We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
8 de abril en Compostela. A cidade semella desacelerarse. As rúas, aínda molladas despois de semanas de choiva, descansan por uns instantes das pisadas das visitantes que chegaron á cidade a finais de marzo, cando a Semana Santa puxo inicio á temporada alta. Polas rúas vólvese escoitar o mesmo de sempre: chegan os turistas e xa semellan non coller as persoas que viven e habitan Compostela. E non acontece só aquí.
A turistificación e os efectos que esta trae en moitas cidades e vilas é unha constante desde hai anos: subida dos prezos, problemas de alugueiro, ruídos... . Algúns lugares, como Kioto (Xapón) están optando por prohibir a entrada de viaxeiros e viaxeiras a determinadas zonas; outras, como Venecia ou Barcelona, puxeron en marcha o que se coñece popularmente como taxa turística: un imposto ás visitantes que se cobra a través dos establecementos hoteleiros.
“En realidade, aínda que falamos de taxa turística é un imposto de estadía. Por iso nós considerabamos que o lóxico era que se fixera a través dunha lei que aprobara o Parlamento de Galicia, porque é así como se fai nos outros lugares do Estado nos que está posta en marcha”. Miriam Louzao é a Concelleira responsable de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica no concello de Santiago de Compostela. En novembro do 2023, falabamos con ela sobre o momento no que se atopaba esta medida, que aínda está en proceso de aprobación por parte da Xunta de Galicia. “Na conversa que tivemos co presidente da Xunta, el indicou que non se ía poñer en marcha esta lei a nivel de todo o país, pero que si habería posibilidade de que Compostela a aplicara. E ese é o momento no que estamos agora”.
Este imposto de estadía, contan desde o concello, sería un pago de entre 50 céntimos e 2,50€ (dependendo do establecemento) que se pagaría a través da factura do albergue ou hotel durante un máximo de seis días e que despois, eses mesmos establecementos, pasarían a cantidade ás administracións. Ante a reticencia dalgunhas persoas do sector e da propia Xunta, Louzao comenta que ela pensa que é “por descoñecemento e falta de diálogo ante esta medida”.
“Está máis que demostrado que en ningún sitio do mundo aplicar a taxa turística afectou negativamente á demanda, en todos os sitios seguiu medrando. Non imos ser nós a excepción”, explica Louzao. “Desde que chegamos ao concello pareceunos moi importante manter ese diálogo co sector, sobre todo co hoteleiro porque é quen vai ter que que recoller ese imposto e é certo que a carga burocrática é importante. Pero teñen o noso compromiso de que vamos a intentar que a xestión sexa o máis lixeira posible”.
Miriam Louzao: “Se investimos no propio sector, podemos comezar a apostar por un novo modelo turístico na cidade. Algo que estamos convencidas que hai que cambiar”
Desde o Concello aseguran que a taxa turística, ademais de facer unha labor pedagóxica, sería positiva para Compostela principalmente en dúas vertentes. A primeira ten que ver co feito de que o retorno turístico sería para toda a cidadanía compostelá. “Neste momento, en realidade, a cidadanía está tendo un gasto pola repercusión do turismo no lixo, nos transportes..., e está pagando estes gastos cos seus impostos”, conta Louzao. “E a intención é, deste xeito, que o turista colabore con eses mesmos gastos que produce durante a súa estadía no Concello”.
A segunda vertente positiva desta taxa, segundo o Concello, ten que ver coa creación “dun novo modelo turístico”. “Se investimos no propio sector, podemos comezar a apostar por un novo modelo turístico na cidade. Algo que estamos convencidas que hai que cambiar”.
Mudar o modelo de turismo en Compostela
Cada ano, o número de visitantes que pisan as rúas compostelás segue medrando. En marzo deste ano xa eran 17 mil os peregrinos que visitaran a cidade, un 32% máis dos que chegaran no mesmo período no 2023. Este incremento, para moitas veciñas, vén acompañado de cánticos, problemas de convivencia e outras cuestións derivadas da chegada masiva de persoas, unha realidade que, segundo Louzao, estase a tempo de paliar para “conseguir que conviva o turismo coa veciñanza”.
