Política
O PP contratou a empresa que fai as enquisas de ‘La Voz de Galicia’ para pedir o voto para Feijóo por teléfono
A primeira frase cando alguén respondía á chamada era obrigatoria e enviábanlla a todos os teleoperadores por escrito: “Formo parte do equipo de Feijóo”. Tamén foi a primeira mentira. O Partido Popular contratou a única empresa galega que fai grandes enquisas e sondaxes electorais, Sondaxe, que ademais é propiedade de La Voz de Galicia, para pedir o voto para Alberto Núñez Feijóo por teléfono a miles de persoas. O Salto recolleu o testemuño dun grupo de traballadores inconformes coa, din, “inmoralidade” da estratexia do grupo mediático máis grande de Galiza. Tamén puido acceder aos documentos cos argumentarios que os obrigaban a reproducir acriticamente, cargados de imprecisións, medias verdades ou directamente falsidades.
Os documentos internos permiten reconstruír tamén como se organizaba e corrixía a campaña. Nas instrucións remitidas aos teleoperadores polos seus superiores insistíase en que debían interiorizar o guión, soar naturais e evitar que o interlocutor percibise que estaban lendo. Son recorrentes ideas como que as pensións alcanzan agora para menos que durante os gobernos de Mariano Rajoy, que Pedro Sánchez subiu os impostos máis de cen veces ou “a responsabilidade clara” de Óscar Puente no fatal accidente ferroviario de Urda , que son só algunhas das imprecisións que cada día chegaban impresas ás mesas dos teleoperadores de Sondaxe para seren reproducidas diante de miles de persoas.
Pero non só. Tamén moitas medias verdades como que a vivenda se encareceu un 76% froito da irresponsabilidade do Goberno, que en España se vive peor ca hai oito anos ou que “non hai quen colla un tren” no Estado. Ata o momento, nin o Partido Popular nin Sondaxe nin o grupo de La Voz de Galicia responderon ás preguntas de O Salto.
Os argumentarios non se limitaban a enumerar críticas ao Goberno: incluían respostas preparadas para rebater obxeccións concretas dos interlocutores. Se alguén preguntaba por un posible pacto con Vox, a instrución era responder que había que agardar ao resultado das urnas e reconducir a conversa cara á necesidade dun ‘Goberno forte’ con Feijóo. Se se mencionaba o accidente ferroviario de Urda ou se reclamaba a dimisión de Puente, o guión ordenaba afirmar que as responsabilidades políticas do ministro e de Pedro Sánchez “están moi claras”. Para as persoas que expresaban desafección cara á política, a réplica presentaba Feijóo como un político “serio”, fronte á “corrupción do PSOE” e como “garantía de xestión”.
Tamén se incorporaban, ademais, bloques específicos sobre vivenda e autónomos. Para responder ás preocupacións polo prezo dos pisos, os teleoperadores debían afirmar que a vivenda se encareceu un 76% con Sánchez e contrapoñelo ao compromiso inconstante do PP de construír un millón de vivendas, acabar coa ocupación e poñer en marcha “a maior axuda da historia” para a emancipación xuvenil. No caso de autónomos e pequenos empresarios, o argumentario falaba dun Goberno que os tiña “perseguido” e prometía, entre outras medidas, a exención do IVE para quen facturase menos de 85.000 euros e unha cota cero para novos autónomos.
Polo menos desde comezos de novembro, Sondaxe incrementou a súa plantilla notablemente con contratos temporais para cubrir o enorme volume de traballo que se lles viña enriba. Mentres algúns traballadores seguían elaborando as únicas enquisas e trackings de Galiza con mostras poboacionais significativas, outros pedían o voto para Núñez Feijóo. Moitas veces, empregados e empregadas intercalaban ambos os dous traballos: “Por suposto, non nos identificabamos como Sondaxe. Se algunhas persoas preguntaban máis, tiñamos que insistir en que eramos do equipo de Feijóo”.
