Educación
A Xunta manobra para recortar varios postos no Conservatorio Superior de Música de Vigo
O Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSM Vigo) afronta un recorte de persoal que, segundo os cálculos do propio profesorado, do alumnado e dos sindicatos, podería deixar pechado o centro máis do 40% do tempo no que hoxe permanece aberto. A última modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), aprobada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, reduciría o horario das actuais 14 horas diarias a apenas 7, un tesoirazo que a comunidade educativa considera incompatible co funcionamento do único centro público de ensinanzas artísticas superiores de música do sur de Galicia.
Traducido á semana, o axuste eliminaría 30 das 70 horas de apertura actuais, con consecuencias directas sobre as clases, o estudo individual e a actividade cultural do centro, entre ela o Festival Nas Ondas. Quen máis notaría o tesoirazo sería o alumnado de piano e percusión: son instrumentos que a maioría non ten na casa, polo que dependen por completo das aulas do conservatorio para poder practicar.
Para a comunidade educativa, este axuste non é un caso illado, senón unha mostra máis dos recortes que arrastran desde hai tempo a educación e os servizos públicos galegos. A esa lectura súmase o malestar pola falta de interlocución: a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, rexeitou reunirse cos representantes do alumnado, un xesto que interpretan como reflexo do trato xeral da administración cara ás súas demandas.
O centro é o único de titularidade pública en ensinanzas artísticas superiores de música de toda a provincia de Pontevedra e unha referencia cultural para o sur de Galicia, cun papel que vai moito máis alá das aulas. Por iso, alumnado e profesorado sosteñen que recortar o seu persoal e o seu horario non só prexudica o conservatorio, senón que agranda o desequilibrio territorial que xa existe entre o norte e o sur do país en oferta cultural e educativa.
A comunidade educativa asegura que o sinal de alarma chegou xa en marzo, cando unha inspectora deixou caer de maneira informal a posibilidade de recortar o cadro de persoal, sen que despois chegase ningunha comunicación oficial ata o último momento. A este episodio engaden outra queixa de fondo: a Xunta nunca aclarou con claridade se o conservatorio debe rexerse polos criterios dun centro de secundaria, dun universitario ou dunha ensinanza artística específica, unha indefinición que, denuncian, condiciona directamente como se dimensionan o seu cadro de persoal e os seus recursos.
Para intentar frear a medida, o alumnado puxo en marcha unha recollida de sinaturas en Change.org e segue coordinándose con representantes do profesorado e organizacións sindicais. As súas peticións á Xunta son tres: que revise de inmediato a modificación da RPT, que abra un diálogo real coa comunidade educativa e que adopte as medidas necesarias para que o conservatorio siga funcionando con normalidade.
O Pleno de Vigo ponse do lado do conservatorio
O respaldo institucional ao centro chegou o 29 de xuño, cando o Pleno do Concello de Vigo debateu unha moción do Grupo Municipal Socialista a favor de manter íntegro o cadro de persoal do conservatorio. Na quenda de intervencións, o BNG definiu a amortización de prazas como “un grave exercicio de irresponsabilidade e unha perda irreparable de talento creativo”. O texto saíu adiante con 20 votos a favor e 5 abstencións, as do Partido Popular, artífice na Xunta da medida, un amplo respaldo que evidencia o consenso municipal arredor do centro.
A rúa, tomada a golpe de batuta
O malestar tamén se trasladou á rúa. O martes 14 de xullo, máis de trinta músicos do CSM Vigo saíron protestar instrumento en man baixo o lema “O conservatorio non é un gasto, é futuro”. A xornada arrincou con concertos simultáneos diante do Museo Marco, dunha tenda Zara, da estatua do Sireno e da praza da Princesa, e continuou cunha batucada e un pasarrúas desde a Farola de Urzaiz ata a praza da Estrela, onde o grupo pechou o acto diante da Delegación da Xunta coa lectura dun manifesto.
O BNG carga contra a Xunta
O BNG de Vigo volveu esixir á Xunta que rectifique uns recortes que, ao seu xuízo, deixarán o conservatorio cun “colapso de horarios e a perda de horas de ensaio” para o seu alumnado. O seu portavoz, Xabier Pérez Igrexas, reprochoulle ao PP que intente “maquillar o desmantelamento que eles mesmos provocan con medidas insuficientes” e cualificou de “tomadura de pelo” os anuncios do Goberno galego, para o que a única saída pasa por recuperar “íntegro” o persoal do centro.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!