Os presuntos acosos sexuais do presidente da Deputación de Lugo desencadean un terremoto no PSOE da provincia

A alcaldía do segundo maior municipio lugués queda en mans de concelleiros non adscritos asemade que podería complicarse a gobernabilidade da institución provincial.
José Tomé xornadas feministas igualdade
José Tomé nas II Xornadas Feministas = Igualdade celebradas no mes de marzo. Fonte: Deputación de Lugo.

O PSdeG-PSOE está a vivir momentos moi convulsos, despois de que o programa de Cuatro Código 10 sacase á luz varias denuncias por presuntas ofertas de postos públicos de traballo e acoso sexual contra José Tomé Roca, quen anunciou este mércores a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, e solicitou a suspensión provisional da súa militancia. Porén, planea continuar como alcalde no concello de Monforte de Lemos e reter a súa acta de deputado na Deputación.

Este martes, o programa Código 10 amosou capturas de cinco das seis denuncias ás que tivo acceso, enviadas de forma anónima a través da canle interna do partido. Delas, tres manifestan ter coñecemento de que o político de 67 anos enviara mensaxes “obscenas” e fixera proposicións sexuais a mulleres a cambio de traballo e unha cuarta atribúellas en primeira persoa.

O contido da quinta denuncia asevera que “algunhas xa nos tivemos que distanciar do partido para non seguir sufrindo este tipo de condutas” xeneralizadas, desde acoso sexual e “comentarios totalmente fóra de lugar ata tocamentos non autorizados”. Feitos así, segundo unha destas acusacións, teríanse dado cando menos en “Lugo, Monforte, Viveiro, As Nogais e Ribadeo”.

Varias declaracións recollidas por Cuatro expresan que a posición que ocupaba José Tomé as disuadía de denuncialo publicamente: “Pensas na túa familia e no poderosos que son e non te atreves”.

Alén do plano sexual, o político foi sinalado en máis ocasións por exercer o poder de forma posiblemente interesada: no 2021 o PP sinalou que Sonia Verdes, ex deputada do PSOE, fora seleccionada como veterinaria da Deputación, así como a adxudicación arbitraria dunha subvención de 19.997,50 euros ao sindicato UXT, motivo polo que desde Comisións Obreiras se pediu a súa dimisión.

O secretario provincial de UXT desde 2011, Ángel Tomé Roca, é irmán de José Tomé. O Salto recolleu denuncias desde CCOO conforme o presidente da Deputación interviría adoito para promover a presenza de delegados de UXT nas mesas sindicais e favorecer así o sindicato. A última renovación de Ángel Tomé á fronte de UXT, no mes de abril, contou co apoio presencial de José, quen destacou ao seu irmán como “un referente imprescindible para os traballadores e traballadoras da provincia”.

A Deputación de Lugo pende dun fío

Os presuntos acosos sexuais de José Tomé non só comprometen ao PSdeG pola súa situación no organigrama do partido, senón tamén polas implicacións que poden ter para a viabilidade dunha das dúas deputacións galegas que ostenta o PSdeG. A de Lugo decidiuse por apenas 200 votos: o PSdeG dispoñía de 10 deputados, e xunto cos tres do BNG sumaba un máis ca os 12 dos populares. De agora en diante, José Tomé figurará como non adscrito. Aínda que o dimisionario garantiu o seu apoio a quen o substitúa, nos plenos cada deputado resulta decisivo, polo que conservar a acta lle permite actuar como chave.

A Deputación de Lugo xa vira comprometida a súa maioría en xuño deste ano debido ás disputas internas no PSOE: tres deputados que impulsaran en abril unha candidatura alternativa á de José Tomé na formación lucense ausentáronse do pleno provincial en sinal de protesta por prescindir deles para a toma de decisións. José Tomé reunira un 58% de apoios nas primarias, mentres que os restantes foron para os liderados por Iván Castro.

Un escenario diferente, pola contra, prodúcese no concello de Monforte, o segundo maior por poboación na provincia de Lugo, rexido por José Tomé desde o 2015. No 2019 e no 2023 superou a metade dos sufraxios. Actualmente 10 dos 17 escanos pertencen ao PSdeG. Se ben aínda non se materializou, está previsto que, malia a gravidade das acusacións, todos os edís —incluída a concelleira de Igualdade— se manteñan máis leais ao seu cabeza de listaxe ca á formación á que pertencen e se dean de baixa do partido en bloque nas próximas horas, de maneira que pasarán a gobernar como non adscritos. A oposición —PP, BNG e Esperta Monforte— reclama a súa dimisión como alcalde.

En canto á dimisión como secretario xeral do PSOE en Lugo, será unha Comisión Xestora a que administre o relevo da dirección da executiva provincial cando o partido xa se atopaba pechando candidaturas de cara aos próximos comicios municipais.

Dirixentes do PSdeG puideron facer oídos xordos

“Moitas das mulleres que o sufrimos demos queixas a outros cargos orgánicos e ninguén fai nada”. É o que se recolle nunha das seis acusacións presentadas a través da canle interna do PSOE.

A versión de Ferraz é que a través da Oficina contra o Acoso unicamente recibiron o luns 8 de decembro unha denuncia e varios testemuños, día no que comezaron a tramitar o caso.

As denuncias foron filtradas e reveladas ao día seguinte por Código 10, programa producido por Producciones Mandarina, onde traballa a xornalista viguesa Noelia Otero, quen exerceu de parlamentaria do PSdeG con Gonzalo Caballero, discordante da cúpula galega actual do partido.

O equipo do programa televisivo contactou previamente con José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, quen afirmou que non lle constaba ningunha denuncia, xa que a canle interna do partido “é unha canle á que eu non teño acceso”. Tamén Pilar García Porto, secretaria de organización do PSdeG de Lugo, negou que ningunha afectada lle comunicase nada: “O que lle recomendaría e faría eu sen dúbida é denunciar. Non no partido, denunciar ante a Xustiza”. Lara Méndez López, secretaria de organización do PSdeG, pola súa parte, renunciou a aclarar se tiña algún coñecemento previo: “Eu non desminto nada. Digo que non lle podo dicir nada”.

Porén, as denuncias amosadas no programa acusan a estes cargos do partido de ter coñecemento previo. Nacho Abad, condutor do programa, asegurou ter probas disto con respecto aos tres, e apuntou a un encontro con Besteiro: “Tivo algunha reunión con alguén que lle confesou a vostede que é o que estaba pasando e lle pediu axuda? A quen lle recomendou vostede que tiña que ir ver esa testemuña? A Lara Méndez?”.

Besteiro escribiu este xoves unha carta á militancia na que reiterou non ter acceso a ningunha denuncia desde o PSdeG e esixiu a José Tomé a entrega das actas, quen cualificou de “montaxe” as denuncias por acoso sexual e especulou cun posible “fogo amigo”.

Lugo
Varias mulleres acusan ao presidente da Deputación de Lugo do PSOE de acoso sexual
As denuncias internas por presunto acoso sexual contra José Tomé desatan a enésima crise no PSOE, que afronta presións para actuar con transparencia e garantir protección ás mulleres afectadas.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...