Memoria histórica
José Barrio: “Temos moito que contar, pero é difícil que alguén se interese por sacalo á luz"

O Estado español prestou un importante apoio á Alemaña nazi a través do comercio do volframio. Unha das minas máis importantes situábase en Casaio, Ourense. José Barrio foi o último garda da mina de Valborraz.
Jose Barrio Nove
José co seu neto Christian Barrio, autor do libro José Barrio, El último guarda de la mina de Valborraz. Alba Prada
3 feb 2023 10:40

España non entrou oficialmente na Segunda Guerra Mundial, pero nos primeiros anos prestou un importante apoio á Alemaña nazi en forma de comercio co volframio. Unha das minas máis importantes, a de Valborraz situábase na provincia de Ourense, concretamente en Casaio (Carballeda de Valdeorras).

É importante destacar que foi unha das poucas que estaba controlada directamente polos nazis, por iso tamén era coñecida como “a mina dos alemáns”. No seu comezo (1914) era propiedade dunha empresa belga, pero a partires de 1938 xa pasou a explotarse por consorcio SOFINDUS ata 1945.

“A mina dos alemáns” funcionou como destacamento penal entre os anos 1942 e 1944 debido á estreita relación de Franco cos donos de SOFINDUS. Así, o réxime condenaba aos presos nos que a súa maioría eran prisioneiros de guerra, a traballos forzados a cambio dunha redución de condena.

Neses anos pasaron polas instalacións case 500 presos, pero ao final o réxime viuse na obriga de pechar o destacamento por diversas fugas. Ademais, estes presos eran coetáneos dos guerrilleiros que se atopaban nos montes de Casaio, na coñecida “Ciudad de la Selva”, polo que moitas das persoas condenadas entraron en contacto con eles.

Trala explotación na II Guerra Mundial, a mina non volveu abrir ata 1954. Xestionada por Grupo Minero de Casayo, a súa apertura durou exactamente 24 anos, ata 1978. Anos nos que José Barrio desenvolveu diferentes traballos, pero o derradeiro foi o de garda, o último garda da mina de Valborraz.

Jose Barrio Wolframio 1
Grupo de traballadores da mina. José abaixo á esquerda. Cedida por Rosana Fernández. Alba Prada

Para unha persoa tan nova, sería complicado deixar a súa casa con 16 anos para irse a traballar a outro sitio, e ademais sen data de volta...
Decidín ir á mina porque eu era novo e era o traballo que tiña máis próximo ao pobo da Baña (Castela e León). O meu pai traballara con anterioridade en Valborraz, pero cando eu marchei á mina, o meu pai volveu a casa. Foi difícil, pero fun no 1958 con 16 anos e xa casei alí, mira como é a vida. Marchei de Valborraz con 36 anos, fun o último traballador que quedou.

Se non é pola relación do seu pai co encargado Julio Cabanillas, había igualmente moita demanda de traballadores?
Naquel momento si que había demanda de traballadores, pero si que é verdade que ter a alguén coñecido sempre axudaba. No poboado habería unhas 300 persoas aproximadamente, contando con homes, mulleres e nenos.

Antes de que eu chegara, a que posteriormente sería a miña sogra, a cal tamén traballou en Valborraz, contaba que polas noites os traballadores adicábanse a roubar volframio para vendelo no mercado do estraperlo. As persoas que o levaban pagábanlle máis e compensáballes arriscarse. Imaxínate a produción que había na mina para poder facer eso.

Os traballadores adicábanse a roubar volframio para vendelo no mercado do estraperlo. As persoas que o levaban pagábanlle máis e compensáballes arriscarse.

Ao chegar a Valborraz… Como era a vida no poboado? E os días libres?
A vida alí estaba moi ben, xa que non pagamos nada, comiamos alí, limpábannos e facíannos a cama. Nese momento había poucas familias, exceptuando as dos encargados que xa estaban un pouco mellor posicionados. Con todo, a maioría dos traballadores eran persoas que estaban uns meses, logo marchaban, regresaban outra vez… Case todos eramos novos.

Había xente de todas partes, da Baña e de Valdeorras moitísima; pero doutros puntos como Xinzo de Limia, Pontevedra, Carballo ou A Coruña tamén. Ademais, os altos mandos viñan de Madrid.

