Tecnología
Enxeñería Sen Fronteiras presenta a súa Guía de Autodefensa Dixital

O mundo leva anos cambiando, e para ben e para mal, internet e o mundo dixital forman parte desa mudanza. As aplicacións, as redes sociais, a intelixencia artificial... Todo veu para quedarse e ampliarse. Quen non quere ir a ese sitio que viu no Instagram? Quen non emprega as ferramentas dixitais para monitorizar pulsacións, velocidade, distancia, dunha andaina en bicicleta? Quen non quere tomar os apuntes de clase nunha tablet ou nun ordenador? O mundo real está totalmente condicionado polo mundo dixital: imos ao lugar con mellores comentarios na Internet, decidimos en función do que nos din as IAs, seguimos o rumbo que nos indica o GPS... Pensamos que os algoritmos nos axudan, nos dan mellores solucións das que nin sequera nós pensabamos e conseguimos as cousas en menos tempo, con menor dificultade. Transitamos na cultura do inmediato e da imaxe que xa sinalou o sociólogo Barry Glassner a finais dos anos 90 no seu libro 'The Culture of Fear' (Basic Books, 1999). Por outra banda, a cobiza está moi presente no ser humano e nas sociedades de consumo actuais, nun sistema baseado na acumulación... estaremos utilizando estas ferramentas guiados por este impulso?
En calquera caso, usámolas acotío e fiámonos dos algoritmos, ou polo menos a grande maioría non temos coñecementos sobre os mesmos. Deste xeito, para influír nas decisións das persoas, basta introducirse nas entrañas do algoritmo e modificalo en conveniencia. E pode parecer complicado facer isto, pero é tan simple como cando queres convencer a un neno de que faga algo: sabes que é o que lle gusta e xogas con iso para guialo ata onde queres. Analogamente, as empresas que manipulan estes algoritmos saben que é o que nos gusta grazas aos datos. Os datos son ese conxunto de información que publicamos ou consultamos en internet: dende información persoal como pode ser o nome, o número de teléfono, a dirección postal, etc; ata o tempo que estamos vendo unha fotografía, pasando polos vídeos que vemos, sitios web nos que entramos, persoas ás que seguimos en redes... As empresas recompilan toda esta información grazas aos datos que lle proporcionamos conscientemente ou non tan conscientemente, como pode ser a través dos rastros (tamén chamados cookies, en inglés). Para as empresas, estes datos son moi valiosos porque teñen toda a información que precisan para que os algoritmos se adapten mellor a cada persoa, e deste xeito, conseguir que esteamos máis tempo consumindo o contido que nos proporcionan.
Chegadas a este punto atopámonos con dous problemas: a manipulación e a privacidade. En canto ao primeiro, como as empresas nos coñecen tan ben, son capaces de guiarnos e proporcionarnos contidos que poidan influír na nosa forma de pensar ou actuar. Pode sonar disparatado, pero isto ocorreu con Facebook nas eleccións americanas de 2016: sabían cales eran os usuarios demócratas pola súa actividade e mandábanlle vídeos a favor do partido republicano, para cambiar o seu voto, o que afectou ao resultado das eleccións. Algo similar sucedeu no caso do Brexit. En canto ao segundo problema, se se está recompilando tanta información nosa, ata que punto estamos exercendo o noso dereito á privacidade? Aínda máis, se tan importantes son os datos, como sabemos se están seguros? Podemos confiar na empresa que os ten?

Para resolver estas e outras cuestións xorde a Guía de Autodefensa Dixital de Enxeñería Sen Fronteiras (ESF). Trátase dun manual onde poder adentrarnos no mundo menos coñecido da tecnoloxía, pero moito máis libre e con moita máis capacidade. Aprender conceptos de ciberseguridade para estar seguros no noso día a día no mundo dixital: xestión de contrasinais, evitar ciberataques, compras por Internet, etc. Tamén descubrir alternativas libres e de código aberto ás aplicacións habituais das grandes empresas. Grazas a estas aplicacións, saberemos en todo momento como se está tratando a nosa información, tendo a seguridade de que non se invade a nosa privacidade. Coñeceremos o Fediverso, unha rede social alternativa que nos permite fuxir desta manipulación constante á que estamos expostas cos algoritmos. Atoparemos formas de mellorar a nosa seguridade no mundo dixital e descubriremos moitas cousas máis para mellorar a nosa soberanía tecnolóxica.
A guía está pensada para persoas de tódalas idades e coñecementos. Cada unha pode afondar ata onde queira, xa que se tratan dende nocións básicas e sinxelas ata conceptos máis técnicos. Trátase dunha guía dinámica: vaise actualizando co tempo polas persoas de ESF expertas nos distintos temas, polo que sempre estará actualizada e poderás atopar cuestións novas cada vez que a vexas. Dende ESF aplican a lóxica do copyleft, unha forma de traballo colaborativa e aberta, que permite entre todas as persoas usuarias chegar a algo máis grande, con máis calidade, máis completo e diverso, sen as restricións propias das grandes compañías tecnolóxicas.
Para profundar máis na guía dende Enseñería sen Fronteiras ofrécense obradoiros adaptados para a súa explicación. Ademais, hai grupos de persoas en distintos lugares da Galiza que se xuntan periodicamente para facer “cacharreo colectivo”, usar tecnoloxías dixitais libres, reparar aparellos electrónicos, axudarse e aprender. Reivindican o dereito a reparar (RightToRepair), a reapropiación e a democratización da tecnoloxía, e como o mellor é facelo en colectivo. Son os Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, e queren multiplicarse, só están esperando xente interesada para apoiar o xermolo de novos grupos por todo o territorio galego. Estes bancos conforman unha Rede, e se pode contactar tanto para colaborar como para doar material, ou estar ao tanto das formacións e encontros que organizan, como os cafés de reparación (ou repair café).
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!