Transporte
A folga do transporte en autobús da Coruña, camiño do paro indefinido
O conflito laboral no transporte en autobús da provincia da Coruña entra nunha fase decisiva. As persoas traballadoras encaran este venres a súa séptima xornada de folga na loita por un convenio colectivo digno, nun contexto marcado polo amplo seguimento dos paros e pola ausencia de avances na negociación coa patronal. A mobilización prolongarase os días 19, 20 e 23 de xaneiro, coa ameaza de converterse en indefinida a partir do 2 de febreiro se non se produce un achegamento entre as partes.
“A última redacción deste convenio colectivo é do 2017. Leva caducado catro anos”, explica Ernesto López, representante da CIG. “A lexislación, en moitos aspectos, está incluso superando o texto do convenio”. Á falta de actualización únese un problema máis urxente: os salarios están conxelados desde 2024; e o persoal ten que traballar en condicións de xornada que consideran “abusivas” e “incompatibles cunha vida digna”.
Xornadas de ata 15 horas
O convenio actual permite xornadas de dispoñibilidade de ata 15 horas diarias. Dentro dese tempo, un conductor ou condutora pode chegar a facer ata nove horas de conducción. “Hai semanas que fas 54 horas. Descansas un día e volves a facer outras 54 horas”, denuncia Iván Cancela, representante de UXT. “No mellor dos casos vas a estar 12 horas de dispoñibilidade”.
Na área metropolitana da Coruña, a situación é aínda máis complexa, con quendas continuas de 9 horas que apenas inclúen descansos e que nin sequera están reguladas explicitamente no texto do convenio. Os sindicatos denuncian que a patronal ampara estes horarios nunha interpretación laxa da normativa, malia que o propio acordo fala de xornadas reguladas con pausas obrigatorias. “Están aplicando uns turnos que non aparecen en ningún sitio do convenio e que deixan aos traballadores sen unha protección clara”, explica Cancela.
A isto súmase unha elevada carga anual de traballo, fixada en 1.876 horas, unha das máis altas do sector; e longos períodos de dispoñibilidade que non sempre computan como tempo efectivo. Esta situación dificulta seriamente a conciliación e vai acompañada de carencias en permisos, festivos e dereitos básicos. “Hai xente que pasa 14 ou 15 horas ao día á disposición da empresa sen que iso se vexa reflectido nin no salario nin no descanso”, afirma o representante da CIG.
Esta realidade fai case imposible a conciliación familiar e laboral; o convenio non recoñece nin sequera un día de asuntos propios. Os traballadores denuncian o bloqueo da patronal para introducir melloras neste ámbito e lembran que estas reivindicacións forman parte central da mobilización, xa que afectan directamente á calidade de vida das persoas traballadoras.
O salario é outro dos puntos clave do conflito. Os sindicatos reclaman que as subas salariais estean vinculadas á inflación para evitar a perda de poder adquisitivo, mediante unha cláusula de revisión automática segundo o IPC real. A patronal, pola súa banda, mantén a súa negativa a aceptar calquera mecanismo que actualice os salarios en función da inflación.
O 18 de decembro produciuse a ruptura definitiva das negociacións. Sindicatos e patronal estaban convocados a unha reunión de mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, pero a patronal abandonou o encontro. “Deixaronnos plantados a nós e máis ao mediador“, relatan dende a CIG.
A fixación dos servizos mínimos tamén abriu un novo conflito. Os sindicatos denuncian que a Xunta estableceu uns mínimos excesivos, con frecuencias propias dun día normal, especialmente nas horas punta. Segundo explica Iván, a administración comprometeuse a revisar a proposta, pero acabou aprobando “exactamente os mesmos servizos que xa estaban sobre a mesa desde primeira hora da mañá.”
Para os traballadores, esta decisión unilateral é ”unha dictadura“. Consideran que se trata dunha imposición abusiva e, por iso, non están a cumprir eses mínimos no transporte regular de liña, aínda que sí manteñen o transporte escolar.
O papel da Xunta
A Consellería de Presidencia e Mobilidade asegura que solicitou á Delegación do Goberno a presenza das forzas de seguridade para garantir o cumprimento dos servizos mínimos, e que a Dirección Xeral de Mobilidade está a inspeccionar o cumprimento dos mesmos ”con presenza de inspectores en todas as estacións de autobuses afectadas“.
Segundo a Consellería, ”no caso de que se detecten incumprimentos por parte das empresas, iniciaranse os procedementos sancionadores que correspondan“. Ademais, lembra que o Consello Galego de Relacións Laborais está á disposición das partes ”en canto o soliciten“.
Os sindicatos consideran insuficiente a resposta da Xunta e lembran que ten unha responsabilidade directa, xa que as principais empresas do sector —Monbús, Alsa e Arriba— son concesionarias dun servizo público. Entenden que a administración debería implicarse máis, garantindo que se xestiona en condicións xustas.
“Se é un servizo público, a Xunta ten que asumir unha responsabilidade real sobre como se presta”, denuncia Ernesto. A parte social acusa á Xunta de manterse á marxe da negociación e de non exercer ningunha presión sobre a patronal para desbloquear o conflito, malia afectar a máis de 2.000 persoas traballadoras. “Despois de seis días de folga, a Xunta non foi quen nin sequera de sentar ás partes a negociar”, afirman dende UXT.
Desde os sindicatos interpretan esta pasividade como unha toma de partido implícita a favor das empresas. Os representantes do persoal subliñan que a mesa negociadora está rota e que alguén debería asumir a responsabilidade de reactivala, un papel que atribúen á administración autonómica. Sen esa mediación, advirten, o conflito seguirá enquistado e sen canles reais de diálogo.
Mentres tanto, miles de persoas usuarias do transporte público quedan atrapadas no medio do conflito. Sen autobuses para desprazarse ao traballo, á universidade ou a calquera actividade cotiá, a folga ten un impacto directo na mobilidade de toda a provincia.
Os sindicatos recoñecen ese impacto sobre a cidadanía, pero sinalan que a orixe do problema está no bloqueo das negociacións e na falta de implicación da administración autonómica, á que atribúen a responsabilidade de garantir tanto a mobilidade como o funcionamento do servizo público. ”O que non pode facer a patronal é levantarse e marcharse, como fixo a última vez; e que esto non teña ningunha reprimenda por parte de Xunta", declara López.
Os traballadores sosteñen que a única vía para desbloquear o conflito pasa por que a Xunta obrigue á patronal a retomar as negociacións e reactivar a mesa do convenio. Sen ese movemento, advirten, non será posible nin recuperar a normalidade do servizo nin alcanzar un acordo.
Este medio solicitou información á patronal do sector do transporte de viaxeiros da Coruña para incluír a súa posición neste reportaxe, pero non obtivo resposta no momento de pechar esta edición.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!