A Coruña
Dúas exconcelleiras denuncian por acoso laboral á alcaldesa da Coruña e ao seu número dous
Dúas exconcelleiras do Concello da Coruña presentaron denuncias por presunto acoso laboral contra a alcaldesa, Inés Rey, e contra o responsable municipal de Facenda e número dous do goberno local, José Manuel Lage. As denuncias foron tramitadas a través do canal interno antiacoso do PSdeG-PSOE.
A rexedora reaccionou mediante un comunicado enviado aos medios no que atribúe as acusacións a un “axuste de contas” por parte das ex edilas tras non seren incluídas de novo nas listas electorais.
Unha das denunciantes, Eva Martínez Acón, que tamén foi secretaria local do PSOE coruñés, confirmou a presentación da denuncia. En declaracións repartidas a medios locais, Martínez explica que os feitos relatados remóntanse ao ano 2020 e que o escrito foi rexistrado polo canal interno do partido destinado a este tipo de situacións.
Martínez Acón asegura dispoñer de testemuñas e probas dos episodios que denuncia, entre os que cita ter sufrido “insultos” e “escarnio público”.
A exconcelleira é próxima ao entón secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen este xoves cargou duramente contra a alcaldesa. Nunha mensaxe difundida a través da rede social X, Caballero cualificou a Inés Rey como “impulsora entusiasta de Formoso e Besteiro” e afirmou que é “parte do desastre histórico do PSdeG”. “Quen defende o feminismo non pode apoiar o despedimento dunha traballadora embarazada do PSdeG nin atacar ás concelleiras do PSOE na Coruña”, sinalou.
Destitución no mandato de 2020
En novembro de 2020, Inés Rey retirou a Eva Martínez Acón as competencias que tiña como concelleira de Innovación, alegando unha dedicación “nula” ás responsabilidades do Goberno municipal. Ese mesmo día, a entón edil remitiu unha carta á militancia na que sostía que a súa destitución respondía a que, como secretaria xeral da agrupación local, reclamara “as aportacións que o Grupo Municipal Socialista e algúns concelleiros debían ao partido”.
Resposta da alcaldesa
A alcaldesa sostén ademais que “quen posuír un mínimo de ética non recorrería a isto, porque no fondo dana ás auténticas vítimas”, e critica que se trate dun canal anónimo cando, neste caso, as denunciantes teñen “nome e apelidos”.
A rexedora afirma que “ningunha denuncia falsa fará que deixe de estar ao lado das vítimas” e que seguirá “denunciando os casos de violencia machista e de acoso sexual”
“As dúas denunciantes ostentaron cargos no meu Goberno, polo que a ninguén se lle escapa que esta manobra é tamén un axuste de contas por non repetir nas listas”, engade.
Inés Rey subliña que “non se pode confundir discrepancia política co acoso” e recalca que “quen non repite nunhas listas ou discrepa nun goberno, ten outras vías e canles políticos para expresarse”.
“Creo que se confundiron de medio: a onde teñen que ir é ao xulgado, e se non o fixeron esas persoas, coas que hai anos que non teño ningunha relación, entendo que é porque saben perfectamente que non hai nada que denunciar, e porque saben que en España a denuncia falsa é delito”, sinala.
Finalmente, a rexedora afirma que “ningunha denuncia falsa fará que deixe de estar ao lado das vítimas” e que seguirá “denunciando os casos de violencia machista e de acoso sexual”, “por moito que haxa persoas que por esa causa intenten agora actuar” contra ela a través dun canal que “ten como función a defensa das mulleres”. “Se o que pretenden é que me cale, non o van conseguir. Ninguén me calará na miña defensa das vítimas de acoso”, conclúe.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!