Os bombeiros supramunicipais, ao límite nas vésperas da tempada de lumes

Parques pechados, traxes caducados e comunicacións que non funcionan. Os Grupos de Emerxencia Supramunicipais chegan ao verán nunha situación que os propios traballadores describen como insostible.

O 5 de maio, o parque do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) de Brión estaba pechado por falta de persoal. Ese mesmo día, o GES de Cervo, na Mariña lucense, tampouco prestaba servizo. Noutros puntos a situación tampouco é mellor: no Barco de Valdeorras, en Pereiro de Aguiar e Castro Caldelas só había un efectivo de garda en cada servizo, unha realidade que, segundo denuncian os profesionais, repítese semana tras semana en distintos parques de Galiza. 

Desde Agesga, a Asociación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais de Galicia, advirten que a situación está xeneralizada. Os parques acumulan vacantes e baixas sen cubrir, mentres o sistema de xestión compartida entre Xunta, deputacións e concellos evidencia “problemas de coordinación, desigualdade territorial e falta de integración real co sistema galego de emerxencias”. A tempada de alto risco de incendios forestais está a piques de comezar.

Os GES naceron en 2013 para complementar a atención a emerxencias nas áreas rurais, mediante un convenio entre a Xunta, as deputacións e a Fegamp. A Xunta asume o 52,5% do financiamento, as deputacións o 40% e os concellos sede o 7,5% restante. Sobre o papel, cobertura para os municipios sen bombeiros. Na práctica, un servizo delegado en concellos que, na maioría dos casos, carecen de capacidade técnica para xestionalo.

Julio Rivero, presidente de Agesga describe a evolución do convenio como un proceso de “desmantelamento progresivo dos dereitos laborais”. Explica que o convenio orixinal obrigaba aos concellos a prestar servizo 24 horas os 365 días, pero que esa esixencia xa desapareceu. “Hai concellos que collen a financiación pero o servizo non se presta”, di. O mínimo de 12 efectivos por grupo tampouco se garante: as vacantes e baixas non se cobren; e iso tradúcese en peches nocturnos e días enteiros sen cobertura.

Dende a CIG poñen de exemplo o GES de Lobios, que pecha unha media de cinco días ao mes. “O 99% das veces realizan intervencións sen as condicións mínimas de seguridade por falta de persoal”, afirman. “Levan cos mesmos traxes de intervención dende que comezou o servizo en 2013”.

Bombeiros “low cost”

Os traballadores dos GES realizan as mesmas intervencións que os bombeiros dos consorcios provinciais —incendios forestais, urbanos e industriais, rescates, accidentes de tráfico— con EPIs e vehículos de bombeiros, pero sen o seu recoñecemento nin os seus dereitos. A equiparación da categoría implicaría cotizar co coeficiente redutor das profesións de risco e a xubilación anticipada.

Rivero resume a posición das administracións cunha frase: “Queren un servizo de bombeiros low cost”. A última mostra diso, segundo relatan dende Agesga, foi a circular que o Director Xeral de Emerxencias da Xunta enviou a todos os concellos “prohibindo que o persoal dos GES empregue a denominación bombeiro”. 

Os profesionais sinalan que para certos incendios industriais son necesarios oito efectivos, pero esa dotación non está fixada en ningún regulamento. “Deben estar agardando a que nos pase algo”, di Rivero. O recoñecemento do coeficiente redutor, engade, é tamén unha cuestión de seguridade: “se a xente puidese xubilarse aos 60 anos, non existiría o volume de baixas que está a provocar os peches”.

O pasado 30 de abril, traballadores dos GES concentráronse ante a sede da Deputación de Ourense para esixir melloras nas súas condicións e a integración do servizo na estrutura provincial. Posteriormente, o pleno deu luz verde á futura integración dos GES no Consorcio Provincial de Bombeiros.

Non obstante, o Partido Popular rexeitou o punto central que comprometía á Deputación a elaborar un Plan Integral con mando único para coordinar todos os axentes que participan na extinción de incendios forestais.

A ausencia de mando único conecta cunha das carencias máis graves que denuncian dende Agesga: a fragmentación das comunicacións. Describen a rede de emerxencias de Galiza como “unha farsa”. O 061, os bombeiros e os GES funcionan en frecuencias distintas e “cada un anda á súa, na mesma rede pero separados”. Segundo explican, na vaga de incendios do ano pasado en Ourense tiñan que coordinarse a golpe de teléfono mentres intervían. “Levamos tempo pedindo a gritos que temos que estar todos no mesmo barco”.

A Deputación de Lugo xa aprobou a integración os GES da provincia no Consorcio Provincial de Bombeiros, pero segundo explican dende a CIG, as negociacións coa Xunta e coas deputacións da Coruña e Pontevedra “son nulas”. 

Este medio contactou coas deputacións de A Coruña e Pontevedra sobre a súa posición respecto ás demandas de Agesga e a posible integración dos GES na estrutura provincial; pero ningunha das dúas respondeu.

A Xunta lembra que a atención ás emerxencias “é competencia que corresponde aos concellos de máis de 20.000 habitantes e ás deputacións provinciais nos municipios con menos poboación”, e que non se trata de persoal da Administración autonómica. 

Desde Agesga rexeitan ese encadramento. Rivero denuncia a falta de procedementos de traballo, de protocolos comúns e de comunicacións integradas co resto do sistema. “Non é normal que un consorcio provincial de bombeiros non teña constancia de onde están actuando os compañeiros dos GES”, di. “Quítannos información a todos para que non se destape o mal funcionamento do servizo”.

A folga, sobre a mesa

Os profesionais reclaman que todas as deputacións integren aos GES nunha única rede pública de emerxencias e advirten de que poderían convocar unha folga nas próximas semanas. “Manexamos unha marxe duns 60 días, para ver como evolucionan as cousas”, sinalan dende a CIG. Desde Agesga aseguran que esta opción segue enriba da mesa; e insisten en que non a descartan se non hai avances. A tempada de alto risco comeza o día 1 de xullo.

O diagnóstico é compartido por todos os traballadores: un servizo esencial para a Galiza rural, fragmentado en moitos xestores locais distintos, sen procedementos comúns, sen recoñecemento profesional e sen garantías de cobertura. “Estanse a valorar as emerxencias como unha lotería, cando son situacións aleatorias que non escollen os días nos que acontecen”, rematan.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...