As habitacións do barracón foran o aloxamento dos presos do destacamento penal entre 1942 e 1944. Había algún resto do seu paso?
Só quedaban as paredes, aínda que despois restaurárono. Os presos traballaban na mina, onde non era un labor precisamente fácil e despois automaticamente levábanos vixiados para os barracóns. Soamente saían para traballar e para comer no comedor. Despois déronse conta de que tiñan relacións cos escapados dos montes de Casaio e decidiron pechar o destacamento.

As amizades alí axudarían moito…
Ao chegar, aloxáronnos nos barracóns onde as habitacións eran de dúas persoas. Alí tiñas que forxar unha relación si ou si. No meu caso foi unha experiencia boa, xa que me puxeron con Eliseo Barrio Vega, tamén de Baña, e forxamos unha gran amizade. Era coma se fósemos un matrimonio (risas). Axudoume moito ter a xente do pobo alí.

Jose Barrio Wolframio 2
José co tricornio do garda civil destinado en Valborraz. Ano 1964 Cedida por Rosana Fernández Alba Prada

Lidar coas condicións meteorolóxicas nos montes de Casaio sería complicado…
Os invernos eran moi duros. Tiñámonos que duchar en auga fría porque non había como quentala e estabamos a unhas temperaturas moi baixas. Para lavarse había que pensalo.

Moitas veces tiñamos que meter a pa á porta de casa, a neve impedíanos saír. Ademais, eu non podía volver á miña casa da Baña polas nevadas tan grandes que caían, xa que tiña que ir andando.

Que postos de traballo desenvolveu en todos os anos que traballou en Valborraz?
Comecei de pinche, basicamente facendo de todo, pero sobre todo transportaba as barrenas. Despois cambiaronme o contrato a peón, pero seguía a facer o mesmo. Tamén, nos meus días libres realizaba labores de limpeza no poboado, xa que pagaban un extra e non viña nada mal.

Por último, no 1962, tras levar os materiais que quedaban na mina ao comedor para o almacenalos, xa me nomearon garda. E ata o fin dos meus días en Valborraz desenvolvín os traballos de vixilancia.

Do meu pobo había bastantes traballadores, e moitos deles morreron de silicose. No volframio, había un compoñente malísimo para a saúde, o arsénico.

O traxecto pola galería da mina facíase en plena escuridade. Como era?
A galería máis longa tiña un quilómetro de longo. Accedíase cun candil de carburo porque dentro non había luz e os traballadores tiñamos que cargar coa dinamita. Non era nada fácil o traxecto. Ademais, na quenda nocturna, fora era de noite, e dentro aínda máis, non vías a luz en ningún momento.

As medidas de seguridade para os traballadores eran eficaces ou directamente inexistentes?
Non había grandes medidas de seguridade. Do meu pobo había bastantes traballadores, e moitos deles morreron de silicose. No volframio, había un compoñente malísimo para a saúde, o arsénico. Utilizábase para a fabricación de armas nucleares. E xa non só iso, simplemente respirar ese po era matador.

Perdeu tres dedos nun accidente cun detonador... Como foi?
Estabamos tres acabando a quenda nocturna, casualmente todos os da Baña. Eliseo, Alberto e eu camiñabamos cara á saída e atopámonos un detonador que collín eu. Saquei a navalla que levaba no peto e desmonteino, raspando o que casualmente sería a mecha negra. Explotou na miña man e xa non se volveron ver os tres dedos. Eliseo perdeu o ollo esquerdo e Alberto por sorte saíu ileso. Menos mal que non levaba dinamita e que só era o detonador, senón xa non o contabamos.

Jose Barrio Wolframio 7
Dedos mutilados tralo accidente con wolfram na man. Alba Prada

Había un capataz na nosa quenda, pero non estaba alí. Tiña unha noiva e sospeitamos que marchara con ela, pero nós non demos detalles cando declaramos, só dixemos que non estaba nese momento. Se estivera na galería, seguramente nos dixera que non tocásemos o detonador e non pasara nada.

