Opinión
Por que queremos a Beiras?
Exportavoz nacional de Anova.
Escribo emocionado aínda pola morte de Beiras. Un referente, un mestre e un irmán. Tamén escribo emocionado pola marea de recoñecemento que chega hoxe. Xente de todas as xeracións que o lembra con admiración e agarimo. Queremos a Beiras poa súa intelixencia, pola súa inmensa cultura, ou pola súa brillante capacidade de comunicar, pero sobre todo querémolo pola súa sensibilidade ante as inxustizas, pola súa empatía cos maltratados e polo súa rebeldía ante o estado das cousas. Rebelarse aínda que supuxese sempre estar no bando dos perdedores da Historia. Por iso foi nacionalista e por iso foi marxista.
Xosé Manuel contoume cando se fixo independentista e por que. Foi con 14 anos cando recibiu a noticia da morte de Castelao en Bos Aires, no exilio. A tristura producida por ver a Castelao morrer lonxe da terra que tanto amaba fíxoo expresar, por escrito, que só unha Galiza soberana podería proporcionar xustiza ao pobo galego. A capacidade de poñerse no lugar do que sofre o abuso do poder foi a motivación da súa loita. Como dicía el, a capacidade de indignarse. Non lle quedaba outra que ser soberanista e estar do lado do pobo traballador.
Puido medrar niso que chaman carreira política e non quixo porque cando llo ofreceron supuña traizoar os seus principios. Sempre dixo que a política ten que ir acompañada da ética.
Algunha persoa que o quería ben comentoulle que se Beiras fose francés sería un político moito máis recoñecido que sendo galego, unha nación sen Estado, e Beiras contestoulle que nese caso, non sería político. “Adicaríame á docencia e a tocar o piano”, replicou con sorna. Esa coraxe para dar batallas aínda que as perdera, sabendo os golpes que conlevaría, foi e é a razón pola que sempre conectou coa xente e coa xente moza en particular. Hai cincuenta anos ou hoxe.
Hoxe, se puidera, estaría nas prazas que se ateigan de xente nova rebelándose ante os abusos dos especuladores e a tolerancia da institucións con eles. Déixanos o política galego nacionalista máis importante dende Castelao e deixa, coma aquel, un enorme exemplo e ideas que xerminarán no futuro.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!