Santiago de Compostela
A Factoría Moza, o proxecto para converter Salgueiriños en referente xuvenil
Hai case vinte anos que a estrutura de Salgueiriños, en Santiago de Compostela, agarda sen rematar. Pensada nun primeiro momento para albergar o parque comarcal de bombeiros, o esqueleto de formigón leva décadas convertido nunha ruína urbana. Agora, o Concello quere darlle a volta a esa imaxe cun proxecto que, segundo defenden desde o goberno local, aspira a algo pouco habitual dentro das políticas públicas dirixidas á mocidade: non un parche puntual, senón un equipamento de referencia.
A iniciativa deuse a coñecer en xaneiro de 2025, cando a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou publicamente os primeiros detalles do equipamento. Tras avaliar a viabilidade da estrutura abandonada, o Concello definiu un edificio cunha superficie construída de case 4.500 metros cadrados, distribuídos en tres plantas.
A proposta parte dun diagnóstico compartido dentro do goberno local: despois de case vinte anos coa estrutura de Salgueiriños sen rematar, o obxectivo é acabar cunha imaxe de abandono que se prolongou durante décadas e dotar á cidade dun equipamento específico para a mocidade, ata agora inexistente nesta escala.
Cinco áreas para un só edificio
Máis alá da superficie total, o anteproxecto detalla como se repartirá o uso do espazo. A música terá a súa propia zona, con ata sete salas de ensaio e gravación —o dobre que as tres coas que conta actualmente o Centro Xove da Almáciga, onde a demanda supera hoxe a capacidade dispoñible— e unha sala de concertos para uns 600 asistentes.
Unha segunda área estará dedicada á formación, ao asesoramento e ao estudo: aulas, unha biblioteca que se integraría na rede municipal, espazos para obradoiros e despachos onde se ofrecería orientación en materias que preocupan á xente nova, como a saúde mental ou a educación sexual. A actividade física ocupará unha terceira zona, con sitio para danza, ximnasio e tamén un espazo de tipo maker, mentres que a cuarta área será un coworking con entrada independente desde a rúa, pensado para funcionar sen depender dos horarios do resto do edificio.
Ademais da distribución por usos, o anteproxecto conserva un elemento simbólico da estrutura orixinal: a torre de Salgueiriños
Por último, o proxecto reserva unha gran zona central, a modo de praza cuberta, para o lecer e a interacción social, con espazo para o skate e outras disciplinas urbanas. É precisamente este bloque o que Rozas puxo en valor con máis insistencia, ao lembrar que moitos mozos e mozas non atopan hoxe alternativas de ocio que non pasen polos centros comerciais ou polo consumo.
Ademais da distribución por usos, o anteproxecto conserva un elemento simbólico da estrutura orixinal: a torre de Salgueiriños. Segundo explicou a concelleira, servirá non só para conectar as plantas do edificio, senón tamén como miradoiro e como soporte para difundir a programación da Factoría, á vez que se manterá como testemuña da historia do propio inmoble.
O Concello tentou obter financiamento a través do Ministerio, sen demasiado éxito ata o momento. Foi entón cando decidiu incluír a Factoría Moza dentro dunha iniciativa máis ampla para acceder a fondos europeos: un proxecto valorado en 20 millóns de euros destinado a transformar o norte da cidade, que integra a Factoría xunto a outras actuacións urbanas e ambientais na zona.
O que caracteriza a Factoría Moza é o propio enfoque do proceso: en lugar de responder con medidas illadas ou de urxencia, o Concello optou por artellar un proxecto de longo percorrido, con varias fases encadeadas
O paso máis recente neste proceso é a apertura do procedemento para contratar a redacción do proxecto básico e de execución da Factoría de Salgueiriños, coa previsión de que as obras se desenvolvan entre 2027 e 2028.
Rozas enmarcou este avance no obxectivo de, nas súas palabras, saldar unha débeda histórica coa mocidade da cidade. Máis alá dos trámites de cada fase, o que caracteriza a Factoría Moza é o propio enfoque do proceso: en lugar de responder con medidas illadas ou de urxencia, o Concello optou por artellar un proxecto de longo percorrido, con varias fases encadeadas —deseño, busca de financiamento e redacción técnica— para un equipamento pensado especificamente para a poboación xove da cidade.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!