Despois xa baixamos ao poboado, e examinounos o practicante da mina, Benito Castrillo Cuervo. A miña man sangraba moitísimo, pero o ollo de Eliseo non. Aínda así, o practicante ordenou que nos trasladaran a Ourense.

Como foi a primeira vez nunha cidade como Ourense?
Leváronnos da mina ao Barco de Valdeorras nun camión e de aí fomos en taxi a Ourense. Alí estivemos ingresados tres meses na rúa Curros Enríquez. Eu ía facer as curas onde un doutor chamado Ramón Pardiñas, mentres que Eliseo acudía ao oculista Enrique de la Torre. Eliseo finalmente non puido recuperar a vista do ollo danado.

Cando chegamos, levabamos roupa de traballo, xa que nunca sairamos da Baña e de Valborraz, e a roupa que utilizabamos alí era a necesaria para realizar as nosas tarefas, ademais de que non había diñeiro. Con todo, ocorréusenos pedir un anticipo do soldo e puidemos comprar algo de roupa. Despois dunhas semanas alí, xa coñeciamos as rúas da cidade.

Jose Barrio Wolframio 6
Valborraz. Cedidas por Rosana Fernández Alba Prada

O proceso de indemnización foi sinxelo naquela época?
Por mediación do mestre da Baña, acudimos a un cuñado seu, que era avogado en Ourense. Seguramente se non contáramos coa súa axuda, non nos fixesen nin caso, despediríannos sen miramentos.

Grazas a iso, enviáronnos a Madrid ás oficinas centrais da empresa para facer un recoñecemento. Fomos en tren ata Atocha, e tivemos que levar uns carteis identificativos, xa que alí estábanos esperando un botóns, que sería a persoa que nos guiase a todos os sitios que debiamos ir. Aloxámonos na rúa Atocha 55, na Pensión Gamero.

En Madrid tamén contamos con axuda, xa que un cura da Baña, Don Pascual Bayo, era un “peixe gordo” da Dirección Xeral da Garda Civil. Fómolo buscar cunha dirección que nos deron, e acompañounos ás oficinas.

Sabía todo o que nos ían preguntar e díxonos o que tiñamos que dicir. Ademais, aconsellounos que dixésemos que non o coñeciamos de nada, que lle preguntamos pola localización das oficinas e que nos acompañou. Era a coartada perfecta porque iamos mal amañados, viñamos perdidos de Galicia… Meteu presión porque era unha persoa importante, e serviunos de moito. Tivemos unha indemnización xusta e non nos despediron.

Co inicio da regresión da mina. Como se sentía ao ir vendo o poboado baleirarse?
Provocaba bastante tristeza, xa que eu chegara nos anos de maior produción da mina, por tanto o poboado non tiña nada que envexarlle a un pobo como podía ser Casaio. Diso a quedar catro persoas, xa ves o cambio que supoñía na vida diaria…

A parte boa foi que nos trasladamos a vivir ás casas dos encargados, nas que xa había cociñas de leña, podiamos quentar auga… Ademais, criabamos animais como porcos para poder facer a matanza e alimentarnos en parte diso.

Como cambiou o día a día tralos despidos?
A mina cesou a súa actividade no ano 1962, e da inmensidade de traballadores que había quedamos seis ou sete. Valborraz quedou practicamente como almacén do material que había alí para a súa posterior venda. A empresa encargábase de levar o material, o cal segundo dicían, levábase aos altos fornos de Bilbao.

Comezamos quitando todos os raíles por onde pasaban os barracóns das galerías, o máis importante, e despois xa nos nomearon gardas. Os primeiros dous anos tamén nos acompañaron dous axentes da Garda Civil. Despois xa os destinaron a outros lados e quedámonos catro: Nieto, Jesús, Eliseo e eu. A vida era totalmente diferente.

Cando o nomearon garda, como organizaban as vixilancias?
Eramos catro e cada un facía unha noite. Polo día se algún tiña que facer algo urxente, falábase e cubríano os outros, pero pola noite non. Esa quenda era moito máis esixente.

Daquela a luz enganchábase en Sobradelo, cunha iluminación boísima pero despois cortárona, xa que á empresa non lle compensaba. Estivo alí un perito antes da paralización da mina e púxonos unha central que se chamaba “Hidroeléctrica del Eje”, que funcionaba con auga. A luz non era moi forte, pero polo menos tiñamos.

