana, e outro en Managua. Deste xeito, comezamos a traballar dende unha visión feminista na revolución, pero fóra do feminismo sandinista oficial. Mariana era unha feminista venezolana, falecida hai dous anos, foi membro da columna guerrilleira Latinoamericana que entrou polo sur de Nicaragua en apoio á insurrecciuón sandinista no 1978. Tivo dous fillos en Nicaragua onde permaneceu ata os anos noventa que regresou a Venezuela, onde seguiu traballando no movemento de mulleres e no movemento cooperativo. Polo tanto trátabase dunha militante sandinista do primeiro momento, axiña foi moi crítica cos sistemas oficialistas en relación coa loita feminista e coa participación popular.

No seu momento todas fomos acusadas de contrarevolucionarias. Eu lembro que cando intentaba saír do país, ata tentaban negarme o pasaporte e cando chegaba aos encontros, como chegaban tamén as sandinistas, dicían que eu non representaba a Nicaragua. Había unha grande agresividade. Tiñamos programas de radio, que pagabamos, pero non nolos sacaban porque dicían que eran contrarevolucionarios.

Comezamos a traballar dun xeito silencioso coas parteiras empíricas, coas mulleres dos barrios e das comunidades. Falamos coa Mariana e nos dispersamos en diferentes grupos. Estou a falar dos anos 1983 e 1984.

Aos poucos esta mulleres fóronse desprendendo das políticas en xeral e dos plantexamentos da revolución en particular. Isto xerou un odio visceral de Rosario Murillo, que no seu pasado fora unha muller progresista, pero a quen o poder transformou. E a saber que outros factores incidiron en convertela nunha muller super-conservadora e cun odio visceral contra o feminismo. Cando o caso da denuncia de Zoila América (fillastra de Daniel que o acusou de violación), fomos as feministas quen estivemos ao frente, como correspondía, acompañando, pois era fundamental para nós a loita contra a violencia sexual, contra o feminicidio e polo aborto.

Como explicas que o FSLN siga prohibindo o aborto terapéutico a día de hoxe?
Neste sentido as feministas fomos sempre nunha pedra no zapato do orteguismo. Comezamos a denunciar como se viña consolidando unha ditadura neste pais; en que se convertera a revolución, nunha ditadura. Empezamos a ter más presenza pública nos medios de comunicación. Maior capacidade de mobilización. Empezamos a ser moi respectadas na sociedade, que as nosas voces foran escoitadas, a ter presenza pública. De ser un movemento pequeniño, logramos ir articulando un movemento vigoroso, forte, con eixos de traballo moi claros.

Este odio visceral que nos tiña o orteguismo tivo moito que ver co noso acompañamento e denuncia a Zoila América, a filla de Ortega, e a denuncia ao seu pai abusador. Denuncia que se extendeu por toda América Latina. Cando Ortega chega a El Salvador, dende que baixa do avión acompáñao unha pancarta que puxeron as feministas salvadoreñas dicindo “Non queremos abusadores sexuais neste pais”. Todo o cal foi xerando a visceralidade do orteguismo e de Rosario Murillo contra as organizacións feministas e de mulleres.

Grupo Venancia, Matagalpa, Nicaragua
Sede del Grupo Venancia, Matagalpa, Nicaragua Elisa Coll Blanco
Neste momento é importante sinalar que a igrexa católica dunha ou doutra maneira tiña un non recoñecemento do orteguismo. Certo que tiña algúns sacerdotes ao seu redor, pero a inmensa maioría dos bispos tiñan unha posición contraria. Pero na temática das mulleres si que había unha alianza importante co orteguismo. Porque recordemos que para unha parte importante da igrexa católica, para a xerarquía, o control do corpo das mulleres é fundamental, a nivel internacional non só en Nicaragua.

Iso fai que no ano 2006, cando Daniel Ortega se está a preparar para recuperar o poder, o que fan é negociar coa Igrexa Católica, consistente na penalización total do aborto. En Nicaragua existía o aborto terapéutico, figura moi importante pois non establecía causais, senón que dicía que en Nicaragua non era punible o aborto terapéutico. Había un gran número de causais. Daniel Ortega logra calar aos sectores máis belixerantes da Igrexa con esta negociación. Ao mesmo tempo que lle di ás súas bases que cando logren o poder van regresar o aborto terapéutico á lexislación. Coñecendo nós quen é Daniel Ortega, tiñamos claro que non o ía facer.

En Nicaragua existía o aborto terapéutico, figura moi importante pois non establecía causais, senón que dicía que en Nicaragua non era punible o aborto terapéutico.

