Política
O BNG forza unha comisión para investigar miles de contratos a dedo da Xunta con empresas afíns ao PP

A portavoz nacional e líder do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, anunciou este martes que o seu grupo utilizará os votos dos seus 25 deputados e deputadas para forzar unha comisión de investigación sobre os miles de contratos presuntamente irregulares da Xunta destapados polo Salto e Público durante o pasado curso político.
Coñecida como ‘bala de prata’, unha única vez por lexislatura, pódese abrir unha comisión de investigación se o solicita un terzo dos deputados e deputadas do Parlamento de Galiza que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou as dúas quintas partes dos parlamentarios.
O BNG decidiu comezar o curso político (e case a lexislatura) poñendo toda a súa forza na Cámara para esclarecer tanto os 1.311 contratos adxudicados sen concurso por un valor total de 4.832.029,85 a Eulen, empresa dirixida en Galiza pola irmá de Alberto Núñez Feijóo; as 1.034.964 licitacións a dedo por valor de 4.000 millóns repartidas en pouco máis dunha lexislatura; e os sobrecustos na construción e explotación externa de determinados servizos non médicos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
“Adiántollo, digan o que digan hoxe, haberá comisión de investigación porque imos usar a forza dos nosos 25 deputados para sacar á a luz todo o que o PP quere esconder”, advertiu Pontón.
En todo caso, a nacionalista pediulle que “non veten” o traballo da comisión xa que a maioría parlamentaria coa que conta o PP no Pazo do Hórreo poderá determinar o calendario e as comparecencias das que se dota este órgano. Pontón cargou contra os de Rueda por vetar a comisión polo trámite ordinario demostrando, ao seu xuízo, que teñen medo “á transparencia” porque parece que queren esconder “que meten a man na carteira dos galegos para beneficiar a empresas amigas do PP”.
Insistiu en que o seu grupo pretende arroxar luz sobre uns feitos “gravísimos” e que “repugnan” á sociedade porque indican que mentres miles de persoas morrían, houbo quen “quixeron aproveitar unha pandemia para forrarse con contratos públicos, e o máis grave, houbo quen llo permitiu”.
O portavoz do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos, acusou aos nacionalistas de trasladar a Galiza e a España o “sistema bolivariano de Nicolás Maduro“ para “enlamar” a política. Dixo aos representantes do BNG ”serven" aos intereses do PSOE e de Pedro Sánchez que son quen teñen interese en arroxar dúbidas sobre o “xefe da oposición”, Alberto Núñez Feijóo, para desviar a atención das “acumulacións escandalosas” de supostos casos de corrupción que acurralan, según el, á “contorna máis próxima” do presidente do Goberno.
Para o PP este é un paso máis na estratexia dunha oposición que leva “quince anos buscando desesperadamente un caso de corrupción” na Xunta polo que tamén dubidan sobre a eficiencia que terá unha investigación se eles xa “ditaminaron a culpabilidade” dos membros da Xunta.
Política
Así evita os concursos da Xunta a empresa da irmá de Feijóo: cinco millóns en 1.311 facturas
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!