Jose Barrio Wolframio 5
Os fillos de José, Carlos e Manuel Barrio, Valborraz 1975. Cedida por Rosana Fernández Alba Prada

En Valborraz xurdiu o amor…
A familia de Leonisa, agora a miña muller, tiña gando e subían coas vacas a Valborraz, polo que coincidiamos bastante. Sabía que era de Casaio e empeceime a fixar nela. Naquel momento estaba a sacarme o carné de moto, e aínda sen aprobalo, ía ao seu pobo para facer a compra na moto e os encontros foron a máis.

Así, en 1970 pedinlle a man ao seu pai e o 24 de outubro casamos. Despois Leonisa veu vivir a Valborraz e tivemos aos nosos fillos.

Volvería repetir esa etapa da súa vida?
Está claro que se puidese optar a traballar en algo mellor que unha mina, cambiaría o tipo de traballo. Con todo, xeralmente fun feliz en Valborraz, cos seus máis e os seus menos está claro.

Por exemplo, ao que me dedicaba con anterioridade na Baña, a gandería e a agricultura, era moito peor porque era un traballo duro igualmente, pero non tiñas un soldo fixo a fin de mes. A maioría das veces tíñase para comer e xa. En Valborraz dábanme para comer, tiña seguro, e con iso xa estaba contento.

Moita xente faleceu en Valborraz de silicose, unha enfermidade respiratoria provocada polo po, e nas canteiras actuais séguense a dar moitísimos casos.

Pensa que as canteiras de lousa actuais terán o mesmo final que a de Valborraz nun futuro próximo?
Lamentablemente si, de feito xa pecharon varias da zona. O volframio era coñecido como “ouro negro”; pero a lousa tamén, hai moitas similitudes.

Moita xente faleceu en Valborraz de silicose, unha enfermidade respiratoria provocada polo po, e nas canteiras actuais séguense a dar moitísimos casos. Despois do peche da mina, traballei nunha canteira de lousa e tamén teño silicose. Non sei se avanzamos moito, pero que se sigan dando é un problema.

Actualmente persoas como as do grupo de investigación “Sputnik Labrego”, están a dinamizar as visitas á mina de Valborraz. Que lle diría á xente para que fose?
Sería moito mellor vela en plena produción, pero ao final é unha boa forma de ver como era o modo de vida alí. Son restos arqueolóxicos que ilustran todos os postos de traballo que se forxaron en Valborraz e tamén a forma de vida en Valdeorras hai tantos anos.

Está contento con El último guarda de la mina de Valborraz, o libro que publicou o seu neto Christian sobre a súa vida?
Agora son famoso (risas), estou moi feliz. Que o meu neto quixera recoller a miña vida nun libro faime estar moi orgulloso.

Pensa que que se documente a memoria das persoas maiores cunha vida aparente “normal” é importante?
Eu creo que é moi importante. Persoas como eu temos moitas historias que contar, pero é difícil que alguén se interese por sacalas á luz e plasmalas nalgún sitio.

Unha historia que me parece moi importante é a das mortes temperás por silicose ou “pulmón negro”, como se lle chamaba entón. Lamentablemente moitos dos meus compañeiros non o poden contar, xa que faleceron moi novos por esta problemática, estamos a falar de persoas de 20 anos. É algo moi grave.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Memoria histórica
Memoria histórica La parte oculta de las exhumaciones: la recuperación paso a paso del Fossar d’Alzira
Una exhumación va más allá de desenterrar huesos. Se necesita un equipo de expertos y meses de trabajo para identificar las víctimas del franquismo.
Argentina
María Servini “Argentina avanzará en la causa del franquismo en tanto el Gobierno español nos apoye”
La jueza federal argentina María Servini instruye la única investigación del mundo sobre los delitos de la dictadura española y la Transición.
Memoria histórica
Memoria histórica Museo del franquismo, ¿eso dónde está?
España sigue ajena a la proliferación mundial de espacios museísticos dedicados a dictaduras y resistencias democráticas.
Ocupación israelí
Palestina Vivir en alerta: la resistencia palestina frente la ocupación israelí
La cruda realidad de las feministas palestinas que, ante la represión y las detenciones arbitrarias, continúan su lucha por la libertad, la justicia y los derechos humanos.
Madrid
Ciudades Fake Madrid, un paseo por los hitos del simulacro
Un recorrido por los grandes éxitos de la conversión de Madrid en una ciudad irreal.
Que no te cuenten películas
Comunidad El Salto Suscríbete a El Salto y llévate seis meses de regalo a Filmin
Estas navidades, haz posible que El Salto llegue más lejos con sus contenidos críticos y llévate de regalo medio año de Filmin. Y si ya tienes Filmin, suscríbete a El Salto y regala el acceso a esta plataforma a quien quieras.

