Os herdeiros do ditador facturan medio millón co patrimonio de Meirás na “feira de oportunidades” do franquismo

A poxa de bens abre un novo capítulo de lucro para a familia Franco mentres os colectivos memorialistas, como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), denuncian a falta de inspección e tutela institucional para evitar o espolio do patrimonio público.
Pazo vaciado - 2
Fotografía de Juan Carlos I adicada a Franco, quen en 1969 asinou a Lei de Sucesión na que designaba a Juan Carlos de Borbón co título de “Príncipe de España”. Reza: “Ao Xeneralísimo Franco, con moito agarimo e maior respecto”. Álvaro Minguito ©
29 oct 2026 16:36

O Pazo de Meirás vén sendo protagonista dun conflito que se alonga dende fai xa máis de oitenta anos. Este inmoble, situado no concello de Sada (A Coruña), é un dos símbolos máis evidentes da impunidade e do espolio patrimonial do franquismo en Galiza. Construído a finais do século XIX pola escritora Emilia Pardo Bazán, o inmoble sufriu un proceso de apropiación ilexítima que aínda hoxe en día segue abrindo novos capítulos e traendo beneficio á familia Franco.

En 1921, ano no que morre a escritora, a propiedade pasou aos seus herdeiros, quen intentaron doala sen éxito á Compañía de Xesús. No ano 1938, en plena Guerra Civil e co país baixo o control golpista, constituíuse a chamada Xunta Pro-Paso do Xeneralísimo. Baixo o pretexto duns “agasallos do pobo galego”, esta xunta extorsionou a veciños e traballadores —a quen se lles descontaban diñeiro do salario de forma coercitiva— para mercar a propiedade. Coa toma do pazo, a familia Pardo Bazán perdeu tamén a posibilidade de recuperar as pertenzas da autora, que foron usurpadas. Ademais, mediante expropiacións forzosas e os abusos de poder do réxime, engadíronse fincas lindeiras ata acadar unha extensión de 6,6 hectáreas.

Tras a morte do ditador en 1975, e ante a pasividade das institucións democráticas durante décadas, a familia Franco mantivo o uso e gozo privado do pazo. En 2008, a Xunta de Galiza declarou o inmoble Ben de Interese Cultural (BIC), o que obrigaba a abrilo ao público catro días ao mes. A pesar da oposición xudicial dos herdeiros, o pazo tivo que abrir as súas portas ao público por primeira vez en 2011. A indignación social medrou cando, tras a morte de Carmen Franco en 2017, os herdeiros puxeron a finca á venda nun portal inmobiliario. Ante esta situación, a reacción foi inmediata e ese mesmo ano o Parlamento de Galiza reclamou a titularidade pública e, en 2019, o Goberno central interpuxo a demanda xudicial definitiva. Finalmente, e en gran medida impulsado por colectivos de memoria democrática como a Comisión Pola Memoria Histórica de A Coruña (CRMH) ou a Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH), a xustiza determinou en 2020 que o pazo fora patrimonio do Estado dende 1938 e que a titularidade dos Franco era nula. Pechábase así un capítulo fundamental na recuperación do patrimonio público e da memoria histórica, froito da loita e da presión do movemento memorialista do país.

A “boa fe” dos Franco

Pero, como en case todo, existe unha letra pequena. Se ben o Tribunal de Xustiza determinou a devolución do pazo ao Estado, tamén considerou aos herdeiros como posuidores de boa fe dende 1975 ata 2019, outorgándolles o dereito a ser indemnizados polos gastos de mantemento e melloras do inmoble durante máis de catro décadas.

Pazo vaciado - 9  ok
Retratos do pintor Ignacio Zuloaga na parte superior da entrada principal. Á esquerda, Carmen Franco, filla do ditador; á dereita, o retrato de Franco coa boina vermella carlista e a camisa azul de Falange, envolto na bandeira e sobre o fondo de Cuelgamuros (Madrid), no que se construiría o Val dos Caídos. Álvaro Minguito ©

No Dereito Civil, a boa fe posesoria é unha figura xurídica que protexe a quen posúe un ben crendo lexitimamente que lle pertence por dereito. As súas consecuencias económicas son decisivas: permite esixir indemnizacións polos gastos de mantemento e melloras realizadas no inmoble. No caso do Pazo de Meirás, aínda que en 2021 a Audiencia Provincial da Coruña chegou a rexeitar calquera compensación ao entender que a familia coñecía a orixe ilícita do ben, o Tribunal Supremo acabou ratificando o criterio inicial que recoñecía aos herdeiros como posuidores de boa fe desde 1975. Esta decisión deixa aberta a porta a que reciban diñeiro público mediante unha liquidación do estado posesorio que, a día de hoxe, aínda se atopa pendente de execución.

Unha feira de oportunidades do franquismo

A batalla polo patrimonio de Meirás sumou esta mesma semana un novo e lucrativo episodio coa conclusión da poxa dos 689 obxectos retirados do inmoble, organizada en Madrid pola casa Magna Art Auctions por encargo da familia Martínez-Bordiú. O evento saldouse cun “rotundo e magnífico éxito” comercial —en palabras da propia sala—, ao venderse case a totalidade dos lotes e recadar máis de medio millón de euros para os herdeiros do ditador.

