Obituario
Xesús Alonso Montero, o mestre que quería ser comunista de maior
Nos días nos que fun designado Secretario de Estado de Xuventude e Infancia, dentro da permanente campaña de acoso e derribo da ultradereira, fun obxecto de sinalamento nun medio da extrema dereita por unha foto na que celebrabamos en Vigo o 90 aniversario da fundación do PCE varios militantes comunistas. Nela, portando unha bandeira vermella coas “ferramentas” —fouce e martelo— apareciamos varias persoas, entre outros os inesquecibles Luis Ferreiro e Waldino Varela, o meu benquerido Carlos Núñez e Xesús Alonso Montero, puño en alto, sostendo a bandeira con orgullo e firmeza.
Curioso que para a horda fascista esa foto fose obxecto de sinalamento sendo para min, pola contra, unha das máis prezadas que conservo.
Ao coñecer o pasamento de Xesús Alonso Montero este xoves, lembrei esa fotografía (que tamén recolle no apéndice gráfico a recente biografía de Carlos Núñez publicada por Galaxia), porque contén sen dúbida unha parte substancial da historia do antifranquismo galego con mirada comunista e porque nela un sindicalista do naval de Teis, un tipógrafo e exconcelleiro comunista, un traballador retornado da emigración e un catedrático de lingua galega sostiñan o pano co orgullo de quen sostén o fío vermello da historia e o sentido central de moitas das cousas que fixeron nas súas vidas.
Porque a longa e intensa vida de Xesús Alonso Montero, catedrático de lingua galega, escritor, conferenciante, autor de innumerables obras, ensaios, artigos, estudos de memoria democrática e profesor de numerosas xeracións de vigueses e lugueses, non se pode entender sen ese fío vermello tecido arredor da militancia comunista da que sempre fixo gala e que lle serviu para encadrar toda a súa profusa obra lingüística e cultural.
Xesús, nado no 1928, ingresa no PCE no ano 1962 antes de licenciarse en Filosofía e Letras en Madrid. A súa militancia derivou en numerosas represalias e foi catedrático de lingua e literatura española en diversas escolas de maxisterio en Palencia, Vigo ou Madrid. Posteriormente desempeñou a súa laboura docente en Vigo ate incoporarse á Universidade de Santiago. Foi autor dunha monumental obra vencellada á nosa lingua e xa no ano 1973 alertaba dos riscos para o futuro do galego no seu ensaio “Informe -dramático- sobre a lingua galega”. Membro da Real Academia Galega dende 1993, sería o seu presidente entre 2013 e 2017.
Foi ademais un brillante orador e non deixou recuncho de Galicia sen pisar para asistir a conferencias, actos de memoria histórica ou encontros culturais acompañado en moitos deles do inesquecible camarada Luis Ferreiro, que foi amigo, confidente e condutor ate que tamén a morte nolo arrebatou.
O seu maxisterio pedagóxico deixou fonda pegada en Vigo, Lugo, Madrid ou en Santiago pero, sen dúbida, foi o seu maxisterio militante —nos mellores e peores momentos do comunismo— o que trenzou unha obra profusa e didáctica da defensa da cultura e do idioma como elemento nuclear da cultura popular da clase obreira, unha lectura profundamente gramsciana que sempre defendeu fronte a outras ideas e reflexións do eido da lingua e cultura galegas. De todo isto déixanos orfos sen dúbida.
E como orfos responsables coa herdanza só nos queda vindicar a súa obra e ensinanzas e cumprir o mandato que expresaba aló polo 2007 nunha entrevista nun xornal: “o día que me incineren haberá unha bandeira do PC, nin de España nin de Galicia. Interpretarase a Internacional e lerase un texto en castelán de Cernuda, 1936, e un texto en galego de Curros Enriquez, A Rosalía. Serán as miñas honras fúnebres”. Sexa así. Grazas mestre.
Culturas
Morre Xesús Alonso Montero, destacado intelectual e comunista que dirixiu a Real Academia Galega
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!