As contas de O Salto de 2025-2026: temos un problema

As contas de 2025 de O Salto debuxan a fotografía dunha situación económica estable, pero agochan unha crise latente coa que teremos que lidar para garantir a continuidade do medio.
Contigo Galego post
22 may 2026 17:20

En 2025 batemos o récord de socias/os (máis de 10.400) e tamén o de ingresos (1,1 millóns de euros), unha cifra superior aos gastos, o que deixa o ano cun saldo positivo de 30.000 euros. Tamén medramos en visitas (23,5 millóns ao ano), un 30% máis ca en 2024. O Salto estase a ler cada vez máis e ten unha influencia maior. Este ano tamén reforzamos a nosa liña sonora co lanzamento de dous grandes proxectos do Salto Radio: Asalto, o podcast da redacción do Salto; e Utopía X, unha serie radiofónica sobre as ideas que hai detrás do auxe da extrema dereita. Até aquí as boas novas.

Nestes últimos dous anos O Salto non rexistrou perdas importantes, pero soamente por un factor alleo a O Salto e que non podemos controlar: os proxectos externos, especialmente Sphera, unha liña de vídeos financiada pola Unión Europea. Xunto con outras axudas menores, o conxunto de proxectos e subvencións supuxo en 2025 un 12,3% do total de ingresos do Salto.

Prevemos para 2027 un buraco de preto de 112.000 euros. Un proxecto como O Salto pode se manter un ano con ese déficit, pero non dous.

No post de contas de 2024 xa vos contabamos o perigo da dependencia de proxectos que poderían desaparecer nalgún momento e poñer en risco o proxecto. Lonxe de resolver o problema, este ano a bóla fíxose máis grande: a nosa dependencia de proxectos externos é maior agora que en 2024. O problema económico de O Salto tornouse agravado pola necesidade de aumentar uns salarios que son iguais para todo o cadro de persoal, pero seguen sendo moi baixos, apenas superiores ao salario mínimo interprofesional.

E o que máis temiamos converteuse nunha ameaza real: os proxectos que temos en activo rematan en 2026 e non temos ingresos garantidos de axudas e subvencións en 2027. Dito doutro xeito, prevemos para 2027 un buraco de preto de 112.000 euros. Un proxecto como O Salto pode se manter un ano con ese déficit, mais non dous. Temos que tomar medidas xa para garantir o futuro do medio. E precisamos da vosa axuda.

Malia a dureza dos números, somos optimistas. Saímos de situacións semellantes grazas ao respaldo da nosa comunidade, que sempre nos deu apoio cando máis o precisabamos.

Vivimos nunha época na que nos xogamos demasiado. Os dereitos conquistados, mesmo liberdades que até hai pouco dabamos por feitas, están en lide. A concentración de riqueza e o enorme poder que adquiriron as grandes corporacións fan que un medio como O Salto, que non poden controlar, sexa máis necesario ca nunca.

Malia a dureza dos números, somos optimistas. Saímos de situacións semellantes grazas ao respaldo da nosa comunidade, que sempre nos deu apoio cando máis o precisabamos.

Non é a primeira crise que atravesa O Salto. Como outras veces, ante a adversidade negámonos a facernos máis pequenos, precisamente cando máis se precisan medios críticos. Somos optimistas porque sabemos que imos saír desta reforzados. Por iso puxémonos un novo obxectivo: chegar ás 12.000 socias para asegurar o futuro do medio. Precisamos chan para volver saltar. Sabemos que xuntos e xuntas podemos conseguilo.

Detrás de O Salto non hai grupos empresariais, mediáticos ou políticos. Só persoas coma ti, que estás lendo isto. Só co voso apoio poderemos saír desta nova situación que ameaza un proxecto que ten máis de 20 anos se contamos a experiencia previa do xornal Diagonal. Contigo conseguirémolo.

Se aínda non o fixeches, subscríbete e axúdanos a seguir facendo xornalismo crítico e a chegar cada vez máis lonxe cos nosos contidos. Faite socio/a!

Cinco gráficos para entender as contas de O Salto

A través de cinco gráficos contámosche con máis detalle a evolución do número de socias, de onde veñen os nosos ingresos e en que os gastamos, cal é o balance do medio nos últimos anos e cal é a diferenza entre os nosos gastos e ingresos estruturais.