Últimas

Siria
Oriente Próximo Israel impone hechos consumados sobre Siria para condicionar la transición según sus intereses
“Está escrito que el futuro de Jerusalén es expandirse hasta Damasco”, dijo este octubre el ministro de Finanzas israelí, Bezalel Smotrich, uno de los exponentes ultras del Ejecutivo.
Ecofeminismo
COP29 La brecha de género en las Cumbres del Clima
VV.AA.
Las cumbres del clima no están aisladas del resto de espacios políticos y también están atravesados por las dinámicas patriarcales, pero ¿en qué lo notamos? ¿cómo abordan las negociaciones climáticas las políticas de género?
Ocupación israelí
Ocupación israelí Un tercio de los asesinatos de periodistas en 2024 fueron obra del ejército de Israel
Reporteros Sin Fronteras documenta la muerte de 18 periodistas en Palestina y Líbano este año “asesinados deliberadamente por hacer su trabajo” y habla de una “masacre sin precedentes” de profesionales del periodismo.
Galicia
Galicia Activistas de Greenpeace instalan ‘una celulosa’ en la sede de la Xunta en protesta contra Altri
Los ecologistas han realizado una acción en la sede del Gobierno gallego de Alfonso Rueda para animar a gallegos y gallegas a asistir a la manifestación de este domingo en la Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.
Comunidad de Madrid
Educación pública El Gobierno de Ayuso recula y aplaza hasta junio los despidos masivos en Educación
Integradoras sociales, enfermeras, educadoras, auxiliares y otros perfiles de personal laboral se enfrentaban a la incertidumbre de ser cesados en plenas vacaciones de Navidad.
Más noticias
El Salto Radio
El Salto Radio Mirada a los barrios andaluces
A partir de la presentación por parte de la Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía del informe “Pobreza Sur” hablamos sobre la realidad de alguno de los barrios más castigados de Europa.
Comunidad de Madrid
Sanidad Pública Vecindario y trabajadoras se plantan contra la privatización de los servicios en el Doce de Octubre
Denuncian la suspensión de intervenciones quirúrgicas desde que la empresa Croma Gio. Batta gestiona la esterilización del material. Una concentración el próximo sábado 14 de diciembre a las 12 horas se opondrá a esta deriva privatizadora.

Recomendadas

Fronteras
Túnez Túnez endurece la represión contra las ONG de ayuda a las personas migrantes
Mientras el presidente Kaïs Saied se prodiga en discursos racistas, el estado persigue a las entidades solidarias con quienes llegan al país, bajo el silencio cómplice de la Unión Europea.
Galicia
Economía ¿Quién lidera el negocio del eucalipto en Galicia al que Altri quiere sumarse?
El estallido social que ha producido el intento de la multinacional Altri y la Xunta de instalar una nueva celulosa en Galicia abre la necesidad de poner el foco en el sector forestal, donde se encuentran algunas de las mayores fortunas del Estado.
Siria
Rojava El rompecabezas sirio que estalló en Alepo
El nuevo escenario sirio se ha gestado bajo la intervención implacable de Turquía, patrocinadora del Ejercito Nacional Sirio y otros grupos yihadistas que libran la guerra de Erdogan contra el pueblo kurdo.
Cine
Ramón Lluis Bande “Asturies tiene sin construir el relato de su tiempo revolucionario”
El cineasta Ramón Lluis Bande entiende la memoria histórica como un “camino de exploración formal infinito” y de reflexión sobre el propio lenguaje cinematográfico “en relación con la realidad, la historia, el arte y la política”.