Para Louzao, a clave está en desestacionalizar o turismo, facendo que as visitantes se acheguen ata Compostela todo o ano e non só en Semana Santa e nos meses de verán
“O turismo é unha parte moi importante da economía desta cidade, e así debe seguir sendo, pero por suposto que ten que convivir coa veciñanza e que nós temos que facer políticas que vaian centradas á calidade de vida das persoas que habitan Compostela”, explica a concelleira. “Neste sentido, si que entendemos que hai que tomar unha serie de medidas, porque é certo que temos detectado que o impacto negativo do turismo na veciñanza está moi concentrado nuns determinados meses do ano e nuns determinados espazos da cidade”.
Para Louzao, a clave está en desestacionalizar o turismo, facendo que as visitantes se acheguen ata Compostela todo o ano e non só en Semana Santa e nos meses de verán. Ademais de facer que queden máis días e percorran outras zonas da cidade, deixando de acumularse só no centro da zona vella, e desterrar a cuestión numérica que insiste en que canta máis xente chegue, mellor. “En agosto do ano pasado visitou Compostela máis ou menos o mesmo número de persoas que en setembro, pero a percepción da cidadanía foi diferente”, comenta Louzao. “E por que foi así? Polo tipo de turismo que hai en cada un dos meses. En agosto temos un tipo de turismo que son grupos moi amplos que chegan e pasan só unhas horas na cidade concentrados en determinados espazos e ás veces non cumprindo todas as cuestións de comportamento cívico que deberían”.
A intención desde o Concello, e buscando a aprobación da Xunta de Galicia, é mudar as dinámicas das persoas que visitan a cidade, desestacionalizar a demanda e conseguir mover o fluxo de visitantes por todo o concello para que o impacto positivo se amplíe a todo o ano e a diferentes zonas. E, tamén, conseguir que as persoas que cheguen á cidade entendan que están visitando un lugar habitado. “A cidadanía compostelá non ve o turismo como algo negativo. De feito, moita xente traballa no sector do turismo. Pero si que é certo que hai determinadas cuestións que están empezando a xerar unha molestia que estamos a tempo de atallar para que non se caia nesa chamada turismofobia”, asegura Louzao.
Seguindo con esa idea, desde o Concello tamén puxeron en marcha unha Guía de Boas Prácticas, unha campaña que terá máis fases, e que segue o decálogo que se fixera xa desde a Asociación de Veciñas do barrio de San Pedro no ano 2023. “Queremos que a xente, antes de entrar na cidade, xa saiba que vén a un sitio que é Patrimonio da Humanidade, un sitio no que vive e traballa a xente, e no que podemos convivir todos. Nós temos un legado moi importante e temos que deixarllo en boas condicións ás xeracións futuras”, di Louzao. “Por iso diciamos: Santiago de Compostela, Patrimonio da Humanidade. Tes o dereito a gozar del e a obriga de coidalo. Estás convidado á nosa casa. Esta é a nosa casa, aquí vive e traballa a xente. Estamos encantadas de recibirte, pero tes que coidala canda nós”.
Como sexa, e a pesar das reticencias que semellan chegar aínda desde a Xunta de Galicia, para o Concello de Santiago a taxa turística é unha realidade coa que a sociedade está de acordo, polo que seguirán insistindo para que se implante. Ao mesmo tempo, aseguran que van manter a súa aposta por modificar o modelo turístico na cidade, algo que sería bo para cidadáns, visitantes e mesmo o sector.
O caso de Porto
Mentres Santiago de Compostela debate sobre se instaurar o imposto de estadía ou non, en Porto xa levan desde o ano 2018 cunha taxa en activo. Tiago Valente é membro do colectivo Porta a Porta, que loita polo dereito á vivenda en Portugal e contra a xentrificación e a turistificación desta cidade lusa.
“A inicios da década pasada, o Porto viviu unha expansión turística como nunca antes, o que fixo que a cidade se reestruturara”, comeza explicando Valente. “Houbo un boom de dormidas, de ventas, de visitantes... e iso fixo que crecera inevitablemente a oferta turística e que a cidade se pintara coas cores do turismo”.