Entre as pezas adxudicadas destacan un maletín persoal dedicado a Franco vendido por 19.000 euros —tras un prezo de saída de 350 €—, unha fotografía dedicada do rei emerito Xoán Carlos I por 8.000 euros, un conxunto de espingardas por 20.000 euros, retratos militares do ditador e elementos de alto valor histórico como unha xarra de Talavera do século XVII adxudicada por 10.000 euros ou tapices heráldicos do século XX.

Pazo vaciado - 13
A biblioteca de lectura do Pazo de Meirás. Nela expóñense ademais cadros, libros e outros obxectos que aluden á iconografía fascista tan do gusto do ditador. Álvaro Minguito ©

Carlos Babío, actual presidente da CRMH e escritor xunto a Manuel Pérez Lorenzo da investigación Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio (2017), explica sobre a poxa do Pazo que “nunca se chegou a tal grado de inmoralidade”. Para Babío, a conversión deste patrimonio nun negocio millonario resúmese nunha soa palabra: impunidade. Dende CMHR denuncian que a pasividade e a falta de tutela das administracións públicas permitiron a organización en Madrid dunha verdadeira “feira do fascismo”, onde se lle deu carácter de legalidade a un proceso “inmoral e indecente”. A poxa demostrou a existencia de pezas de relevancia histórica e artística —algunhas vinculadas incluso á etapa de Pardo Bazán— que foron comercializadas sen que o Estado nin a Xunta activasen mecanismos de inspección para determinar a súa orixe e evitar o seu espolio.

Esta falta de tutela institucional normaliza que, máis de cincuenta anos despois da morte do ditador, os Franco manteñan “ese dereito parece que eterno de poderse apropiar de bens da ditadura e de máis alá”, convertendo o patrimonio vinculado a un Ben de Interese Cultural (BIC) nun lucrativo negocio privado á vista de todo o mundo.

Patrimonio baleirado

Tal e como explican dende a CRMH, esta poxa de bens evidencia un proceso no que o Estado e a Xunta de Galiza “non defenderon acaidamente estes bens”. Denuncian que non se atenderon as súas reivindicacións para que “as administracións competentes realizasen as actuacións de inspección necesarias e, no caso de atopar bens do dominio público, impedisen a enaxenación de ditos bens”. Neste sentido, a CRMH lembra que, con independencia de que figurasen ou non nos inventarios, “os bens de dominio público son imprescritíbeis e inalienábeis”.

Babío denuncia ademais a total opacidade do Estado durante todo o proceso: “Non hai maneira de conseguir información deles, son totalmente opacos, están máis preocupados da propaganda que dos feitos reais e concretos”. Unha falta de vontade política que provocou que “nin sequera se intentase” defender xudicialmente bens que eran claramente protexíbeis.

A poxa celebrada en Madrid puxo en evidencia as graves eivas nos inventarios encargados polo Estado e a Xunta de Galiza para os procesos xudiciais. Moitos dos lotes comercializados gardan unha clarísima vinculación con elementos do Pazo de Meirás anteriores a 1975 — tanto da etapa da etapa de Pardo Bazán como da propia ditadura—, o que lles outorgaría a consideración de bens de dominio público. Ante esta situación desde CRMH da Coruña exíxense explicacións públicas sobre por que a Avogacía do Estado non incorporou estas pezas, doadamente identificables, nos rexistros oficiais para evitar a súa enalienación e protexer o patrimonio de todas e todos.

Pazo vaciado - 15
O despacho e a mesa do ditador, na torre á dereita da entrada principal do edificio. Álvaro Minguito ©

Ante a polémica, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, asegurou que os dirixentes de a Xunta estarían “atentos”  á poxa e que só intervirían se se detectaba a venda de pezas incluídas no inventario protexido. Porén, desde o movemento memorialista denúnciase a trampa deste argumento: se no catálogo da poxa non constan pezas protexidas é precisamente porque a Xunta e o Estado elaboraron rexistros deficientes que deixaron fóra centos de bens que orixinariamente formaban parte do espazo público de Meirás. Unha falta de dilixencia institucional que, sumada aos corenta e cinco anos que a familia Franco tivo para retirar impunemente obxectos de valor sen control algún, permitiu o progresivo baleirado do inmoble e a perda do seu valor patrimonial. Con seis anos xa transcorridos desde a recuperación da titularidade pública e co pazo aínda pechado ao público, a responsabilidade de que estes bens acabasen no mercado privado recae de forma directa sobre as administracións encargadas da súa custodia e inventariado.

A loita dos colectivos pola memoria foi e segue a ser indispensable, pero os últimos e os venideiros acontecementos demostran que as solucións institucionais só tocaron a superficie do problema. O trasfondo é moito máis complexo: hai opacidade, incongruencias xurídicas e falta de dilixencia que permite que, máis de cincuenta anos despois, a familia Franco siga sacando rédito económico do espolio. Sen unha revisión da xestión do patrimonio público, o caso de Meirás seguirá a amosar as fendas dunha democracia que aínda non pechou as súas contas co franquismo.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...