A segunda frase seguía a estela da primeira: “Vou facerlle algunhas preguntas porque Feijoo quere coñecer a opinión dos españois”. As instrucións dos cargos superiores eran claras e achegaban revisións diarias: ser naturais e que en ningún caso se puidese deducir que o teleoperador está lendo. O obxectivo era crear un ambiente fraternal, achegalo a unha conversa entre amizades: “Comigo, polo menos, conseguírono, era unha persoa moi educada e non parecía nada artificial”, relata Fran a O Salto, veciño de Santiago de Compostela que recibiu unha desas chamadas.
Como a teleoperadora axiña apreciou que non era un votante potencial do PP, despedíronse rápido. Esa era outra das normas: non se estender con xente que non entra dentro do público obxectivo de Núñez Feijóo. De feito, hai varios canais de denuncia públicos aos números de Sondaxe con decenas de comentarios que sinalan o proceder da empresa de Sabón: “Din que chaman de parte de Feijóo. Como se pode permitir isto? É acoso telefónico”. Ademais, son números que non aceptan chamadas de volta.
En cambio, a cousa cambiaba se a persoa interlocutora era unha indecisa manifesta ou mostraba interese cara ao PP: “Chegábaselles a ofrecer conversas exclusivas con deputados e deputadas do partido ou candidatos achegados ao seu lugar de residencia”. Ningún dos traballadores consultados por O Salto ten constancia de que esas conversas chegasen a ocorrer. O remate final das entrevistas máis proveitosas, naquelas nas que a afinidade co PP se facía cada vez máis palpable, era a corrupción do PSOE. A frase que colmaba a estratexia é o leitmotiv da campaña da dereita e de todas estas chamadas: Feijóo é garantía de xestión.
Ao peche desta edición, nin o Partido Popular nin Sondaxe nin o grupo de La Voz de Galicia responderon ás preguntas de O Salto. Ao equipo de Feijóo preguntóuselle polo obxectivo político concreto da operación telefónica e por que se elixiu Sondaxe, unha das principais empresas de referencia na medición da opinión pública en Galiza, e se se valorou o posible conflito entre a súa actividade demoscópica e as chamadas de promoción política. Tamén se lles pediron garantías de que os contactos, as bases de datos ou a información empregados non procedían, directa ou indirectamente, de anteriores enquisas ou estudos da empresa, e se o partido solicitou, recibiu ou usou datos dese orixe.
Outra pregunta ía dirixida a saber se os destinatarios souberon desde o primeiro momento que a chamada estaba vinculada ao PP, ou se se recorreu á marca e á reputación de Sondaxe para xerar confianza. Ademais, tamén se lle preguntou ao PP se considera ético empregar unha empresa demoscópica para este fin, dado o posible impacto na confianza cidadá nas enquisas e na independencia destas firmas, e pedíuselle o custo da operación, os fondos cos que se sufragou e a partida orzamentaria á que se imputou.
A Sondaxe, pola súa banda, formuláronselle preguntas sobre que garantías ofrece de independencia e neutralidade na súa actividade demoscópica cando, ao mesmo tempo, realiza operacións telefónicas para promover o respaldo a un partido, e se considera ambas as dúas actividades compatibles desde o punto de vista deontolóxico. Preguntóuselle se para esta operación se empregaron bases de datos, contactos, infraestrutura tecnolóxica ou recursos humanos vinculados á súa actividade ordinaria, e que mecanismos impiden que se crucen recursos ou información entre ambas as dúas áreas. Tamén se lle inquiriu pola existencia dun protocolo que impida que os datos recollidos en enquisas, nas que a cidadanía pode crer que participa nun exercicio neutral, se reutilicen para campañas de persuasión política.
A empresa tampouco aclarou se o PP foi identificado de forma inequívoca como promotor da chamada desde o principio, nin se considera que combinar a medición de opinión con campañas telefónicas de promoción electoral pode comprometer a súa credibilidade ou xerar confusión. Por último, non explicou que separación contable, organizativa e operativa existe entre os seus servizos demoscópicos e os seus traballos de comunicación ou promoción política, nin que garantías ofrece de que os primeiros non subvencionan nin facilitan os segundos.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!