O prelo
Deixalo todo, empezar de novo, construír o sentido

A experiencia migratoria está sempre relacionada cunha especie de duelo confrontación. Partir sempre suscita desconsolo porque as perdas son innumerables e van alén da familia e as amizades. Tamén hai unha certa perda da identidade, da terra natal. Esta ferida non remata nunca. Non basta co retorno, pois unha regresa a un lugar distinto do que deixou atrás. A sensación de incompatibilidade fainos sentir que xa non temos un fogar, que xa non pertencemos a ningures.
Isto é un dos temas centrais de Para toda a vida. A súa autora, Eva Moreda, naceu en 1981 en A Veiga, Asturias, mais medrou en Ribadeo. É licenciada en Filoloxía Clásica e Musicoloxía. Como escritora empezou a publicar e gañar premios literarios desde os 16 anos. Ten traballado como docente e investigadora en varias universidades inglesas. Actualmente é profesora de musicoloxía na Universidade de Glasgow. É autora de varios libros, dos que destacan Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota (1997) e Organoloxía (2010) , cos cales gañou os certames Rúa Nova de Narracións Xuvenís e Premio Narrativas Quentes, respectivamente.
Para toda a vida é o seu penúltimo libro e foi publicado a finais do 2020 pola editorial allarizá Aira. Nesta curta novela, Moreda fala da emigración e do rural sen caer en estereotipos, sen a molesta folclorización dunha Galiza imaxinaria que non reflicte a realidade.
A historia segue a Paula, unha muller que leva nove anos vivindo en Londres, onde exerce como profesora. Na súa visita anual á Viladride, vila en que medrou, o seu pai falece. É quizabes este acontecemento é o que lle fai repensar o curso da súa vida e darlle un xiro: abandona a súa vida na capital inglesa e queda a vivir coa súa nai na vila por tempo indeterminado. E digo “quizabes” porque todo sucede, como nas dramaturxias de Harold Pinter, no silencio. As conversacións curtas e sinxelas ocultan entre liñas o que as personaxes realmente están a dicir, a pensar, a sentir.
A confusión de Paula con respecto a que rumbo tomar e se debe procurar antes que outra cousa a estabilidade, lévaa a adoptar un estado de ánimo taciturno, case inexpresivo, ao estilo do protagonista de O Estranxeiro de Albert Camus. Nesta especie de etapa nihilista en que todo carece de sentido, Paula comeza a illarse nunha profunda soidade mentres, paradoxicamente, mantén varias relacións con homes totalmente diferentes, como se a través delas quixese atopar unha parte súa, un lugar no que se sinta comprendida.
Eva Moreda describe o que supón o encontro entre unha emigrante retornada e a súa terra. Fai un retrato do que é a vida nas pequenas comunidades, onde prima a idea de que o de fóra, neste caso Inglaterra, é moito mellor e ten máis valor ca o dunha pequena vila, onde “non hai futuro”. A emigración como o único camiño para ser alguén. Por iso, Paula é vista pola súa veciñanza como alguén que acadou o éxito só polo feito de estudar e traballar no estranxeiro. Isto esperta incomprensión por dúas razóns: polo feito de retornar e polo feito de truncar precipitadamente un camiño de vida xa bastante construído.
“Víñame xente dicir no tanatorio: Que ben estarás en Inglaterra, eh? Que ben fixeches en marchar de aquí, que ben ser que Inglaterra será un país normal no que a xente coma ti atopa sitios. (...)”
A escritura de Moreda é concisa e reproduce a oralidade con mestría, sen tópicos. A liña de pensamento da protagonista, a narradora, non é particularmente expresiva, mais non por iso baleira ou superficial. Todo se mantén no ton da cotiandade, dota ás personaxes de realismo e fainos prestar máis atención ao que realmente está a ocorrer baixo a superficie. Sutilmente, Eva Moreda reproduce a complexidade das relacións humanas, dos acordos, da incompatibilidade. E nós, como lectoras, recoñecémonos nesa complexidade.
Para toda a vida é un deses libros que interpelan o noso desconcerto fronte o sentido da vida. É unha reflexión sobre unha pregunta: o que para uns significa satisfacción e felicidade, representa o mesmo para nós? A autora pon en cuestión a concepción de que o sentido da vida é atopar algo que dure “para toda a vida”, unha relación, un traballo ou un fogar estable. A permanencia é sinónimo de inmobilidade, antónimo mesmo da vitalidade.
“Penso que xa tanto ten vivir en Viladride, Lugo, Londres: moito tempo non van aguantar ningún destes sitios sen botarte para este lado ou para estoutro cando lles dea a gana. (...) Volvo a botarme a chorar cando imaxino a miña nai a dicir: A ver, Paula. Non se poden botar raíces cando queiras, onde queiras, despois de pasar anos que o que menos che preocuparon foron as raíces. Pero mamá non fala así; diría que ela de raíces nada máis que as patacas”.
Así, o libro exhórtanos ao movemento, a constante reflexión e atención aos nosos desexos; lémbranos a importancia dos afectos, do consolo da compañía. Mais, tamén advírtenos da ilusión que exixe saír lonxe para atopar as respostas das nosas inquietudes. Estas non se atopan nunhas coordenadas específicas. Á maneira de Cavafis, o texto de Eva Moreda di: “Irás a outras terras, a outros mares. / Procurarei unha cidade mellor ca esta / na que os meus afáns non se cumpriron nunca” (...) Non existen para ti outras terras, outros mares. /Esta cidade irá onde ti vaias”. O único continuo e estable na nosa vida, ao final, somos nós mesmas. E nin tanto.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!