En 2025 e comezos de 2026, O Salto acadou un novo récord de socias, con máis de 10.400 persoas subscritas. Segue a ser, con diferenza, a principal fonte de ingresos do medio (un 67%), aínda que a súa porcentaxe descendeu no último ano polo maior peso doutros ingresos nas contas, especialmente os proxectos externos. A campaña de Nadal, que durou dende decembro até finais de xaneiro, deu un grande impulso á entrada de novas socias nun contexto de grande incerteza global. Porén, dende entón, estamos experimentando máis baixas do que altas e o número total de socias deixou de medrar e comeza a caer.

O total de ingresos en 2025 foi de 1.140.596 euros, o récord dos oito anos de historia de O Salto. Desta cantidade, 768.210 euros corresponden a ingresos por cotas de socios, doazóns e bonos de apoio, un 67% do orzamento. As partidas de ingresos que máis medran son os proxectos externos (12,3%) e a publicidade, que aumenta dous puntos, do 3% ao 5%. O resto de ingresos (venda de revistas, Tenda, promoción, Edita etc.) son menores en relación ao volume do medio.

O principal gasto de O Salto é o do cadro de persoal, ao que destinamos o 63,76%, unha cantidade moi semellante á dos ingresos por socias. Para dignificar as condicións do persoal, aumentamos os salarios un 6% en 2025. E en 2026, cunha crise da vivenda desatada, decidimos incrementalos outro 6% para chegar a cifras que nos colocan por diante do Salario Mínimo Interprofesional. Non está de máis lembrar que en O Salto todas as persoas empregadas cobran o mesmo salario base.

Á parte do gasto de persoal, que aumentou en 2025 case 50.000 euros, o principal incremento veu das colaboracións, tanto xerais (76.707 euros) como territoriais (67.606 euros), récord de diñeiro repartido entre nodos locais. Se contemplamos nesta última partida o total do diñeiro distribuído entre nodos territoriais, a suma supera os 110.000 euros en 2025.

Grazas aos proxectos externos, en 2024 e 2025, o balance entre ingresos e gastos estivo controlado. O remate destes proxectos previsto para comezos de 2027 evidencia os problemas estruturais do medio. Segundo as nosas previsións, as perdas serán de máis de 16.000 euros en 2026 e de máis de 112.000 euros en 2027.

Os balances de 2024 e 2025 estiveron distorsionados por unha posible demanda de 50.000 euros que finalmente non prosperou. Esta multa implicou unha provisión de gasto en 2024 (o que nos conduciu a dar perdas ese ano) e, ao non concretarse, anotouse como ingreso en 2025 (o que nos levou a obter beneficios).

Os problemas que se nos veñen enriba vense mellor comparando os ingresos estruturais e os gastos estruturais. Os ingresos estruturais son aqueles que dependen da actividade central de O Salto e non van desaparecer dun ano para o outro. Consideramos como ingresos estruturais as cotas das persoas socias, a venda da revista e a publicidade, entre outros ingresos que poden variar pero de forma gradual. Os gastos estruturais son aqueles que temos que afrontar si ou si cada mes, sobre todo os gastos de persoal, as subministracións ou os alugueiros.

Os ingresos conxunturais son aqueles que un ano nos poden axudar a cadrar as contas, pero que poden desaparecer ao seguinte. O principal ingreso conxuntural de O Salto son as axudas e subvencións. Ao non incluír os ingresos conxunturais, este gráfico retrata o déficit estrutural do proxecto. En 2023 tiñamos un equilibrio entre ingresos e gastos estruturais, pero en 2024 e 2025 este equilibrio quebrou: o déficit estrutural de O Salto era de máis de 70.000 euros en 2024 e de máis de 146.000 euros en 2025.

Sabemos que imos ser quen de dar a volta a esta complicada situación económica e, como noutras ocasións, estamos convencidas de que sairemos máis fortes. Pero precisámoste para iso. Se aínda non o fixeches, faite socio/a e dálle vida a este gran medio financiado pola xente!


Faite socio, faite socia!

Sobre este blog
El Salto es un proyecto formado por cerca de 200 personas y 10.000 socios/as que apuesta por un periodismo radicalmente diferente: sin financiación de empresas del Ibex35, democrático, descentralizado y de propiedad colectiva
Ver listado completo
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Sobre este blog
El Salto es un proyecto formado por cerca de 200 personas y 10.000 socios/as que apuesta por un periodismo radicalmente diferente: sin financiación de empresas del Ibex35, democrático, descentralizado y de propiedad colectiva
Ver listado completo
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...