Política
O PP e o Celta exhiben a súa sintonía coa visita de Feijóo ao ‘pelotazo’ da cidade deportiva que el mesmo apuntalou
Ademais da derrotada celulosa de Altri, outro dos grandes proxectos que Alberto Núñez Feijóo deixou inconcluso antes de emigrar a Madrid foi a Cidade Deportiva do Celta de Vigo, tamén chamada Afouteza ou Celta 360, segundo o momento histórico e a estratexia de mercadotecnia da familia Mouriño, propietaria do club. Primeiro, de Carlos Mouriño, empresario multimillonario que mesmo chegou a ser apoderado do PP e fervente defensor da Xunta de Feijóo. Agora, da súa filla Marián, especialista en mercadotecnia que soubo quitarlle a pátina dereitista que bañaba calquera estratexia que tivese que ver coa directiva do principal equipo de fútbol da Galiza. Aínda que a empresa sexa a mesma e os cartos saian do mesmo sitio: un imperio de gasolineiras en México.
Pero o pasado domingo, algo se lle escapou do control á herdeira. A alcaldesa de Mos e piar do PP no sur da Galiza, Nidia Arévalo, organizou xunto ao expresidente do equipo, Carlos Mouriño, e a construtora San José, “unha visita moi especial”: a do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, sen que nin uns nin outros aclarasen publicamente en calidade de representante de que institución acudía. De feito, tanto o PP español como o Celta, a construtora e mesmo o propio Feijóo decidiron non facer pública a visita nas súas canles oficiais. Só Arévalo, punta de lanza política do proxecto, presumiu do encontro nos seus perfís sociais.
A imaxe ten, ademais, un valor simbólico. Non é a primeira vez que Feijóo acode ás instalacións do Celta en Mos. En novembro de 2020, aínda como presidente da Xunta, participou xunto a Carlos Mouriño na inauguración da Cidade Deportiva Afouteza. Fíxoo en plena pandemia e malia que sobre aquelas obras xa pesaban dúbidas sobre o seu encaixe urbanístico e a legalidade das licenzas concedidas polo Concello de Mos. A xustiza acabaría cuestionando posteriormente parte daquela tramitación.
Aquel proxecto era, porén, moito maior ca os campos de fútbol que finalmente se construíron. O plan orixinal pretendía ocupar preto dun millón de metros cadrados de monte comunal de Tameiga e levantar, xunto á cidade deportiva, un gran centro comercial que debía servir de motor financeiro da operación. A comunidade de montes, formada por unhas 420 familias e propietaria de máis de 90 hectáreas, negouse desde o principio a entregar o seu territorio.
A resistencia veciñal desbaratou boa parte dos plans da propiedade do Celta. Tras sete anos de conflito, mobilizacións, procedementos xudiciais e episodios de tensión coas forzas de seguridade, a comunidade de montes de Tameiga conseguiu que o club renunciase a ocupar a maior parte do terreo inicialmente previsto. O proxecto que agora pretende impulsar o Celta afecta a unha superficie radicalmente inferior: arredor de 5.000 metros cadrados do ámbito que chegou a contemplar o proxecto orixinal.
A batalla non foi doada. Cando Mouriño presentou publicamente os seus plans, a operación parecía presentarse como un feito consumado. O club confiaba en que o peso social do Celta e o respaldo das institucións abondarían para vencer as resistencias. O proxecto foi presentado cunha potente carga emocional, apelando ao celtismo e á canteira, mentres a comunidade de montes denunciaba que ninguén negociara previamente con ela o futuro do seu territorio.
O conflito tiña unha dimensión que ía moito máis alá do fútbol. Na Galiza, os montes veciñais en man común constitúen unha forma excepcional de propiedade colectiva. Máis de 700.000 hectáreas son xestionadas por unhas 2.800 comunidades, segundo os datos da propia Xunta. En Tameiga, esa propiedade utilizouse durante décadas para desenvolver proxectos decididos pola asemblea de comuneiros e comuneiras, con criterios sociais, ambientais e económicos propios.
Ese modelo chocaba frontalmente coa concepción empresarial do territorio que representaba o proxecto do Celta. O que para a comunidade era un recurso común, para a empresa era unha reserva de solo susceptible de incorporarse a unha operación inmobiliaria e deportiva. O centro comercial proxectado inicialmente, xestionado por un fondo de investimento, era a peza destinada a xerar os recursos económicos para soster a transformación do monte.
