CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A TVG oculta canto lle pagou a Esperanza Aguirre por saír nun dos seus programas en ‘prime time’
Unha masaxe nun balneario e uns viños de alta alcurnia nunha adega do Ribeiro son os mellores momentos da visita da expresidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, a Galiza pagada e retransmitida en prime time pola Televisión de Galiza a través do seu programa A miña gran cidade. O episodio custoulle ao erario público 42.529,79 euros, pero a dirección da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galiza (CSAG) di descoñecer o caché concreto que lle pagou a empresa Producciones Celta SL, unha produtora propiedade do Grupo Prensa Ibérica, empresa editora de Faro de Vigo,La Opinión de A Coruña e El Correo Gallego, que se encarga do programa.
Con todo, a Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público (LCSP) é extremadamente clara a este respecto. Nos seus artigos 100 e 102, explicita a potestade deste ou calquera ente público de acceder ao detalle dos desgloses de custos, a estrutura de gastos e as marxes da produción, sendo estes datos fundamentais para corroborar a adecuación ao mercado. Ademais, o artigo 62 da LCSP faculta á CSAG para controlar e supervisar a produción, podendo tamén esixir informes económicos, certificacións de custos e a xustificación de desviacións, como é natural.
Con todo, a dirección da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galiza evade a pregunta de O Salto a este respecto: “A CSAG non mantén ningún tipo de relación contractual directa coas persoas invitadas aos programas nin establece acordos individuais de carácter económico con elas. En consecuencia, a Corporación non realiza pagamentos directos ás persoas participantes nos contidos producidos por empresas externas”.
E engade: “Calquera cuestión relativa á organización interna da produción ou ás condicións que, no seu caso, puidesen establecerse entre a produtora e as persoas invitadas forma parte do ámbito de xestión da empresa adxudicataria, sen intervención nin relación contractual directa por parte da CSAG”. Despréndese, entón, desta declaración que a invitación ao toureiro Jesulín de Ubrique, ao cantante Bertín Osborne e a histórica dirixente do PP madrileño foi decisión exclusiva da produtora.
A Televisión de Galiza segue afundíndose en audiencia
Cambiaron bastantes cousas na Televisión de Galiza desde 2023. Aquel ano, cun presidente da Xunta colocado a dedo polo saínte Feijóo, o ente público colleiteou o seu mellor dato de audiencia media anual da última década: un 11% de cota de pantalla, segundo Kantar Media. Con todo, entre finais dese mesmo ano e xaneiro deste, ocorreron varios feitos noticiosos cubertas mediáticas foron postas en tela de xuízo por boa parte da sociedade civil galega: o proxecto de macrocelulosa que Altri e o accionista maioritario de Greenalia pretenderon instalar en Palas de Rei; a contestación social que ese plan industrial produciu; a crise polo vertido de pellets na costa atlántica; ou as propias eleccións galegas.
Tras un xaneiro de coberturas cuestionadas a nivel xornalístico polos seus propios traballadores e ofertas de entretemento profundamente dereitivizadas no seu imaxinario, a TVG volveu asinar un mes de caída no que a audiencia se refire. Pecharon xaneiro de 2026, segundo Kantar Media, cun 8,3% de cota de pantalla media. É dicir, un punto decimal menos que a media de 2025.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!