Para o Colectivo Porta a Porta, a especulación é a que manda na cidade de Porto e a esfera privada é a que controla por completo a vivenda, o que obriga a moitas persoas a marchar fóra
Tiago Valente explica que pouco despois, no ano 2014, houbo un rebranding da cidade, cun logo novo, que buscaba catalogar Porto como un produto turístico que fixo que se deixara de ver a cidade como un lugar para as súas habitantes. Para Valente, isto tivo unha consecuencia negativa directa nas persoas. “Agora hai hoteis en casa esquina e houbo un decrecemento moi significativo a nivel de políticas públicas de habitación”, denuncia.
Para Valente e o Colectivo Porta a Porta, a especulación é a que manda na cidade de Porto e a esfera privada é a que controla por completo a vivenda, feito que obriga a moitas persoas a marchar fóra da cidade se non queren rematar vivindo nas rúas, como xa está a acontecer. En 2018, púxose en marcha unha taxa turística na cidade semellante á que se quere implantar na cidade de Compostela. Unha cantidade 2 euros por cabeza a noite, só para maiores de 13 anos e un máximo de 7 noites. Con todo, aseguran desde Porta a Porta, isto non tivo en realidade consecuencias positivas palpables para a cidadanía.
“Estamos a falar de números como de xaneiro de 2023 ata maio de 2023, a taxa turística xerou uns ingresos de 6,9 millóns de euros. Isto, sumado aos ingresos do ano 2022, dan un lucro de 15 millóns de euros”, comenta Valente. Con todo, aseguran desde Porta a Porta, estes ingresos non se reflectiron no día a día das habitantes: non aumentou o número de vivenda pública nin se revisaron as licencias do sector inmobiliario. Así, mentres Porto gaña cartos a través do imposto de estadía, as habitantes da cidade non teñen diñeiro para pagar rendas, teñen que marchar fóra de Porto ou mesmo vivir na rúa. “Todo isto mentres Ricardo Valente, o vereador da Câmara Municipal do Porto, dixo en relación á taxa turística que se vería reflectida en arranxos do espazo público e en potenciar a política de habitación accesible. Onde está esa política?”, denuncia Valente. “Non existe, o único que fixo é integrar o turista na comunidade, mentres a clase traballadora segue tendo os mesmos problemas que antes”.
Valente: "As visitantes ven un Porto moderno e cheo de ofertas, pero a crúa realidade é outra: desafiuzamentos, demolicións e deshumanización”
Para o Valente e o colectivo, por tanto, a taxa turística ten a lóxica de axudar ao turista cos seus problemas, no canto de resolver os que sofre a xente que está a habitar a cidade. “Non hai un investimento serio ou política de vivenda que acompañen a situación grave de especulación que está a vivir a cidade de Porto”, asegura Valente. “Hai un expresión portuguesa que di que algo é “Para inglês ver, que ven significando que algo está feito para que o vexa o turista. E iso é xusto o que acontece aquí. As visitantes ven un Porto moderno e cheo de ofertas, pero a crúa realidade é outra: desafiuzamentos, demolicións e deshumanización. Unha cidade que está completamente vendida ao negocio”.
Valente remata reflexionando que a título persoal el estaría de acordo coa taxa turística se os ingresos revertesen a favor das persoas é en políticas serias para a vivenda en Porto, pero que non é iso o que acontece. E, mentres, Porto segue a baleirarse das persoas que xa non poden seguir pagando o aluguer.
Relacionadas
México
Turistificación La población oaxaqueña se indigna ante la apropiación cultural del Día de los muertos y su masificación
Italia
Italia Milán, cuando la ciudad de las oportunidades se hace inaccesible
Crisis climática
Crisis climática en ciudades Sobrevivir al verano sofocante de Madrid y a la gentrificación
Alguén cre de verdade que cobrarlle unha taxa de 2,5 € os turistas vai poñerlle coto á praga do turismo?