A oposición de Tameiga conseguiu finalmente cambiar os termos da operación. Pero o acordo alcanzado entre a comunidade e o Celta non significou a desaparición do proxecto. O club renunciou a boa parte da superficie que pretendía ocupar e os comuneiros e comuneiras abandonaron a súa estratexia de mobilización e litixio. A cambio, o proxecto deportivo e empresarial puido continuar.
En paralelo, a Xunta avanzaba na construción do marco administrativo que permitiría ao Celta acelerar a súa nova aposta. O proxecto, rebautizado como Galiza Sports 360, foi tramitado como Proxecto de Interese Autonómico. A solicitude chegou á Xunta en marzo de 2022, cando Feijóo aínda era presidente, aínda que a declaración formal de interese autonómico produciuse xa en novembro dese ano, con Alfonso Rueda á fronte do Goberno galego. A aprobación definitiva do PIA chegaría en 2025.
A figura do Proxecto de Interese Autonómico non é un mero xesto político. Permite á Administración autonómica intervir na ordenación territorial de proxectos considerados estratéxicos e outorga ás súas determinacións un peso superior ao do planeamento municipal cando existe contradición. Na práctica, proporciona ao proxecto unha vía administrativa privilexiada fronte á que tería unha operación ordinaria.
É aí onde a visita de Feijóo adquire unha dimensión política que transcende a fotografía. O expresidente non foi quen declarou finalmente o PIA nin quen aprobou a súa versión definitiva. Pero si foi o presidente da Xunta durante boa parte da etapa na que se xestou a operación, cando o Celta comezou a negociar e tramitar o proxecto que acabaría transformándose en Galiza Sports 360.
E antes diso xa lle dera o seu respaldo institucional ao proxecto. En 2020, Feijóo inaugurou persoalmente Afouteza xunto a Mouriño. Naquel acto, ambos plantaron un carballo acompañado dunha placa que falaba do «firme compromiso» do Celta co medio ambiente. O xesto resultaba especialmente paradoxal porque, mentres o club celebraba a súa nova cidade deportiva, no monte veciño de Tameiga comezaba unha batalla que acabaría reducindo de forma drástica a dimensión territorial do proxecto.
A historia tamén mostra ata que punto a fronteira entre poder económico, poder político e fútbol pode facerse difusa na Galiza. Mouriño mantivo durante anos unha relación pública e estreita co Partido Popular. Feijóo e o empresario compartiron actos políticos e o expresidente do Celta chegou a exercer como apoderado do PP nas eleccións galegas de 2024. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, foi á súa vez unha das principais defensoras institucionais do proxecto.
Fronte a esa alianza, Tameiga formulou outra maneira de entender o territorio. A comunidade deixou de vender hai máis de dúas décadas as súas árbores ás grandes empresas da madeira e comezou a xestionar directamente parte da biomasa para os seus veciños e veciñas. O seu proxecto inclúe sistemas de calefacción con biomasa, unha aposta pola comunidade enerxética e unha estrutura de decisión baseada na asemblea.
Tamén converteu os recursos do monte en espazos de utilidade social e cultural. O centro social As Pedriñas alberga La Rebullón, unha sala cultural que acolle residencias artísticas, obradoiros e actividades vinculadas especialmente á cultura galega. Alí onde o proxecto empresarial imaxinaba un gran centro comercial, a comunidade construíu unha infraestrutura colectiva.
A disputa, polo tanto, non se limita a decidir onde pode adestrar o Celta. É un conflito entre dous modelos de relación co territorio. Un entende o solo como unha oportunidade de investimento e crecemento empresarial; o outro considérao un patrimonio común cuxa xestión debe responder ás necesidades de quen o habita.
A comunidade de Tameiga conseguiu frear o proxecto inicial, pero non detivo completamente a expansión do Celta. O club logrou conservar unha parte da súa aposta e conta co respaldo das institucións para desenvolvela. O que si cambiou foi a escala da operación: dun megapoxecto que ameazaba con ocupar preto dun millón de metros cadrados de monte a unha intervención moito máis limitada.
Por iso a fotografía de Feijóo en Mos ten algo de regreso ao lugar de orixe. O dirixente que inaugurou Afouteza en 2020 volve agora a unhas instalacións nacidas daquela operación e reducidas pola resistencia dunha comunidade de montes que se negou a aceptar que o seu territorio estivese destinado de antemán a converterse nun negocio. No medio, unha alianza política e empresarial que sobreviviu ao cambio de presidente da Xunta, de dono do Celta e mesmo do nome do proxecto.
Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!