Sequía
Case cen concellos racionan auga en Galiza mentres a seca golpea o agro e a calor deixa centos de mortos
Galiza atravesa este verán unha das secas máis severas das últimas décadas. A falta de choivas acumulada desde a primavera, unida a varias vagas de calor consecutivas, está a esgotar encoros e ríos, a obrigar a decenas de concellos a racionar a auga e a poñer contra as cordas ás granxas galegas. A crise combina xa escaseza hídrica, perdas no agro e un impacto sanitario que se conta en vidas humanas.
Segundo o informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, xullo foi o mes máis cálido desde que existen rexistros. A temperatura media situouse 2,8 ºC por riba do valor normal e a temperatura máxima media foi de 3,5 ºC por riba do normal, o segundo valor máis alto rexistrado ata agora. Ademais choveu moi pouco: só cinco litros por metro cadrado de media, un 86% menos do habitual.
Case cen concellos, entre a alerta e a prealerta
O pasado 14 de agosto, Augas de Galicia activou a situación de alerta ou escaseza severa no río Lérez, na ría de Pontevedra, no río Anllóns, na costa da Coruña e no río Verdugo, cos encoros de Galiza-Costa nun 83,09% da súa capacidade.
Á vez, catro novas unidades territoriais pasaban de normalidade a prealerta: o río Tambre e a ría de Muros, o río Grande en Camariñas, o río Mendo e a ría de Betanzos, e o río Landro e o río Ouro. En total, a comezos de agosto xa eran 91 os concellos afectados —32 en alerta e 59 en prealerta—. A alerta implica prohibir usos prescindibles —baldeo de rúas, piscinas, rego de xardíns— e deixa aberta a porta a cortes puntuais se a situación non mellora.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) convocou tamén a súa Oficina Técnica da Seca e declarou a prealerta no Miño Alto, Cabe, Sil Inferior, Baixo Miño e A Limia, onde os caudais estaban un 45% por debaixo do habitual para xullo.
A seca afoga ao agro e á gandería
O sector primario é un dos que máis está a acusar a situación. Segundo relatan dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), os meses de choiva escasa combinados coas vagas de calor están a golpear practicamente a tódolos sectores produtivos. Na carne, a colleita de forraxe foi moi pobre e en boa parte do territorio o gando deixou de pastar ata dous meses antes do habitual, o que está a forzar moitas granxas a botar man xa das reservas do inverno. O sindicato alerta ademais de que empezan a aparecer casos nos que o abastecemento de auga non chega a cubrir as necesidades do propio gando.
“Son necesarias liñas específicas de axuda para investimentos que permitan adaptarse ao cambio climático e desintensificar a produción”, explica Brais Álvarez, secretario de Acción Sindical do SLG.
No leite, á escaseza de forraxe súmase unha mala previsión para a campaña do millo —a falta de choiva nos meses críticos do cultivo reduce tanto a súa cantidade coma a súa calidade—, o que compromete xa a produción da vindeira tempada. E tanto na horta coma na apicultura, as colleitas caeron máis da metade e nalgúns casos directamente non chegaron a callar, o que a medio prazo ameaza a continuidade de moitos destes proxectos.
As fortes choivas de febreiro e marzo atrasaron o traballo da terra e, cando por fin se puido sementar, chegaron vagas de calor seguidas que impediron un desenvolvemento normal das colleitas.
Dende a organización piden unha valoración oficial e sector a sector dos danos, sen que a xestión desta crise supoña un sobrecusto para as granxas. “Son necesarias liñas específicas de axuda para investimentos que permitan adaptarse ao cambio climático e desintensificar a produción”, explica Brais Álvarez, secretario de Acción Sindical do SLG.
Vilas ao límite: cisternas, cortes e ríos case secos
A presión sobre o abastecemento xa obriga a medidas de urxencia. En Carballo pecháronse fontes ornamentais e públicas, duchas e lavapés das praias, e canceláronse baldeos e rego de xardíns municipais.
A alcaldesa de Muros, María Lago, explica que o Concello ten en marcha unha “obra de emerxencia” para aumentar a captación e coller auga no encoro de Santa Uxía. O río Arcos, do que dependen Muros e Carnota, baixa practicamente seco despois de meses sen chover, mentres o consumo se dispara pola presión turística.
“O domingo pasado tivemos que achegar cos camións de bombeiros auga á potabilizadora para poder tratala e metela na rede”, explica. Lago afirma que nunca se toparan con esta situación a comezos de agosto. “Debido ao aumento de turismo e o consumo, vémonos moi apurados”.
O sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) sinala que Galiza rexistrou desde maio 276 mortes atribuíbles ás altas temperaturas, das cales 206 foron mulleres
En parroquias máis pequenas, o problema tradúcese en cortes directos. “Os depósitos non dan recuperado polas noites e ás veces chegamos pola mañá e vemos que non hai auga, entón temos que cortar”, afirman dende a Comisión de Augas do Ézaro.
En Santiago de Compostela, o Concello mantén desde finais de xullo un bando que prohibe encher piscinas privadas, lavar vehículos coa auga da rede ou regar xardíns.
Segundo o visor River Monitor, do investigador do CSIC Dominic Royé, o 16 de agosto un 78% dos ríos galegos presentaban algún grao de seca, cun 19% en valores extremos.
A seca non só golpea a economía e o territorio, tamén ten un custo sanitario directo. O sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo), xestionado polo Instituto de Saúde Carlos III, sinala que Galiza rexistrou desde maio 276 mortes atribuíbles ás altas temperaturas, das cales 206 foron mulleres.
A resposta política: máis encoros?
Ante este escenario, o Goberno galego xa apunta cara a novas infraestruturas. O pasado 20 de agosto, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, defendeu a necesidade de construír novos encoros para almacenar auga en distintos puntos do territorio, aínda que matizou que isto non implica “encher Galiza” de grandes presas nin instalar depósitos en todos os lugares.
Para Jorge Dafonte, experto recursos hídricos e profesor na Universidade de Santiago de Compostela, defende que os encoros deberían ser a “última opción”, xa que pesan sobre eles un elevado custo económico de construción e mantemento, ademais dun impacto ambiental considerable.
A nivel urbano, defende que o primeiro paso é avaliar con rigor os recursos dispoñibles e proxectar, a partir dos modelos existentes, como podería evolucionar a dispoñibilidade de auga nun contexto de cambio climático.
Antes de pensar en novas infraestruturas, propón “mellorar a eficiencia da rede de distribución detectando e corrixindo fugas, contabilizar con precisión o consumo e recorrer a augas rexeneradas para usos como o rego ou os baldeos”. Cita tamén como exemplo a rede de pozos de emerxencia que ten Madrid, capaz de achegar un porcentaxe do caudal en momentos puntuais de necesidade.
Para os núcleos pequenos, sen encoros propios, Dafonte aposta por buscar mananciais e pozos e organizalos nunha rede distribuída. Pon como modelo un proxecto desenvolvido en Abegondo entre o Concello e a universidade: alí, un pequeno encoro xa abastecía a zona baixa da parroquia, pero a zona alta necesitaba bombeo; a solución pasou por localizar varios pozos conectados a unha pequena estación de tratamento que distribúe a auga ás vivendas.
“O que temos que facer é diversificar e intentar localizar de forma sistemática unha rede distribuída”, sostén. “Hai que buscar solucións localizadas, ata certo punto máis respectuosas co medio e menos invasivas”.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!