Por outra banda, sae una lei —a 779— moi importante pois aparece a figura do feminicidio que establece que calquera asasinato de muller neste país ten que ser recollido como un feminicidio. Pero ao decatárense que a figura do feminicidio se incrementa neste país, restruturan a lei. A nivel internacional a figura do femincidio é un indicador importante para ver se se respectan os dereitos humanos das mulleres. Eles necesitaban reducir o impacto da lei. Pero ademais, fíxate que interesante —por iso o que está pasando non é novedoso— reducen a lei, e establecen que somente é femincidio cando o home mata á muller na súa casa, no espazo privado. E o instituto de medicina legal comeza a establecer casos de feminicidio como suicidio. Non é novedoso porque o orteguismo ten o control total das institucións todas, tamén por suposto do instituto de medicina legal, dende sempre ese ten sido o seu papel histórico neste pais.

Todo isto ten fortalecido a loita das mulleres polo dereito a ser suxeitas e cidadáns neste pais, e polo tanto isto permítenos facer todo un traballo nas comunidades, un traballo comunitario, barrial, de base.

Este traballo de base que fixeron as feministas. Este traballo de base que fixeron os ambientalistas, tódalas organizacións, deu o seu froito nestes momentos, nestas xornadas que comezan e abril.

As feministas fomos reprimidas en todas as manifestacións públicas, en todas as marchas. As marchas nas xornadas contra a violencia, por exemplo os 25 de novembro, e o 8 de marzo, foron reprimidas pola policía e polos antimotins —antidisturbios— sen sentido, enfrontando unha marcha totalmente pacífica. Mentres en todos os países se celebrna esas xornadas, en Nicaragua reprímense historicamente.

As organizacións de mulleres estamos presentes na loita que se desenvolve dende o 19 de abril. Ahorita xa desatan unha loita, criminalizando o Movemento Feminista, o Movimiento Autónomo de Mujeres, Sí mujer, María Helena Cuadra, etc. A ofensiva estase a expresar de tal maneira que moitas feministas tiveron que marchar do pais.

Xa é unha saña pois as organizacións feministas enfrentámonos historicamente á ditadura orteguista neste pais. En todos os ámbitos. No emprego, na loita por un emprego con dignidade, onde María Helena Cuadra ten feito un traballo espectacular organizando milleiros de mulleres na maquila. As forzas feministas neste país son fortes e son respectadas pola sociedade. A agresividade coas feministas non é de agora, é histórica porque teñen expresado unha voz crítica, e teñen expresado propostas políticas nun pais onde existe unha ditadura e onde esas voces diferentes non poden ser aceptadas.

Esta entrevista é resultado dunha conversa con Magali Quintana para un especial da Revista Irimia.

Relacionadas

Nicaragua
La crisis de los 40 en Nicaragua
En Nicaragua se cumplen 40 años del triunfo de la Revolución en un ambiente de represión estatal por parte del gobierno de Ortega, sin fin aparente
Deportes
Alcalde de Managua, orgullo de Nicaragua
Foi o primeiro nicaragüense no Salón da Fama, a bandeira do seu país nos Xogos Olímpicos de Beijing, chegou á política da man dos mesmos que confiscaron tódalas súas propiedades.
Contigo empezó todo
Poli bueno y poli malo en la conquista de Nicaragua

Dos dirigentes indígenas y un conquistador español fueron los protagonistas del primer intento de colonización del país centroamericano.

0 Comentarios

Destacadas

Italia
La dimisión de Conte pone en peligro el deseo de Salvini de un proceso electoral inmediato

El Movimiento 5 Estrellas y el Partido Demócrata se pueden poner de acuerdo para evitar unas elecciones inmediatas en las que el ultra Matteo Salvini parte con ventaja en las encuestas.

Educación
Casi 100.000 firmas para que niños de Melilla que han nacido y viven allí puedan ir al colegio

La falta de empadronamiento, un requisito que no se exige en ningún otro lugar salvo Ceuta, impide a unos 200 niños que viven en Melilla ir al colegio. La Asociación Pro Derechos de la Infancia ha recogido casi 100.000 firmas que piden poner fin a esta discriminación.

Industria farmacéutica
Más de 500 medicamentos con problemas de suministro en España

El desabastecimiento de medicamentos en España ya supone más que una alerta farmacéutica. Son cientos de historias de pacientes sin su tratamiento.

Masculinidades
Terrorismo y masculinidad

M. sale de casa, todo está listo, la adrenalina bulle, no hay marcha atrás. Las armas cargadas, el plan bien meditado: llegó el momento.